01 decembro 2019

A AUTORA DO MES DE DECEMBRO: DOLORES REDONDO

 A AUTORA DO MES
DE 
DECEMBRO


DOLORES REDONDO

 

        Dolores Redondo, nacida en Donostia en 1969, é unha das escritoras de máis éxito na actualidade.


        Deuse a coñecer coa novela Los privilegios del ángel, ambientada na súa cidade natal. Trátase dunha narración en primeira persoa dividida en cinco capítulos nos cales Celeste, a protagonista, vai amosando a súa evolución; en especial, a relación coa súa amiga Pacucha.

 

        Posteriormente publicou a primeira novela dedicada a Amaya Salazar, inspectora da Polícía Foral de Navarra: El guardián invisible. Está situada no Val de Baztán, nome que recibe alí o río Bidasoa. A protagonista ten que investigar dúas series de asasinatos distanciadas no tempo. Ao mesmo tempo, accedemos aos seus problemas persoais (o temor á esterilidade, o enfrontamento co seu doloroso pasado, a relación coa súa familia, onde abundan as mulleres enérxicas).
Dolores Redondo concédelles moita importancia ás crenzas ancestrais, fainas actuar, o cal aporta á historia un toque fantástico. Existen unhas forzas malvadas e outras benéficas. Entre estas últimas, destacan Mari, a deusa da Natureza, e o basajaun, especie de gardián ou pastor apenas visible. 
Por outra banda, amosa o mundo das forzas da orde, no que se mesturan cooperación e rivalidade. Amaya debe amosarse forte para impoñerse nun ambiente basicamente masculino. Ademais das forzas da Natureza, tamén goza da colaboración dun individuo estraño que foi o seu xefe cando pasou pola academia do FBI en Quantico (Virginia): Aloysius Duprée.
Ao final descobre que os crimes están relacionados dalgún xeito coa súa familia e o asasino en serie é un dos seus cuñados.
Durante a lectura, atópanse, como nos seguintes libros da autora, elementos que fan lembrar películas e novelas doadamente recoñecibles, así como divagacións etnográficas debedoras de Barandiarán ou Caro Baroja.

 

        Legado en los huesos foi a seguinte obra da serie. A situación de Amaia cambiou xa que ten un fillo, Ibai, co seu marido, James, un escultor estadounidense. Ambos desexan establecerse en Elizondo, a súa vila natal e centro da acción. De novo ten que facer fronte a unha serie de asasinatos e delitos ligados dalgún xeito á súa persoa.
Un ser malvado da mitoloxía vasco-navarra, o Tarttalo, é obxecto de ofrendas en forma de sacrificios humanos e animais, cuxos restos son enterrados nunha cova do monte. Un individuo, o psiquiatra Berasategui, é detido por Amaya cando se dispón a sacrificar o fillo da inspectora, coa colaboración da nai desta, Rosario, en cuxa mente se mesturan a maldade e a loucura. Iso e pertencer a unha seita criminal quizais expliquen o seu comportamento obsesivo.
Coa trama principal mestúranse de maneira crible varias subtramas nas que a protagonista debe intervir. Baixo un remate aparentemente feliz ocúltanse aspectos inquietantes, como a intervención do xuíz Markina e a desaparición de Rosario, que son cabos soltos deixados para a a entrega posterior.
Un detalle que chama a atención é o parecido dalgúns seres mitolóxicos navarros e galegos.

 

        Ofrenda a la tormenta, como cabía esperar, é a continuación natural das obras anteriores, xa que procura aclarar as raíces do sucedido nas historias precedentes e darlles unha conclusión. Descóbrese a existencia dunha organización secreta dedicada a restaurar antigos cultos, unha especie de seita satánica que lle ofrece sacrificios ao deus Inguma: meniñas menores de dous anos e adolescentes. O seu líder é o xuíz Markina, quen no seu día tivo outra identidade. Polo seu pauto co demo ou os poderes malignos, consérvase sempre xove e dotado dun intenso atractivo sexual do que acaba por ser vítima a inspectora Salazar. Os dous asasinos en serie das anteriores novelas, Víctor e Berasategui, estarán, dalgún modo, baixo o seu control. Só a intervención da deusa Mari, quen, desexosa de restaurar a orde desaparecida, desencadea unha tormenta, e a axuda dos seus compañeiros, conseguen que Amaya saia con vida da experiencia.
Como nas novelas anteriores, abundan as mortes, entre as cales destacan a de Rosario, nai da protagonista, e a de Jonan Etxaide, o seu colaborador máis leal. Explícanse de xeito novo algúns acontecementos do pasado, como a relación dunha das primeiras vítimas, Anne, coa irmá maior de Amaya, Flora. A protagonista debe axudarse da lóxica, a intuición e incluso os soños para resolver o caso. Ao mesmo tempo, ten que meditar sobre os seu matrimonio e a maternidade nun momento en que a atracción irracional por Markina fai abalar os seus principios.
A autora, como é habitual, introduce fragmentos divagativos e descritivos. Son abundantes as referencias á chuvia e a néboa, que crean un ambiente opresor e escuro arredor dos personaxes.


 

        Todo esto te daré, que obtivo o premio Planeta de novela, sendo outro relato de intriga, deixa a un lado o Val de Baztán. Sitúase no sur de Lugo; en especial, na Ribeira Sacra. Alí, o escritor protagonista, Manuel Ortigosa, debe esclarecer o misterio que rodea a morte da súa parella, Álvaro Muñiz de Dávila, quen, para o seu asombro, posuía un título nobiliario e valiosas propiedades na bisbarra. A indagación condúceo a entendelo mellor. Aproxímase ao mundo dos pazos, tratado anteriormente por autores como dona Emilia Pardo Bazán, Valle Inclán ou Otero Pedrayo. De novo aparece unha ampla galería de personaxes, cos seus variados problemas, entre os cales destacan uns malvados sen matices como os vellos marqueses.
Como é doado recoñecer, o título procede dos evanxeos: é a oferta que lle fai o demo a Xesús a cambio de que o sirva. É, en certo modo, a mesma que recibe Álvaro do seu pai e que non acepta porque non desexa renunciar á súa autenticidade.
Esta é posiblemente a novela da autora en que máis abunda a crítica social. Achégase a temas como a prostitución, o tráfico e consumo de drogas, a violencia de xénero, o abuso infantil, a intolerancia... Déixase clara a súa actitude ante o poder da Igrexa, o Franquismo, o machismo, as agresións sexuais...
O mundo que produce tantas mortes ten un aspecto ledo: ofrécese unha visión positiva das xentes humildes, das súas crenzas, dos seus traballos –pois, por exemplo, hai unha homenaxe á viticultura heroica practicada nas ribeiras do Sil e o Miño.
É tamén a súa obra máis realista, aínda que introduce algún aspecto difícil de interpretar, como o contacto paranormal que parece existir entre o pequeno Samuel e o seu tío xa morto, Álvaro.


La cara norte del corazón é, ata o momento, a súa última obra. Sitúase nos Estados Unidos, de modo especial en Nova Orleans, en varios días do anos 2005, o ano do Katrina, que deixou asolagada a cidade.
Aparece Amaya Salazar cando aínda non é inspectora e asiste a un curso de perfeccionamento en Quantico (Virginia), onde entra en contacto con Aloysius Duprée. Co seu grupo, ten que facer fronte a unha dobre serie de delitos múltiples. Por unha parte, o caso dun individuo que asasina ritualmente unha serie de familias semellantes á súa (como fixo no pasado e agarda facer nun futuro próximo); por outra, unha asociación ou un individuo que adopta o aspecto dun loa da mitoloxía crioula, o Barón Samedi, un ser malvado do vodú, para raptar, cos seus secuaces, grupos de nenas e rapazas que teñen un terrible destino. Mentres o primeiro é finalmente resolto, o segundo queda na ambigüidade e o misterio.
A novela, curiosamente, serve para darlle maior unidade á saga do Val de Baztán porque se presentan retrospectivamente distintas situacións que houbo de sufrir Amaya na súa infancia, sempre ameazada pola súa nai.
A autora, para explicar o sentido do título, di que o “norte” é o lugar máis desolado do mundo; representa o mal, que é o fío condutor de todas as novelas da serie. Ofrécese, neste sentido, unha reflexión sobre os asasinos en serie calculadores, que non procuran a notoriedade, non senten empatía, xustifícanse sempre a si mesmos e son intolerantes cos demais, poden ter un sentimento relixioso desviado para facer o mal... Dise que, como o demo, o seu maior triunfo é que se crea que non existen.
Tamén se ofrece unha galería de policías americanos, dende a ambiciosa Tucker e o servil Emerson ata o conquistador Chabrou e o estraño Duprée.
Resáltanse os parecidos entre a mitoloxía navarra e a crioula, relacionada co vodú. Atribúenselle a este estraños poderes: amuletos que permiten conservar a vida, feitizos ou drogas que converten as persoas en zombis...
Tamén se atopa unha crítica ao abandono que sufriu a poboación de Nova Orleans nos días críticos do furacán, actitude do goberno federal talvez debida á condición social ou a raza maioritaria das vítimas.
Así, pois, atopamos, como é frecuente nos nosos días, unha obra que nos retrotrae ao pasado da protagonista da saga. Ese tempo serve para amosar como se vai formando o seu carácter e a que se deben as súas excepcionais cualidades. Cabe deducir que as persoas que superan un sufrimento extraordinario, ás veces coa axuda de poderes misteriosos, gozan dunha intuición e unha sabedoría especiais. É o caso de Amaya e Duprée, unidos por unha estraña irmandade, que lles permite, en ocasións, unha comunicación paranormal.


 Quen desexe ler algunha das obras desta interesante autora, ten ao seu alcance na nosa biblioteca unha edición das súas novelas máis recoñecidas e louvadas.