01 xuño 2020

AUTOR DO MES DE XUÑO: FERNANDO PESSOA




FERNANDO PESSOA
(Lisboa, 1888-1935)


        Foi fillo dun funcionario e crítico musical que morreu tendo el seis anos. A súa nai volveu casar, por poderes, co cónsul portugués en Durban e levouno consigo a Sudáfrica, que entón era colonia inglesa. Volveu de alí definitivamente aos dezasete anos e xa non se moveu de Lisboa. O dominio do inglés serviulle para gañar a vida como tradutor ou redactor de cartas para empresas comerciais. Deuse a coñecer como escritor en revistas literarias como A Águia, Orpheu ou Presença. Permaneceu solteiro, aínda que mantivo unha relación cunha oficinista, Ofélia Queirós, coa cal non pasou da fase de noivado. Os seus derradeiros anos foron moi solitarios e morreu a consecuencia dos seus problemas coa bebida.


        Publicou en vida poucas obras, pero deixou un baúl cheo de textos escritos, ás veces desordenados, que aínda non foron publicados totalmente.
        Fernando Pessoa é coñecido, sobre todo, polos seus heterónimos, personaxes aos que atribúe parte da súa obra e por veces lles crea unha biografía. Os heterónimos non son pseudónimos, pois as obras a eles atribuídas son diferentes das escritas polo  autor co seu nome. Os principais heterónimos son Alberto Caeiro, Ricardo Reis e Álvaro de Campos. Bernardo Soares, Coelho Pacheco, António Mora e moitos outros non son considerados sempre heterónimos xa que non se diferencian suficientemente do propio autor. Non obstante, a Soares atribúeselle finalmente o importante Livro do desassossego.

        En realidade, case habería que dedicarlle esta sección do blog da biblioteca a cada un dos heterónimos e ao propio autor como ortónimo por separado, mais procuraremos ocuparnos, co risco de caer no exceso, de todos eles.


        Así, pois, simplificando, Pessoa crea literariamente varias posibilidades do ser humano que atopa dentro de si: o xove inxenuo que se identifica cos elementos da natureza, procurando adoptar unha actitude serena e positiva ante a existencia (Caeiro); a persoa con experiencia, desenganada, pero que desexaría ilusionarse (o propio Pessoa); a persoa desenganada que se refuxia no illamento e o pasado, procurando  a serenidade nun sistema filosófico (Reis); e a persoa contradictoria que o desexa todo, pero carece de capacidade de acción, e se desespera ao ver que nada é como desexaría que fose, ata o punto de oscilar entre o autodesprezo e o sentimento de superioridade (Campos).


        É posible atopar variantes dos mesmos pensamentos, se ben expresados de distinto modo, nos catro, que revelan influencias culturais variadísimas: a filosofía grega (Platón, o epicureísmo, o estoicismo, o escepticismo), a filosofía contemporánea (ante todo, Schopenhauer e Nietzsche), a Biblia (en especial, o Eclesiastés), a Cábala, a literatura latina (sobre todo, Horacio), a literatura portuguesa anterior (Almeida Garret, Antero de Quental, Guerra Junqueiro, Cesário Verde, Eugénio de Castro, Camilo Pessanha, Teixeira de Pascoâes, o Padre Antonio Vieira...), a poesía romántica inglesa, a teosofía, os futuristas italianos e, ante todo, o poeta estadounidense Walt Whitman.
        Pessoa foi un poeta interesado polos grandes temas filosóficos: a morte, o tempo, a dor de existir, o amor, a felicidade, o coñecemento dun mesmo, a relación da persoa cos seus semellantes e coa natureza... Unhas veces tratounos de maneira clara e sincera; outras, de xeito confuso e contraditorio; outras, en fin, seguindo os tópicos consagrados pola tradición. Procurou a orixinalidade, inventando novos ismos vangardistas (o paulismo, o interseccionismo, o sensacionismo...), aínda que, como teñen sinalado Guillermo Carnero ou Octavio Paz, poden considerarse variantes ou consecuencias do futurismo, ao que el incorporou a súa sensibilidade persoal. En xeral, resáltase a súa gran débeda con Horacio –en especial, nas odas de Ricardo Reis- ou Walt Whitman –para os poemas de Alberto Caeiro ou Álvaro de Campos, sobre todo-, pero débese ter en conta que el non oculta esas influencias, senón que as exaxera ao mesmo tempo que infunde ás súas creacións unha personalidade innovadora.


        Ricardo Reis foi o primeiro heterónimo imaxinado por Pessoa. Tal como o concibiu ao final, era un médico nacido no Porto, monárquico, latinista, exiliado no Brasil por razóns ideolóxicas e discípulo de Alberto Caeiro, o primeiro heterónimo do que escribiu poemas.
        Os poemas de Reis adoitan ser breves e ter unha métrica clásica. Continúan a tradición grecolatina das odas, as elexías e os epigramas. Seguindo a Horacio, mestura as mensaxes epicúreas, estoicas e escépticas, ás que engade, por veces, expresións e pensamentos que lembran o Eclesiastés e a filosofía de Schopenhauer. É habitual atopar tópicos como o “Carpe Diem”, o “Collige, Virgo, Rosas” ou o “Tempus Fugit”; alusións a Apolo, Minos, Átropos, as bacantes...; invocacións a Cloe, Lidia e Neera, ás que tamén se dirixía o autor latino. En canto á forma, Reis utiliza unha expresión concisa, epigramática, incluso enigmática en ocasións, cunha sintaxe complicada, abundante en hipérbatos que fan lembrar as oracións latinas.


        Como dixemos, Reis representa un ideal inalcanzable de Pessoa: o individuo que, abrazando unha filosofía, é capaz de dominar a angustia do existir humano. Recomenda aceptar con resignación o paso do tempo e a morte, fuxir tanto das alegrías excesivas como da tristeza e o temor. Considera a liberdade unha ilusión; o amor, a gloria ou a riqueza, puras vaidades. Recomenda a renuncia e a indiferenza ante as desgrazas, posto que a vida é un soño que nunca ofrece canto o ser humano desexa. De nada vale interrogar os deuses; estes –entre os cales se pode incluír, como un máis, Xesús- nunca responden ao ser humano e están subordinados ao Fado. Con esta visión tan pesimista da vida, é normal que incite a gozar dos pequenos praceres e a procurar a ataraxia ou a apatía; incluso que, nalgúns intres, anhele ter a condición dun ser inanimado.

        Algún dos seus mellores poemas encerran un consello:

“Tâo cedo passa tudo quanto passa!
Morre tâo jovem ante os deuses quanto
Morre! Tudo é tâo pouco!
Nada se sabe, tudo se imagina.
Cincunda-te de rosas, ama, bebe
E cala. O máis é nada.”

“Para ser grande, sê inteiro: nada
Teu exagera ou exclui.
Sê tudo em cada coisa. Pôe quanto és
No mínimo que fazes.
Assim em cada lago a lua toda
Brilha, porque alta vive.”


        Alberto Caeiro, natural de Lisboa, morto moi novo, é considerado como un mestre por Reis, Campos e o mesmo Pessoa, que se inclúe a si mesmo na ficción. Vive de rendas, modestamente, na aldea, como un pastor cuxo rabaño fosen as súas sensacións. Presume de non pensar sen decatarse de que está pensando; procura fuxir dos falsos conceptos elaborados polo home para entender o mundo sen decatarse ás veces de que está usando algún deses conceptos. Sexa como sexa, é capaz de adquirir a serenidade que os outros anhelan e contemplar con gozo ou indiferenza o mundo porque a súa sinxeleza o aproxima ao relativo estado de felicidade que pode acadar un home.

        Atribúenselle tres libros de poemas: O Guardador de Rebanhos, O Pastor Amoroso e Poemas Inconjuntos. O primeiro, escrito case dun tirón, supuxo o seu descubrimento por parte do autor.

        Os seus poemas están escritos nun verso longo próximo á prosa en que son estrañas as rimas. De acordo co mundo que presenta e a súa sensibilidade, atraída polo simple e humilde, busca unha expresión espontánea e fluída, rexeitando a linguaxe literaria tradicional, que considera falsa.


        Afirma que é un poeta sensacionista, pois só mediante as sensacións se pode estar en contacto, dalgúns xeito, cos elementos da natureza e coa vida, que considera inexplicable e acepta como tal. Aínda que se contradí con moita frecuencia, a miúdo amósase incrédulo ou escéptico; búrlase incluso da teoloxía cristiá imaxinando un Xesús neno e atravesado. Estaría disposto a admitir certo panteísmo, concibindo que Deus está en cada elemento da Natureza. A metafísica ou o misticismo parécenlle ilusións absurdas da mente humana. Sostén que debemos renunciar a todo o pensamento aprendido, rexeitar as ideas recibidas. Curiosamente di non aceptar máis que o percibido polos sentidos, pero menciona con frecuencia a alma. Como epicúreo, renuncia ás ambicións e os desexos. Ao igual que Ricardo Reis, por veces transmite un consello moral, que pode ser irónico.

“Sejamos simples e calmos,
Como os regatos e as árvores,
E Deus amar-nos-á fazendo de nós
Belos como as árvores e os regatos,
E dar-nos-á verdor na sua primavera
E um rio onde ir ter quando acabemos.”

        O seu ideal é vivir sen falsas ilusións e desaparecer sen deixar rastro, como a ave que pasa, ou, en todo caso, como outros elementos da natureza, fundíndose coa terra. Aínda que ás veces a vida lle parece un soño, non acepta teorías como o eterno retorno porque o cambio é continuo. En O pastor amoroso amósase namorado e rexeitado pola muller amada, rexeitamento que acepta con resignación. Ao igual que Reis,Campos e o propio Pessoa, seguindo a tradición estoica, asegura que tampouco se conmove ante as inxustizas do mundo.
        Como mostra da súa actitude ante a vida, pódense lembrar algúns dos seus versos, escritos case como o seu propio epitafio:

“Fui feliz porque nâo pedí coisa nenhuma,
Nem procurei achar nada,
(...)
Nâo desejei senâo estar ao sol ou à chuva
(...)
Amei e nâo fui correspondido porque nâo tinha que ser assim.
É melhor para ver. O sentimento distrae.”


        Álvaro de Campos é talvez o máis auténtico e extravagante dos heterónimos pessoanos. Natural de Távara, formouse como enxeñeiro en Escocia, pero vagabundea, desocupado, por Lisboa. Discípulo de Caeiro, de Walt Whitman e dos futuristas, posúe un carácter inquedo, neurótico, incontrolable, que o fai moi sensible á angustia producida pola vida moderna. A súa actitude ante a vida é oposta á dos seus compañeiros.
        Comeza sendo un poeta decadentista, ansioso de escandalizar a sociedade burguesa en “Opiario”, que revela influencia dos poetas franceses e de Cesário Verde. Usando unha métrica tradicional, escribe a modo de diario, improvisando, nun estilo pouco elevado e cunha sinceridade chocante, sobre a súa visión da vida. Manifesta, de xeito desmesurado, a súa ideoloxía monárquica “mais non católica”, o seu horror ante a existencia, o seu tedio, o seu desexo de suicidarse, o seu desgusto consigo mesmo por considerarse vago, colérico, masoquista. Todo isto condúceo a un perenne desasosego e ao consumo do opio.


        Logo transfórmase nun poeta sensacionista –na súa terminoloxía- e escribe unha serie de “odas” cun verso libre imitado de Whitman, a quen rende homenaxe. Trátase de longos poemas que figuran entre as obras mestras da poesía vangardista. En “Ode Triunfal” canta o mundo moderno, como fixo previamente o autor americano, pero, no medio da gabanza, introduce críticas que revelan unha visión pesimista e lúcida dos seus terribles defectos: os desastres de todo tipo, a carreira armamentística, a corrupción, a degradación das clases sociais marxinadas, a neurose provocada pola rapidez. Os seus sarcasmos e a súa linguaxe libérrima anticipan algúns aspectos da poesía social dun Celso Emilio Ferreiro.


        “Ode Marítima” é, por si mesma, un libro que posúe unha estrutura musical na cal se xoga cos ritmos adecuando contido, métrica e linguaxe literaria. É unha experiencia literaria enriquecedora lela ao mesmo tempo que De catro a catro, de Manuel Antonio, observando as súas semellanzas e as súas diferenzas. O autor rianxeiro elabora de xeito persoal moitos dos temas e ideas de Pessoa, como este fixo con Whitman. A diferenza fundamental é que Manuel Antonio en “Intencións”, “Recalada”, “A fragata vella”, “Balada do pailebote branco” ou “Adeus” expresa as vivencias e pensamentos dun mariñeiro nunha viaxe por mar, en tanto que Álvaro de Campos se deixa levar polas súas fantasías vendo entrar un paquebote no porto de Lisboa e sabendo que nunca embarcará. Case de maneira automática, a súa imaxinación voa ata perder por momentos o control e manifestar, no cume da súa excitación, desexos e pensamentos abertamente escandalosos. A consciencia de levar unha vida inútil provoca o seu anhelo de viaxar, de experimentar as sensacións doutros seres humanos, de ser unha especie de Deus capaz dunha existencia ubicua e atemporal. A diferenza de Caeiro e Reis, non desexa conformarse cunha existencia modesta; polo contrario, ansíao todo, non acepta os seus límites a proclámase rebelde dun xeito neurótico e exaltado que só se calma ao lembrarse da infancia, unha especie de paraíso perdido, grazas, sobre todo, á inconsciencia da que gozaba o rapaz que foi.
        Noutros poemas, como “Lisbon Revisited (1923)”, “Lisbon Revisited (1926), “Tabacaria” e tantos outros, manifesta, de xeito máis discreto, a súa visión da vida e de si mesmo.


        Álvaro de Campos, que posúe tantos aspectos formais de Whitman, oponse a este na súa actitude ante a vida, pois carece da serenidade e do humanitarismo do autor americano. Comparte con este a ambigüidade sexual e o intento de adoptar múltiples personalidades, pero o seu carácter neurótico –en que o autor deixou bastante de si mesmo- aparece unha e outra vez para presentar de xeito maxistral a angustia do home moderno. Solitario e lúcido, presenta, como nun diario, a súa vivencia da cidade de Lisboa en busca de si mesmo. A conclusión é profundamente pesimista: ninguén pode saber quen é, a vida é unha sucesión de mortes que carece de sentido, a esencia do home é a nada. Os poemas presentan a miúdo un carácter reiterativo, mais de vez en cando aparece a reflexión orixinal ou a expresión brillante dunha sensación.

        Álvaro de Campos tamén é autor dun virulento manifesto vangardista titulado Ultimatum, no cal dirixe feroces críticas a algúns dos autores máis coñecidos da época e sostén que os poetas novos deben buscar unha poesía obxectiva que abarque a sensibilidade da maior cantidade de persoas.


En canto á obra asinada polo propio Pessoa –o poeta ortónimo-, figura fundamentalmente nos poemarios portugueses Mensagem e Cancioneiro e nos ingleses Antínoo e Sonetos.


O primeiro, único libro en portugués que publicou en vida, divídese en tres partes: “Brasâo”, “Mar Portugués” e “O Encoberto”. Usando métrica clásica e deixándose influír por autores varios, ofrece unha visión persoal do pasado portugués, exaltando a época en que se lanzou á conquista dos mares e escollendo algúns personaxes polo seu carácter simbólico. Entre eles destaca o rei don Sebastián, morto en plena mocidade nunha batalla acontecida no norte de África no século XVI. Como o rei Arturo, a lenda predicía o seu regreso para devolver a Portugal o seu esplendor. Pessoa imaxina a chegada dun “Quinto Imperio”, de carácter espiritual, e chama os seus compatriotas á acción.


Cancioneiro é un conxunto de poemas moi variados escritos ao longo de moitos anos. Formalmente é máis clásico e tradicional que a obra dos heterónimos, pero recolle ocasionalmente algunhas das ideas destes, non en balde o autor tamén se declara discípulo de Caeiro. Talvez se parece, sobre todo, á poesía de Ricardo Reis, pero resulta máis pesimista, acusando en maior medida a influencia de Schopenhauer e anunciando as ideas do Existencialismo: os homes viven presos de esperanzas vas que os angustian e, cando conseguen certo repouso, sofren o tedio da existencia. Por iso non é estraño que aconselle:

“Dorme, que a vida é nada!
Dorme, que tudo é vâo!
Se alguém achou a estrada,
Achou-a em confusâo,
Com a  alma enganada.”

Mais non sempre é así. Como Álvaro de Campos, por veces búrlase de si mesmo, aínda que amosa menos acritude. Como Caeiro, manifesta ocasionalmente sentimentos amorosos, incluso de xeito petrarquista. Influído pola teosofía, escribe sonetos enigmáticos como os de “Passos da Cruz” ou máis tradicionais, como os de “Em busca da beleza”. Cultiva, asemade, a poesía interseccionista, segundo a cal se pretende captar varias sensacións cruzadas, en “Chuva Oblíqua”.


Dos libros ingleses, tal vez chama a atención o titulado Antinous, dedicado ao rapaz amado polo emperador Adriano.


Ao escritor ortónimo tamén se lle poden atribuír, entre outras obras, unha peza de “teatro estático” –O Marinheiro- e un obra narrativa –O banqueiro anarquista-. A primeira é un poema dramático simbolista, no cal tres doncelas, situadas nun castelo fronte ao mar, dialogan sobre as súas lembranzas e os seus soños. Unha delas soña cun mariñeiro que vive nunha illa solitaria. Ao final xa non saben se o mariñeiro vive no seu soño ou elas son un soño do mariñeiro, así como os homes soñan con Deus e ao mesmo tempo poden considerarse un soño deste. 


A segunda é un diálogo no cal un banqueiro de orixe humilde tenta convencer a un personaxe innominado, con argumentos interesantes e sofismas, de que é un anarquista coherente. Rexeitando, por unha banda, a violencia e a revolución porque a experiencia di, na súa opinión, que conducen á ditadura, e, por outra, os movementos colectivos porque sempre unha minoría impón a súa vontade, procurou, de xeito individualista, minar as convencións sociais que consagran a inxustiza. Para conseguir a liberdade individual, considerou necesario ser dono do diñeiro, de modo que a loita individual pola liberdade o conduciu á situación en que se atopa grazas ao seu talento natural e o seu esforzo. Así, pois, Pessoa case nos presenta, en lugar dun anarquista, un superhome nietzscheano. Nin que dicir ten que el rexeitaba tanto o socialismo como o anarquismo.


Por último, cabe dicir algo dunha obra que finalmente é atribuída a Bernardo Soares, a quen o autor non consideraba un heterónimo pleno, por posuír moitos dos seus trazos persoais: o Livro do desassossego. Composto por moitísimos fragmentos atopados de xeito desordenado no seu baúl, ten sido reconstruído de varias formas. Na actualidade adoita comezar cunha presentación en que o autor conta como coñeceu a Bernardo Soares, oficinista que vive solitario nunha pensión. De seguido aparecen, a modo de diario, impresións da vida lisboeta, descricións de paisaxes e reflexións do personaxe que fan lembrar os poemas de Álvaro de Campos.


Bernardo Soares é o home que atura unha existencia monótona e cutre na oficina e procura vivir autenticamente nos seus soños. Por un lado está o mundo material e, por outro, o mundo da arte. Ambos chegan a producir tedio, mais son, para el, moi diferentes, aínda decatándose da vaidade de toda actividade humana. A vida cotiá da cidade, os cambios estacionais, as experiencias como individuo aparecen recollidas nas páxinas deste libro, ás veces de modo poético, con gran sensibilidade. É curioso atopar nel expresións que tempo máis tarde utilizaría Sartre para expresar as principais ideas do Existencialismo.

Como se pode ver, aínda deixando a un lado boa parte da obra pessoana, esta é moi variada. Talvez é demasiado reiterativa porque, en gran medida, o autor non chegou a seleccionala e preparala para a edición, pero encerra momentos brillantísimos, que obrigan ao lector a reflexionar sobre a súa propia existencia.


Na nosa biblioteca, pódense atopar, sobre todo, edicións dos poemas de Alberto Caeiro. Na rede, encóntranse moitas obras do autor, así como artigos e incluso sitios web dedicados a comentalas.