O AUTOR DO MES
FEBREIRO
OSCAR WILDE
Oscar Wilde, nacido en Dublín en 1854 e morto en París en
1900, é un dos autores fundamentais da segunda metade do século XIX. Fillo de pais
ilustres, destacou como estudante e amosou dende moi novo a intención de ser un
home de letras. Amante da arte e o luxo, ansioso de asombrar a sociedade
vitoriana, adoptou a actitude dun dandi. Casou con Constance Lloyd, tivo dous fillos, coñeceu o
éxito e a admiración do público. Esta vida, ideal para unha comedia,
transformouse nunha experiencia tráxica xusto no seu momento de máximo
esplendor a raíz dun xuízo en que foi condenado pola súa relación homosexual
con Alfred Douglas, de familia nobre. Tras pasar dous anos no cárcere nun
réxime de traballos forzados, rexeitado pola sociedade que o admirara, viviu
como unha sombra do pasado lonxe de Inglaterra ata o momento da súa morte
solitaria.
Foi narrador, dramaturgo, poeta, ensaísta, xornalista,
conferenciante...; engaiolou aos seus amigos coa súa capacidade para abraiar
cunha frase brillante ou un relato improvisado. Tivo a ilusión de facer da súa
vida unha obra de arte.
A poesía foi o primeiro xénero que cultivou, xa que, sendo
estudante, obtivo un premio por Rávena,
obra inspirada pola impresión que lle causou a histórica cidade nunha das súas
primeiras viaxes ao estranxeiro. Logo publicou Poemas, que presenta unha variada colección de versos. Está
dividido en seccións que poderían considerarse libros independentes. “A
esfinxe”, inspirada por Gautier, é unha evocación exótica de Exipto; “Rosa
mística”, con pegadas evidentes da poesía francesa, sobre todo de Baudelaire,
ofrece poesía relixiosa, descritiva, culturalista, impresionista; os “Poemas en
prosa” en ocasións aproxímanse ao conto breve; “Eleutheria” aborda temática
política: exalta a liberdade, proclama o seu ideario republicano, aínda que
prefire a monarquía ao comunismo, reflexiona sobre o rol de Inglaterra no mundo...
Nestas obras procura a musicalidade e a arte pola arte,
seguindo as ideas do seu mestre Walter Pater; mais, tras a experiencia do
escándalo e a prisión, crea unha obra moi diferente, a Balada do cárcere de Reading, en homenaxe a un preso alí executado,
un militar que matara á muller “amada”. O autor repite que todos os homes matan
aquilo que aman, non no sentido que se pode deducir dos crimes machistas. Trata
sobre o mundo da prisión: a violencia, a angustia, a desesperación, o terror
causado polas mortes frecuentes, a solidariedade dos condenados. Encoméndase a
Xesús e dá saída a un sentimento relixioso que parece auténtico.
Cabe sinalar que Wilde se manifestou en ocasións anticlerical
e incluso escéptico, pero sempre, como Curros, expresou admiración por Xesús.
Porén, non queda claro se vía nel unha imaxe divina ou humana, ao xeito de
Renan.
Wilde cultivou tamén de xeito admirable o ensaio. Publicou
breves estudos na revista que el mesmo dirixiu, Woman’s World, un libro –Intencións- artigos para a reforma das prisións e, en especial, tres obras: O crítico
artista, A decadencia da mentira
e A alma do home baixo o socialismo.
Nas tres hai reflexións moi acertadas a carón de frases paradoxais que amosan
e, en parte, agachan o seu pensamento contraditorio e humorista.
Nos dous primeiros utiliza o diálogo, ao estilo platónico,
para tratar cuestións de estética e literatura. Seguindo a Walter Pater e John Ruskin,
defende a teoría da arte pola arte. Considera que a literatura non debe ter
finalidade práctica, senón coidar ante todo a forma e a técnica, pois case todo
está dito. Menospreza o realismo e louva a fantasía; amosa admiración polos
impresionistas ou simbolistas. Defende unha crítica
subxectiva, apaixonada, que manifeste a alma do crítico; pois, na súa opinión,
é un xénero metaliterario, que debe crear sobre o xa creado e espertar o amor
pola beleza. Fai interesantes observacións sobre diversos autores.
A decadencia da mentira é un
texto irónico. Trátase da defensa da mentira, entendida como fantasía e
imaxinación, na arte. Presenta unha opinión negativa do naturalismo e opón
Balzac a Zola. O primeiro, ao seu xuízo, é un “creador”, ensina a ver a vida;
os lectores aprenden, por medio das súas obras de imaxinación, a observar
aspectos da realidade que antes pasaban desapercibidos. Nese sentido, Wilde
pensa que as artes deben ensinarnos a mirar dun xeito novo, “crear” realidades
novas.
A alma do home baixo o
socialismo ten algúns momentos antolóxicos nos cales o autor se amosa
brillante e un tanto burlón. Amósase contrario ao capitalismo e partidario do
socialismo, sempre e cando este non pretenda gobernar e impoñer a uniformidade,
pois considera que o individualismo é esencial para o desenvolvemento do ser
humano. Coida que a abolición da propiedade, a familia, o sistema
penitenciario... será beneficiosa para a sociedade. Evidentemente, non recorre
a citar a Marx ou outros autores, senón que se inspira no exemplo de Xesús xa
que, para el, cristianismo e socialismo non se opoñen en absoluto. En
realidade, o que defende (non se sabe ata que punto) é un anarquismo utópico no
cal o Estado só se preocupe de repartir o traballo e o necesario para a existencia satisfactoria
das persoas; posuiría con exclusividade as máquinas, que se encargarían dos
traballos máis alienantes.
En canto á narrativa, Wilde publicou dúas coleccións de
contos –O Príncipe Feliz e outros contos,
Unha casa con granadas-, varias novelas breves ou relatos longos de xeito
independente –A pantasma de Canterville,
O crime de Lord Arthur Savile, O
retrato de Mr. W. H.- e unha novela longa –O retrato de Dorian Gray.
Os seus contos inspíranse nos relatos infantís e tradicionais;
gardan similitude, en especial, cos de Hans Christian Andersen. Gústanlle o seu
irrealismo, a súa fantasía, incluso o seu sentimentalismo, aínda que
teoricamente defenda o esteticismo e menosprece a mensaxe moral. “O Príncipe
Feliz”, “O reiseñor e a rosa” ou “O xigante egoísta” adoitan aparecer nas
antoloxías de contos universais. Conmovedores e tristes, talvez dunha
sensibilidade anticuada, louvan a bondade. Tamén son coñecidos “O famoso
cohete”, coa súa visión humorística da vaidade humana, e “O neno astro”, coa
evolución do rapaz egoísta a mozo xeneroso por medio da penitencia e o castigo.
Máis ignorados son “O amigo fiel”, “O rei novo”, “O pescador e a súa alma”, “O
aniversario da infanta”, que encerran, non obstante, aspectos orixinais como o
aproveitamento de elementos míticos e unha estética modernista. Nalgún amosa
coñecemento da historia de España, aínda que non a trata con fidelidade.
A pantasma de
Canterville é a parodia dun relato de pantasmas romántico que procura
conservar o seu aspecto poético. Ten boas doses de humor, baseado esencialmente
no enfrontamento entre o espírito práctico e realista estadounidense e o mundo
arcaizante inglés.
O crime de Lord Arthur
Savile é, así mesmo, un relato humorístico cuxo protagonista, un tanto
excéntrico, é presentado ironicamente como modelo de sentido común, incluso
cando intenta matar –dando lugar a simpáticas escenas- a dous familiares antes
de contraer matrimonio, porque un quiromántico lle predí que cometerá un
asasinato. Acaba matando nun arrebato de carraxe ao propio quiromántico e, como
non é descuberto, pode casar sen o máis mínimo remorso.
O retrato de Mr. W. H.
trátase dunha mestura de narración e ensaio onde Wilde presenta unha nova
hipótese sobre o personaxe real que se oculta baixo o misterioso W. H. a quen
Shakespeare dedica os seus sonetos. Varios personaxes convéncense da verdade da
hipótese, pese a que o seu formulador acode á falsificación dun retrato para
demostrala. Búscase unha interpretación dos sonetos que encaixe coa teoría: o
inspirador, Mr. W. H., sería un xove actor encargado de representar os papeis
femininos dos dramas shakespearianos.
O noso autor tamén cultivou a epístola, esquecendo a súa
máxima de que a obra literaria non debe tratar da vida de homes e mulleres
concretos. En De Profundis explica de
forma patética a súa dolorosa relación con Lord Alfred Douglas, motivo da súa
caída.
Deixamos para o final a parte da súa obra que coidamos más
digna de memoria. O teatro de Oscar Wilde está composto polas seguintes obras: Unha muller sen importancia, O abano de lady Windermere, A importancia de chamarse Ernesto, Vera ou os nihilistas, Salomé, Unha traxedia florentina, A
duquesa de Padua e algúns fragmentos de obras inacabadas. Son, polo tanto,
oito obras completas de desigual amplitude, pois posúen desde un a cinco actos.
A
primeira vista, obsérvase unha posible división entre obras ambientadas na
Inglaterra do seu tempo e obras situadas en tempos ou espazos remotos. Dentro
de cada grupo, cabería distinguir entre obras cómicas e obras tráxicas ou
traxicómicas. Esta segunda clasificación é máis confusa, pois é motivo de
múltiples matices diferenciadores, que conducen ó vello pensamento de que cada
obra é diferente e única.
Nas
obras situadas na Inglaterra contemporánea, pódense atopar numerosas e
innegables similitudes e leves diferenzas na concepción da obra dramática.
As
outras tres posúen unha mensaxe moralizadora, aínda que aparecen o mesmo
ambiente e incluso o mesmo tipo de personaxes.
Unha muller sen importancia é unha
crítica do nobre inmoral e conquistador que seduce e abandona a unha muller.
Resalta a diferenza de trato que reciben o sedutor e a seducida. Remata co
rexeitamento do sedutor e a consolación e alivio da seducida.
Un marido ideal critica as manobras
deshonestas que realizaban os políticos para ascender. Subliña que a corrupción
era xeralizada e que adoitaba haber unha íntima relación entre grandes
operacións de bolsa e política. Tamén intenta defenderse a necesidade de
perdoar os erros e de non idealizar de máis a persoa amada, coidando que, ao facelo así, se forza e escraviza a esta. A obra ten unha mensaxe que
seguramente non gustará ás mulleres en xeral, pois considera que a misión do
home na sociedade é superior á da muller, a quen practicamente restrinxe ao mundo familiar. Parece haber unha moralidade moi ambigua nesta obra.
O abano de lady Windermere tamén
presenta o tema da muller deshonrada e da diferenza de criterio que se usa para
xulgar aos homes e ás mulleres. Aquí a muller deshonrada é nai da honesta lady
Windermere e non dubida en sacrificarse para que a súa historia non se repita.
O autor remarca que a rebeldía conxugal acaba en fracaso e que a muller debe
sacrificarse, chegado o caso, porque debe atender aos seus fillos. Nunha
sociedade tan puritana como a vitoriana, gardar as aparencias era esencial.
Vera ou os nihilistas parece unha obra
máis inmatura. Ten carácter máis tráxico. Wilde ten a idea de que a muller
sempre se move por sentimentos máis que por ideoloxías. Vera, unha
revolucionaria rusa, sacrifícase polo seu amado, que é nada menos que o
zarévich –que se transforma en zar ao morrer en atentado o seu pai-. Wilde é
partidario das reformas e non da revolución. Critica aos malos gobernantes do
malestar do pobo e dos movementos revolucionarios.
Salomé é unha pequena obra orixinal,
decadentista e, á súa maneira, perfecta. Ten moitos toques poéticos en
situacións, personaxes e linguaxe. Acaba coa morte de Yokanahán (Xoán o
Bautista) e a propria Salomé. Nun ambiente de pesadelo destacan varios
personaxes: Herodes, Herodías, Salomé, Yokanahán e un soldado sirio. Loucura e
degradación aparecen mesturadas co luxo e a beleza.
Curiosamente,
Wilde debeu ser, pola súa vida, bastante escéptico, pero sentiu interese polo
mundo bíblico ou cristián e o sentido cristián, como temos visto, é
relativamente frecuente na súa obra, incluso en obras moi destacadas, como “O
xigante egoísta”. É unha mostra de astucia, de desexo de compracer os gustos
moralistas do seu público, ou de remorso, de auténtico anhelo dunha vida máis
pura? Lembremos o sentido de O retrato de
Dorian Gray, a súa principal novela. Como debeu vivir a súa
homosexualidade? Como foron as súas relacións matrimoniais? No seu teatro,
amosa as parellas que manteñen unha boa relación como un caso admirable pola
súa escaseza: así sucede en Un marido
ideal ou O abano de lady Windermere.
Ademais, incluso estas parellas están moi cerca da crise cando se atopan co
primeiro problema; por exemplo, cando lady Chiltern descobre a deshonestidade
do seu marido no pasado ou cando lady Windermere cre que o seu marido lle é
infiel con outra muller.
Un
trazo peculiar do estilo de Wilde é o seu gusto polo paradoxo. Con frecuencia
presenta reunións de xente de alta liñaxe que opina de maneira brillante –e
frecuentemente irónica ou insincera- sobre todo. Poden atoparse así lúcidas
sentencias que lembran a La
Rochefoucauld e ditos graciosos que debían facer rir ou
sorrir aos seus contemporáneos. Segundo parece, son prolongacións da súa maneira
de ser, pois era célebre na sociedade do seu tempo por tales frases enxeñosas.
Algún personaxe, como Cecilio Graham en O
abano de lady Windermere, pode ser considerado como un alter ego do autor.
Na
plasmación graciosa do mundo en que vivía, resultan, en especial, simpáticas
algunhas parodias de señoras de alta sociedade, curiosa mestura de inxenuidade,
inconsciencia, malicia e auténtico despiste.
Mais
o desexo de Wilde non era só caer simpático e ofrecerlles aos seus
contemporáneos unha visión agradable de si mesmos. Ao tempo que presentaba a súa
sociedade de maneira sorridente e maliciosa, destacaba os seus defectos: o
egoísmo, a falta de xenerosidade, a maledicencia, a inmoralidade… Céntrase,
evidentemente, nas clases altas, e non parece interesarse polas clases baixas,
aínda que, por medio dalgún personaxe, fai unha defensa delas con carácter
humanitario e “cristián”.
Na biblioteca pódense atopar traducións ao galego e o
castelán dalgunhas das súas obras narrativas ou dramáticas. Como sempre, na
Internet pode accederse a versións en varios idiomas dos seus libros máis
famosos.