xoves, 5 de xuño de 2014

Triste Escarlata, de Marcus Cabada



Poucas veces se dá que un alumno de instituto escriba e publique un libro. Máis raro aínda, que este reciba un premio. Afortunadamente isto sucede no noso centro: Marcus Cabada gañou dous premios -o Nacional das Xoves Promesas das Letras e o Internacional de Novela Experimental “Charlotte Sabine” - coa súa obra Triste escarlata.


 Hai unhas semanas, expuxo as claves da súa obra aos seus compañeiros de 2º C de Bacharelato, indo máis alá do literario e descubrindo aspectos persoais que dalgún xeito están implícitos na obra. Por exemplo, comentou a orixe da sinestesia do título: a cor escarlata das uñas dunha noiva que lle fixo dano e lle producía desde entón unha sensación de tristeza pasou a ser importante para os protagonistas da obra. Tamén se referiu á presenza de citas –ás veces bastante libres- da Biblia e á escritura por momentos un tanto caótica dalgún fragmento: por unha banda, aproveita costumes da súa vida familiar e, pola outra, intenta plasmar os monólogos dun escritor enfermo do mal de Alzheimer, inspirándose na dolorosa experiencia do seu avó.

                Explicou a estrutura da novela, en cuxos catro capítulos intercala os pensamentos do enfermo coas vivencias e lembranzas ferintes da súa filla, que tivo que facer fronte a unha dolorosa decisión. Por ese motivo a noveliña está ateigada de reflexións que a miúdo non levan a ningunha consecuencia clara a abarcan temas moi diversos: a eutanasia, o sentida da arte e, en especial, a literatura, a enfermidade, a necesidade de decidir...

Marcus D. Cabada
                Marcus utiliza unha linguaxe innovadora, rómpelle as costuras por veces á gramática e ao léxico; entende que a mocidade non debe conformarse cos camiños demasiado andados. Busca a novidade sen renunciar ao exemplo dalgúns escritores e tendencias que concordan coa súa sensibilidade, de modo que non dubida en introducir poemas e contos dos seus autores favoritos, como Borges ou Emily Brontë, nun exercicio de intertextualidade, deglutíndoos, facéndoos parte da súa obra.

                Como en toda obra de iniciación, os personaxes e os feitos narrados teñen, dalgún xeito, moito de persoal; por iso non é estraño que coincidan con el nos seus gustos literarios, Por medio do vello escritor fai unha louvanza da vangarda e o poder innovador da arte, mostra a súa admiración por aqueles que desexan cambiar o mundo, especialmente se son incomprendidos. Confía no poder revolucionario das palabras, aínda que é consciente do seu carácter idealista, trazo que lle parece natura nunha persoa da súa idade. A mocidade debe plasmar os seus soños, necesita dar saída aos seus sentimentos, sabe que hai un coñecemento intuitivo, non plenamente racional, que é auténtico, a pesar de que non se explique coherentemente mediante as palabras. Estas iluminan, pero non aclaran totalmente a realidade. En certo modo, todos padecemos o mal de Alzheimer.

                Triste escarlata é unha noveliña breve ou un conto longo que se aproxima á poesía e a digresión. En gran medida, ten moito de diario, de plasmación en primeira persoa das reflexións dun escritor ferido por unha enfermidade mental dexenerativa. Este diario-monólogo con reflexións contradictorias, expresións confusas e momentos de lucidez, é contrapunteado pola narración en terceira persoa dos sentimentos da súa filla Luna, que sente remorsos pola decisión adoptada, a pesar de crer que obrou da mellor maneira posible. Ao final, ambos personaxes, identificados mentalmente, acadan un estado de luminosa liberación.

                Agardemos que este sexa o comezo da liberación creadora do talento de Marcus, quen agora está pensando en variar, en crear unha nova obra noutro xénero, porque sente que talvez necesita máis experiencia vital para escribir unha novela máis ambiciosa. De feito, esta obra presenta escasa acción, comprácese na escritura; é un exercicio de estilo que se aproxima ao poema e á divagación dun diario.

                Por momentos, pode considerarse como o testemuño dunha época de crise na que, case cun ton profético, se critica a corrupción, a cobiza dos cartos, a ambición... e se louva a honradez, a limpeza do espírito, a xustiza... Mais é un ton profético que remata no optimismo e a visión positiva dun xeito un tanto incoherente, porque o autor confía no poder da conciencia individual e da palabra, a pesar de considerar imperfectos tanto á razón como ó ser humano.

No fondo, Marcus é consciente, como Borges, de que o ser humano, que posúe unha mente e unha razón insuficientes, cando non defectuosas, nunca poderá atopar un sentido ó mundo. E o artista, na loita entre razón e soño, realidade e fantasía, ha de inclinarse pola segunda, porque a imaxinación axuda  a escapar ou corrixir un mundo feo e defectuoso. Nun mundo que se trasforma en gaiola e cadea, a fantasía ofrece unha luminosa liberación.