31 maio 2021

PONTECIENCIA: "Mitoloxía galega. Paisaxes míticas"

Dentro das actividades de PONTECIENCIA, recibimos a visita do antropólogo RAFAEL QUINTÍA, que nos veu falar de MITOLOXÍA GALEGA e das PAISAXES MÍTICAS DE GALICIA.

Foi unha conferencia moi amena e interesante. Aprendemos moitísimo das súas palabras e fixo ver ao grupo de profes e ao alumnado que ali estaba que coñecemos moi pouco do noso e o importante que sería que o valoraramos máis. 

Informounos, tamén, da existencia dun recente DOCUMENTAL sobre a riqueza mitolóxica galega, no que el colaborou, "O país da moura. Ab origine", ao que podedes acceder desde a seguinte ligazón: 

https://www.lingua.gal/recursos/outros/_/promovelo/contido_530/pais-moura-origine 


A actividade é perfecta para rematar o noso PROXECTO DOCUMENTAL INTEGRADO, o noso tema eixo deste ano na biblioteca: "O mundo máxico, mítico, irreal, utopías e distopías"















PONTECIENCIA: "Análise do solo do parque do instituto e comparación con outros tipos de solo"

Alumnado de 4º de ESO expuxo hoxe, ante o xurado calificador de PONTECIENCIA, a súa investigación, analise e comparativa do solo do noso centro. 

O tribunal desfíxose en eloxios. Alabáronlles non só o resumo do estudo, claro e atractivo, senón tamén a súa presentación, que demostraba moito traballo e rigor científico por parte do alumnado que o presentaba. 

Esperamos que leven premio!!! Xa vos contaremos!!!









28 maio 2021

Exposición de fotografía ao estilo victoriano

Un grupo de alumnos e alumnas de 3º de ESO, orientados polo profesor de inglés Inacio Martínez-Almeida, montaron unha exposición de fotografía inspirada en Lewis Carroll e algún outro fotógrafo e fotógrafa victoriano/a. 

Xa sabedes que Lewis Carroll escribíu Alice´s Adventures in Wonderland, Through the Looking-Glass, and what Alice found there ou Alice´s Adventures under Ground, todas obras onde a FANTASÍA e a REALIDADE mestúranse dun xeito xenial! 

Esta actividade está incluida dentro do Tema eixo deste ano na biblioteca, "O mundo máxico, mítico, irreal, utopías e distopías". 





27 maio 2021

Hoxe visitounos Miguel Anxo Fernández

O escritor Miguel Anxo Fernández veu hoxe a falarnos de dúas das súas obras, que un grupo de rapaces e rapazas de 1º de Bacharelato leron no CLUB DE LECTURA: O sabre do francés e Un nicho para Marilyn.  Esta actividade foi organizada polo Grupo de Normalización Lingüística, dirixido polo profesor Manuel Reboredo, que xa sabedes que é un dos nosos colaboradores da biblioteca: 






17 maio 2021

DÍA DAS LETRAS GALEGAS 2021. XELA ARIAS




  • Este ano o DÍA DAS LETRAS GALEGAS está adicado á autora XELA ARIAS CASTAÑO (Lugo 1962-Vigo, 2003), poeta, traductora, editora e profesora de galego. Tamén na @biblioxun queremos lembrar a esta muller das letras galegas, e para iso alumnado do noso centro levou a cabo diversos traballos que a continuación recollemos:
  • "LETRAS PARA XELA ARIAS"
Rapazada de 2º e 3º do Xunqueira I deseña acrósticos ao redor da escritora recoñecida este 17 de Maio.

Parte das estudantes de 2º e 3ºPMAR do instituto A Xunqueira I, de Pontevedra, xogan coas grafías iniciais, mediais ou finais das palabras para crear acrósticos sobre o universo de Xela Arias Castaño, como actividade na materia de Lingua, co gallo do Día das Letras Galegas. 


Xela Arias Castaño é a protagonista deste 17 de Maio, “unha data consagrada á exaltación e promoción da nosa literatura e da nosa lingua arredor da cal se celebran no noso país, e no estranxeiro, numerosas producións e eventos culturais de homenaxe á figura escollida”, segundo recolle a páxina web da Academia Galega. O alumnado de 2º da ESO (Educación Secundaria Obrigatoria) e 3º PMAR (Programa de Mellora, Aprendizaxe e Rendemento) do IES (Instituto de Ensino Secundario) da Xunqueira I de Pontevedra, sito na rúa de Alexandre Bóveda, á beira do río Lérez, celebra as nosas Letras creando un feixe de acrósticos sobre Xela Arias Castaño. Tras abordar, nas clases de Lingua Galega e Literatura, tanto os acrósticos como as noticias, a rapazada discorre as súas montaxes de letras sobre a poeta de Sarria, que conforman un vídeo para compartir e que xa foi proxectado nas pantallas do instituto este venres, dado que o 17, luns, é festivo e non lectivo.










A maiores, as creacións decoran a biblioteca do centro educativo así como, o Parnasillo do soto, asinadas baixo cadanseu pseudónimo, feito que veñen traballando nos obradoiros de escrita da devandita materia.







Por outra banda, a páxina aprofa.gal axudou a afondar no mundo dos acrósticos e a da academia.gal, para saber da autora de Intempériome e acerca do propio Día das Letras Galegas. Unha efeméride que se celebra desde 1963, en que se institúe co adaxo do centenario dos Cantares Gallegos de Rosalía de Castro, cuxa dedicatoria vai asinada un 17 de maio de 1863. Precisamente, a escritora padronesa protagoniza aquela primeira edición. Logo, en 1987 foi Francisca Herrera Garrido; en 2007, María Mariño; en 2018, María Victoria Moreno e, este ano, 2021, Xela Arias Castaño. Só cinco voces de muller en cincuenta e oito anos… moito desequilibrio percibe o alumnado. 

Para pór o ramo a esta actividade, publícase esta noticia, con tódalas súas partes salientadas, para dar a coñecer o que aquí se conta e servirlle de inspiración ao alumnado para a tarefa de elaborar unha nova sobre Xela, que teñen pendente de entregar o próximo día de clase. 

Tódolos bebés son tu e ningún coma ti. 

Tódolos nenos son tu e ningún coma ti. 

Tódolos adolescentes son tu e ningún coma ti. 

Tódolos mozos son tu e ningún coma ti. 

Tódolos anciáns son tu e ningún coma ti. 

Tódalas nais son eu e todas, coma min, saben que es único. 
  

Xela Arias Castaño. 1996. ‘Darío a diario’. Xerais. 

A música que acompaña á montaxe en vídeo dos acrósticos pertence á Banda da Loba, que homenaxea a Xela Arias coa gravación de Intempériome, “unha canción que fala de deixar atrás os prexuízos e os estereotipos e afondar na persoa que queremos ser, con liberdade e amparada pola rede dos afectos. Unha idea que quixeron representar neste vídeo a través da evolución dunha muller que, co que vai aprendendo co paso dos anos, adquire as ferramentas necesarias para avanzar e coidarse a medida que se fai máis vella”, segundo sinala xuventude.xunta.es 


  • "POSTAIS PARA XELA"
A partir dunha selección de poemas de Xela Arias, o traballo consistíu en crear unha peza visual para acompañar un dos seus poemas. O resultado debía ser unha  postal que tivera nunha cara a imaxe (un debuxo, unha foto ou unha colaxe) e na outra cara o poema. A imaxe, por suposto, tiña que gardar relación co texto. 

As creacións foron penduradas de fíos no teito da biblioteca para que todos gozásemos da creatividade do alumnado de 4º de ESO e da maxia das palabras de Xela... 












  • "BIBLIOSUXESTIÓNS LECTORAS"
Non poden faltar as nosas recomendacións lectoras en lingua galega: atentos/as ás novidades!!!




Tamén lembramos o aniversario
de dona Emilia Pardo Bazán
na nosa bibliosuxestión