O AUTOR DO MES DE
XANEIRO
HERMANN SUDERMANN
Hermann Sudermann (1857-1928) naceu nun
lugar que daquela pertencía a Prusia e hoxe forma parte de Lituania. A súa
familia, procedente de Holanda, asentárase alí para practicar libremente as
súas crenzas menonitas –contrarias á guerra e a violencia en xeral. Realizou
estudos universitarios, que deixou inacabados, e dedicouse ó xornalismo antes de destacar
como escritor. Estivo implicado na política do seu tempo, así que foi
partidario da unificación alemá e viviu con intensidade os conflitos bélicos
que tanto afectaron ó seu país.
Hoxe bastante esquecido, no seu día gozou
de popularidade. Entre os seus tradutores atópanse Unamuno ou Edith Wharton.
Xeralmente relaciónase cos autores naturalistas ou próximos a este movemento
–Zola, Maupassant, Ibsen, Hardy-, pero as súas obras poden emparentalo con
escritores do estilo de Henry James, Anton Chekhov ou Stefan Zweig, anteriores
á renovación dos xéneros experimentada pola literatura nas primeiras décadas do
século XX.
Cultivou xéneros diferentes; en especial,
o conto (O lirio da India...), a novela
breve (O muíño silencioso, O desexo,
As vodas de Iolanda...), a novela (A dama gris, A ponte dos gatos, O pasado indestrutible, O cantar dos cantares...) e o drama tanto
nun acto como en varios (Rosas, Morituri, O honor, O fogar, Lumes de San Xoán, A ledicia de vivir, Magda...).
As primeiras obras do noso autor –entre
as cales se atopan A dama gris, A ponte dos gatos ou O pasado indestrutible- procuran
reflectir o mundo da súa terra natal, en especial, o dos junkers, os propietarios rurais. Recorre por veces ás ideas do
Naturalismo e así vemos como aparecen aspectos do estilo da loita pola vida, a
lei da herdanza, a supervivencia dos máis fortes ou a degradación familiar a
consecuencia dos vicios paternos. En novelas posteriores, como O cantar dos cantares, que foi levada ó
cine, o autor dálles preferencia ós aspectos persoais que aparecen xa nas
primeiras obras, de modo que cobran máis importancia, se cabe, os detalles
románticos ou a análise psicolóxica dos personaxes. A dona de Steffen Tromholt, publicada pouco antes da súa morte,
encerra aspectos autobiográficos.
Máis doadas de ler resultan as súas
novelas breves. O muíño silencioso é
a historia tráxica de dous irmáns namorados da mesma muller; O desexo presenta a obsesión dunha moza,
Olga, namorada do marido da súa irmá, que non se perdoa ter desexado a morte
desta; As vodas de Iolanda é unha
marabilla de relato humorístico, na cal un vello solteirón acepta de bo grao
que a súa dona, coa que vén de casar, o rexeite, e incluso facilita os trámites
para que case cun mozo do que é padriño.
Por outra parte, están os seus contos. O lirio da India reúne sete que son
extraordinarios por distintos motivos. “Xente feliz” parece un anticipo do
realismo máxico de Cortázar; “A canción da morte” é o arrepiante contraste
entre a vida e a morte, a inocencia e –tal como se entendía no século XIX- a
perversión; “A vítima”, unha traxedia conxugal...
Tamén son dignas de memoria as súas obras
dramáticas. En Rosas e Morituri –Os que van morrer- reúne pezas nun só acto que gardan parentesco,
pola brevidade e intensidade, cos seus contos. Da segunda obra, é maxistral
“Fritzchen”, o drama do mozo consciente de que vai morrer nun duelo e quere
despedirse dos seus pais e a súa amada. Rosas
tamén encerra unha crítica ó costume dos duelos en “A derradeira visita”, onde,
ademais, se presenta, de maneira sarcástica, como en “Raios de luz”, a muller
adúltera e egoísta. Polo contrario, en “Margot” aparece a moza seducida e
talvez violada que rexeita casar co seu sedutor e en “A princesa distante”
encontramos fronte a fronte o poeta idealista e a moza soñadora ós que a vida
sitúa en lugares opostos da escala social.
Os dramas O honor, O fogar e A ledicia de vivir foron talvez as
obras que lle deron máis popularidade. En especial, a segunda, que foi
representada polas grandes actrices daquela época. O honor tenta ser unha especie de obra de tese sobre este tema. O
autor critica a mentalidade convencional e defende un sentimento do honor totalmente
subxectivo que dependa unicamente do orgullo que unha persoa poida sentir ou
non a causa dos seus actos. Defende, así mesmo, o matrimonio entre persoas de
distinta clase social. O fogar
–tamén traducido como Magda ou Patria; en alemán, Heimat- presenta á muller seducida e abandonada que se fai forte,
consegue o éxito como cantante de ópera, leva unha existencia que non respecta
as convencións sociais burguesas e regresa á súa terra para congraciarse co seu
pai, quen un día a rexeitou. Como dixemos, algunhas célebres actrices
identíficáronse co personaxe. Xunto con algún drama de Ibsen, representa a
aparición das ideas feministas sobre a escena. Lumes de San Xoán amosa o drama dunha moza estraña, de
sensibilidade exquisita, que renuncia ó amor acomplexada pola súa orixe. Por
último, A ledicia de vivir amosa o
drama da muller de grandes cualidades que se suicida, a pesar do seu amor á
vida, polo ben dos seus seres queridos.
Pulsa na imaxe e le a obra. |
Pulsa na imaxe e le a obra |
Así, pois, trátase dun autor de obra
variada. Os seus libros foron pouco traducidos ás linguas peninsulares. No
Project Gutenberg podedes atopar a versión española de O muíño silencioso, O desexo
ou As vodas de Iolanda –que vos poden
dar unha medida do seu talento- e traducións ó inglés de varias das súas
mellores obras. Incluso un estudo en francés, escrito por Paul Besson, sobre as
súas primeiras novelas. Oxalá vos gusten!
O carteis da biblioteca son os seguintes: