23 outubro 2020

CONTOS DA LITERATURA UNIVERSAL TRADUCIDOS AO GALEGO. ITALO CALVINO: "A camisa do home feliz"

Hoxe comezamos unha NOVA SECCIÓN MENSUAL no blog da biblioteca:

Contos da literatura universal TRADUCIDOS AO GALEGO. 

Na biblioteca estamos moi contentas de que o profesor LEOPOLDO, que imparte clases de Lingua galega e Francés no noso centro, colabore con nós neste curso 2020-21, e esperemos que moitos máis. Para empezar traducíunos do portugués este conto de Italo Calvino que é unha preciosidade. Gozade del e dos seguintes contos que o profe vos achegará con moito gusto... 

********************

Italo Calvino


A CAMISA DO HOME FELIZ

Había unha vez un rei que tiña un fillo único, e queríao coma a luz dos seus ollos. Pero o príncipe andaba sempre triste. Pasaba días enteiros debruzado no balcón, a ollar para lonxe.

-Pero que che fai falta? -preguntáballe o rei. -Que tes, meu fillo?

-Non sei, mi padre. Nin eu mesmo sei.

-Estás namorado? A moza que queiras, dimo e será a túa esposa, aínda que fose a filla do rei máis poderoso da terra ou a máis pobre das labregas!

-Non, papá, namorado non estou.

E o rei tentaba distraelo de todas as formas! Teatros, bailes, música, cantos; pero nada valía, e cada día desaparecían do rostro do príncipe as cores vermellas.

O rei publicou un edicto, e de todas as partes do mundo viñeron as persoas máis instruídas: filósofos, doutores e profesores. Mostroulles o príncipe e pediu consellos. Eles retiráronse para pensar e voltaron á presenza do rei.

-Maxestade, pensamos, lemos as estrelas; velaquí o que debe facer. Procure un home que sexa feliz, pero feliz en todo e por todo, e troque a camisa do seu fillo coa del.

Aquel mesmo día o rei mandou os embaixadores polo mundo adiante a fin de procurar o home feliz.

Leváronlle un crego.

-É vostede feliz? -preguntoulle o rei.

-Son, Maxestade!

-Moi ben. E el gustaríalle ser bispo?

-Quen me dera, Maxestade!

-Rúa! Fóra de aquí! Procuro un home feliz e contento coa súa condición; e non un que desexa estar mellor do que está.

E o rei esperou por outro. Había un rei veciño del, dixéronllo, que era era feliz e contento de verdade: tiña unha esposa bonita e boa, unha chea de fillos, vencera todos os inimigos na guerra, e o seu país estaba en paz. Inmediatamente, cheo de esperanza, o rei mandou que os embaixadores lle fosen pedir a camisa.

O rei veciño recebeu os embaixadores e:

-Si, si, non me falta nada, porén, é pena que, cando un ten tantas cousas, teña que morrer e deixar todo! Con tal pensamento, sufro tanto que non durmo á noite!

E aos embaixadores pareceulles mellor marchar de alí.

Para desafogar a súa desesperación, o rei foi cazar. Tirou nunha lebre e pensaba que lle dera, pero a lebre, coxeando, fuxiu. O rei perseguiuna e apartouse do séquito. No medio dos campos oiu unha voz de home cantando a falulella*. O rei parou: “Quen canta así só pode ser feliz!”, e seguindo o canto entrou nunha viña, vendo, entre as fileiras, un mozo que cantaba podando as videiras.

-Bo día, Maxestade -saudouno o mozo.- Tan cedo e xa polos campos?

-Abenzoado sexas. E queres vir comigo para a capital? Has de ser o meu amigo.

-Ai, ai, ai, Maxestade, non vou, non. Agradézollo pero non lle vou. Non cambiaba eu este meu sitio nin co papa de Roma.

-Pero ti... un bo mozo como es...

-E eu dígolle que non lle vou. Estou contento así e chégame.

“Finalmente un home feliz!”, pensou o rei.

-Escoite, mozo, ha de facerme un favor.

-E se podo, de todo corazón, Maxestade.

-Espere un momento. -E o rei, que non cabía mais en si de alegría, correu en busca do seu séquito: -Vinde todos! O meu fillo está salvado. -E lévaos onda o mozo.- Abenzoado rapaz -dille-, dareiche todo o que queiras! Pero hasme de dar... hasme de dar...

-O que, Maxestade?

-O meu fillo está á beira da morte! Soamente ti o podes salvar. Ven aquí, espera! -E cólleo polo brazo, e comeza a desabotoarlle a chaqueta. De repente, o rei queda teso, os brazos cáenlle.

O home feliz non tiña camisa.


CALVINO, Italo: Contos populares italianos (Fiabe italiani), 1956.


*Idioma friulano: “cantarela común dos labregos, sen significado, e coa cal acostuman pechar as estrofas das súas cancións”.


NOTA: A camisa do home feliz

(La camicia dell'uomo contento) Extraída de “Cui isel contènt in chist mont?”, Cormons (Udine), contada en 1912 por Orsola Minèn, dona de casa, instrución primaria.

Narrativa con orixe literaria ilustre. Atribuída a Alexandre Magno, figura no Pseudo-Callisthenes e de alí pasou a lendas latinas medievais e a contos orientais. Foi recontada no Pentamerone e nunha novela de Casti. Tornouse despois un dos famosos “contos populares luqueses” de Nieri.