MARZO
JUAN RULFO
Juan
Nepomuceno Carlos Pérez Rulfo Vizcaíno naceu en Apulco (Jalisco) en 1918 e
morreu en Ciudad de México en 1986. Os seus pais faleceron prematuramente, de
modo que foi criado por parentes. Non chegou a realizar estudos universitarios
e desde mozo desenvolveu distintos traballos: no departamento de inmigración da
Secretaría de Gobernación, na empresa de pneumáticos Goodrich-Euzkadi, na
televisión de Guadalajara e no Instituto Nacional Indigenista, por exemplo. Foi
escritor, editor, guionista, fotógrafo... Participou na redacción de revistas
como Pan e América, onde deu a coñecer os seus primeiros textos. Foi
amigo dos escritores Efrén Hernández e Juan José Arreola, que colaboraron con
el ou influíron na súa obra. Recibiu en 1983 o Premio Príncipe de Asturias das
Letras. Estivo casado con Clara Aparicio, con quen tivo catro fillos: Claudia
Berenice, Juan Francisco, Juan Pablo e Juan Carlos.
A
súa obra publicada é breve.
No
seu primeiro relato, "La vida no es muy seria en sus cosas", algún
crítico xa ve trazos do realismo máxico e das temáticas propias do autor: o
desamparo, a soidade, o fatalismo. El hijo del desconsuelo, que trataba
sobre un campesino emigrado á Cidade de México, sería a súa primeira novela de
non tela destruído, ao parecer, polos seus excesos retóricos e sentimentais. Só
se conservou un fragmento, "Un pedazo de noche". El llano en
llamas, Pedro Páramo e El gallo de oro son as tres obras de
creación literaria publicadas. Ao seu lado hai que situar unha obra
historiográfica dedicada ao conquistador de Nueva Galicia, a parte de Nueva
España que abranguía o noroeste de México e o suroeste de Estados Unidos, Noticias
históricas sobre la vida y hechos de Núñez de Guzmán, os libros de
fotografías, nos cales enfocaba pequenas vilas, edificios, paisaxes e xentes do
mundo rural mexicano, e os guións cinematográficos. Deixou inconclusa unha
novela, La cordillera, que trata sobre a evolución dunha familia
asentada no Estado de Jalisco dende o século XVI ata o XX por medio da memoria
da protagonista. Postumamente publicáronse Aire de las colinas -cartas
enviadas á súa dona- e Los cuadernos de Juan Rulfo -colección de
apuntamentos literarios, esbozos de obras, fragmentos eliminados...
El
llano en llamas presenta o mundo característico do autor: xentes do
noroeste de México -en especial, do Estado de Jalisco- na época das revolucións
-de 1910 a 1930 aproximadamente-; xentes pobres, normalmente, que viven nun
ambiente de violencia, ás veces con completa naturalidade, traballando unha
terra seca e ingrata, sufrindo as múltiples desgrazas da vida con fatalismo. En
canto á técnica, amosa a preferencia do autor pola narración en primeira
persoa, as anacronías, o diálogo coloquial en que se pode resumir a esencia do
relato ou a descrición lírica e impresionista da natureza que axuda a crear un
clima sentimental.
A
pesar das súas similitudes, pódense distinguir grupos de relatos atendendo,
sobre todo, á súa temática principal.
Así,
varios están relacionados co tema das revolucións. "El llano en
llamas" amosa unha loita sen heroísmos, salvaxe e inconsciente, na que os
revolucionarios non se compadecen do sufrimento do pobo e parecen gozar coa
destrución; "La noche que lo dejaron solo" relata a salvación dun
mozo na revolta cristera por quedar retrasado con respecto aos seus tíos, que
son aforcados, e o modo de obrar sen escrúpulos das tropas do goberno; "La
herencia de Matilde Arcángel" presenta o enfrontamento final entre un pai
e un fillo -algo moi significativo e recorrente na obra de Rulfo- aproveitando
un levantamento; "Nos han dado la tierra" dá a entender a decepción
sufrida polos revolucionarios cando se reparte a terra cultivable nunha reforma
agraria da que se benefician os de sempre.
Outros
relatos tratan sobre a delincuencia que, en boa medida, é un corolario da
miseria. "La Cuesta de las Comadres" é un lugar onde un par de irmáns
que aterrorizan a poboación acaban atopando unha morte violenta; "No oyes
ladrar los perros" son as palabras que un sufrido pai dirixe ao seu fillo
bandoleiro, que parece atoparse á beira da morte tras caer a súa partida nunha
encerrona.
Tres
contos baséanse en historias de asasinatos e vinganzas. "¡Diles que no me
maten!" refire a petición inútil dun asasino que ten pasado case corenta
anos sufrindo as consecuencias lastimosas do seu crime; "El hombre",
a fuxida inútil dun home que cometeu un acto terrible por vinganza;
"Acuérdate", o linchamento dun individuo desprezado polos seus
veciños que dá saída ao seu resentimento matando ao seu cuñado. Variantes deste
tema ofrécense en narracións como "En la madrugada" ou
"Talpa". No primeiro, o que parece ser un asasinato por vinganza é un
accidente, pero o acusado do crime, que non lembra o sucedido, acepta con
fatalidade o previsible castigo; no segundo, unha parella adúltera sente, como
se fose a vinganza do morto -irmán do home e marido da muller-, a chegada dos
remorsos por ter favorecido ou provocado o seu falecemento. O desprezo da
sociedade cara a un individuo marxinado tamén se atopa en "Macario",
monólogo terrible dun deficiente mental.
Outro
feixe de contos enfoca a miserable vida do pobo. Ademais de "Nos han dado
la tierra", inciden de xeito especial neste tema ""Es que somos
muy pobres", onde un desastre natural que produce a morte dunha vaca e o
seu becerro pode supoñer a condena á prostitución dunha nena; "Paso del
Norte", no que un pai de familia, para manter aos seus, intenta, sen
éxito, emigrar ilegalmente aos Estados Unidos; ou "Luvina", no cal se
describe un lugar, deixado á marxe da preocupación dos gobernantes, onde todo
está morto.
Só
dúas narracións se afastan relativamente, grazas ao humor, desta visión tráxica
da vida e a sociedade: "Anacleto Morones", no cal un pícaro procura
librarse dun fato de falsas beatas que desexan se proclame a santidade do seu
mestre e sogro, ao que el matou en segredo, e "El día del derrumbe",
en que se parodia a linguaxe ampulosa e ridícula dos políticos
posrevolucionarios e se satiriza o comportamento alienado dos seus seguidores.
Pedro
Páramo é a súa obra mestra.Trátase dunha novela breve e vangardista
incluíble dentro do realismo máxico, xa que o posible e o imposible se enlazan
de xeito natural como consecuencia da cosmovisión do pobo mexicano. Do cubismo
toma a fragmentación da realidade e a presentación dende distintas perspectivas
do mundo evocado; do surrealismo, os soños, a rebelión contra a lóxica, o
aflorar do subconsciente, a mestura de fantasía e realidade, o amor tolo, o
humor negro que aparece de xeito ocasional...
Estamos
ante unha novela coral e polifónica na cal se presenta unha comunidade, Comala,
un lugar morto, como Luvina, asentado "na boca do inferno", a onde
chega Juan Preciado en busca de Pedro Páramo, o seu pai descoñecido, para ao
final descubrir que tanto este como os seres humanos que atopa están mortos,
son sombras fantasmais. El mesmo morre aterrorizado e, xa baixo terra, continúa
reconstruíndo a historia do seu proxenitor conversando coa vella Dorotea, quen
comparte con el a cova, e escoitando as voces e os murmurios doutros defuntos
do camposanto.
Vaise
reconstruíndo así a evolución de Pedro Páramo, un neno soñador e ambicioso e
aparentemente apático que, namorado da súa fermosa compañeira de xogos, Susana
San Juan, ve con impotencia como esta marcha de Comala e, a raíz do asasinato
do seu pai, se amosa solerte e desapiadado para apoderarse das terras dos seus
veciños e vingarse dos que puideron ser culpables do crime. Sen escrúpulos
morais, válese do seu capataz, Fulgor Sedano, e outros servidores para impoñer
a súa vontade. Casa con Dolores Preciado, a súa principal acredora, por
conveniencia, e non dubida en amosarlle o seu desdén cando esta manifesta o seu
descontento e decide ir vivir cunha irmá. O seu único fillo procreado dentro do
matrimonio, Juan Preciado, será vítima da mesma despreocupación con que trata á
moitedume dos seus fillos bastardos, coa excepción de Miguel Páramo, quen atopa
un final prematuro á súa vida desenfreada. Isto é interpretado por el como o
primeiro "castigo" que recibe pola súa maldade; outros serán,
paradoxicamente, o casamento con Susana San Juan, quen, perdida a razón, non
corresponde aos seus sentimentos, e o seu propio asasinato a mans dun fillo
natural, Abundio, o cal, bebido, lle vai pedir axuda para enterrar a súa muller
defunta. Non sofre, porén, coas revolucións, das que sae ben librado grazas á
súa astucia.
Segundo
as edicións, sen variar o contido, a obra aparece dividida en sesenta e seis ou
setenta fragmentos, os cales poden presentar un contido narrativo ou poemático,
xeralmente unidos por referirse a un mesmo personaxe ou idéntico tema, que se
ven deste xeito enfocados dende diversas perspectivas.
O
autor escribiu varias versións da novela, da que foi podando canto coidaba
superfluo. Isto provocou algunhas aparentes incoherencias, pequenas
imperfeccións dunha obra admirable que gaña en cada relectura.
El
gallo de oro é unha novela breve ou un conto longo de carácter diferente. O
autor renuncia ao experimentalismo vangardista e recorre, no seu lugar, aos
métodos tradicionais, talvez porque tiña a finalidade de que servise de apoio a
un guión cinematográfico -de feito, foi a súa obra máis levada ao cine e á
pequena pantalla. Un narrador omnisciente conta a historia de Dionisio Pinzón,
un home pobre, de vida sinxela, que ve nun galo de pelexa en aparencia
moribundo a posibilidade de saír da miseria que o rodea, como se fose a súa
peculiar galiña dos ovos de ouro. Por desgraza, a atención que recibe o animal
vai acompañada do descoido en que ten á súa nai enferma. Cando esta morre, el é
tan pobre que vai enterrala coas táboas da porta da súa casa. Isto esperta a
burla dos seus conveciños, que descoñecen a verdade. O galo mórrelle tras
impulsalo a levar unha vida nómada por feiras e palenques. Os cartos que gaña
con el pérdeos, pero póñeno en contacto con Lorenzo Benavides, criador de galos
e apostador en pelexas amañadas, que o toma ao seu servizo, e con Bernarda
Cutiño, La Caponera, cantante e amenizadora de festas e lugares de apostas,
amante do anterior que acabará converténdose na súa muller. Esta semella ter
uns poderes extraordinarios para atraer a fortuna, pero necesita vivir con
liberdade. Dionisio cede cando a perde por un tempo, pero pouco a pouco vai
impoñendo a súa vontade. Con ela ao lado, na penumbra, cada vez máis aturdida
polo alcohol, consegue facer unha fortuna xogando ás cartas. Bernardita Pinzón,
a filla de ambos, metida en malos pasos, non consegue facerlle recuperar a
razón. A morte inagardada de Bernarda coincide coa ruína no xogo de Dionisio,
que acaba suicidándose. El é enterrado nun cadaleito luxoso que mercara
inutilmente para a súa nai e a filla de ambos continúa o destino da Caponera,
como intérprete popular de cancións de amor desenganado ateigadas de múltiples
sentidos.
Como
se pode intuír, a obra resulta unha especie de parábola sobre os efectos dun
exceso de cobiza; pois o protagonista parte dun estado de inocencia, déixase
levar pouco a pouco pola deshonestidade e a ambición, esquecendo as necesidades
dos seres que ama, ata que a morte da súa muller, a ruína e un sentimento de
culpabilidade o empurran ao suicidio. A novela comeza tristemente e adquire
tons máis luminosos logo para ir escurecéndose conforme pasa o tempo. Nela, o
mundo tradicional mexicano é recreado con viveza, nun esforzo por conservar o
seu folklore. Dentro da súa simplicidade tradicional, que a emparenta co
rexionalismo ou o costumismo que o autor intentara superar nas creacións
anteriores, pódese atopar algún trazo do realismo máxico, como a presentación
de Bernarda Cutiño como un ser con poderes extraordinarios e inexplicables.
Velaí unhas consideracións sobre as características literarias dun autor que confesou inspirarse nos relatos orais do seu pobo. Cuestionado pola violencia e o pesimismo que se manifesta na súa obra, declarou que na súa infancia escoitara moitas historias "de espantos, de guerras, de crímenes" e que unha novela seria sobre a realidade mexicana "no podría hablar de otra cosa que no sean la miseria y la ignorancia". Foi fiel á tradición recibida e á realidade tal como el a coñecía de primeira man, non en balde o seu pai fora asasinado no tempo das revolucións e el recorreu o seu país traballando para o goberno nun intento de mellorar as condicións de vida das súas xentes e preservar a súa cultura. Ese amor pola xente amósase en todos os aspectos: as crenzas e as supersticións populares están na base do seu mundo literario e a linguaxe popular, puída e recreada, é ofrecida ao lector convertida en poesía.