05 xuño 2022

AUTOR DO MES. XUÑO

O AUTOR DO MES

XUÑO

 

MOLIÈRE

(París, 1622 – París, 1673)

 

Jean-Baptiste Poquelin estaba destinado a herdar os cargos do seu pai na corte e para iso realizou os estudos axeitados, pero aos vinte e un anos decidiu facerse comediante. Uniuse á compañía dos Béjart, namorado de Madeleine, unha das súas compoñentes. Entre 1643 e 1645 actuaron en París e fracasaron, polo que, a causa das débedas acumuladas, foi parar cos seus ósos á cadea. Entre 1645 e 1658 actuaron por provincias, gozando da protección dalgún nobre. Nesa época, xa co nome de Molière, foi adquirindo os coñecementos necesarios para triunfar como actor, autor, director e empresario, de xeito que, ao seu regreso a París, coñeceu tal éxito que foi protexido polo irmán do rei Luís XIV e por este mesmo, para quen preparou comedias e diversións. En 1662 casou coa filla de Madeleine, Armande, vinte anos menor ca el. Este matrimonio provocoulle bastantes rompementos de cabeza. Molière era home de vivas amizades e inimizades. Entre as primeiras figuraron personaxes célebres como Boileau, La Fontaine e Racine. Foi moi admirado como actor cómico, desempeñando normalmente, a diferenza de Shakespeare, o papel protagonista das súas obras. Morreu case sobre o escenario: mentres representaba Le Malade imaginaire (O enfermo imaxinario), el, que estaba gravemente enfermo de tuberculose, sufriu un síncope do que non se recuperou, xa que morreu poucas horas despois. A piques estiveron de non deixar enterrar o seu cadáver no camposanto. Como, ao parecer, actuaba cun traxe amarelo no intre do seu esmorecemento, é tradición que as xentes de teatro eviten esta cor, coidando que dá mala sorte.

 

Molière escribiu, en solitario ou en colaboración, case corenta obras. Estas teñen lonxitude moi diversa, pois abranguen de un a cinco actos. Están escritas tanto en verso como en prosa. Pertencen a distintos subxéneros, pero case todas poden incluírse dentro da comedia, entendida esta nun sentido amplo, que abranguería tanto a farsa como a traxicomedia á maneira española e, por suposto, a comedia pura, seguindo o ronsel da tradición grecolatina. Algunhas das máis coñecidas son comedias-ballet, denominadas así porque incorporan música, canto, danza, xogos escénicos e incluso fogos artificiais. Molière absorbeu todas as tradicións ao seu alcance, dende as máis humildes ata as máis elevadas. Como amigo de Boileau, respectou xeralmente a regra das tres unidades, aínda que, ás veces, dun modo un tanto libre. Foi fiel ao dito latino “castigat ridendo mores” ou ao principio clásico “ensinar deleitando”; os seus obxectivos eran “plaire et toucher”, é dicir, agradar e conmover, procurando satirizar os aspectos negativos da sociedade e as persoas para a súa corrección. Por iso fixo obxecto das súas críticas a médicos, escritores pedantes, nobres empobrecidos e fachendosos, burgueses arribistas, homes de leis deshonestos, devotos hipócritas...; incluso o propio rei e el mesmo parecen ser obxecto de mofa clara ou velada. Tratou temas universais, poñendo o foco nalgúns personaxes representativos dalgún vicio ou defecto. Xeralmente son individuos egoístas e caprichosos, que desexan impoñer o seu criterio sen razoar, aos cales criados, familiares ou amigos procuran facer recuperar a sensatez. Os seus argumentos resultan pouco orixinais e complexos; con moita frecuencia trátase de conseguir que dous mozos namorados consigan casar vencendo os obstáculos que interpón un individuo túzaro e teimudo. Polo xeral, os finais son felices, o cal parece indicar certo optimismo baseado na confianza do autor na natureza humana. É de destacar, como se sinalou antes, o papel positivo que, polo regular, representan mozos, criadas e amigos desinteresados. Como sinalan múltiples autores, ofrece unha visión realista da sociedade do seu tempo, finamente observada. Boileau chamábao, non en balde, “o contemplador”. Posuía excelente oído para captar as distintas falas: os acentos estranxeiros, as peculiaridades rexionais ou sociais, as xergas de cada profesión. Botou man, incluso, do latín macarrónico e dunha lingua inventada e absurda que pode considerarse un precedente do Dadaísmo. Aínda que ben instalado na sociedade dominada polo poder absoluto do seu protector, o Rei Sol, en ocasións deixa entrever os conflitos existentes entre os diversos estamentos sociais que un século despois darán lugar á Revolución Francesa.

 

L’Étourdi ou les Contretemps (O aparvado ou Os contratempos) pode considerarse unha obra representativa da súa primeira época, cando vai afinando os seus recursos compositivos. Trátase dunha historia enrevesada inspirada nas comedias latinas e as novelas italianas, onde abundan os accidentes, as separacións familiares e as anagnórises ou recoñecementos finais. Un criado pícaro e astuto, Mascarille, que reaparece noutras obras en distintas circunstancias, procura atopar un medio de satisfacer os desexos do seu amo, Lélie, quen desbarata case todos os seus plans de xeito inconsciente. Chama a atención que se alude ao problema dos piratas turcos, como no célebre poema dedicado ao asalto de Cangas no século XVII, fenómeno histórico que tamén afectou a boa parte das poboacións costeiras peninsulares.

 

Les Precieuses ridicules (As preciosas ridículas) representa o inicio das críticas a tipos de persoas da sociedade francesa contemporánea: neste caso ás mulleres provincianas coa mente obnubilada polo brillo de París e da corte, as cales, cegadas polas súas ilusións e fantasías, reciben a burla dos pretendentes que rexeitaron. De paso, exponse o problema ocasionado polos matrimonios concertados polos proxenitores sen atender á opinión das afectadas, tema reiterado nas comedias do autor.

 

Precisamente unha serie de obras dedícase a tratar a educación feminina, o matrimonio e os celos. Aínda que se trata dun tema estendido ao longo do tempo e do espazo, nalgún caso parece evidente que se trata dun aspecto que afectou vivamente á vida e a ideoloxía do autor.

En Sganarelle ou le Cocu imaginaire (Sganarelle ou o cornudo imaxinario), aparece outro dos personaxes que de varias maneiras representou sobre o escenario o propio Molière. Nesta ocasión trátase dun marido ridículo que cre ser enganado pola súa muller.

O tema dos celos infundados é tratado de modo máis serio en Dom Garcie de Navarre ou le Prince jealoux (Don García de Navarra ou o príncipe celoso), de ambientación hispánica. O autor, talvez por compracer a María Teresa, a esposa e curmá de Luís XIV, trata o argumento á maneira española, un tanto suavizada, e, segundo as crónicas, foi un fracaso.

O asunto da educación das mulleres e a súa preparación para o matrimonio é tratado especialmente en dúas obras complementarias, L’École des maris (A escola dos maridos) e L’École des femmes (A escola das mulleres), que provocaron unha polémica que afectou á situación familiar do dramaturgo, que dende entón viviu envolto en polémicas pese á protección real. Na primeira, dous irmáns na pendente da vellez son titores de dúas mozas tamén irmás ás que educan de xeito diferente pensando en convertelas nas súas donas. Ariste é partidario de darlle á súa pupila certa liberdade; Sganarelle, todo o contrario, por desconfiar dos homes e da sociedade. Será este o enganado pola astucia da súa amada, quen amosa gran enxeño para saír coa súa. Na segunda obra, outro vello, Arnolphe, fai todo o posible para casar coa súa pupila, a cal está namorada dun mozo.

A conclusión desta e outras obras é clara: as mulleres deben ser instruídas co riso e non con excesiva severidade, deben gozar de confianza e relativa liberdade xa que, se desexan ser infieis, a severidade só as instigará a realizaren o seu desexo. Talvez parece unha moral práctica e pouco elevada, pero Molière non é dado a ilusións. O caso é que, ante os ataques recibidos, sentiu a necesidade de xustificarse por medio de dúas obras: a Critique a l’École des femmes e o Impromptu de París (a Improvisación de París).

Porén, aínda que a anterior é a postura máis típica do noso autor, este era consciente de que as persoas e as circunstancias vitais son moi variadas, de aí que nalgunhas obras presente mulleres coquetas que amargan a vida dos seus pretendentes ou maridos. En Le Mariage forcé (O casamento á forza) aparece de novo Sganarelle, home rico e machucho, ilusionado ante a idea de casar cunha moza na que advirte graves defectos antes da voda, pero o pai e o irmán dela non lle permiten botarse atrás.

A muller fermosa, cínica e coqueta, que ve no matrimonio un medio de librarse do control familiar e de facer por fin o seu capricho, aparece tamén nunha das súas obras últimas, George Dandin ou le Mari confondu (George Dandin ou o marido burlado). Neste caso a situación complícase ao ser o protagonista un membro enriquecido do terceiro estado e formar parte a súa dona dunha familia da nobreza rural arruinada, pero fachendosa da súa liñaxe. Dandin ten a certeza de que a súa esposa, non sentíndose obrigada moralmente por un matrimonio de conveniencia en que non tivo nin voz nin voto, desexa serlle infiel cun nobre acabado de chegar da corte ante o que el, espírito apoucado, non pode facer nada por pertencer a un estamento inferior, indefenso ante outro protexido e privilexiado polas leis. Os seus intentos de desenmascarar á súa pícara e intelixente muller rematan sempre cunha humillación. O adulterio parece non consumarse, talvez para non ferir algunhas sensibilidades, pero Dandin chega a recibir as pancadas da súa muller, o cal pode ser significativo do estraño humor de Molière, pois el e a súa dona, que lle era notoriamente infiel, representaban os papeis principais da obra. Nun final típico de fabliau medieval, Dandin acaba afirmando que os casados cunha muller como a súa é mellor que se afoguen.

 

A relación adúltera entre persoas de distinta condición social trátase de maneira un tanto alegórica nunha adaptación moi persoal dunha comedia de Plauto, Amphitryon (Anfitrión), na cal o protagonista, xeneral tebano, ten que aturar o capricho de Xúpiter de deitarse coa súa dona, Alcmena, adoptando o aspecto do marido, o cal terá como consecuencia o nacemento de Hércules. A obra contén reflexións intencionadas e irónicas sobre a relación inxusta entre estamentos sociais que poden acadar ao mesmo rei e protector de Molière, Luís XIV, quen, segundo comenta algún historiador, naquel momento distanciara da corte ao marido da súa amante, Madame de Montespan. Non está descamiñado identificar ao monarca co rei dos deuses. Así, Mercurio, que fai o papel do seu criado, sostén que hai asuntos que, estando mal entre os “pequenos”, non merecen reproche entre os “grandes”; e o propio Xúpiter afirma que “Un partage avec Jupiter/ N’a rien du tout qui deshonore”. E talvez moitos pensasen o mesmo, tendo en conta as vantaxes que podían derivarse de compartir a súa esposa co todopoderoso monarca. Non é esa, porén, a opinión de Anfitrión, trastornado polos celos e o sentimento de deshonra, quen, cando aínda é descoñecedor de todo o sucedido, exclama “Xustos ceos!”, o cal debía espertar as gargalladas dos espectadores, incluso do mesmo rei.

 

Entre os anos 1664 e 1666, Molière compón as súas obras máis serias: Tartuffe ou l’Imposteur (Tartufo ou O impostor), Dom Juan ou le Festin de pierre (Don Juan ou O festín de pedra) e Le Misanthrope ou l’Amant atrabiliaire (O misántropo ou O amante atrabiliario).

 

Tartufo foi o seu drama máis polémico, ata o punto de que escribiu unha versión algo máis suavizada, co título de O hipócrita, para que pasase o control da censura. Molière, a quen identificaban co grupo dos “libertinos”, permítese satirizar a figura do “director espiritual”, que se fixera habitual nos lares da clase alta, o cal espertou a ira do “partido devoto”, encabezado pola raíña nai, Mariana de Austria. Nin o mesmo monarca puido poñerse claramente da súa parte, e iso a pesar do guiño do autor ao final da obra, cando o fai aparecer como un rei xeneroso e ben informado que imparte xustiza cando Tartufo parece que vai conseguir arruinar ao seu protector e á familia deste tras ser descuberto intentando seducir á señora da casa e manifestando a súa hipocrisía.

En Don Juan retoma o asunto da traxicomedia de Tirso de Molina El burlador de Sevilla o El convidado de piedra, a cal xa fora adaptada por autores italianos, de aí que apareza o personaxe de Pierrot, tomado da comedia da arte. O protagonista é presentado con todos os defectos agás a covardía; de feito, posúe un valor temerario. Ante todo, é un ateo que se comprace en non respectar ningún dos mandamentos: é sedutor de mulleres de toda condición, mentireiro, ingrato, despectivo... Ninguén, comezando polo seu criado Sganarelle, consegue modificar a súa conduta. Todo o máis, cando ve que a súa existencia se ensarilla, acepta adoptar unha máscara de respectabilidade, perfectamente hipócrita, sen variar de modo de vida, como, na súa opinión, fan moitos na súa sociedade, pois ve como, baixo un manto relixioso, ocultan a maldade e a corrupción. O seu final é o clásico, como corresponde ao gusto barroco, non o edulcorado de Zorrilla. Tense comentado que o Don Juan de Molière, debéndolle moito ao de Tirso, revela, coa esaxeración dos seus trazos, o desenfreo dos nobres aos que Luís XIV houbo de enfrontarse nos primeiros tempos do seu longo reinado.

 

O protagonista de O misántropo, Alceste, é máis humano, se ben peca así mesmo de esaxeración. Trátase dun individuo que odia a mentira social, a hipocrisía, o engano, pero está cegamente namorado de Celimène, unha dama fermosa e coqueta, que é o arquetipo desa sociedade. Cando as mentiras e o cinismo desta quedan expostas, el ofrécelle a posibilidade de viviren retirados do mundanal ruído, cousa que Celimène rexeita sen dubidar. Decepcionado, disponse a vivir en soidade, sen escoitar as voces dos poucos que o aprecian sinceramente. Molière presenta así un individuo honesto a quen a esaxeración e a incoherencia conducen a unha situación desairada e ridícula, polo que parece deducirse que o autor era partidario dunha actitude ante a vida pragmática, en busca do xusto medio, e do coidado das boas maneiras, a pesar do seu toque de hipocrisía, en prol dunha convivencia harmónica. Neste drama, pois, atópanse reflexións interesantes sobre a natureza do amor, a sociedade e a condición humana.

 

A pesar de que as obras anteriores parecen revelar unha visión da vida un tanto pesimista, o noso autor non deixou de lado a comedia pura e, ademais, atendendo aos gustos cortesáns, creou, en colaboración con músicos como Lulli ou Charpentier, as súas mellores comedias-ballet, auténticos espectáculos escénicos.

    Baseándose en fabliaux medievais e pezas populares, escribiu Le Médecin malgré lui (O médico a paus), onde recorre a unha ampla gama de técnicas humorísticas, sen renunciar ás máis bastas. De novo encarnou o papel de Sganarelle, un lacazán afeccionado ás mulleres (a pesar das liortas que mantén coa súa dona), o viño e os cartos conseguidos sen esforzo. Non obstante a visión burlesca que se ofrece do matrimonio, como noutras ocasións, trátase de imposibilitar un casamento de conveniencia a fin de que unha parella que se ama poida cumprir a súa ilusión. A sátira que se dirixe aos médicos volverá a aparecer en pezas posteriores como Monsieur de Pourceaugnac, onde o autor tamén se burla dun representante da nobreza provinciana, que correspondería en parte ao típico fidalgo español que, por ser “cabaleiro”, coida indigno traballar, se ben Pourceaugnac intenta facerse pasar por avogado que non exerce. Nunha sucesión de situacións disparatadas, o inxenuo señor é obxecto das mofas máis humillantes por parte dos pícaros parisinos.

 

Dos últimos anos son obras de todos coñecidas como L’Avare ou l’École du mensonge (O avaro ou A escola da mentira), Le Bourgeois gentilhomme (O burgués fidalgo), Les Femmes savantes (As mulleres sabias) e Le Malade imaginaire (O enfermo imaxinario).

 

O avaro, inspirada na Aulularia de Plauto, presenta un vello agarrado, Harpagon, que desexa casar coa moza pretendida polo seu fillo. Conta coa intervención dunha casamenteira, Frosine, de modo que pode relacionarse, dalgún xeito, a pesar das diferenzas, con El sí de las niñas e A casamenteira, obras que revelan a influencia do autor francés (non se esqueza que Moratín foi o seu tradutor ao castelán). O esencial da historia transcorre nun lar burgués do París contemporáneo, mais, para o desenlace, bótase man dunha historia enrevesada de raptos, mudanzas de fortuna e anagnórise final, como sucedía a miúdo nas comedias de Menandro, Terencio e Plauto ou nas novelas bizantinas e italianizantes.

 

O burgués fidalgo é a sátira do rico burgués que anhela identificarse coa nobreza, de quen procuran aproveitarse unha serie de profesores e un nobre tronado, Dorante, prototipo dos “marquesiños” dos que se burlou o autor. Abundan as escenas simpáticas, como en O enfermo imaxinario, onde un individuo cunha saúde de ferro resiste as mil e unha receitas que os médicos lle prescriben aproveitando a súa hipocondría. Estes son presentados como seres ignorantes, charlatáns, aproveitados, ladróns, en suma, que matan sen escrúpulos. En determinado momento dise que odian a Molière. Como en casos anteriores, o bo sentido dunha criada, uns familiares e un amigo evita que o protagonista, Argan, cometa un disparate e desenmascara ás persoas indignas de confianza, entre as cales se atopa a súa segunda muller.

 

Por último, As mulleres sabias, de título irónico, desenvolve e enriquece o tema tratado anos antes en As preciosas ridículas incorporando asuntos tratados noutras obras, como a hipocrisía, a mentira ou a vaidade dos homes de letras. Fundamentalmente búrlase das mulleres pretensiosas que desexan parecer cultas e desdeñan as ocupacións domésticas e familiares. As súas reivindicacións teñen, en boa medida, carácter feminista, pois desexan liberarse dos prexuízos machistas que pesan sobre elas, que se consideran tan ben dotadas como os homes para o traballo intelectual. Non queda claro que isto, hoxe comunmente aceptado, fose defendido polo autor, quen as critica (como noutras ocasións) pola súa esaxeración ao pretender ser aceptadas como xuízas do bo gusto seguindo ao pé da letra as ideas insensatas de autores vacuos e interesados como Trissotin. Para Molière, home de letras, a sabedoría non estaba nos libros, senón na vida, aínda que, home do seu tempo, xa era consciente da importancia do coñecemento científico; por iso esaxerar a importancia da literatura parecíalle ridículo.

 

En fin, velaí o meu comentario das obras máis significativas do autor, de quen podedes atopar libros tanto na nosa biblioteca como na rede. Tede en conta que aínda hoxe en día é o autor máis representado en Francia e houbo algún ano no que incluso en España foi un dos máis levados á escena detrás de Shakespeare e García Lorca.