30 novembro 2014

Conmemoración do XX aniversario da creación do movemento Bravu

Este é o nacemento do movemento cultural Bravu, diso fai xa vinte anos. Para conmemoralo o Concello de Pontevedra montou unha exposición no Pazo da Cultura

 

O alumnado de 3º da ESO fixemos unha visita á exposición e tivemos a sorte de ter a Xurxo Souto como guía.





20 novembro 2014

Primeiro acercamento ao mundo dos cogomelos para o alumnado de 1º da ESO

Jaime Blanco Dios, enxeñeiro agrónomo e experto micólogo, presidente da Asociación Micolóxica Brincabois, Premio Cidade de Pontevedra 

Estivo con nos o 13 de novembro, fixemos unha recollida de cogomelos e amosounos cales eran comestibles e cales non.
Eiquí temos parte do que recollemos

02 novembro 2014

Club de lectura 1º trimestre

Estas son as lecturas para o primeiro trimestre do curso 2014-2015


                                             1º ESO                            2º ESO

         
                                            4º ESO                            3º ESO

1º ESO.- Aire Negro  de Agustín Fernández Paz
2º ESO.- O único que queda é o amor de Agustín Fernández Paz
3º ESO.- O sabre do francés de Miguel Anxo Fernández.
4º ESO.- Made in Galiza de Séchu Sende.

29 outubro 2014

O conto de novembro

 TRUNFARON BASTOS

       Unha incesante choiva, fría e miúda, mollaba a mesta vexetación que medraba a ambos dous lados da corredoira por onde camiñaba a parella de aldeáns  con dirección á vila. Semellaban dúas ánimas en pena, tal era a impresión acentuada polo orballo que daba ao día unha cor gris. O ceo estaba tan atoldado que parecía que ía anoitecer.
      A muller, unha moza nova, duns vinte anos, case tiña que correr para manter o ritmo da poderosa alancada do seu compañeiro. O seu esforzo era maior porque levaba no colo un peso engadido que lle impedía o movemento dos brazos. Só as respiracións apuradas e o ruído das pedras pisadas polos duros zocos de madeira, rompían o sepulcral silencio naquela tarde de tristura. A muller, mollada dos pés á cabeza, tentaba protexer da choiva e o frío o vulto que levaba, e  a auga  que lle esvaraba pola faciana mesturábase coas bágoas que agromaban dous seus ollos.
      Cansa, a muller  dixo:
      –Parece que despertou, Nastasio! Está moi mal! Non podo máis!
      –Acouga, Rosa, déixamo levar a min! – exclamou o seu home, que ata ese intre non quixera separar a muller do seu fardo.
      Con moita delicadeza, Rosa entregou a Nastasio un meniño que estaba envolto cunha manta de la, cunha pequena abertura por onde podían verse a súa  pequena boca e o nariz. Cando o cativo sentiu o frío e a choiva no seu pequeno rostro, comezou a berrar, pero os berros eran febles, e, co primeiro esforzo, quedou esgotado e calou ao sentir a calor do corpo do home que o apertaba contra si.
      Uns cans ladraban, o que era sinal evidente da proximidade das primeiras vivendas da vila.
      –Xa falta pouco, Rosa! Imos a présa! – dixo o home con firmeza, procurando amosar serenidade, a pesar da incerteza e a angustia  que ían apoderándose del.

05 xuño 2014

Triste Escarlata, de Marcus Cabada



Poucas veces se dá que un alumno de instituto escriba e publique un libro. Máis raro aínda, que este reciba un premio. Afortunadamente isto sucede no noso centro: Marcus Cabada gañou dous premios -o Nacional das Xoves Promesas das Letras e o Internacional de Novela Experimental “Charlotte Sabine” - coa súa obra Triste escarlata.


 Hai unhas semanas, expuxo as claves da súa obra aos seus compañeiros de 2º C de Bacharelato, indo máis alá do literario e descubrindo aspectos persoais que dalgún xeito están implícitos na obra. Por exemplo, comentou a orixe da sinestesia do título: a cor escarlata das uñas dunha noiva que lle fixo dano e lle producía desde entón unha sensación de tristeza pasou a ser importante para os protagonistas da obra. Tamén se referiu á presenza de citas –ás veces bastante libres- da Biblia e á escritura por momentos un tanto caótica dalgún fragmento: por unha banda, aproveita costumes da súa vida familiar e, pola outra, intenta plasmar os monólogos dun escritor enfermo do mal de Alzheimer, inspirándose na dolorosa experiencia do seu avó.

                Explicou a estrutura da novela, en cuxos catro capítulos intercala os pensamentos do enfermo coas vivencias e lembranzas ferintes da súa filla, que tivo que facer fronte a unha dolorosa decisión. Por ese motivo a noveliña está ateigada de reflexións que a miúdo non levan a ningunha consecuencia clara a abarcan temas moi diversos: a eutanasia, o sentida da arte e, en especial, a literatura, a enfermidade, a necesidade de decidir...

Marcus D. Cabada
                Marcus utiliza unha linguaxe innovadora, rómpelle as costuras por veces á gramática e ao léxico; entende que a mocidade non debe conformarse cos camiños demasiado andados. Busca a novidade sen renunciar ao exemplo dalgúns escritores e tendencias que concordan coa súa sensibilidade, de modo que non dubida en introducir poemas e contos dos seus autores favoritos, como Borges ou Emily Brontë, nun exercicio de intertextualidade, deglutíndoos, facéndoos parte da súa obra.

                Como en toda obra de iniciación, os personaxes e os feitos narrados teñen, dalgún xeito, moito de persoal; por iso non é estraño que coincidan con el nos seus gustos literarios, Por medio do vello escritor fai unha louvanza da vangarda e o poder innovador da arte, mostra a súa admiración por aqueles que desexan cambiar o mundo, especialmente se son incomprendidos. Confía no poder revolucionario das palabras, aínda que é consciente do seu carácter idealista, trazo que lle parece natura nunha persoa da súa idade. A mocidade debe plasmar os seus soños, necesita dar saída aos seus sentimentos, sabe que hai un coñecemento intuitivo, non plenamente racional, que é auténtico, a pesar de que non se explique coherentemente mediante as palabras. Estas iluminan, pero non aclaran totalmente a realidade. En certo modo, todos padecemos o mal de Alzheimer.

                Triste escarlata é unha noveliña breve ou un conto longo que se aproxima á poesía e a digresión. En gran medida, ten moito de diario, de plasmación en primeira persoa das reflexións dun escritor ferido por unha enfermidade mental dexenerativa. Este diario-monólogo con reflexións contradictorias, expresións confusas e momentos de lucidez, é contrapunteado pola narración en terceira persoa dos sentimentos da súa filla Luna, que sente remorsos pola decisión adoptada, a pesar de crer que obrou da mellor maneira posible. Ao final, ambos personaxes, identificados mentalmente, acadan un estado de luminosa liberación.

                Agardemos que este sexa o comezo da liberación creadora do talento de Marcus, quen agora está pensando en variar, en crear unha nova obra noutro xénero, porque sente que talvez necesita máis experiencia vital para escribir unha novela máis ambiciosa. De feito, esta obra presenta escasa acción, comprácese na escritura; é un exercicio de estilo que se aproxima ao poema e á divagación dun diario.

                Por momentos, pode considerarse como o testemuño dunha época de crise na que, case cun ton profético, se critica a corrupción, a cobiza dos cartos, a ambición... e se louva a honradez, a limpeza do espírito, a xustiza... Mais é un ton profético que remata no optimismo e a visión positiva dun xeito un tanto incoherente, porque o autor confía no poder da conciencia individual e da palabra, a pesar de considerar imperfectos tanto á razón como ó ser humano.

No fondo, Marcus é consciente, como Borges, de que o ser humano, que posúe unha mente e unha razón insuficientes, cando non defectuosas, nunca poderá atopar un sentido ó mundo. E o artista, na loita entre razón e soño, realidade e fantasía, ha de inclinarse pola segunda, porque a imaxinación axuda  a escapar ou corrixir un mundo feo e defectuoso. Nun mundo que se trasforma en gaiola e cadea, a fantasía ofrece unha luminosa liberación.

26 abril 2014

O conto de maio

 Jean-Louis Dubut de Laforest

J.L. Dubut de la Forest
     Jean-Louis Dubut de Laforest (1853-1902), foi un escritor francés de finais do século XIX que destacou pola sua inxente obra narrativa. Aínda que hoxe é un escritor case esquecido, tivo moito éxito en vida. Excribiu moitas novelas, primeiro publicadas en folletín nos xornais y logo en volumen.
Algúns críticos o vinculan ao movemiento naturalista, pero pouco ten que ver con Zola e os seus seguidores. A súa obra trata de analizar, dende un punto de vista científico, as perversións e vicios da bulliciosa humanidade do París nocturno de finais de século. Ese intento, costoulle non poucos disgustos. Foi condenado por "ultraxe ás boas costumes" con dous meses de cárcere e 1000 francos de multa por mor da publicación da novela "Le Gaga", que poderíase traducir por "O vello chocho".
     Dubut de Laforest puxo fin aos seus días tirándose dende a ventá do seu domicilio parisino.
    
     Hoxe deixovos un conto triste, moi triste. Case semella escrito por Dickens. A desgracia humán é un recurrente temático para moitos autores realistas. Este é un deles.
 (José M. Ramos)


Máis información sobre este escritor e a su obra, podedes atopala no noso blog 

"Croa" se disfraza

A nosa mascota, a rá "Croa", disfrázase de Don Mendo 
Debuxo de Roberto Ramos