01 maio 2020

O AUTOR DO MES DE MAIO: JOSÉ MARÍA EÇA DE QUEIRÓS


O AUTOR DO MES

MAIO


JOSÉ MARIA EÇA DE QUEIRÓS

(Póvoa de Varzim, 1845 – Neuilly, París, 1900)


        O máis destacado escritor realista portugués naceu en circunstancias familiares irregulares, de modo que non comezou a vivir cos seus pais ata os dez anos. Estudou Dereito en Coímbra, onde coincidiu con outros grandes autores portugueses. Foi funcionario, xornalista e diplomático. Como cónsul, estivo destinado na Habana, Newcastle, Bristol e París, polo que gran parte da súa obra foi escrita no estranxeiro. En 1886 casou coa irmá do seu amigo o Conde de Resende, María Emilia de Castro, con quen tivo catro fillos. Algún deles axudou a publicar postumamente algunhas das obras que deixara inéditas.
        Eça escribiu moito e foi publicando de varios xeitos. Dalgunha obra pódense atopar facilmente tres versións distintas: a primeira en folletín, a segunda como libro e a terceira, tamén como libro, pero corrixida.
        Amigos como Ramalho Ortigao ou Batalha Reis retocaron ou recompilaron obras que el deixara inacabadas ou sen publicar como libro.


        Adóitase sinalar que a súa obra pasa por tres etapas –caracterizadas, non obstante, de distinto modo segundo os críticos-: unha primeira romántica, unha segunda realista e unha terceira máis simbolista ou espiritualista, de crítica máis benévola; pero os seus trazos fundamentais atópanse tanto ao principio como ao final do seu labor creativo.
        Á maneira realista, mestura os asuntos persoais e os sociais a fin de presentar as características da sociedade portuguesa. Aínda que amou moito o seu país, criticouno sen piedade, perseguindo a súa rexeneración. Tentou analizar a súa vida política, social, cultural, relixiosa e familiar, botando man sempre do humor e a ironía. Gustou de provocar o escándalo mediante o erotismo e a caricatura, que non eran ben aceptados no ambiente portugués contemporáneo. Fiel ao seu espírito esteticista, foi un maniático do estilo, de modo que renovou a linguaxe literaria portuguesa e incluso influíu en autores españoles como Valle-Inclán, que asinou a tradución dalgunha das súas obras.


        Considérase que o seu primeiro libro foi Prosas bárbaras, recompilación de textos escritos como folletín en xornais. Daquela estaba moi influído por escritores franceses, dos que tomou o seu estilo innovador e temas de carácter sinistro, como o satanismo. Ao xeito romántico, sitúa os seus argumentos con frecuencia no mundo medieval, aínda que xa entón critica ocasionalmente a sociedade portuguesa contemporánea (“Lisboa”) ou se interesa pola figura de Xesucristo (“A morte de Xesús”). É curioso que, sendo un escritor anticlerical e escéptico, manifestase en varias obras o seu interese polo cristianismo e as súas orixes, talvez influído por autores como Renan ou Feuerbach.

        Logo debemos lembrar O misterio da estrada de Sintra, escrita en colaboración co seu amigo Ramalho Ortigao, como se fose o esclarecemento dun crime acontecido en Lisboa. Destaca polo seu espírito lúdico, xa que é un xogo literario, onde se presentan múltiples narradores cuxas visións se complementan ou contradín. Ten aspectos de novela policial, de misterio, de aventuras e incluso romántica. Dá a impresión de que os autores gozaron redactándoa, introducindo adrede personaxes e escenas tópicas ao lado de acontecementos sorprendentes. A pesar do espírito informal co que foi creada, presenta xa varios dos temas esenciais do autor: a adulterio –con lección moral incluída-, a corrupción ou a vulgaridade da sociedade lisboeta, o eloxio do mundo rural... Incluso aparece un personaxe creado por el e os seus amigos de Coímbra coñecidos como “O Cenáculo”, Carlos Fradique Mendes, a quen logo lle dedicaría, polo menos, unha obra.


        O crime do Padre Amaro inicia a súa fase realista, na cal pretende satirizar aspectos da sociedade lusa. Neste caso céntrase no mundo relixioso, ambientando a obra na cidade de Leiría, onde traballou como funcionario. Xa dixemos que Eça era anticlerical, de aí que non resulte estraño atopar nesta obra un mundo eclesiástico corrompido. Con algunha excepción, os sacerdotes están relacionados con mulleres ou son materialistas ou interveñen descaradamente en política e inflúen decisivamente na vida dos fregueses. O autor céntrase fundamentalmente nos problemas ocasionados polo celibato e a falta de vocación.
        O Padre Amaro é un cura xove que deixa embarazada unha moza, Amelia, a cal morre no parto, e dálle o neno a unha muller que se desfai del: asunto forte que, xunto con outros trazos (o papel da herdanza e o medio ambiente), revela a influencia da escola naturalista. O mesmo Zola escribiu unha obra que trata o mesmo tema, A falta do abate Mouret, e autores como Valera, Clarín ou Galdós trataron os amores, culminados ou non, de clérigos e mulleres en novelas como Doña Luz, La Regenta, El doctor Centeno ou Tormento.
        A crítica social, con todo, vai máis lonxe, pois acada o xornalismo e a política, tomando algúns personaxes como tipos representativos.


        O primo Basilio, outra das súas grandes obras, aborda tamén un tema recorrente na novelística decimonónica, o adulterio, ao que Eça volve con frecuencia, non en balde era un gran admirador de Flaubert; en especial, da súa novela Madame Bovary. Aquí tamén unha muller da burguesía, ociosa, sen fillos, ávida lectora de novelas románticas, por un afán de novidade, se entrega a un donxoán de medio pelo, o seu primo Basilio, de quen fora noiva. Arredor dela, bole un fato de personaxes representativos da sociedade lisboeta, case todos negativos, entre os cales destaca Juliana, unha criada resentida que se aproveita do aulterio para deixar saír o seu rancor chantaxeando a súa señora. Ao final, como case non podía ser doutro xeito naquela época, Luísa, a protagonista, morre tras un longo padecemento moral, a pesar do perdón do marido.
        A lista de obras coas que se podería relacionar polo seu tema sería interminable, e esta é considerada unha das que mellor o tratan.


        O Mandarín é unha novela humorística e fantástica escrita na época de maior rigor naturalista. Está narrada en primeira persoa por un amanuense, Teodoro, a quen se lle aparece un demo de aspecto burgués a fin de propoñerlle facerse rico tocando unha campá coa que fará morrer un mandarín chinés que lle deixará en herdo a súa inmensa fortuna. Acepta e convértese en millonario; por fin pode facer realidade todos os seus desexos, bastante elementais. Mais non todo é marabilloso: a muller que ama traizóao, e el cre ver o cadáver do mandarín a todas horas sobre o seu leito. Levado polo remorso, viaxa á China, onde ten unha aventura disparatada, a fin de buscar os familiares do mandarín e subsanar o mal cometido. Regresa sen resultado. Atopa de novo o seu Mefistófeles, que non fai nada por el. Fínxese pobre e aqueles que o gabaran e admiraran  no pasado critícano e desprézano. Acaba sentindo desprezo pola humanidade e incluso polo Deus que a creou tal como é. A lección derradeira é que só merece a pena gozar dos cartos gañados honradamente.


        A reliquia comparte algunha das características da novela anterior. Teodorico Raposo, o narrador protagonista, é tamén un personaxe antiheroico e cínico que narra con humor as súas aventuras, as cales desprenden certo aire picaresco. Herdeiro dunha tía beata, procura contentar a esta finxindo ter unha maneira de pensar e vivir que non é a súa. Peregrina a Terra Santa e regresa convencido de traer unha falsa reliquia para a súa tía –nada menos que a coroa de espiñas-, pero na hora da verdade, por unha confusión, ofrécelle o agasallo impúdico que recibira dunha amante. Desherdado, tras dedicarse ao comercio de falsas reliquias, enmenda a súa vida.
        Como O crime do Padre Amaro, é unha sátira anticlerical, aínda que aquí se centra máis na falsa relixiosidade, a superstición e a hipocrisía.
        Na viaxe a Terra Santa –para a cal aproveita Eça lembranzas dunha viaxe súa-, Teodorico ten un soño no que se ofrece unha versión da paixón e morte de Xesús. Aproveitando obras daquel tempo, procura darlle un sentido “racional” e “realista” –descartando por tanto a resurrección- ao narrado nos evanxeos. Este “soño” amosa de xeito evidente o ánimo provocador do novelista.


        Os Maias é seguramente a súa novela máis ambiciosa. Seguindo unha liña argumental sinxela e, non obstante, un tanto folletinesca, ofrece unha presentación brillante e demorada de clase alta lisboeta. Céntrase nos anos setenta do século XIX, pero, aludindo a tres membros da familia Maia –Afonso, Pedro e Carlos-, fai un repaso da historia social do país desde 1822 ata 1887.
        O autor subtitulouna “Episodios da vida romántica”, e realmente amosa os últimos aspectos románticos dunha sociedade portuguesa anquilosada que afoga todo intento de rexeneración. Asistimos á presentación crítica da política, a relixión, a economía, a cultura, as relacións familiares... por medio de escenas e personaxes representativos.
        Mestura co romanticismo aspectos naturalistas que conducen a unha relación incestuosa da que os protagonistas non son conscientes. A fatalidade que se ceba traxicamente coa familia ten como consecuencia a morte do personaxe máis nobre, o vello Afonso de Maia, ao coñecer a relación amorosa dos seus netos Carlos e María Eduarda.
        Trátase tamén, ao xeito balzaquiano, da novela das ilusións perdidas, pois remata cunha escena en que os amigos Carlos de Maia e Joao de Ega se declaran fracasados e vencidos pola vida.


        A correspondencia de Fradique Mendes amosa un cambio na traxectoria literaria do autor, pois é un tipo diferente de novela. Divídese en dúas partes: a primeira é unha semblanza de Fadrique Mendes, feita por un admirador, e a segunda componse dunha serie de cartas enviadas polo protagonista a personaxes reais (Oliveira Martins, Ramalho Ortigao, Antero de Quental, Guerra Junqueiro) ou ficiticios (Clara, Madame de Jouarre).
        Fradique Mendes é un personaxe polifacético –portugués rico, diletante, aventureiro, poeta parnasiano e baudelairiano, ansioso de saber, estudoso das relixións...- do cal se expoñen ideas que, en gran medida, coinciden coas do autor. Compara as relixións cristiá e budista sentindo preferencia por esta, pero considérase escéptico e cre que a esencia das relixións, na práctica, reside na súa liturxia; critica o Portugal contemporáneo con humor fixándose en personaxes arquetípicos como o político Pacheco ou o cura Salgueiro; reflexiona sobre o papel do xornalismo e as literaturas española –da que valora o romanceiro, o Quijote, algunhas novelas picarescas ou de Galdós, dramas de Lope ou poemas de Quevedo- e francesa –con xuízos acertados sobre Hugo, Balzac, Flaubert...-, e, como nas últimas obras, eloxia o mundo rural case seguindo o Menosprecio de corte y alabanza de aldea, de frei Antonio de Guevara.


        A ilustre casa de Ramires céntrase nas andanzas dun fidalgo, Gonçalo Mendes Ramires, que ten ambicións literarias e políticas. No seu intento de recuperar o pasado, escribe unha novela histórica baseándose no acontecido a uns antepasados seus. Por triunfar na loita política, sacrifica a honra familiar, mais, tras amosarse a si mesmo que non é tan indigno dos seus ancestros como cría, decide facer fortuna en África, de onde regresa rico. Dáse a entender que casará cunha mociña fidalga e restaurará as súas propiedades para converterse nunha especie de patriarca que dirixirá a vida comunal, ideal de Eça tras casar con María Emilia de Castro e que imitarán os homes da Xeración Nós na literatura galega. Gonçalo remata identificándose cun Portugal que persegue a rexeneración: bo, xeneroso, imaxinativo, de espírito práctico, pero tamén simple, iluso, melancólico e inseguro de si mesmo.
        De acordo co espírito da época, Eça amósase como un firme defensor do colonialismo. En canto á súa técnica, foi imitada, entre outros, por Xavier Alcalá en obras como Nos pagos de Huinca Loo.


        A cidade e as serras estaba na imprenta no momento da morte do autor. Trátase dunha versión ampliada do seu conto “Civilización” e pode considerarse unha novela lírica ou didáctica. A mensaxe última é que a salvación para o protagonista, Jacinto, está no mundo rural e patriarcal portugués. O narrador, Zé Fernandes, que se considera o seu Sancho Panza, trata sobre a evolución do seu admirado amigo dende o cosmopolitismo e a estéril modernidade de París ata a vida idílica das serras, descritas de modo bucólico, onde o protagonista casa e procura mellorar a existencia da xente humilde. Coa visión idealizada das terras portuguesas, detéctase unha sátira pouco ferinte do seu atraso.


        Tras a morte do autor, foron publicándose en volume moitas obras cuxos textos apareceran ocasionalmente en xornais e revistas.
        Entre elas destacan os contos, escritos en períodos moi diferentes. Xa falamos de “Civilización”. Co mesmo sentido escribiu “Un día de chuvia”, porque procuraba presentar de diverso modo os mesmos temas. Outros relatos memorables son “Singularidades dunha rapariga loura”, en que unha longa historia de amor remata abruptamente ao descubrir o protagonista un grave defecto da súa amada; “No muíño”, de carácter naturalista, que amosa a terrible degradación dunha muller pura ao contacto cun aprendiz de donxoán; “José Matias”, magnífico estudo dun individuo enigmático narrado de xeito maxistral –claro antecedente de A esmorga ou A caída, de Camus-. Non son desdeñables “O suave milagre”, que o frece –caso raro na obra de Eça- unha visión tradicional de Xesús como taumaturgo amigo dos pobres; “A perfección”, onde Ulises desexa fuxir da perfección da illa da ninfa Calipso para regresar á infelicidade, a dor, a vellez, a morte e o amor dos seres queridos; “A aia”, “O defunto”, “O tesouro” ou “Frei Guenebro”, lendas situadas na época medieval. Relacionadas con estas, atópanse as súas vidas de santos, das que algúns autores exaltan o seu sentido social.


        Entre as novelas, pódense citar varias, incluíbles no seu proxecto de “Escenas da vida portuguesa”, imitando as “Escenas da vida parisina” de Balzac; por exemplo, Alves e compañía, onde se presenta de xeito humorístico un caso de adulterio en que o melodramatismo é substituído pola trivialidade dada a bondade e a vulgaridade dos protagonistas; A capital, sobre o mozo que acode ilusionado e rico a Lisboa coa intención de triunfar no mundo literario e xornalístico para rematar fracasado e desiludido tras o contacto cun mundo corrupto; O Conde de Abranhos, de sentido similar, pero centrado máis no mundo político; A traxedia da rúa das Flores, folletín da súa primeira época...


        Eça de Queirós foi director e colaborador de xornais e revistas ao longo de toda a súa vida. Entre as súas coleccións de artigos, destacan Cartas de Inglaterra e Ecos de París. Son obras de lectura doada, non sometidos á revisión estilística característica do autor. Nelas trátanse temas diversos, sobre todo políticos, que aínda hoxe poden resultar, en parte, actuais ou polo menos interesantes; por exemplo, a situación de Afganistán ou Irlanda, a comparación –feita no Times- entre Portugal e España, Brasil e os países que pertenceron ao Imperio Español, o afán colonialista dos ingleses, o ascenso do antisemitismo na Alemaña de Bismarck (!), o eloxio –cun pouco de ironía- de España e os seus habitantes polo seu carácter “quijotesco” que os impulsa a meterse en guerras ruinosas ou a facer gala dun valor temerario. Por suposto, tamén se trata, con envexa, sobre os mundos culturais inglés e francés.


        Como curiosidade, Eça tamén escribiu un libro de viaxes, O Exipto, baseado na súa experiencia con motivo da inauguración da Canle de Suez, que, como vimos, aproveitou noutras obras, e realizou a tradución dun clásico da literatura xuvenil, As minas do rei Salomón, de Rider Haggard.


        Para quen ame a impresionante literatura decimonónica, Eça é un medio ideal de achegarse á cultura portuguesa. As súas obras pódense atopar na rede no Project Gutenberg, aínda que ás veces cunha grafía inactual. Algunha está traducida ao castelán. Na nosa biblioteca pode atoparse o magnífico estudo da súa vida e obra realizado por Joao Gaspar Simoes.