TEMA EIXO DO CURSO 2018/19: AS VIAXES.

A AUTORA DO MES DE XUÑO: EDITH WHARTON




A AUTORA DO MES
XUÑO


EDITH WHARTON
(Nova York, 1862 – Proximidades de París, 1937)

 

         Edith Jones naceu no seo dunha familia da alta burguesía neoiorquina. Recibiu unha boa educación, da que formaron parte viaxes por diferentes países. En 1885 casou con Edward Wharton, de quen se divorciou en 1913. Establecida definitivamente en Francia, mantivo unha intensa vida social. Recibiu múltiples honores tanto neste país como en Estados Unidos.


         Deixou unha obra extensa, da que forman parte libros dedicados á decoración, a arte da escritura, as viaxes, a autobiografía, a novela, o conto, a poesía... En especial, é recoñecida como narradora. Nas súas novelas aproveita vivencias persoais e o seu coñecemento directo de diversos ambientes. Adoita presentar matrimonios en problemas, mulleres separadas ou divorciadas, o mundo da alta burguesía neoiorquina ou dos emigrados estadounidenses en Europa.


         As súas novelas máis representativas son A casa da alegría e A idade da inocencia. A primeira presenta a decadencia e a morte de Lily Bart, unha moza do mundo elegante, a causa dunha sobredose de somníferos. A súa beleza e a súa distinción, ó carecer dunha saneada situación económica, non son suficientes para conseguir o marido desexado. A súa conduta lixeiramente heterodoxa para os convencionalismos da clase social á que pertence facilita ou provoca a calumnia, a perda do seu prestixio e finalmente a súa morte. A autora amosa con detalle o ambiente, os decorados, as vestimentas –que cobran sentido simbólico- para ofrecer unha visión satírica e irónica da alta sociedade, onde se enfrontan individuos de distinta orixe.


         A idade da inocencia presenta o mesmo mundo de maneira máis benévola. Newland Archer é un avogado que se debate entre o deber, representado pola súa prometida, May Welland, e o seu desexo, representado pola prima da anterior, Ellen Olenska, unha muller separada. Opta polo deber, aínda que nunca será capaz de esquecer á muller rexeitada. A autora ve na súa renuncia e no sometemento a unhas normas un principio moral non carente de beleza, aínda que tamén insinúa que se pode tratar dunha actitude honesta pero covarde.


         Ethan Frome, a terceira obra sobre a cal a autora sostén a súa sona, é unha novela breve na que Wharton amosa, excepcionalmente, gran sensibilidade ante a traxedia duns seres humildes do mundo rural de Nova Inglaterra. Non remata nunha morte, pero o final é desolador. Os elementos esenciais do seu contido reaparecen con variantes nas súas obras: un matrimonio infeliz, un amor idealizado e imposible para uns seres nobres incapaces de desafiar as normas sociais, a frustración e o anhelo de poñer fin a unha vida insatisfactoria.


         Estas obras asegúranlle a aparición en calquera historia da literatura estadounidense, pero non se deben esquecer outras de mérito indiscutible. Por exemplo, as súas coleccións de contos, entre os cales destacan os relatos de pantasmas –de tanta tradición na literatura en lingua inglesa-, como “A campaíña da doncela”, “Despois” ou “Kerfol”.


         Dominou a técnica da novela breve ou non moi extensa, na cal ofrece unha historia con escasa acción, dedicada a mostrar de xeito ambiguo e complexo a evolución psicolóxica duns personaxes que viven nunha situación sentimental confusa.


         En A pedra de toque, céntrase no conflito moral dun individuo que dá á luz as cartas íntimas que no pasado lle enviou unha escritora famosa namorada del, a fin de conseguir os medios económicos que lle permitan casar coa moza que ama.


         En Madame de Treymes, amosa o enfrontamento mesturado de atracción amorosa entre un home de negocios americano e unha dama da aristocracia francesa. Como Henry James, a quen admiraba, Edith Wharton tende a presentar ós seus compatriotas como nobres, inxenuos e inocentes ante os europeos, máis complexos, expertos e corrompidos.


         A solteirona garda claras similitudes con A idade da inocencia. O personaxe central é Delia Lovell, quen, como Newland Archer, prefire un matrimonio estable, conforme ás normas do seu mundo, á aventura cun mozo pobre, ó que sempre amará. Unha vez viúva, prodúcese un enfrontamento coa súa curmá Charlotte, unha solteirona de carácter estraño, polo cariño da filla que esta tivo, en segredo, do mozo amado por ambas.


         A renuncia presenta á muller que abandona ó seu marido e á súa filla aínda nena para liberarse dun modo de vivir asfixiante. Pasado o tempo, sentíndose vella, solitaria e menosprezada, recibe a oportunidade de regresar ó seu vello mundo, onde os convencionalismos foron suavizándose. A readaptación acaba en renuncia ó namorarse a súa filla dun dos seus antigos amantes.


         Os nenos, a última das nosas recomendacións, é un libro conmovedor. Iníciase como unha novela humorística, avanza como a sátira esperpéntica duns representantes da alta burguesía americana e da nobreza europea que xa perderon o sentido do deber, e remata como unha traxedia. Martin Boyne, o protagonista, vese envolto nos problemas dun grupo de nenos. Perdido no dilema da atracción por Rose, a muller-compañeira, ou o namoramento de Judy, a muller-nena, e incapaz de atopar unha saída aceptable para os nenos, déixase levar polo fado que o conduce á morte.


         Varias destas obras foron levadas ó cine de modo interesante; en especial, as máis coñecidas: A idade da inocencia, A casa da alegría e Ethan Frome. Os libros de Edith Wharton pódense atopar en internet en varios idiomas; na nosa biblioteca podedes pedir Contos de pantasmas.

 

         Por último, apetéceme lembrar que, entre os seus variados libros de viaxe, Edith Wharton lembrou nos seus diarios as dúas veces que percorreu o Camiño de Santiago, lembranzas recollidas en Back to Compostela

VISITA DE MIGUEL ANXO FERNÁNDEZ








Hoxe é a visita de Miguel Anxo Fernández, que virá falarnos da súa novela O sabre do francés, que foi unha obra que se leu no noso Club de Lectura "A esmorga".

Os grupos que van gozar desta charla van ser 4º A e 4º B.

CHEGAN, POR FIN, OS NOVOS MOBLES!

Por fin chegaron os novos mobles!

Estivemos esperando moito tempo para ter a decoración completa na biblioteca, e por fin hoxe o desexo fíxose realidade! 

Que ben!

Esperemos que vos guste moito e, sobre todo, que sexa unha pequena axuda para que veñades aínda máis á nova biblioteca!












TRANSMEDIA PROJECT

..............................






CHARLES DICKENS: UN AUTÉNTICO AUTOR GLOBAL

Unha nova exposición dentro da temática das VIAXES!

Con ocasión da exposición "Dickens, un auténtico autor global", no museo adicado ao autor en Londres, fixemos nós a nosa propia:


Dickens foi, ademais dun magnífico escritor
da literatura universal, un viaxeiro de vocación.

Mesmo levaba un escritorio portátil para nunca deixar de escribir,
e recoller as súas experiencias na súa obra.

O profesor Ramos e a profesora Carmina
cederon para a exposición os seus propios libros!

Na biblio temos uns cantos libros de Dickens:
viaxade con el a todas partes!
No seguinte enlace tedes a noticia de onde se sacou a idea da exposición:
https://www.lavozdegalicia.es/noticia/cultura/2019/05/20/dickens-autentico-autor-global/0003_201905G20P30991.htm

Aquí podedes visitar o museo de Dickens:
https://dickensmuseum.com


En la siguiente página del Proyecto Gutenberg podedes atopar  varias obras de Dickens en inglés:
https://www.gutenberg.org/ebooks/search/?query=dickens

ORADALADOU NA BIBLIOTECA!

O dúo ORADALADOU estivo hoxe na nosa biblio para deleitarnos coas cantigas de Antón Fraguas, que xa sabedes que é o noso escritor das letras galegas este ano.




Temos, ademais na biblioteca o libro-cd con todo o CANTIGUEIRO DE COTOBADE, por se o quereres escoltar na casa con tranquilidade.



Foi todo un luxo telos con nós! E mirade como participou todo o mundo!




Un recorte do Diario de Pontevedra
recorda tamén o ben que o pasou o alumnado!



Desfrutade doutro vídeo de Oradaladou! 


GRAZAS POR VIR!!!

"O DOCUMENTALISMO NA GALIZA DA TRANSICIÓN", CHARLA DE MIGUEL ANXO FERNÁNDEZ


Trátase dunha actividade organizada polo profesor Reboredo, do Departamento de Xeografía e Historia, e encargado do Grupo de Normalización Lingüística do centro. 

Está dirixido aos grupos de 1º de Bacharelato C, D e E.


A conferencia foi na Sala de Usos Múltiples


CONFERENCIA SOBRE VIOLENCIA DE XÉNERO (POLICÍA NACIONAL)

Hoxe, a 2ª hora da mañá, estiveron dous membros da Policía Nacional facendo unha exposición sobre a Violencia de Xénero. De novo, trátase dunha actividade organizada dentro do Plan Proxecta, no que este ano participa o centro...




CLUB DE LECTURA: TRABALLOS EN MATEMÁTICAS

En Matemáticas tamén se le!! 

Coma todos os anos, o Departamento de Matemáticas, en concreto a profesora Mª Luisa, participa na promoción do hábito lector a través da súa colaboración no Club de Lectura do centro.

Fixádevos que traballos sobre Fibonacci y los números mágicos estaban expostos nos corredores do centro: