09 xaneiro 2022

AUTORA DO MES DE XANEIRO: MARGARET MITCHELL

 

A AUTORA DO MES

XANEIRO


MARGARET MITCHELL

(Atlanta, Georgia, 1900-1949)

 

        Pertencente a unha familia culta, filla dun avogado que colaborou na fundación da Sociedade Histórica de Atlanta, amosou dende a infancia interese polo sucedido durante a Guerra de Secesión, da que escoitaba relatos orais. Manifestou, así mesmo, unha temperá vocación literaria, mais só comezou a publicar cando, por necesidades económicas, se incorporou á redacción do Atlanta Sunday Magazine en 1925.

        Dise que era unha daquelas flappers, mozas liberadas dos anos vinte, tan acertadamente tratadas por Francis Scott Fitzgerald, cando casou con Berrien Upshaw, de quen se divorciou ese mesmo ano. Pouco máis tarde contraeu matrimonio cun dos seus admiradores da adolescencia, redactor da mesma revista, John Marsh, quen a animou  a escribir a súa única novela, Gone with the Wind, na que traballou con diversa intensidade durante dez anos, de 1926 a 1936.

        A obra foi un gran éxito, conseguiu o premio Pulitzer e vendeuse por un prezo récord á industria do cine, que realizou a partir dela unha obra mestra hoxe bastante discutida. Libro e filme proporcionáronlle gran popularidade, que aproveitou, en especial, para realizar obras benéficas.

        Morreu a consecuencia das lesións producidas ao ser atropelada polo coche conducido por un individuo borracho.

 

    

 

        Gone With the Wind, traducida como Lo que el viento se llevó ou Foise co vento, pode clasificarse dentro de diversos tipos de novela, pois trátase dunha narración histórica, realista, de asunto fundamentalmente amoroso. Por este tema é posible considerala como unha novela romántica, pero non rosa nin inxenua, incluso cun certo punto feminista na presentación do personaxe principal, Scarlett O’Hara.

        Como ópera prima da autora, evidencia algúns claros defectos que son compensados sobradamente polas súas virtudes. Pode parecer que é demasiado extensa; que, a pesar diso, deixa algúns asuntos e personaxes un tanto desdebuxados; que idealiza en exceso unha época e unha sociedade –o Sur previo á Guerra de Secesión estadounidense, que tivo lugar entre 1861 e 1865. Mais Mitchell, na liña de Tolstoi, une moi ben os acontecementos históricos coas vivencias dos personaxes; crea caracteres memorables tanto principais como secundarios; domina a presentación de escenas, analizando, con enxeño e humor, os pensamentos e as emocións contraditorias dos protagonistas.

         A obra, dividida en cinco partes, abrangue doce anos –entre 1861 e 1973-, nos cales a vida dos estados do Sur ou Confederados sufriu unha severa alteración. Ambiéntase, esencialmente, en Atlanta e nunha zona rural situada a uns trinta quilómetros da cidade onde se atopa Tara, a plantación dos O'Hara.

 

 

        Basicamente atopamos a evolución de catro personaxes: Scarlett O’Hara, Rhett Butler, Melanie Hamilton e Ashley Wilkes. O principal, como se dixo, é Scarlett O’Hara. Dende os dezaseis ata os vinte e oito anos pasa por tres matrimonios e ningún dos seus maridos é o home a quen cre amar. A verdade é que só ao final parece descubrir a verdade sobre si mesma e, mantendo certas características inalterables, vai cambiando en función das experiencias extraordinarias ás que debe facer fronte.

 

 

Ante ela ou máis ben ao seu lado atópase Melanie Hamilton, que é o seu contrapunto, prototipo idealizado das damas do Sur, que adquire cada vez máis importancia. Toda corazón, namorada do seu marido e sempre leal aos seus, reúne arredor de si as vellas e derrotadas familias de Atlanta. O seu marido é Ashley Wilkes, representante dos cabaleiros do sur inacapaces de adaptarse ao novo mundo xurdido tras a guerra.

 

 

Fronte a el, Rhett Butler, tamén membro dunha familia de aboengo, pero de carácter diferente: cínico, práctico, desenganado, capaz de ocultar os seus sentimentos románticos.

                               

        Mais a novela desexa presentar un fresco histórico e social. Para iso, ademais de ter en conta as lembranzas familiares, a autora consultou ampla bibliografía a fin de recrear con fidelidade o mundo pasado. Seguramente peca á hora de presentar a sociedade sureña prebélica de xeito harmonioso e idealizado.

        A guerra amósase como unha derrota previsible. Os homes do Sur son vistos, na súa maioría, como seres inconscientes, confiados no seu valor, ignorantes das múltiples vantaxes dos estados da Unión –eran máis, tiñan o dobre de poboación, posuían unha potente industria, dominaban o mar... A autora resalta a traxedia da derrota de Gettysburg e ofrece unha interpretación moi detallada do proceso que conduciu á destrución de Atlanta.

 

 

        A posguerra é tremenda para as antigas familias, que, arruinadas, perden poder e influencia. As tropas do Xeneral Sherman arrasaran Georgia no seu paso cara á costa. Sen dereito a voto, ven como a poboación afroamericana, os brancos pobres e, sobre todo, xentes chegadas do Norte non sempre honradas nin benintencionadas, ocupan o seu lugar. Sen escravos, coas plantacións arruinadas, incapaces de facer fronte aos elevados impostos, séntense tratados inxustamente.

        A autora, polemicamente, interpreta a aparición do Ku Klux Klan como unha resposta aos actos dos afroamericanos liberados e dos brancos que buscan o seu proveito apoderándose dos bens expropiados e soliviantando aos antigos escravos con falsas promesas e mentiras.

        O tratamento dos feitos históricos pode servir para reflexionar sobre as diferenzas existentes entre a memoria histórica e o estudo obxectivo ou imparcial da historia. Evidentemente estamos ante un exercicio de memoria histórica baseado, en esencia, nas lembranzas dos partidarios do vello Sur.

 

  

 

        Tense dito que é unha novela racista. Efectivamente, nela atópanse frases que revelan unha visión despectiva da raza negra. Son expresións que revelan a mentalidade dos membros máis representativos dunha sociedade, de por si moi propensos aos prexuízos, e que, dada a coincidencia existente en ocasións entre a visión da autora e a de Scarlett, poden representar ata certo punto a opinión daquela. Fronte a isto, gábase a lealdade dos vellos criados e destácase o respecto e agarimo cos que son tratados. A autora procura resaltar que Scarlett é máis ofensiva cos brancos que cos negros, de aí que goce do afecto destes.

        Recentemente abriuse a polémica arredor da célebre película inspirada na novela. Unha plataforma retirouna temporalmente da súa oferta. Foi unha ocasión para reflexionar sobre o pensamento crítico e o denominado “pensamento correcto”. A retirada pareceu un acto típico deste último, que se presta a limitacións da liberdade e censuras. Semella evidente que a educación debe perseguir o pensamento crítico, ensinar a distinguir de xeito rigoroso os aspectos positivos e negativos dunha obra rica e complexa como esta. Basearse nun aspecto polémico ou desacertado para rexeitala de plano semella torpe e empobrecedor.

 

 

        Tamén teñen espertado reaccións polémicas certos episodios da obra; en especial, algún momento da relación matrimonial de Rhett e Scarlett. Neste caso, unha lectura atenta e o coñecemento da biografía da autora debería servir para xulgar o asunto de modo correcto.

 

 

        Un aspecto curioso é que Mitchell escribe tendo en conta a obra de Harriet Beecher Stowe, a quen Lincoln considerou unha das inspiradoras da guerra polo seu alegato contra a escravitude en A cabana do tío Tom. Mentres Stowe conta a historia de personaxes idealizados que sofren torturas inhumanas nas plantacións e aturan mil penalidades co fin de conseguir a unión familiar, aderezando todo con sermóns de sentido moralizante, Mitchell presenta personaxes realistas, trata como invencións ou esaxeracións as torturas atribuídas aos donos das plantacións, une a familia de Pork, o escravo principal da plantación xunto con Mammy, así como empeza a obra, e, aínda que amosa unha escena patriarcal na que todos rezan o rosario, enfoca os feitos cunha actitude escéptica e pouco relixiosa. As súas criaturas son humanas -de feito, Scarlett parece ter ás veces máis defectos que cualidades- e iso supón que teñan máis vida e credibilidade.

 

 

        Esta obra, que, segundo as enquisas, goza aínda de gran popularidade tanto nos Estados Unidos como en Gran Bretaña, obxecto da preferencia do editor de Joel Dicker e do protagonista de Rebeldes, de Susan Hinton, situada por Le Monde entre as cen grandes novelas do século XX, pódese atopar nalgunha páxina de Internet tanto na súa versión inglesa como na súa tradución ao castelán. A súa lectura paga a pena.