03 febreiro 2022

AUTOR DO MES DE FEBREIRO: J.D. SALINGER

O AUTOR DO MES

FEBREIRO

J. D. SALINGER

(New York, 1919 – Cornish, New Hampshire, 2010)

    Jerome David Salinger pertenceu a unha familia da clase media con orixes xudías e irlandesas; estudou nunha academia militar e en varias universidades, sen acabar ningunha carreira. Dise que influíu moito nel Whit Barnett, editor da revista Story, de quen foi alumno nun curso de escritura de relatos curtos. Participou na II Guerra Mundial, nada menos que no desembarco de Normandía e en labores de contraespionaxe. Estivo casado con Sylvia Welter, Claire Douglas – de quen tivo dous fillos, Margaret e Mathew- e Colleen O'Neill. A partir de 1965, procurando afastarse do mundo literario, buscou a soidade na pequena localidade de Cornish. Aínda que seguiu escribindo, non volveu publicar.

    Para darse a coñecer, Salinger publicou contos en revistas como Story, Saturday Evening Post, Squire e, sobre todo, The New Yorker. De todas esas narracións, só desexou recoller unhas poucas no libro Nine Stories (Nove contos), de 1953, aínda que, contra a súa vontade, apareceron bastantes de forma pirata nos anos setenta; por exemplo, en The Complete Uncollected Stories of J. D. Salinger. Todo cambiou para el cando, en 1951, publicou The Catcher in the Rye (traducido normalmente como El guardián entre el centeno e O vixía no centeo). Posteriormente apareceron Franny and Zooey (Franny e Zooey), Raise High the Roof Beam, Carpenters (Erguede ben alto a viga do tellado, carpinteiros) e Seymour: An Introduction (Seymour: unha introdución), “Hapworth, 16, 1924”, as historias referidas á familia Glass, que xa aparecera nalgúns relatos de Nove contos.

   O vixía no centeo

    Poucos personaxes da literatura universal se identifican tan ben coas inquedanzas e contradiccións da adolescencia. Trátase, como se ten dito moitas veces, dun adolescente rebelde, xeneroso e confundido ante o mundo dos adultos. É un mal estudante por desgana, que vive inmerso nunha crise da que os adultos próximos a el non parecen decatarse. Busca a autenticidade nunha sociedade na que triunfa o falso. Sente inquietudes relixiosas, simpatía por Xesús e unhas monxas que procuran levar dignamente a súa pobreza. Ama a súa familia; de modo especial á súa irmá pequena, Phoebe, e ao seu irmán morto, Allie, de quen garda un guante de béisbol, o cal é un indicio de que non asimilou o seu pasamento. Tense sinalado que ten un aspecto quixotesco: é un idealista que é golpeado reiteradamente pola realidade. Incluso o seu ideal é cabaleiresco: o seu desexo é ser, simbolicamente, un "catcher" que atrapa e protexe aos nenos que xogan nun campo de centeo sen decatarse do precipicio próximo no que poden caer. O título procede dun verso do poeta escocés Robert Burns que un neno interpreta cantando de forma defectuosa.

    Como todo adolescente, outorga gran importancia ás relacións amorosas. Inocente e incluso puritanamente, rexeita as relacións sexuais nas que non hai amor. Por iso sente rabia ante compañeiros como Stradlater ou Luce, que presumen de conquistadores e se comportan de xeito egoísta, en especial cando o primeiro desexa aproveitarse dunha moza que a Holden lle resulta simpática, como Jane Gallaher, que procuraba fuxir da excesiva solicitude do seu padrasto. Ansioso de saír cunha rapaza, compórtase de modo incoherente con Sally Hayes, quen lle gusta fisicamente, pero con quen apenas coincide noutros aspectos. A súa cita cunha xove prostituta, Sunny, é un completo fracaso. Finalmente, pouco antes de derrubarse na crise que o conduce a un sanatorio psiquiátrico, rexeita os avances dun profesor ao que admiraba, o señor Antolini, que no seu dia procurara protexer a un adolescente morto en estrañas circunstancias, acosado polos seus compañeiros, James Castle.

    No psiquiátrico escribe a súa historia e semella descubrir a súa vocación na vida.

    Trátase, pois, dunha obra en que se novela un momento de crise en primeira persoa. O narrador confesa que non é totalmente fiable, pois tende a esaxerar e mentir. Refire o acontecido durante pouco máis dun día no colexio Pencey e na cidade de Nova York, que é presentada como unha especie de labirinto. Por un momento, Holden manifesta o vello soño de migrar cara ao Oeste en busca dun mundo máis puro e auténtico, pero é unha mera ilusión infantil.

    Narra de xeito moroso, introducindo divagacións e lembranzas; renuncia a contar á maneira de Dickens en David Copperfield, aínda que, dalgún xeito, esta é tamén unha novela de formación, na que o protagonista abandona a infancia e a adolescencia para chegar á idade adulta; neste caso, por medio dunha madurez precoz, pois, cando relata, Holden só ten dezasete anos.

    Precisamente un dos grandes acertos de Salinger, á parte de referir fermosamente a psicoloxía dun rapaz de dezaseis anos, é a súa capacidade para recrear con autenticidade a súa maneira de expresarse. A linguaxe está de acordo coa personalidade do narrador.

    Tense sinalado o seu parentesco con Huckelberry Finn, de Mark Twain, e resulta evidente a súa influencia en obras de John Irving, Paul Auster e Richard Ford.

    Adolfo José de Souza Frota, nun artigo que se pode atopar en Internet, ten sinalado a relación das obras máis significativas de Salinger coas novelas de formación, destacando que, en certo modo, parodian este subxénero, dado que os protagonistas non acaban adaptándose á sociedade, senón entrando en crise, enfrontándose a ela e, incluso, sendo internados en psiquiátricos ou suicidándose. No caso dos Glass, tratados nas próximas obras, caracterizados pola súa fraxilidade -simbolismo do apelido-, resulta evidente a afinidade cos movementos beat, hippie ou rock pola busca de relixións alternativas, o desdén cara ao coñecemento lóxico ou a indiferencia ante a acumulación de riqueza e poder.


      Nove contos    

    Trátase dunha selección realizada polo autor das historias que fora publicando en revistas: "A Perfect Day for Bananafish" ("Un día perfecto para o peixe plátano"), "Uncle Wiggily in Connecticut" ("O tío Wiggily en Connecticut"), "The Laughing Man" ("O home que ri"), "Just Before the War with the Eskimos" ("Xusto antes da guerra cos esquimós"), "Down at the Dinghy" ("No bote"), "For Esmé -with Love and Squalor" ("Para Esmé, con amor e sordidez"), "Teddy", "Pretty Mouth and Green My Eyes" ("Bonita boca e verdes os meus ollos") e "The Daumier-Smith's Blue Period" ("O período azul de Daumier-Smith").

    Están narrados sobre todo en terceira persoa, pero nalgúns atópase o narrador protagonista en primeira. Normalmente presentan un espazo e un tempo reducidos. Teñen tons bastante diversos: uns, máis cómico; outros, máis tráxico e outros, en fin, resultan melancólicos en distinto grao.

    "Un día perfecto para o peixe plátano" usa unha técnica que logo popularizaría Raymond Carver, a do iceberg, na que só se manifesta a superficie dunha realidade inquietante. Pode considerarse a presentación da familia Glass ao referir a traxedia do irmán maior, Seymour, desequilibrado psicoloxicamente pola vida militar e a dificultade de manter unha relación plena con Muriel, a súa muller.

    "O tío Wiggily en Connecticut" amosa de forma máis evidente a súa semellanza temática e formal coa obra de Carver. Aparecen os temas do alcoholismo, a falta de sintonía matrimonial, o sufrimento dos nenos, por unha banda, e o minimalismo, o feísmo ou a coloquialidade por outro. Dúas amigas pasan unhas horas xuntas e lembran o pasado. Unha delas, Eloise, manifesta a súa saudade do home a quen amaba, o único capaz de facela rir, morto de xeito absurdo durante a guerra, Walt Glass.

    "Xusto antes da guerra dos esquimós" presenta personaxes xuvenís para tratar un asunto aparentemente pouco profundo, unido parcialmente aos anteriores polo rexeitamento da guerra.

    "O home que ri" ofrece unha lembranza infantil na que se mestura unha realidade triste cunha fantasía case deprimente. Trátase dunha historia de amor infeliz observada por un neno que non a entende, mesturada coas aventuras imaxinadas dun ser deformado pola crueldade dos seus semellantes que pon fin á súa vida abruptamente. Talvez é o primeiro contacto consciente dun rapaz coa tristeza da existencia e o comportamento absurdo dos adultos.

    "No bote" presenta unha tenra escena entre Boo Boo Glass e o seu fillo de catro anos, Lionel, ferido por escoitar á criada falar despectivamente do seu pai.

    En "Para Esmé, con amor e sordidez", un narrador con trazos autobiográficos lembra unha anécdota acontecida durante o seu período de instrución en Devon (Reino Unido), preparándose para participar na II Guerra Mundial. É unha homenaxe a Esmé, unha adolescente faladora, inxenua, coqueta e simpática que lle fixo ver nun momento sórdido a beleza do mundo.

    "Bonita boca e verdes os meus ollos" trata sobre a infidelidade conxugal, amosando un trío formado por dous compañeiros de traballo, Lee e Arthur, e a dona deste último, Joanie. Contrasta a indiferencia desta cos remorsos calados do primeiro e a perda de dignidade do segundo.

    "Teddy" é unha mostra do amor de Salinger polos nenos. Teddy ten oito anos, posúe un cerebro prodixioso, é consciente do descoido en que teñen os seus pais a el a á súa irmá menor, Booper, e manifesta a un profesor curioso ideas de carácter relixioso e educativo inesperadas na voz dun neno: cre na reencarnación, semella coñecer o futuro e penetrar as mentes dos seus semellantes, distingue entre a esencia e as falsas aparencias, controla as súas emocións, nunca perde a lucidez, non teme á morte, convencido de que morre o corpo, pero non a alma... Ao final, intúese un desenlace tráxico.

    "O período azul de Daumier-Smith" é o relato máis ledo e humorístico, no cal o narrador lembra unha experiencia dos seus dezanove anos, cando, levemente desequilibrado emocional e psiquicamente, traballou como profesor de debuxo nunha academia ilegal, que atendía aos seus variopintos alumnos por correspondencia.


       Franny e Zooey

    Consta de dúas narracións de distinta extensión relacionadas entre si. Relatadas en terceira persoa, ocupan un tempo e un espazo reducidos.

    Franny amosa un momento de crise de Franny (Frances) Glass, que se atopa en Nova York co seu noivo, Lane, cando parece despedirse da adolescencia aos seus vinte anos. Hipercrítica coa hipocrisía e a inautenticidade, desexa abandonar os estudos universitarios e o grupo teatral no que destaca. Ademais, experimenta dúbidas sobre os seus sentimentos. No fondo, aínda non superou o suicidio do seu irmán maior, Seymour, producido sete anos antes. De feito, segue os consellos duns libros que pertenceran a este nos que se trata sobre a busca da iluminación interior mediante a oración. A súa espiritualidade condúcea a reaccionar contra a sociedade en que vive: non desexa riquezas nin fama, renuncia a competir cos demais e rexeita o egoísmo. O seu noivo, de carácter superficial e vaidoso, non parece comprendela.

    Zooey presenta como personaxe fundamental a Zooey (Zachary Martin) Glass, quen, por insistencia de Bessy, a súa nai, procura axudar á súa irmá a superar a súa crise, aínda que el mesmo se atopa tan decepcionado coa vida e consigo mesmo, que confesa que non lle importaría morrer neses momentos.

    A historia, ambientada nun luns de novembro de 1955, é narrada por Buddy, o seu irmán, que se presenta como autor implícito e personaxe ao mesmo tempo. Neurótico e admirador declarado de Seymour, sinala que a obra que escribe non é unha novela relixiosa, a pesar das reflexións arredor deste tema que encerra, senón un relato de amor diferente.

    En catro escenas básicas, fai un retrato de Bessy -antiga actriz de variedades, de carácter informal e cariñoso-, Franny e Zooey. Este, convertido en actor profesional, amósase hipercrítico, como a maior parte da familia. Opina que el e Franny, como irmáns menores, foron educados por Seymour e Buddy, obsesionados coas súas ideas relixiosas e filosóficas, que os converteron nuns bichos raros, uns inadaptados. Isto fai que nalgún intre manifeste odio e resentimento cara a eles, se ben, en realidade, os quere e admira. Por ese motivo aínda non asimilou o suicidio de Seymour, a quen Bessy consideraba o máis intelixente e bondadoso dos seus fillos.

    Seymour e Buddy estaban moi influídos pola mentalidade oriental; en especial, polos Vedas e o Budismo, dos que aceptaban doutrinas como a falsidade das aparencias, a esencial identidade de todos os seres ou a reencarnación. Entre os seus ideais estaba traballar sen preguiza, serenamente, renunciando ao premio; e Zooey, a pesar do seu resentimento, semella aceptar as súas ideas básicas, que non lle valen para adaptarse ao mundo en que se move. Porén, non cre que mediante a oración continua e maquinal se poida chegar á iluminación, como tenta convencerse Franny; maniféstase inseguro e inestable, mais procura transmitirlle algunhas reflexións que poidan servirlle de axuda: acumular coñecementos pode ser como acumular cartos, non implica sabedoría; débese analizar criticamente o mundo, sen renunciar a buscar a súa beleza, que se manifesta incluso en pequenos detalles; hai que renunciar ao egoísmo e ter paciencia cos torpes; cómpre manifestar consideración ou, polo menos, compaixón por quen te ama; Xesús pode ser un modelo, pero non en todos os seus aspectos, pois non lle parece admirable cando se amosa violento no templo -idea de Franny- ou cando sitúa aos homes por riba dos demais animais.

    Finalmente anímaa a ser actriz, xa que posúe verdadeiro talento, sempre que busque a perfección. Coida que en toda profesión existe algo relixioso, pois trátase de facer algo para os demais con amor, como o caldo preparado pola súa nai. Aconséllalle que pense na típica señora humilde que se atopa sempre entre o público, a cal pode considerarse un símbolo da Humanidade.

    Como de pode ver, trátase, no fondo, dunha obra con sentido didáctico, considerada o mellor da produción do autor por John Updike e Matt Salinger.


   Erguede ben alto a viga do tellado, carpinteiros

    Está narrada tamén por Buddy, mais esta vez en primeira persoa. Escribe en 1955 os seus recordos do día da voda frustrada de Seymour e Muriel en 1940. A cerimonia non chegou a realizarse pola incomparecencia de Seymour e a fuxida posterior da parella.

    O título débese a uns versos de Safo que Boo Boo, a irmá de ambos, deixa escritos para Seymour, acompañando aos seus mellores desexos, no espello do cuarto de baño do apartamento que Buddy e el teñen alugado.

    A técnica utilizada é moi típica dos autores estadounidenses actuais: a narración demorada dunha anécdota en que se introducen continuas desviacións nas que se mesturan aspectos significativos e humorísticos.

    Buddy séntese na obriga de defender ao seu admirado irmán e de criticar, dalgún xeito, a certos personaxes que lle fixeron dano, como a súa sogra, Rhea Fedder, ou o seu psicanalista, o doutor Sims -como noutras obras, o autor búrlase da psicanálise. Estes consideran a Seymour un ser anormal, de personalidade esquizoide, cunha "homosexualidade latente", e interpretan erroneamente as súas palabras e accións. Segundo Buddy, Seymour simplemente rexeitaba as convencións sociais e decatábase das oscilacións dos sentimentos de Muriel.

    Reprodúcense páxinas do seu diario, no cal se amosa hipersensible, deprimido pola guerra e infeliz a causa do seu rol no exército. Procura enganarse a si mesmo procurando buscar o lado positivo das persoas e, fiel á súa vocación didáctica, reflexiona sobre como deben ser as relacións dos esposos ou como han de ser tratados os nenos: "Un neno é un convidado na casa e debe ser amado e respectado, nunca posuído, xa que pertence a Deus".


   Seymour, unha introdución

    Coa escusa de facer unha introdución á obra de Seymour, cento oitenta e catro poemas do estilo das composicións breves xaponesas, Buddy crea unha especie de semidiario -algo así como un monólogo, ou "o soliloquio dun tolo" nas súas propias palabras, once anos despois da súa morte.

   Como Buddy en varios aspectos é un alter ego de Salinger, este aproveita para declarar a súa "poética" e as ideas relixiosas e filosóficas coas que comungou dende os anos cincuenta ata o final dos seus días. 

    O texto ofrécese como escrito en distintos momentos, xa que Buddy confesa as súas dificultades para tratar sinceramente un tema que aínda lle produce dor así como o seu temor ocasional ao folio en branco.

    Sumando as súas reflexións ás de Seymour, atópanse moitos dos principios de Salinger. Así, Seymour recoméndalle nunha nota extensa buscar a autenticidade, escribir sen adornos innecesarios, de xeito persoal, indiferente ao que opinen os mestres e os críticos, fuxindo do excesivo sentimentalismo -mais sen renunciar totalmente a el-, poñendo todo o corazón, narrando as historias que a el lle gustaría ler, entreverando as descricións de anécdotas que lles dean vida, fixándose sobre todo na creación de personaxes, pero sen descoidar o estilo. E Buddy di de si mesmo, con ironía ou raptos de sinceridade esaxerados, que é un "escritor feliz" que, como tal, tende á amplificación, a falta de obxectividade e a desviación do asunto principal, e que sente certo odio cara ao "simple", referíndose "ao excesivamente breve, ao que aforra tempo en xeral, ao trivial, ao espido e ao abreviado".

    Buddy detesta aos críticos, rexeita o gusto da xente polo escandaloso, que a impulsa a interesarse pola vida dos escritores en lugar de ler e interpretar a súa obra. Por iso teme que o suicidio de Seymour escureza a súa poesía, que, en realidade, non desexaba publicar. Na súa opinión, apaixonada e subxectiva, Seymour foi un "iluminado fervente que coñece a Deus", un artista enfermo e vidente, angustiado, dolorido e calado, que, a pesar de procurar manterse ledo e reflectir a cara fermosa do mundo, era consciente tamén da súa fealdade, que o deprimía. Nos seus poemas parecía fuxir dos temas íntimos, aínda que o seu irmán Waker, o xemelgo de Walt que escolleu o camiño relixioso, opinaba que estaban inspirados en experiencias das súas vidas anteriores, pois cría na reencarnación.

    Ante todo, Buddy intenta contar como era Seymour física e psicoloxicamente: o rostro pouco agraciado, a sensibilidade extraordinaria, o amor polos nenos, a paciencia infinita, a carencia de espírito competitivo, a relixiosidade... Fronte aos ataques da súa sogra, afirma a súa heterosexualidade, aínda que, como escritor auténtico, tiña algo de andróxino. Con todo, tampouco el é quen de reprimir unha crítica, pois, levado pola dor, acúsao de portarse de maneira egoísta ao darse morte e deixar así a súa familia desfeita.


     "Hapworth, 16, 1924"

    Está narrado en forma de carta por Seymour Glass cando ten sete anos e se atopa nun campamento de verán. Escríbelles aos seus pais para solicitar que lle envíen libros e dar consellos á familia. Ofrécese, así, un retrato da súa precocidade.

    

    Dise que o mal recibimento que sufriu este conto ao ser publicado en The New Yorker ocasionou o silencio posterior do autor, silencio editorial que, como se mencionou, non supuxo abandono da escritura.

    Na actualidade, o seu fillo Matt está comprometido na transcrición dos seus manucritos para futuras publicacións. Algúns autores teñen declarado que, entre os textos inéditos, se atopan obras referidas a Holden Caufield, a familia Glass, a II Guerra Mundial -sobre a cal versan algúns dos seus primeiros contos- e a filosofía oriental que adoptou como propia na segunda parte da súa vida.

    Na nosa biblioteca podedes atopar versións en inglés, castelán e galego da súa obra máis famosa, The Catcher in the Rye.