O AUTOR DO MES
XANEIRO
ANTON CHEKHOV
Naceu en
Tangarog (Rusia, pero actual Ucraína) en 1860 e morreu en Badenweiler (Alemaña)
en 1904. Pertenceu a unha familia humilde: o seu avó foi un servo que conseguiu
a liberdade e seu pai foi un comerciante de escasa fortuna que chegou a coñecer
a ruína. Dende moi novo tivo que manter a súa familia. Deuse a coñecer como
escritor de relatos humorísticos, con seudónimo, cando estudaba a carreira de
medicina e, xa consagrado, renovou o teatro ruso de finais do século XIX e
principios do XX. Dende 1884, polo menos, tivo que loitar contra a tuberculose,
que finalmente o levaría á cova. No ano 1901 casou coa actriz Olga Knipper, que
actuou en varias representacións das súas obras, pero non tiveron descendencia.
Aínda que
morreu no cume da súa carreira, cando se podían agardar del maiores logros,
deixou unha obra ampla: coleccións de relatos (Contos de Melpómene, Relatos de varias cores, No crepúsculo, Contos,
Rapaces, Xente sombriza, Relatos e contos), novelas (Historia da miña vida), reportaxes (A illa e Sakhalin), e obras teatrais breves (O aniversario, A petición de man, A voda, No camiño real, O oso,
Tráxico á forza, A morte do cisne...) e longas (Platonov, Ivanov, A Gaivota, O tío Vania, Tres irmás, O horto das
cerdeiras...).
Os seus contos
caracterízanse por presentar pouca acción externa. De forma breve e clara, o
autor vai procurando espertar a emotividade do lector e non tanto o seu
asombro, a diferenza doutros escritores. Por medio de diálogos ás veces en
aparencia intrascendentes, vai deixando entrever os sentimentos e as ideas dos
personaxes, con frecuencia contraditorios, o cal depara unha sensación de
realismo. As descricións, selectivas e a miúdo líricas, adoitan remarcar de
xeito simbólico o tema do relato e os sentimentos dos personaxes. Estes poden
pertencer a calquera estrato social, e a miúdo ofrecen o seu lado máis feble,
en especial nos relatos cómicos e satíricos. Por medio deles, Chekhov amosa
unha visión panorámica da sociedade rusa do seu tempo.
Resulta
evidente que opinaba que esta se atopaba nunha época de crise. As clases altas
aparecen normalmente sumidas na preguiza, vivindo sen un sentido claro; as
clases humildes, abandonadas na miseria e a ignorancia. Con frecuencia
preséntase un idealista que non leva o seu soño á realidade, por abulia ou por
influencia do medio ambiente en que se move. Aínda que Chekhov amosa simpatía
polos pobres, non os idealiza en absoluto, como pode verse en Historia da miña vida, “Os campesinos”
ou “No campo”. Ás veces, presta atención ó papel das mulleres, de xeito que non
é estraño que apareza algunha que soña con facer algo por cambiar o mundo, como
a protagonista de “A noiva”. O autor manifesta a súa opinión de que debe
producirse un cambio, aínda que, a diferenza de Tolstoi ou Gorki, cos cales
estaba en contacto, non tiña claro que camiño se debía seguir. Nalgún momento
parece intuírse que non descartaba unha revolución, aínda que era máis
partidario das reformas. Máis que os aspectos propugnados, quedan claros os criticados:
a hipocrisía social, o servilismo, o espírito burocrático que envelena as
relacións humanas, a vida improdutiva da pequena nobreza rural, o parasitismo
da alta nobreza, a miseria e a ignorancia do campesiñado, o egoísmo e o
fanatismo...
Un dos temas
esenciais da súa narrativa é o amor. Atópase nalgún dos seus mellores relatos,
como “A casa da bufarda”, “A dama do canciño”, “Vérochka”, “Amoriño”... Amosa
de maneira poética o primeiro amor e as súas consecuencias, porque a miúdo se
trata dun amor frustrado. Analiza varias posibilidades en “O bico”, “Ionich”,
“Vérochka”, “A casa da bufarda”, “A noiva”... Incluso se detén no primeiro
odio, no simpático “Zínochka”.
Como é
habitual na narrativa realista decimonónica, presta especial atención ás
relacións matrimoniais. Non é estraño que o marido sexa infiel; máis raro e
interesante é que a infidelidade sexa feminina, como sucede en “A cigarra”,
“Inimigos”, “Ana pendurada ao pescozo” ou "A dama do canciño". O marido burlado pode aceptar a
relación (“Pequeneces”) ou pode desexar ter unha reacción violenta ante o seu
“honor ferido”, en cuxo caso é frecuente que o autor vexa o personaxe de xeito
humorístico (“O vingador”). Fronte ás mulleres egoístas, algunha vez
satirizadas cos tópicos patriarcais (“A sorte feminina”), destaca o personaxe
entre ridículo e simpático que protagoniza “Amoriño”. Máis terrible é o caso
das mulleres maltratadas, visibles, por exemplo en “A pena” ou “Os campesinos”.
Chekhov deixou
algún conto maxistral con protagonista infantil. Posiblemente o máis lembrado
sexa “Vañka”, o neno orfo e maltratado que sente morriña da aldea e lle escribe
unha carta ao seu avó, que nunca chegará a destino, para que o saque do inferno
en que vive. Menos dolorosa é a situación de aquel que coñece por primeira vez
o engano e a mentira na figura do amante da súa nai (“Pequeneces”). Máis
simpática, a dos rapaces (no conto do mesmo título), que intentan fuxir da casa
para vivir aventuras en California. Tamén aparece o neno desagradecido e cruel
que despreza a persoa que máis o quere (“Amoriño”).
Mais se hai
algún tema que lle dá aos contos de Chekhov unha nota distintiva é o paso do
tempo. Del deriva o ton melancólico, filosófico e lírico que lle era tan grato.
Hai uns relatos que reúnen este e outros temas, de xeito un tanto orixinal, como "O pavillón número 6" e “A
aposta”. Neste, a partir dunha discusión sobre se é máis humana a pena de
morte ou a cadea perpetua, reflexiónase tacitamente sobre a sabedoría humana,
a cultura, a importancia dos cartos, a soidade, a relixión, a liberdade... A
actitude do home ante a vida é unha das obsesións do autor, que se amosa
contrario ao puritanismo, entendido como un rexeitamento da vida tal como se ve
en “O home enfundado”.
Para os
lectores galegos é inevitable ver certas semellanzas entre o autor ruso e
Castelao, polo seu amor polos humildes, a mestura de sátira e compaixón, humor
e traxedia; incluso pola súa maneira de narrar, como se pode ver en “Amoriño”
ou “Tristeza”, e o tratamento do tema da voda entre unha moza e un vello (“Ana
pendurada ao pescozo”). Menos claro é o seu parecido con Risco (pola burla de
certos tipos sociais en “O enigma”) e Otero Pedraio (pola decadencia da pequena
nobreza rural).
Dentro da
literatura universal, aínda que son bastante diferentes, Chekhov recoñeceu
dalgún modo a súa débeda con Maupassant. Creo que pode verse certa similitude
entre “A corista” e “Bola de sebo” ou algún outro conto do autor francés.
Por último,
resulta evidente a semellanza entre algúns contos e as pezas teatrais do autor;
de feito, algún podería ser doadamente representado.
En canto ás
obras teatrais, podemos distinguir claramente entre as que constan de catro actos
e as que constan tan só de un. Estas son xeralmente pezas humorísticas, que
Chekhov consideraba “vaudevilles”. Gardan un parecido evidente cos seus
relatos, incluso é posible atopar as versións narrativa e dramática do mesmo
asunto. Obedecen a tradicións moi variadas, desde o entremés costumista ata o
debate medieval.
O aniversario (dun banco)
presenta a visión humorística do comportamento feminino, visto de maneira
estereotipada; Tráxico á forza rise
das penalidades do pequeno burgués que debe compaxinar o traballo na oficina e
a residencia no mundo rural durante os meses de verán; A petición de man case remata cun enfrontamento polo carácter terco
e orgulloso dos implicados; O oso (ou
O duelo) é todo o contrario: o
enfrontamento entre unha viúva agraviada e un home machista remata en
namoramento súpeto e proposta de matrimonio; A voda é unha burla das pretensións pequenoburguesas e as pequenas
miserias persoais; O canto do cisne
resulta unha homenaxe ao teatro por medio dun diálogo entre un actor en
decadencia e un apuntador; No camiño real
aproxímase aos dramas longos ao presentar nunha taberna un fato de personaxes
diferentes entre os cales destaca un nobre arruinado e bébedo que se atopa
casualmente coa súa muller infiel. Fai lembrar as Comedias bárbaras de Valle Inclán.
As obras
longas, divididas en catro actos, son comedias ou dramas de escasa acción
externa, nas cales aparecen distintos personaxes con diverso grao de
protagonismo. Entre si tecen e destecen os seus pasos, expoñen os seus
problemas e o seu xeito de afrontar a vida. Sitúanse case sempre en residencias
rurais nas cales a existencia é monotona e aburrida.
Chekhov
procura fuxir do maniqueísmo na caracterización dos personaxes. Estes son
polifacéticos, ambiguos, contraditorios, aínda que ás veces uns tenden
descaradamente ao egoísmo e a ruindade e outros á xenerosidade e o sacrificio
polos demais. Reiteradamente aparece certo tipo de personaxe: o terratenente
arruinado, o médico humanista, o criado leal, a muller insatisfeita que busca o
seu lugar no mundo, o “home pequeno”, humillado e ofendido como dixo
Dostoievski, capaz de perdoar, mais talvez demasiado ridículo e carente de
orgullo, o tenorio que é, máis que perseguidor, perseguido....
Entre os seus
temas, aparecen o amor non correspondido e as relacións adúlteras ou
ilexítimas, como é frecuente na literartura do seu tempo, pero o noso autor
procura ir sempre un pouco máis lonxe, reflexionar sobre o paso do tempo, a
vellez, as sensacións de vacío e fracaso que produce. A busca da felicidade, o
desacordo entre a realidade e o desexo, a perda das ilusións, o sufrimento e a
aparente carencia de sentido da existencia humana son os temas fundamentais das
súas obras.
Todo isto ten
como fondo un mundo en crise, embrutecido, carente de valores auténticos, e
unha sociedade, a rusa, en trance de transformación. Chekhov reflicte a
decadencia e ruína de boa parte da nobreza (consecuencia tardía da eliminación
da servidume), o ascenso da burguesía, a miseria e degradación das clases
humildes. Sente a necesidade da elevación dun mundo novo, onde a xente sexa
xenerosa e traballadora, e ás veces parece anunciar a revolución que triunfará
trece anos despois da súa morte.
Como nos seus
relatos, os seus dramas deixan un pouso de melancolía, ao que non son alleas as
abundantes mortes finais como consecuencia de suicidios, duelos, doenzas ou
abandonos. Incluso a tala das cerdeiras na súa derradeira obra ten ese sentido
de perda.
Un dos
aspectos innovadores do seu teatro reside na metaliteratura e a
intertextualidade. En certo modo, homenaxea a tradición literaria rusa de
Pushkin, Lermontov, Gogol, Turguenev, Dostoievski, Tolstoi e Gorki, así como
algúns autores universais: Cervantes, Molière, Goethe, Zola, Maupassant e,
sobre todos, Shakespeare. Frases de Hamlet, con quen se identifican varios
personaxes, aparecen de forma reiterada, en especial en A gaivota; o actor de “O
canto do cisne” recita fragmentos de Hamlet,
O rei Lear e Otelo ante a admiración do apuntador.
Moitos son os
comentarios que se poden realizar de cada unha das obras do autor ruso –incluso
de Platonov, que non quixo publicar.
Velaí unhas pinceladas.
Platonov presenta un
descendente da aristocracia rural arruinada que traballa como mestre. Pode
dicirse que é un Don Xoán ao seu pesar, que non consegue respectarse a si mesmo
nin respectar aos demais. O mundo que o rodea desagrádalle, pero a causa máis
profunda da súa desilusión está no seu interior. O seu final atópase entre o
tráxico e o ridículo.
Ivanov é outro
individuo en conflito consigo mesmo. Casado cunha moza xudía que por el
renunciou a todo, xa non a ama cando ela está gravemente enferma. Con grandes
débedas que ameazan a súa propiedade, ve con ilusión o amor dunha moza rica.
Tras a morte da súa dona e estando a piques de casar coa moza que o ama, ante
os rumores de que sempre busca unha voda de conveniencia e carece de valores
morais, suicídase.
A Gaivota, consagrada
pola representación do Teatro da Arte dirixido por Stanislavski, amosa
diferentes personaxes entre os cales destacan os representantes da xeración
máis nova: Konstantin Treplev, que se suicida polo seu amor non correspondido e
a súa sensación de fracaso como escritor, e Nina, quen, pese a todas as súas
decepcións, enriquecida polo sufrimento e rexeitada pola súa familia, aínda
soña con ser unha gran actriz.
Tres irmás é a gran obra
das ilusións perdidas e o dano producido polo paso do tempo. Tres irmás –e un
irmán- que ansían ser felices e libres van descubrindo as limitacións e
penalidades da existencia e a crueldade dalgúns seres humanos. Trátase dun
drama que encerra múltiples reflexións sobre a vida e o papel das mulleres na
sociedade.
O tío Vania presenta o
fracaso e a resignación final dun home que se sacrificou polos demais e entende
que cometeu un gran erro. Fronte a el atópase o seu cuñado, un intelectual
egoísta e vacuo; ao seu carón, a súa infeliz sobriña, disposta a compartir o
seu destino; ao seu redor, personaxes infelices que viven confusamente os seus
dramas particulares.
O horto das cerdeiras é
talvez a súa comedia mellor construída e a menos complexa. Presenta o
derrumbamento dunha clase social e o alzamento doutra: os terratenentes
arruínanse e a nova burguesía, ás veces de orixe moi humilde, ocupa o seu
lugar. Unha presume hipocritamente de sensibilidade; outra busca descaradamente
o proveito económico. Neste contexto aparecen as habituais pequenas inquietudes
individuais, os egoísmos, as insensateces, os sacrificios, as ilusións e a dor
de seres humanos atemporais.
En internet
poden encontrarse versións das súas obras en distintos idiomas; por exemplo, en
Project Gutenberg ou na biblioteca dixital do Instituto Cervantes. Na nosa
biblioteca atópanse exemplares dos seus contos e obras de teatro. Gozamos,
ademais, da gravacións en DVD dalgunha das representacións teatrais da obra de
Chekhov, un dos clásicos da impresionante literatura rusa.