27 febreiro 2019

AS AUTORAS DO MES DE MARZO: AS IRMÁS BRONTË


AS AUTORAS DO MES
MARZO

AS IRMÁS BRONTË



Dediquémoslles este mes ás tres irmás, que tan unidas estiveron en vida e que, en certo modo, escribiron obras complementarias. Incluso publicaron os seus poemas nunha edición conxunta cos seus nomes ficticios: Currer (Charlotte), Ellis (Emily) e Acton (Anne) Bell.



Naceron en datas próximas e, por desgraza, morreron tamén nunha marxe estreita de tempo, cando aínda lles quedaba moito por escribir.


Charlotte foi a máis prolífica, coas súas novelas Jane Eyre, Villette, Shirley e O profesor. A primeira deulle popularidade e serviu para que os lectores reparasen nas obras das súas irmás menores. Novela de carácter romántico que non prescinde do detallismo realista, presenta unha institutriz e profesora de orixe humilde que debe loitar por ser recoñecida a súa dignidade persoal superando as restricións impostas pola sociedade. En Villette e O profesor, aproveita aspectos autobiográficos; en especial, da súa estancia en Bélxica. Causaron certo escándalo na súa época por presentar uns personaxes femininos de carácter independente. Shirley, a súa última novela completada, amosa máis preocupación social, pois remóntase á aparición do movemento ludita -que reclamaba a destrución das máquinas por considerar que supoñían a perda de man de obra nas industrias- de principios do século XIX.

Pulsa na imaxe para ler a obra (español)


Pulsa na imaxe para ler a obra (español)
                       


Pulsa na imaxe para ler a obra (inglés)
Pulsa na imaxe para ler a obra (inglés)
                                                        


Emily, que foi a mellor poeta das tres, só deixou unha novela, Wuthering Heights, traducida xeralmente co titulo de Cumes borrascosos. Trátase dunha obra extraordinariamente orixinal, sombría e complexa. É tamén a máis romántica e fantasmal. Presenta un amor que continúa máis alá da morte e uns personaxes cheos de contrastes, movidos polas súas paixóns, que os conducen á infelicidade e o resentimento.

Pulsa na imaxe para ler a obra (español)

Anne, a máis nova, é talvez a mellor estilista e a máis realista das tres. En Agnes Grey trata, antes que Charlotte, sobre as penalidades das institutrices saídas das familias de clase media. A inquilina de Wildfell Hall é unha novela que merece máis recoñecemento pola valentía con que enfoca un tema case tabú na época: os malos tratos que sofre unha muller casada cun individuo adicto ó consumo de alcol. Para indignación da sociedade vitoriana, defende a separación da parella e o abandono do lar conxugal por parte da esposa.

Pulsa na imaxe para ler a obra (inglés)
Pulsa na imaxe para ler a obra (inglés)
  



Na nosa biblioteca pódense atopar edicións de Jane Eyre e Cumes borrascosos, as novelas máis famosas das irmás. Na rede é doado encontrar estas e outras obras, en especial na súa versión inglesa. No Project Gutenberg rexístranse incluso algúns estudos ou biografías dedicados ás Brontë; por exemplo, os escritos por Elizabeth Gaskell e May Sinclair.


Pulsa na imaxe para ler a obra (inglés)