01 abril 2022

AUTOR DO MES DE ABRIL: CELSO EMILIO FERREIRO

 


O AUTOR DO MES

ABRIL



CELSO EMILIO FERREIRO


O presente traballo consta de dúas partes: a primeira é unha nota biobibliográfica coa que, desordenada, puxemos a proba ao noso alumnado a profesora Mar Rúa e mais eu; a segunda é unha reseña das principais obras de Celso Emilio que debe moito ás aportacións de María Ángeles Borreguero, Xosé Luís Méndez Ferrín, María Victoria Moreno, Xesús Rábade e outros autores dos que fun tomando informacións para as miñas clases. Inevitablemente veñen á memoria compañeiros e “discípulos” cos que anos atrás compartín preguntas e comentarios.


Celso Emilio Ferreiro Míguez naceu en Celanova en 1912. Na súa xuventude fundou, con Xosé Velo, a Federación de Mocidades Galeguistas. Participou na Guerra Civil na fronte de Asturias. Estando de permiso en Celanova, con motivo dunha doenza da súa nai, foi encarcerado no mosteiro desta vila (fundado no século X por San Rosendo e utilizado daquela como cárcere político), por falar mal das autoridades franquistas. Pasou catro días e tres noites nunha mazmorra, pensando que o ían fusilar. Esta experiencia inspirou un dos seus poemas máis coñecidos, "Longa noite de pedra", que daría título ao seu libro máis importante. Trala Guerra Civil, en 1943, casou con Moraima, unha moza asturiana a quen lle dedicara dous anos antes un libro de poemas escrito en castelán, Al aire de tu vuelo.


                                               

En 1947 fundou, en compaña de Manuel Cuña Novás e Fermín Bouza Brei a colección de poesía Benito Soto, composta, na súa maioría, por volumes escritos en galego, nun momento en que o uso do idioma do país en actos públicos estaba prohibido, a súa utilización no prelo era case inexistente (entre 1935 e 1946 non aparecen a penas libros escritos na nosa lingua) e os galego-falantes eran presionados psicoloxicamente para comunicarse sempre en castelán (incluso mediante a publicación de panfletos como o seguinte, repartido en 1955 na Coruña: "Hable bien. Sea patriota. No sea bárbaro. Es de cumplido caballero que usted hable nuestro idioma oficial. ¡Viva España y la disciplina de nuestro idioma cervantino! ¡Arriba España!"). En 1955 publica a súa primeira gran obra, O soño sulagado, e, sete anos despois, Longa noite de pedra. Esta obra ten dúas citas iniciais que amosan a poética do autor: "Ser dun tempo e dunha terra. Eis o segredo da poesía máis humana e verdadeira" e "Nao quero mais saber do lirismo que nao é libertaçao". Por eses anos, responde a unha enquisa realizada por Fernández del Riego en sentido afín, manifestando que os poetas galegos "teñen que fuxir da arqueoloxía estéril e do ruralismo pedáneo (...), teñen que mergullarse (...) no mundo social da nosa terra; nos problemas vivos do noso tempo; nas angurias das nosas xentes. Pero con ollos recén abertos, con palabras de hoxe, con fórmulas novas (...)". Fiel a esta concepción da poesía, Ferreiro toma partido polos oprimidos que observa ao seu redor, convértese nun escritor belixerante e escribe poesía social -á que el denomina "civil", porque estima que "social" é toda poesía. Trata de maneira directa e eficaz temas universais, como a ameaza nuclear ou o problema racial dos Estados Unidos, e temas especificamente galegos, como a miseria do labrego, empregando sempre unha linguaxe popular. En 1964 participa na fundación da Unión do Pobo Galego, partido marxista-leninista que, ao considerar a Galicia unha nación colonizada, se propoñía como obxectivo primordial a súa liberación. O noso autor rompe con este partido clandestino en 1969.


Antes, en 1966, emigra a Venezuela, onde escribe basicamente oito libros que viron a luz e distintos lugares: Viaxe ao país dos ananos (1968), Terra de ningures (1969), A fronteira infinda (1972), Cemiterio privado (1973), Antipoemas (1974) -publicado previamente, en castelán, en 1972-, Onde o mundo se chama Celanova (1975), Cantigas de escarnio e maldicir (1968) e Paco Pixiñas (1970) -os dous últimos, asinados co seudónimo ou heterónimo de Arístides Silveira-. Viaxe ao país dos ananos provocou agres polémicas tanto en Galicia como nos países da emigración, porque, co apelativo de "ananos", satirizaba aos galegos que se enriqueceron na emigración sen reparar nos medios e logo esqueceron, como "resiñadas ovellas", a súa terra e os seus paisáns. Cemiterio privado e unha recolleita de poemas-epitafio nos cales, de maneira innovadora e lapidaria, con extraordinario enxeño e ironía, retrata tanto figuras universais como figuras relacionadas co mundo social galego. En Antipoemas denuncia o mito da sociedade do benestar, o capitalismo multinacional e, humoristicamente, a "cocacolonización" do mundo. En Onde o mundo se chama Celanova reúne poemas inspirados na súa infancia e, sobre todo, poemas que supoñen unha homenaxe a Moraima, que é a destinataria e mesmo a figura central dalgunhas composicións. Celso Emilio Ferreiro morreu en Vigo en 1979.


OBRA POÉTICA



O soño sulagado


En O soño sulagado, ofrécese unha visión pesimista da existencia humana, que, por veces, está preto da misantropía do Eclesiastés: "A vida non é nada", pura inconsistencia; os homes foxen no tempo, como ratos, en procura dun burato onde acochar, que é a morte ("Os ratos").

"Un home é unha cousa que cavila,/ cismando sempre, sempre amargurado", angustiado polo medo nacido da súa soidade e de diversas circunstancias sociais (guerra, violencia...) que destrúen as súas ilusións. O medo, a soidade, a fugacidade dunha vida amarga e a presencia constante da morte angustian ao home, que, en procura da liberación ou, polo menos, dunha resposta, invoca a Deus; pero Este permanece impasible, contemplando a súa "longa noite".

Chama a atención, precisamente a variedade de tratamentos de que é obxecto a figura de Deus nesta obra. Mesmo se pode dicir que é tratada de xeitos contraditorios: por unha banda, Deus é o gran soñador que crea o mundo en procura de compaña ("Oración polos parvos", "Eu en ti"); por outra parte, é un improvisador, un mal creador ("Oración polos parvos"). Sempre silencioso e axexante, nunca dá resposta ás preguntas angustiadas do home; pero o autor sente que nos momentos máis felices (a infancia, por exemplo) Deus estaba con el, mentres que nos momentos desgraciados Deus está ausente ("Nai"). Por outra parte, Celso Emilio ofrece unha visión un tanto inagardada, quizais burlona, ao identificar a Deus co tempo e ao home cun anaco de tempo, pola súa fugacidade: un fragmento de Deus, polo tanto.

Pódese salientar, así mesmo, que o tratamento do tema de Deus vai asociado frecuentemente ao laio pola desgraciada situación social.

Outro asunto fundamental do poemario é o tempo, que, comparado co río ou co muíño, corre fugaz, deixando o sentimento da saudade e a ruína no interior da persoa ("Frol de outono").

Celso Emilio, ante a fealdade e a inxustiza do mundo en que vive, vóltase cara ao pasado, idealizando a súa infancia e xuventude, e entoa o clásico tema do "Ubi sunt?" ("Cantiga de amor cicais") -se ben nalgún poema alude a sentimentos non precisamente ledos sufridos na súa infancia ("O medo"). E, ao voltarse cara ao pasado, idealiza, así mesmo, as terras onde se desenvolveu ("Moi lonxe" ou "O val"). O poeta arela o regreso á terra, de onde se sente desterrado, e ansía que o seu corpo descanse, á fin dos seus días, xunto ao dos seus antergos, cumprindo co ritual de servir de xerme para nova vida. Nestes poemas dedicados á terra natal, resoa un vago panteísmo. Das súas lembranzas, sempre lle restará unha visión positiva do mundo rural e outra contraposta, negativa, do mundo urbano, onde o home se converte nun ser inauténtico e corrupto ("O galo").

Da idealización de Celanova á idealización da paisaxe de Galicia, identificada case sempre coa montaña, só hai un paso. Galicia incluso é cantada indirectamente ao cantar a Asturias, semellante a ela en paisaxe e na cualidade de posuír unha fala propia.

Os poemas sociais son minoritarios en O soño sulagado: aproximadamente forman algo máis da cuarta parte do libro; e aparecen predominantemente na súa segunda metade: o primeiro poema de clara intención social, "Cantiga de amor cicais", ocupa o décimo sexto lugar. Debe terse en conta, non obstante, que algúns poemas intimistas encerran referencias sociais normalmente críticas.

Entre as realidades que son obxecto de sátira, cabe destacar:

1. O capitalismo.

2. O imperialismo e a bomba atómica ("Poema nuclear").

3. A guerra, sostida por intereses económicos na sociedade capitalista e defendida con termos "honorables" e hipócritas.

4. O asasino fascista ("Os fuxidivos", "O asasino").

5. A carencia de liberdade individual e colectiva.

6. A violencia e a opresión.

7. A emigración (á cal, non obstante, lle recoñece algún aspecto positivo, como a posibilidade de saír da miseria e acadar a liberdade). Neste aspecto amósase, en parte, como discípulo de Rosalía ("Historia dunha muller"). É curioso observar que, xa antes da súa experiencia en Venezuela, Celso Emilio sentía desprezo polos emigrantes enriquecidos mediante negocios deshonestos (Idem).

8. A burocracia e as distincións sociais, evidenciadas en "Palabras a un morto", "Historia dunha muller" ou "Poema nuclear", por exemplo.

9. Europa -baixo a que se oculta España, posiblemente, nun intento de eludir a censura- ("Cantiga de amor cicais", "Emigrantes").

10. O intelectual non comprometido ("Palabras a un morto"). En relación con esta crítica, débese considerar a louvanza dos rebeldes que perseguen a liberdade ("O aturuxo") e os poetas comprometidos co seu tempo, que se enfrontan á tiranía como "sombras" de Prometeo polo ben do seu pobo ("Curros, neno"). "Cantiga de amor cicais" é, posiblemente, o poema do libro que mellor reflicte a poética do autor: renuncia á poesía amorosa e intranscendente para dedicarse ao compromiso co home do seu tempo e o seu país. Tamén é evidente esta idea en "Palabras a un morto".

Ten chamado a atención o tratamento que o autor fai da figura da muller, a cal está, xeralmente, vista de maneira positiva. Como sinala Carmen Blanco, "polo que se refire á concepción global da muller no conxunto poético de Celso Emilio Ferreiro, cómpre sinalar a existencia dunha componente cristiá que se combina cun antiburguesismo de filiación máis ou menos marxista e cunha mitificación da nai propia da peculiar cultura tradicional galega".

O personaxe feminino máis destacado e mitificado é a nai, amada como protectora fronte ao medo da súa infancia, chorada trala súa morte, que o mergulla na soidade. No poema dedicado expresamente a ela ("Nai"), lémbrase a si mesmo, na súa compaña, baixo o abeiro de Deus ("Dios estaba con nós").

Carmen Blanco opina que a louvanza da nai como prototipo feminino está relacionada coa gabanza cristiá da maternidade e o simbolismo da nai na cultura autóctona (o mito da "matriarca" galega: agarimosa e forte, protectora e defensora da terra, a casa e a familia).

No poema titulado "Muller", o poeta canta a tódalas figuras femininas que o acompañaron familiarmente: nai. irmá, dona e filla:

"muller, irmá e nai, esposa e filla;

catro voces nun breixo, catro patrias

nunha soia bandeira estremecida"

Se neste poema o ton amoroso xa se albisca, é moito máis evidente en "Eu en ti", onde o poeta plasma unha visión hiperbólica e idealizadora do amor: este aparece fixado, como un destino, dende o comezo dos séculos, cando Deus procuraba compaña. E de novo aparece, lembrando a Moraima, en "Asturias", a derradeira composición do libro, na cal o poeta se amosa agradecido coa terra onde ela viu a primeira luz.

"Historia dunha muller" é un poema ben diferente dos anteriores; a muller que nos presenta non ten ningunha relación co poeta: trátase dunha de tantas desgraciadas viúvas dos vivos e nais que non teñen fillos coas que se solidarizou Rosalía. Soa e silenciosa, vai sufrindo, con aparente indiferencia, un destino cruel. Quizais se poida entender que esta muller anónima representa de xeito simbólico a Galicia, identificada por veces cunha muler silenciosa e sufrida que agarda por un mundo novo.

No resto dos poemas pódense atopar referencias á muller en diversas facetas ou roles sociais. En "Poema nuclear", por exemplo, alúdese de maneira despectiva ás "damas de beneficencia", representantes da burguesía que el odia cordialmente, e ás prostitutas -sobre as que el ten un xeito de pensar próximo ao tradicional, quizais relacionable coa ética cristiá, segundo C. Blanco. Fronte á nai, relacionada coa imaxe de María -virxinidade e maternidade-, érguese esta figura relacionable con Eva -sexualidade e "pecado"-.

En "O val" ou "Curros, neno", as mozas, en xeral, representan o erotismo, un afán de vitalidade sensual, curiosamente relacionado co paraíso perdido da nenez. A muller como elemento erótico é, así mesmo, perceptible en "Muller espida con mar ao fondo".

Por último, pódese citar a aparición dunha muller coñecida nun poema de circunstancias: "Postal a Carmen Conde desde Ourense".



Longa noite de pedra


Trala publicación de Cartafol de poesía, escrito en colaboración con Xosé Velo, en 1936, Celso Emilio reapareceu en 1954, con O soño sulagado, e no ano seguinte cun libro en castelán, titulado Voz y voto. A denuncia crítica, que aparecera en O soño sulagado e formara a totalidade deste libro, é a dominante en Longa noite de pedra, a súa terceira obra en galego.

Enfróntase ao sistema político español dende unha perspectiva socialista, marxista e antiburguesa, establecendo unha dicotomía opresión-liberdade. O presente é duro como unha pedra, un tempo de chorar. O medo e as relacións económicas inhumanas presídeno todo. O autor declárase ferido por ter contemplado tódalas formas de opresión. Fai alegatos en prol dos oprimidos, dos cales se sente voceiro, na esperanza dun mundo mellor. Ás veces pensa nunha idade dourada oposta á actual.

Entre os seus poemas, cabe destacar, pola súa significación -deixando á parte a súa calidade estética-, "Monólogo do vello traballador", considerado o primeiro poema social de tema obreiro a nosa literatura e plasmación poética da teoría da plusvalía; "María Soliña", crítica da Inquisición e de todo sistema opresivo; "Soldado" ou "Fábula do home e do lobo", denuncias da guerra desde unha perspectiva antibelicista.

Varios están dedicados á plasmación da súa poética: defensa da función social da literatura e da consecuente subordinación desta á transformación social e política.

Atópase, non obstante, poesía intimista, de tipo existencial, se ben en menor medida que en O soño sulagado. Nela trata temas como a morte, a mesquindade da propia existencia, o paso do tempo... Crea así unha poesía elexíaca: lamenta a mocidade perdida con tódalas súas ilusións, manifesta saudade pola terra natal e arela dunha nova vida. Pero o autor non tenciona que esta actitude elexíaca prevaleza, como revela en "O sono", onde expresa o seu intento de superar o existencialismo de posguerra mediante a entrega á redención nacionalista ("Quixera redimirme pola patria").

Non faltan tampouco os poemas de circunstancias, como os dedicados a Carles Riba, Joan Miró, os canteiros ou arxinas, Formentor ou Lugo.

En canto á forma, pode indicarse que mantén o mesmo esquema métrico do libro anterior (combinación de versos hendecasílabos brancos con versos doutras sílabas, en especial, heptasílabos). Outros trazos estilísticos son:

1. Rexistra numerosas adherencias á xeración de 1925, como o emprego de personificacións e outras imaxes tipicamente vangardistas: "o pandeiro da chuvia/ repenica unha maina melodía de outono".

2. O surrealismo xorde a miúdo: "un cincel roto/ proclamou a súa protesta./ Un cabalo/ dislocado, desbocado, agallopou frenético/ sobre cascos de pedra e de nitroglicerina".

3. Utiliza a miúdo un ton coloquial moi eficaz, aínda que pode caer en niveis de prosaísmo tosco e pouco expresivo.

4. O ton coloquial pode aparecer baixo diversas formas: epístola familiar, breve narración ou epigrama directo e aldraxante ("Goethe").

5. Utiliza ás veces a ironía ou o sarcasmo distorsionante na liña de Quevedo ou Valle-Inclán.

6. Acumula ás veces enumeracións de vocábulos típicos da burguesía: "Convocatoria urxente/ defensa postulados/ cotización finanzas, dividendos".

7. Utiliza onomatopeas típicas das bandas deseñadas: "ta, ta".


Viaxe ao país dos ananos

Foi producto do contacto coa emigración galega en Caracas (Venezuela). Acudiu alí para traballar na Hermandad Gallega. Quixo politizar en sentido nacionalista a organización, pero foi derrotado polos profranquistas. Doído, escribiu os vinteún poemas que constitúen a primeira parte do libro.

Comeza pedindo que xa ninguén saia de Galicia. Explica como abandonou a patria en busca de "irmáns perdidos". Chega con esperanza ao "oasis de luz" que para el é a Irmandade Galega no medio dunha cidade infernal. De seguida tal oasis transfórmase en "país dos ananos" ao encontrar a oposición e a animadversión dos seus dirixentes. Acúsaos de estaren vendidos ao capital das multinacionais a cambio do refugallo que este deixa. Fálalles en nome da terra, pero están xordos á súa mensaxe; esqueceron as súas raíces proletarias e incluso colaboran na explotación dos seus compatriotas. A mesquiñez de tal ambiente faino sentir un xigante nun país de ananos. Arremete contra a sociedade presa do imperialismo, ao tempo que confesa a súa angustia e depresión. Declárase defensor dos que padecen a inxustiza e arela a liberación do pobo "que morre de esperanza".

Estes vinteún poemas son, para Méndez Ferrín, o conxunto mellor da obra de Ferreiro, opinión coa que poucos están de acordo. Os demais poemas insértanse na liña de Longa noite de pedra.

En canto ao estilo e a métrica, obsérvanse as mesmas características, se ben aumenta a tendencia ao prosaísmo.


Cantigas de escarnio e maldicir


É resultado da mesma experiencia vital que orixinou o libro anterior. Foi publicado co seudónimo Arístides Silveira, nome utilizado por el para publicar os seus poemas máis críticos.

Trátase dun breve conxunto de poemas en clave só recoñecible por quen participou nas liortas políticas da colectividade galega de Caracas. Ataca cruamente ós directivos da "Hermandad Gallega".

É, pois, unha poesía directa, dirixida a persoas concretas, que asume a vella tradición dos cancioneiros medievais e do barroco castelán. Pode considerarse como unha obra menor que ilustra a súa vea satírica.



Terra de ningures

Trátase dunha colección breve de poemas escritos en lugares moi diversos, sobre todo en cidades latinoamericanas. Inspíranse frecuentemente en composicións populares ou tradicionais. Como é lóxico, ás veces amosan nostalxia da terra e dos seres queridos; en especial, de Moraima. Obsérvase, así mesmo, a preocupación cívica do autor ante as realidades inxustas. Expresa, por outra banda, admiración ante a paisaxe. Atópanse tamén os temas clave de Ferreiro: o xuízo pesimista sobre a existencia humana, o contraste entre a ilusión e a esperanza da mocidade e a amargura da madurez, a preocupación por Galicia, a angustia vivida no mundo infernal da cidade moderna. Inclúe algún poema de circunstancias, como unha louvanza do viño do Ribeiro: "Cantiga de Ribadavia".



Paco Pixiñas

Tamén publicado baixo o seudónimo de Arístides Silveira, é unha sátira desenfadada e crúa do labrego que, emigrado en América, descobre os segredos do comercio, xunta cartos e esquece as súas orixes. O personaxe, satirizado caricaturescamente, pode relacionarse cos aparecidos en Viaxe ao país dos ananos e Cantigas de escarnio e maldicir.

A obra consta dun limiar constituído por proverbios do suposto conde de Vimioso (outro dos seudónimos do autor), dúas partes atribuídas a Arístides Silveira e un epílogo de Celso Emilio Ferreiro.

Entre os proverbios, cabe destacar dous que revelan a intención ferinte do longo poema: "A home desleigado non se lle pode ter amor" e "A ignorancia obra monstros".

A primeira parte reflicte as penalidades dun labrego expostas por el mesmo. Todo é inxusto, pero hai unha superestrutura ideolóxica, representada en gran medida pola Igrexa, que impide a revolución necesaria.

A segunda parte reflicte os seus avatares na emigración: as penalidades iniciais, o descubrimento do comercio, o roubo, a explotación dos semellantes, o conservadurismo ideolóxico, o esquecemento das raíces. Remata co consello do protagonista aos galegos: que emigren e non protesten.

O epílogo é burlesco e cruel. O poeta fálalle a Paco Pixiñas despectivamente en nome de Galicia.



Cimenterio privado

Trátase dun libro no cal cultiva o epigrama con éxito. Gusta de presentar pequenas historias rematadas cun final imprevisto ou cómico. Moitos poemas conteñen o resume dunha vida, exemplificada con intención laudatoria ou satírica. Moitos destes poemas teñen, seguindo a directriz do título, un estilo lapidario.

Critica o odiado: a democracia burguesa, o poeta socialmente neutro, exquisito ou parásito, o asasino fascista, o policía, o vendedor deshumanizado, o optimista que non se decata das inxustizas... Neste aspecto, cabe destacar a utilización dun poema de García Lorca como pretexto para satirizar a un "anano" ou emigrante enriquecido e desleigado: "Ramón de Sismundi morre na tenda".

Louva o amado: os que conservan a fala, os perseguidos pola inxustiza ou o fascismo, a resistencia antifranquista... En xeral, louva ás persoas comprometidas, honradas, traballadoras, bondadosas... Detrás de moitas destas gabanzas, parece ocultarse o propio Celso Emilio, pois as virtudes que ensalza veñen a se-las súas. Remata o libro precisamente cun "Epi(logo)tafio", poema que leva unha nota que di: "Pra cando Celso Emilio fine, o ano MMC". Vese a si mesmo como un "benzoado de Deus", Prometeo que "morreu de paixón polo seu pobo", un "poeta" preocupado polos coitados. Amosa, como Pondal, preocupación pola fama póstuma.

Introduce, así mesmo, algún poema de circunstancias relacionado un tanto co tema da morte, como "Nota necrolóxica", inspirado na noticia, saída nalgún xornal da época, do seu suposto pasamento. Atópase neste poema un trazo típico de Ferreiro: a visión sinxela, un pouco burlesca, de si mesmo.



Onde o mundo se chama Celanova

Trátase dun libro desigual, no cal se reproducen poemas soltos, de distintas épocas; mesmo traduccións de Voz y voto.

Volve a tratar temas intimistas: a nostalxia da terra natal, a evocación da infancia perdida, a contemplación da terra como paisaxe na que ecoa o sentimento íntimo, o cansazo vital, a premonición da morte...

En especial, cabe destacar os poemas agrupados na sección de 1972, que forman como un libro autónomo. Diríxese a Moraima e vai constatando a nostalxia, a dor polo paso do tempo, a permanencia do amor, as esperanzas e os fracasos no camiño da revolución, etc.


Antipoemas

Este libro, que fai lembrar a obra do poeta chileno Nicanor Parra, é un eixe de poemas con citas incorporadas de procedencia moi diversa que funcionan como pretexto ou disparador dunha resposta literaria.

Persegue a finalidade de satirizar implacablemente: ao poeta conformista e non comprometido, a realidade rural galega, o imperialismo estadounidense, o capitalismo, a rebelión pequenoburguesa de maio do 68... (Véxase, como exemplo, "Crónica bursátil").

O sentido do título faise explícito no poema titulado "Poetas", onde di: "¿Pra que ser poeta/ en tempos de miseria?/ Pra bercerlle o sono ós poderosos,/ pro si non, podes facerte antipoeta/ pra ser hóspede do home". Polo tanto, identifica "poesía" con "poesía non comprometida" e "antipoesía" con "poesía de denuncia cívica".

Nalgún poema, louva, homenaxeando a Rosalía, a todas as nais galegas, en especial ás viúvas dos vivos e as viúvas dos mortos ("As matrias").

Segue a utilizar os procedementos de sempre: o prosaísmo, a anáfora, o paralelismo, a ironía, a enumeración caótica... Algunha composición aproxímase ao poema narrativo; por exemplo, "Crónica da Coca-Cola".


Libro das homenaxes

Obra moi desparella na cal se reúnen poemas anteriores, algúns aparecidos xa noutros libros.


OBRA NARRATIVA


Consta de dúas obras: unha colección de relatos titulada A fronteira infinda e unha especie de memorias noveladas, inacabadas, que recibiron o título de A taberna do Galo.



A fronteira infinda

Estes contos, moi diferentes en técnica narrativa -atópase desde o conservadurismo de "O galego Esteban" ata a innovación de "O alcalde" ou "As raigames no aire"-, naceron basicamente da experiencia americana do autor, de aí que amosen parecida ideoloxía e intención crítica. Denúnciase a penosa situación socio-política hispanoamericana -as ditaduras militares, as persecucións políticas, a tortura, o dominio dunha oligarquía dependente do capitalismo internacional- e a sociedade española -o franquismo, a crueldade inhumana da guerra civil, a represión da posguerra, a miseria rural, a emigración...

A lingua está moi coidada en todos eles, así como a estructura.



A taberna do Galo

Trátase dunha obra incompleta dividida en cinco partes bastante heteroxéneas, como indican os seus títulos: "Onde o Galo parola cun forasteiro e despois con Celso Emilio", "Onde se explican, clasificados por especies e maneiras, os alcumes da vila", "Onde se conta a historia dun burriño chamado Canuto", "Onde o Emiliño empeza a perder a inocencia" e "Onde o Emiliño perde a pouca inocencia que lle quedaba".

Celso Emilio lembra aspectos da súa biografía, deténdose especialmente en anécdotas da infancia e a xuventude de carácter amoroso e humorístico. Sen deterse de máis, aclara aspectos biográficos importantes na súa obra poética: os motivos da súa prisión no mosteiro de Celanova durante a Guerra Civil, as causas dos enfrontamentos no seo da Hermandad Gallega de Caracas...


OBRA ENSAÍSTICA



Dentro deste apartado, cabe destacar a súa biografía de Manuel Curros Enríquez, poeta celanovés e comprometido, ao que el se sentía moi vinculado.


Por último, quédame lembrar que na nosa biblioteca podedes atopar case a totalidade das obras comentadas, así que é doado atopar un intre para botarlle unha ollada aos seus libros.