MARZO
KATHERINE MANSFIELD
Comezou publicando desde moi nova en
revistas. Os seus contos, que forman o fundamental da súa obra, foron
recollidos en cinco libros, dos cales os dous últimos son póstumos: In a German Pension (Nunha pensión alemá), Bliss and Other Stories (Felicidade e
outros contos), Garden-party and
Other Stories (Festa no xardín e
outros contos), The Dove’s Nest and
Other Stories (O niño de pomba e
outros contos) e Something Childish
and Other Stories (Algo infantil e
outros contos). Tras a súa morte tan temperá foron editadas, así mesmo, a
súa obra poética, as súas cartas e o seu diario.
Aínda que se consideraba, en especial,
unha narradora, escribiu poesía ao longo de toda a súa vida. O seu segundo
marido, Murry, recolleu a súa obra poética, incluso os esbozos incluídos no seu
diario, nun libro, titulado sinxelamente: Poems.
Se
ben Mansfield é relacionada co Modernismo inglés, que ten certo parecido coas
nosas Vangardas, en realidade mestura os aspectos innovadores cos tradicionais.
Isto vese claramente na métrica, pois tanto utiliza as estrofas consagradas como o
verso libre. Pola descrición da natureza, tense relacionado a súa obra co
Impresionismo e o Simbolismo.
Chaman
a atención as súas cancións infantís (a música –foi violonchelista- e o mundo da infancia son esenciais na súa
obra), nas cales, sen caer na idealización do pasado, procura recrear a
mentalidade dun neno. Nos poemas referidos á idade adulta, expresa en ocasións
a tristeza da vida londinense coa conseguinte saudade da súa terra natal, o
seu escepticismo sobre o amor (chegando a declarar, con tristeza e
infelicidade, que este só é auténtico ocasionalmente fóra do matrimonio) e a
súa angustia dos últimos anos ante a doenza, a soidade e a morte. Algunha vez
chega a botar de menos as crenzas da infancia para sentir un lixeiro alivio;
outras toma a súa desgraza con humor; por exemplo, no poema “Malade”, que
presenta unha situación similar á do conto de Clarín titulado “El dúo de la
tos” con menos dramatismo. En varios poemas amosa o seu cariño por membros da
súa familia, como a súa avoa ou, en especial, o seu irmán Leslie, morto durante
a Primeira Guerra Mundial.
En
canto á súa obra narrativa, tense sinalado que está moi influída por Chekhov e
que, á súa vez, influíu en moitos autores, entre eles a mesma Virginia Woolf.
Non escribiu novelas; só se achegou ao relato longo na que talvez sexa a súa
mellor obra, “Na baía”. O típico dela é recoller fragmentos de vida, situacións
vitais en que importa máis o sentido polos personaxes que todo canto lles
sucede. Adoita comezar cunha descrición lírica da paisaxe ou de xeito brusco, deixar na ambigüidade aspectos fundamentais da historia, que
debe interpretar o lector, e rematar cun final aberto a varias posibilidades
futuras, incluso cunha frase que pode entenderse de múltiples modos. Presenta,
sobre todo, personaxes femininos; de aí que, a pesar de non amosarse
entusiasmada ante certas reivindicacións das mulleres, como o dereito ao voto
–que o seu país natal foi o primeiro en aprobar, en 1893-, sexa unha clara
representante do feminismo en literatura. Ela desexou amosar, con sensibilidade
feminina, as circunstancias vitais da muller dende a infancia ata a vellez. Un
dos seus aspectos máis orixinais é, precisamente, captar a realidade dende
diversas perspectivas.
O seu
primeiro libro, Nunha pensión alemá,
é unha obra de mocidade que non a deixou satisfeita. Está composto por dous
grupos de contos. En primeiro lugar, por unha serie de relatos enlazados,
narrados en primeira persoa, en que unha moza, que pode posuír certos trazos
autobiográficos, solitaria, orgullosa, burlona, presenta o que sucede nun
balneario alemán. Con ánimo satírico, ofrece unha visión caricaturesca da
sociedade xermana e de certos personaxes caracterizados pola vaidade e a
hipocrisía. En segundo lugar, por outro grupo de temática máis seria, incluso
de trazos naturalistas, que talvez sexa o máis valioso da colección. Neles
ofrécese unha visión pesimista do matrimonio, os seres humanos e a vida en
xeral. Aparecen, por exemplo, a nena explotada, tratada sen agarimo, que acaba
por cometer un crime, a moza que debe facer fronte a unha tentativa de sedución
ou a unha agresión sexual, a muller que atura a brutalidade do seu marido, e,
en contraposición, a esposa coqueta que é infiel ao seu home co mellor amigo
deste.
O
segundo libro, Felicidade e outros
contos, publicado case dez anos máis tarde, presenta xa algún dos relatos
que entran en calquera antoloxía da autora, como “Preludio”, onde aparece por
primeira vez a familia Burnell, que garda similitudes coa súa. Atopamos a súa
maneira máis orixinal de narrar: estampas impresionistas, con escasa acción,
múltiples personaxes, estilo poético, tempo reducido e final aberto. O título
ten confundido a lectores como D. H. Lawrence, o autor de O amante de Lady Chatterley. Por que se titula “Preludio”? Porque
ten un certo sentido musical? Porque é o inicio da vida dos Burnell na súa nova
casa? Porque é o punto de partida para as experiencias futuras dalgunha das
mulleres da obra? O importante é que hai, en especial, catro personaxes –a
avoa, a nai, a tía Beryl e Kezia, unha das fillas- que representan o máis
auténtico da sensibilidade feminina tal como a entende a autora.
Outros
relatos que revelan unha técnica orixinal son “Zoa o vento”, onde procura
reflectir a fugacidade da vida de maneira simbólica, cun tratamento do tempo
vangardista, ou “Je ne parle pas français”, onde utiliza por primeira vez a
“técnica telefónica”, na que aparece só unha das voces que interveñen nun
diálogo, como logo farán Marcel Camus en A
caída ou Blanco Amor en A esmorga.
Nalgún
conto, máis tradicional, parece seguir en serio ou parodicamente, o estilo de
Chekhov –“O día do señor Peacock”, “Feuille d’album”- ou Henry James –“Un
cogombro en vinagre”, “Psicoloxía”-, pois, ou toma con humor a vaidade e o
namoramento dun personaxe ou reflicte a falta de entendemento dalgunha parella
que non se atreve a expresar de modo sincero os seus sentimentos.
Logo
atopamos a desilusión con que remata un día de euforia sentimental
(“Felicidade”), a inocencia enganada dunha xove institutriz, a caída da
cantante veterana que busca introducirse no mundo do cine, a solicitude do
marido de quen todos se burlan, o egoísmo e a insensibilidade dalgunha dama
burguesa, a confusión dun neno ante a vulgaridade dos maiores...
Festa no xardín e outros
contos é a súa obra mestra.
Aparecen
de novo os Burnell no relato longo titulado “Na baía”, onde aparecen escenas
tenras, románticas, filosóficas, humorísticas, dramáticas... e a autora amosa a
súa sensibilidade ante a vida do xeito máis patente. Por medio dos seus
personaxes, vemos a fantasía dos nenos, o temor da muller casada aos embarazos
sucesivos que quebrantan a súa saúde, a desesperación da moza que, desexando amar e
ser amada, debe evitar caer na trampa de persoas experimentadas e sen escrúpulos, a ambición do home de negocios e, por contra, o
desencanto do individuo que se ve condenado a levar unha vida que lle parece
absurda.
Noutra
narración antolóxica, “Festa no xardín”, presenta a familia Sheridan –que
reaparece, de modo secundario en “O meu primeiro baile”-, para ofrecer o
contraste entre a vida dos ricos e a dos pobres: mentres uns celebran unha
festa, os outros, na veciñanza, choran a morte accidental dun pai de familia. A
compasiva Laura Sheridan serve de enlace entre os dous mundos e paradoxicamente
descobre, en medio da fealdade da vida, a beleza auténtica no rostro
aparentemente feliz do defunto.
A
preocupación social da autora queda manifesta tamén en “A vida de Ma Parker” e
“A doncela e a señora”, onde dúas criadas xenerosas e leais sofren as desgrazas
da vida sen atopar consolo ou procuran non pensar no seu incerto futuro tras
anos de sacrificio.
Cunha
mestura de compaixón e leve mofa presenta as mulleres da burguesía empobrecida
anuladas pola soidade, a vellez ou o carácter despótico do pai en “A señorita
Brill” –unha especie de Eleanor Rigby sen ninguén a quen zurcirlle os
calcetíns- ou “As fillas do defunto coronel”.
Logo
atopamos historias ao estilo de Chekhov, como “Matrimonio á moda”, onde un
marido namorado e xeneroso é obxecto da mofa e o menosprezo da súa esposa e os
amigos desta, ou “O señor e a señora Pombo”, que presenta con humor unha petición
de man; as típicas escenas en que se presentan diversos aspectos da vida: a
misteriosa beleza dunha adolescente, a tristeza da nena orfa de nai que inicia
unha nova vida, as oscilacións do humor da moza que asiste ao seu primeiro
baile ou da solteirona que, por uns intres, ve destruída a súa única oportunidade
de contraer matrimonio e traslada a súa angustia e a súa alegría final ás
alumnas da súa clase de canto; e incluso unha visión alegórica da vida como
unha axitación sen sentido, na descrición dun día de festa.
O niño de pomba e outros
contos é unha colección feita ás presas por John Middleton
Murry tras a morte da súa muller. Nela inclúense narracións inacabadas ou que
presentan dúas alternativas. Entre elas, destacan “A mosca”, “O canario” e “A
casa de bonecas”. Nesta última aparecen de novo os Burnell para presentar a
crueldade da separación entre as clases sociais e o ideal de xenerosidade e
sensibilidade ante a desgraza e a inxustiza por medio dun personaxe non
corrompido, Kezia, co que a autora se identifica. Os dous primeiros, sendo
realistas e cribles, ofrecen un claro sentido simbólico e filosófico: no
primeiro, a crueldade co ser humano dun deus que talvez existe; no segundo, a
necesidade de enfrontarse cunha actitude positiva á tristeza inevitable da
existencia.
Por
último, Algo infantil e outros contos
é a recompilación de múltiples relatos inéditos ou publicados en revistas e non
reunidos ata entón nun libro. Abranguen toda a súa etapa creativa, dende 1911
ata 1923.
Procurando
agrupalos por trazos temáticos, pódese facer a seguinte clasificación:
a)
contos inspirados pola
estancia de Katherine Mansfield en Bélxica, nos que abundan os aspectos
costumistas e humorísticos e se presentan as actitudes habituais da autora ante
o matrimonio, o falso romanticismo, a frustración vital, o feminismo...;
b)
contos que ofrecen distintas
imaxes da infancia: o secuestro dunha nena por unhas mulleres maorís vivido
como unha aventura e unha liberación; a rebeldía dunha nena nunha familia
marcada polo egoísmo do pai e a submisión das mulleres; o perdón doutra ante a
crueldade paterna; o arrepentimento dun proxenitor tras pegarlle por primeira
vez ao seu fillo pequeno; a desaparición da fantasía co paso dos anos...;
c)
contos en que é satirizada a
muller ou a familia burguesa insensible, egoísta ou inconsciente, usando en
ocasións de maneira efectiva a “técnica telefónica” ou aproximándose ao
realismo máxico (“Conto de fadas suburbano”);
d)
relatos máis duros, un tanto
alleos á estética de Mansfield, pero moi interesantes, como “A muller do
almacén” ou “Millie”, que tranquilamente poderían situarse no Oeste americano;
e)
a narración poética do
primeiro amor truncado pola intervención de terceiras persoas: “Algo infantil,
pero moi natural”;
f)
contos sobre diversos tipos de
figura feminina: as adolescentes internas nun colexio, sexualmente frustradas, que
durante unha clase se burlan do seu inxenuo profesor; a moza solitaria, pobre e
atractiva que sofre a tentación de converterse na amante dun mozo guapo e rico;
a muller solteira que se somete a un aborto por “consello” do seu amante; a
esposa asasinada polo seu marido cando este cre descubrir a súa infidelidade; a
muller inqueda disposta a todo, incluso a envelenar ao seu amante; a anciá
asustada ante a posibilidade da morte...
Como se pode ver, a obra de Katherine Mansfield é rica e
variada en temas e técnicas. Supón, ademais, un dos fitos da literatura
feminina en lingua inglesa, o que a fai dobremente atractiva.
Os seus libros poden atoparse doadamente na rede; en
especial, nas páxinas “Literatura.us” e “Project Gutenberg”.