XANEIRO
CARSON
MCCULLERS
A escritora estadounidense Lula Carson
Smith naceu en Columbus (Georgia) en 1917 e morreu en Nyack (Nova York) en
1967. Presentouse a si mesma como unha rapaza estraña, con inclinacións
artísticas, que aos 18 anos se namorou de Reeves McCullers, con quen casaría en
1937 e 1945, despois de divorciarse en 1941. Dende a adolescencia padecería
unha serie de enfermidades que converterían nun tormento a súa existencia. O
alcoholismo, a inestabilidade emocional, o suicidio do seu marido...
contribuíron á súa desgraza. Talvez por todo o anterior a súa obra é breve.
Dentro desta, podemos destacar as obras
narrativas The Heart Is a Lonely Hunter
(O corazón é un cazador solitario), Reflections in a Golden Eye (Reflexos nun ollo dourado), The Member of the Wedding (A compoñente da voda ou Frankie e a voda), The Ballad of the Sad Cafe (A
balada do café triste), Who Has Seen
the Wind? (Quen viu o vento?), Clock Without Hands (Reloxo sen agullas) e os contos
incluídos na obra póstuma The Mortgaged
Heart (O corazón hipotecado),
onde se inclúe un esbozo da primeira novela titulado The Mute (O mudo); as
obras teatrais Frankie and the Wedding
e Reflections in a Golden Eye
(versións das súas novelas) e The Square
Root of Wonderful (A raíz cadrada da
marabilla); un libro de poemas infantís, Sweet as a Pickle and Clean as a Pig (Dóce como un cogombro e limpo como un porquiño); un libro de
memorias inacabado, Illumination and
Night Glare (Iluminación e fulgor
nocturno), e unha serie de ensaios breves dedicados, sobre todo, á
literatura.
Carson McCullers é incluída dentro dun
grupo de autores etiquetados coa denominación Gótico Sureño, xunto con
escritores de distintas xeracións como William Faulkner, Erskine Caldwell,
Flannery O’Connor, Katherine Anne Porter, Joyce Carol Oates ou Cormac McCarthy.
Non se amosou moi de acordo con esa catalogación, pois a palabra “gótico” tiña,
na súa opinión, resonancias románticas e ía unida a connotacións como grotesco,
anormal, esaxerado, deforme... No seu breve ensaio “O realismo ruso e a
literatura do Sur” trata o tema. Comeza aludindo concisamente a circunstancias
sociais, pois manifesta que os estados do Sur son tratados como colonias do
Norte, de modo que o seu atraso económico provoca tal situación de miseria que
a vida humana ten escaso valor, ao contrario do que sucede cos bens materiais.
Na súa opinión, a pobreza e o escaso valor da vida humana son dous trazos que
unen o Sur americano coa Rusia do XIX e explican as semellanzas existentes
entre as literaturas de ambos espazos xeográficos.
Realistas rusos e narradores do Sur
procuran presentar a alma do ser humano sen idealismos, mesturando o grandioso
co trivial, o sagrado co licencioso, o tráxico co humorístico, de xeito que
pode producir unha sensación de insensibilidade ou mesmo de crueldade, que, por
outra parte, se pode atopar incluso na Biblia ou na traxedia grega. Ambas
literaturas, ó seu xuízo, sitúan os seres humanos nun mundo falto de harmonía,
cun sistema de valores incerto; por ese motivo son seres desgraciados que se
adaptan mellor ou peor á infelicidade e á carencia de sentido da vida.
Carson McCullers pensa que a literatura
do Sur debe aproximarse á de Tolstoi ou Dostoievski no sentido de que debe
reflectir de modo realista a súa sociedade procurando evidenciar o seu sentido
simbólico máis profundo.
As súas obras presentan moitos aspectos
autobiográficos. McCullers comprácese en lembrar o mundo sureño da súa infancia
e adolescencia: os calorosos veráns, a monotonía, a discriminación racial... A
miúdo sitúa, en medio dunha serie de personaxes curiosos e estraños, unha
rapariga que chega a adolescencia, imaxinativa, sensible, ansiosa de escapar e
ver mundo, por unha parte, e de atopar unha persoa que a comprenda e a ame, por
outra. Moitos deles son seres inadaptados, solitarios e soñadores polos que a
autora sente, con frecuencia, ternura e compaixón.
O
corazón é un cazador solitario é a súa sorprendente primeira novela,
escrita antes dos vinte e tres anos, aproveitando relatos anteriores. Con
extraordinaria intuición, presenta un feixe de personaxes memorables
relacionados co café New York ou a pensión dos Kelly nunha vila georgiana: o
xordomudo Singer –unha especie de príncipe Mishkin ou Aliosha trasplantado, con
evidentes mutacións, ao Sur estadounidense-, o doutor Coleman –afroamericano defensor
dos dereitos humanos, que podería considerarse un modelo para Martin Luther
King, aínda que carece da súa fe relixiosa-, Jake Blount –sindicalista sen
carisma, inadaptado e bebedor empedernido-, Biff Brannon –dono de café,
interesado nas persoas estrañas que alí acoden- e Mick Kelly –adolescente
estraña e inqueda que posúe algúns trazos autobiográficos. Ao longo de pouco
máis dun ano as súas vidas sofren algún proceso de deterioro que no primeiro
caso chega á morte. Trátanse diversos temas que caracterizarán a obra de
McCullers: a soidade esencial do ser humano, o saudade de algo impreciso, o
contraste entre a realidade e o desexo, a denuncia da inxustiza e o racismo...
Este último é un dos aspectos máis admirables da autora, que adoptou sempre
unha actitude valente ante a súa sociedade. O doutor Coleman manifesta, en
parte, a opinión da autora cando di –antes da II Guerra Mundial-: “Os nazis
rouban aos xudeus a súa vida legal, económica e cultural. Aquí o negro sempre
estivo privado destas cousas. E se non tivo lugar un roubo total e democrático
de diñeiro e artigos, como en Alemaña, é simplemente porque aos negros nunca se
lles permitiu reunir riquezas”.
Reflexos
nun ollo dourado pode entenderse –así o fai algún crítico- como unha sátira
dirixida ao exército e a institución familiar. Aparecen, de novo, seres moi
peculiares nunha historia en que se anuncia un crime que non se saberá a quen
afecta ata o derradeiro intre. A infidelidade matrimonial, a homosexualidade, a
frustración sexual ou materna, a existencia instintiva, a extravagancia, a
loucura... son moi importantes nesta historia tráxica que atrapa pola súa mesma
rareza e a súa intensidade, pois case cada detalle ten un sentido profundo.
A
balada do café triste é unha novela breve maxistral cuxo narrador é a
encarnación da mentalidade sureña, coa súa sabedoría, as súas supersticións e
os seus prexuízos. Vivindo nunha localidade perdida, mísera e ignorante do
interior de Georgia, presenta con estraña sensibilidade a natureza, o paso do
tempo e a evolución duns personaxes atrabiliarios entre os cales destacan a
señorita Amelia, o seu marido, de quen vive separada, Marvin Macy, e un curioso
recén chegado, o “primo Lymon”. Tense dito, con razón, que Amelia, que posúe
máis trazos de home que de muller, é o polo oposto da tradicional e idealizada
muller sudista tal como a mostra, por exemplo, Margaret Mitchell na súa
espléndida novela –non entremos nalgún aspecto da súa ideoloxía- Gone with the Wind; mais, con todos os
seus defectos, esperta a simpatía e a compaixón do lector tras ser tratada
cruelmente.
Coa noveliña foron publicados varios
contos entre os cales destacan “O alento do ceo”, sobre unha rapariga
angustiada pola doenza, a soidade e a chegada da morte; “Wunderkind”, sobre
outra adolescente amargada pola esixencia que os adultos cargan sobre os seus
ombreiros; “O transeúnte”, en col do individuo que, descobrindo a falsidade do
seu modo de vivir, sente o desexo de cambiar; “Unha árbore, unha rocha, unha
nube”, onde un individuo estraño, nun café, reflexiona sobre a vida e defende a
necesidade de amar, comezando polo máis simple; “Dilema doméstico”, que trata
sobre a indecisión dun marido que ama e odia á súa muller, vítima do desarraigo
e o alcoholismo, que pode conducir a familia enteira ao desastre,
ou “Os sete mortais”, estampa lírica que exalta a sensibilidade musical
da raza negra ao mesmo tempo que denuncia a discriminación da que é obxecto.
Frankie
e a voda presenta un momento crítico da existencia dunha rapariga de 12
anos precoz e desacougada que, sentíndose rexeitada polo seu pai e as súas
antigas amigas, desexa fuxir da súa vida monótona nunha vila georgiana
acompañando ao seu irmán e a súa esposa. A autora, imitando á súa maneira a
Proust, analiza con parsimonia as sensacións, ideas e lembranzas da
protagonista facendo crer ao lector que pesa sobre ela un destino tráxico,
cando realmente a desgraza agarda ao seu inocente curmán, John Henry, e, en
menor medida, á súa criada afroamericana, Berenice, a soñadora dun mundo en que
non existan as razas, quen, a pesar do cariño que sente pola familia á que
serve, quedará á marxe da súa mellora social.
Quen
viu o vento? é un conto longo de final aberto, situado en Nova York, que
abrangue unhas poucas horas da vida dun novelista fracasado, Ken Harris, quen,
a consecuencia do seu bloqueo mental, cae no alcoholismo, a violencia familiar,
a perda da dignidade, a loucura e quizais o suicidio. O título, inspirado por
unha canción infantil, ten un evidente carácter simbólico, pois o vento tanto
pode representar o carácter voluble, vaidoso e tolo do protagonista, como o
paso do tempo, que leva consigo todas as falsas ilusións. Á maneira do seu
admirado Dostoievski, McCullers mestura o ridículo coa traxedia.
Reloxo
sen agullas sitúase nun lugar de Georgia, Milan, nos anos cincuenta, para
presentarnos basicamente o que afecta a catro personaxes: J. T. Malone,
boticario cunha doenza terminal; Fox Clane, xuíz racista, de ideas reaccionarias;
Jester Clane, o seu neto, que desexa amosarse liberal e progresista; e Sherman
Pew, mozo afroamericano que anhela un cambio social. Preséntase unha sociedade
dominada pola violencia racial, que culmina no asasinato de Sherman organizado
por un grupo de individuos que desexan dar marcha atrás no tempo ou negarse ao
cambio inevitable. A autora declara ao principio da novela que a morte é sempre
a mesma, pero cada home morre ao seu xeito, e amósao cos distintos pasamentos
dos seus personaxes. Tense destacado que, como Tolstoi en A morte de Ivan Ilich, McCullers reflexiona, por medio do seu
protagonista, Malone, sobre os erros da súa existencia, a soidade esencial do
home, o sentido do sufrimento...
En canto á súa única obra creada orixinalmente para o teatro, A raíz da cadrada da marabilla, McCullers explicou que foi un intento de exteriorizar dalgún xeito a vivencia do suicidio do seu marido. Presenta un escritor alcohólico acabado de saír dunha clínica de rehabilitación, Philip Lovejoy, que desexa reconstruír o seu matrimonio, pero atopa a súa muller, que aínda sente algo por el, namorada doutro home. Véndose rexeitado ou como un estorbo, decide poñer fin á súa vida.
De Reflexos
nun ollo dourado cabe sinalar que, ademais de converterse nunha obra teatral,
foi levada ao cine por John Huston, amigo da autora.
Iluminación
e fulgor nocturno, publicado postumamente como unha autobiografía, é un
libro heteroxéneo que inclúe lembranzas, cartas e incluso un esbozo da súa
primeira novela. As iluminacións eran para a autora unha especie de intuicións
ou revelacións imprevistas que impulsaban a súa creación literaria.
Para animarvos á lectura de Carson
McCullers, tedes na biblioteca un exemplar de A balada do café triste, que impresionou a autores como Antonio Muñoz
Molina ou Claudio Rodríguez, e na rede encontraredes unha páxina estupenda,
Literatura.us, que ofrece unha versión das súas mellores obras.