O AUTOR DO MES
FEBREIRO
RICARDO CARBALLO CALERO
Ricardo Carballo Calero
(ou Carvalho Calero) naceu no Ferrol en 1910 e morreu en Compostela en 1990.
Relacionado co Seminario de Estudos Galegos e o Partido Galeguista, participou
na Guerra Civil polo bando republicano. Tras a Guerra, pasou dous anos no cárcere.
Durante quince anos (de 1950 a 1965), foi director do Colexio Fingoi, en Lugo. Con
posterioridade, exerceu como profesor no Instituto Rosalía de Castro, en
Santiago, onde, a partir de 1972, foi o primeiro catedrático de Lingua e
Literatura Galegas da Universidade. Alí realizou un gran labor como mestre de
varias promocións de filólogos.
Cultivou todos os xéneros
literarios; en especial, a poesía e o ensaio.
A súa obra dramática é
talvez a menos coñecida. El mesmo publicou con recelo obras como O fillo, Isabel, O redondel e Os xefes. No libro Catro pezas deu a coñecer os dramas que coidaba máis
significativos: A farsa das zocas,
concibida para a representación con títeres e inspirada no folklore galego; A sombra de Orfeo, de ambiente e
personaxes burgueses, na que un músico provoca a rivalidade de varias pintoras
que o ven de xeitos case opostos; Auto
do prisioneiro, mostra de teatro simbólico, no cal o home é oprimido por
unha figura paterna que pode identificarse con Deus ou o Ditador; e A árbore, que presenta como unha
maldición bíblica a incapacidade dun home á hora de conseguir ser correspondido
pola muller que ama.
No seu labor poético,
poden distinguirse tres etapas e un colofón. Vieiros e O silencio
axeonllado son obras de mocidade, vangardistas, previas á Guerra Civil; Anxo de terra, Poemas pendurados dun cabelo e Salterio
de Fingoi son poemarios de posguerra; Excalibur,
Venusberg e Avalon atópanse entre a madurez e a vellez, que nel foi plenamente
creativa; Reticências foi a súa
despedida.
Ao longo de tantos anos, é evidente unha evolución persoal que garda similitudes co desenvolvemento poético dos seus compañeiros de xeración, como Iglesia Alvariño ou Cunqueiro. Certas características son invariables: o intelectualismo, o culturalismo, a reflexión persoal, a escasa musicalidade, a diversidade métrica... Tamén se reiteran as temáticas: a muller –con frecuencia inapreixable-, o amor –sen romanticismo-, a soidade, a vellez, a morte, a busca de Deus –cunha actitude escéptica-, a visión irónica e incluso sarcástica da sociedade... Mestura o elevado co vulgar e utiliza o humor cun pouso de tristeza e pesimismo.
A obra narrativa é máis coñecida, non en balde
iniciou con A xente da Barreira a novelística
galega de posguerra e obtivo con Scórpio
o Premio Nacional de Literatura. A primeira continúa a tradición de Pardo
Bazán, Valle e sobre todo, Otero Pedraio, ao presentar a decadencia da fidalguía
e o ascenso de burgueses, indianos e xentes do pobo ao longo do século XIX en
Galicia. Utiliza un ritmo rapidísimo, desdeñando o diálogo e a descrición, para
presentar de xeito realista feitos e personaxes. Scórpio, polo contrario, algo máis morosa, aproveita sucesos
vividos en primeira persoa relativos á Ditadura de Primo de Rivera, a Segunda
República e a Guerra Civil, para presentar dende varias perspectivas a
evolución vital de Scórpio, alcume ou pseudónimo de Rafael Martínez Piñeiro,
unha especie de donxoán atípico, talvez unha proxección idealizada do autor.
Tardiamente publicou obras que gardara na gaveta,
esbozos de novela e contos non carentes de interese: Os señores da Pena, que trata tamén sobre a decadencia dunha
familia fidalga e o ascenso dun mozo de orixe humilde; O lar de Clara, memorias dun indiano que decide quedar no seu
Ferrol natal, apegado ás raíces; e catro contos: “As pitas baixo a chuvia”, “Os
tumbos” –que son lembranzas infantís de carácter humorístico-, “A cegoña” -que,
parecendo algo semellante, remata como un impresionante conto de terror- e “Aos amores
serodios” –narración orixinal en que se difuminan os límites dos xéneros-.
Deixamos para o final o ensaio, que marcou nos
estudosos da lingua e, sobre todo, da literatura galega unha pegada indeleble.
Carballo é un deses autores dos que sempre se aprende algo, porque une a profundidade
e a orixinalidade á claridade expositiva.
Os profesores da miña xeración introducímonos nos
dominios da lingua coa súa Gramática
elemental do galego común e no mundo das letras posterior ó século XVIII
coa Historia da literatura galega
contemporánea. Don Ricardo foi aprofundando e ampliando o ámbito dos seus
estudos en multitude de obras posteriores que facilitaron a comprensión de
autores da talla de Rosalía, Pondal, Otero, Castelao, Díaz Castro...
Todo este labor impagable ben merece que lle
dediquen o Día das Letras Galegas. Por desgraza, o temor da maioría dos nosos
académicos a reabrir a polémica da normativa –Don Ricardo defendeu nos seus
últimos anos a aproximación ao portugués- fai improbable que isto suceda.