01 outubro 2020

AUTOR DO MES DE OUTUBRO: RAYMOND CHANDLER

 

RAYMOND CHANDLER

Naceu en Chicago en 1888 e morreu en La Jolla (California) en 1959. Pasou parte dos seus primeiros anos no Reino Unido e tivo durante moito tempo a nacionalidade británica. Participou na Primeira Guerra Mundial e desempeñou múltiples empregos: funcionario, xornalista, contable, directivo dunha compañía petrolífera... Ao ser despedido desta, comezou a publicar relatos e novelas pertencentes case exclusivamente á denominada “serie negra”, en especial en revistas como Black Mask ou Dime Detective Monthly. Casou, xa maior, con Cissy Pascal, que lle levaba case vinte anos. Cando esta morreu, en 1954, os seus problemas de alcoholismo e tendencia á depresión acrecentáronse, o cal repercutiu na súa obra creativa. Foi un dos escritores que, como William Faulkner, Francis Scott Fitzgerald ou Howard Fast, aceptaron traballar como guionistas para a industria do cine.

 

        Chandler, que posuía unha formación culta e fora poeta na súa mocidade, pensou nos anos trinta que podería gañar a vida como escritor do xénero coñecido como “hard boiled” que popularizara Dashiell Hammett. Procurou deixar nas súas obras unha impronta persoal. A súa gran creación foi o detective Philip Marlowe, a quen converteu en protagonista e narrador das súas obras máis logradas. Concédelle a este un estilo persoal que bota man da lingua culta, o argot dos barrios baixos californianos e abundantes e orixinais imaxes, descricións e comentarios. Trátase dun estilo cargado de cinismo e ironía que foi obxecto de frecuentes imitacións.

 

        No seu breve ensaio “The Simple Art of Murder” (A simple arte do asasinato), Chandler defende a novela de serie negra, en contraposición ao relato policial clásico, que poderían representar Agatha Christie ou Dorothy L. Sayers, polo seu maior realismo, a súa profundidade sociolóxica e incluso a súa frescura estilística. Gaba a figura de Dashiell Hammett, aínda recoñecendo que boa parte das súas innovacións se atopaban xa nas primeiras obras de Ernest Hemingway. Chandler nas súas grandes obras seguirá o exemplo de Red Harvest (Colleita vermella), narrada en primeira persoa, e non o de The Glass Key (A chave de vidro), onde Hammett utiliza a técnica condutista, perseguindo a relativa obxectividade dunha cámara cinematográfica. 

        Philip Marlowe é a culminación dunha serie de tentativas ofrecidas nos seus contos: Malory, Dalmas, Carmady... Tense dito que é unha especie de cabaleiro andante “de ocasión” nun mundo corrompido. Ao autor pareceulle mal o retrato do personaxe feito polo seu amigo John Houseman, que o definía así: “... un home monótono e melancólico, de intelixencia limitada e aspiracións mediocres, que se contenta con traballar por dez dólares diarios e que, entre unha copa e outra, recibe regularmente unha tunda e se deita ocasionalmente con algunha muller”. Chandler, no ensaio antes citado, sinala que é un home común e ao mesmo tempo extraordinario; un home de honor, íntegro de seu; relativamente pobre e desdeñoso da riqueza; coñecedor da psicoloxía humana; un ser solitario e orgulloso que sente repugnancia ante o finximento e a ruindade, posuidor dunha moralidade un tanto laxa en certos aspectos, pero esencialmente honesto consigo mesmo e cos demais. Trátase dun individuo que fala con tosco humor, botando man do sarcasmo e a ironía, un tipo valente e ás veces temerario que a miúdo oculta intelixencia e cultura –pasou dous anos na universidade, reláxase escoitando música clásica e reproducindo partidas clásicas de xadrez. Aínda que poida parecer duro e mesmo violento, ten un fondo sentimental e romántico. O seu sarcasmo pode entenderse como o produto da visión da vida dun idealista decepcionado co mundo corrompido en que vive. Consome grandes cantidades de alcohol, que é o seu refuxio e o seu pracer. Como é habitual nos heroes deste tipo de novelas, ten gran atractivo sexual, pero, excepto ao final, renuncia a perder a súa liberdade por atarse a unha muller.

 

        En xeral, as novelas de Raymond Chandler teñen un argumento relativamente simple e incluso deixan algúns cabos soltos pois consideraba que as novelas, como as películas, debían ter unha trama sutil que permitise introducir escenas impactantes. As descricións e as escenas sérvenlle para crear un ambiente e suscitar no lector un ton sentimental. Non coidaba que o fundamental fose descubrir o asasino, senón os motivos e as circunstancias que o empuxaron a delinquir –xeralmente o afán de poder e riquezas ou, de xeito máis tenue, a frustración sexual.

Presumiu de ser o primeiro en presentar o ambiente de Los Angeles, un mundo próspero e corrupto, que reflicte, a pequena escala, os valores da sociedade estadounidense.

        Marlowe é contratado a miúdo por persoas que lle menten ou lle ocultan parte da verdade, que incluso cometeron algún crime. Trátase ás veces de mulleres sedutoras que provocan ou cometen asasinatos, de persoas de vida azarosa que mudan de nome e mesmo de personalidade. Marlowe pórtase con elas como un avogado cos seus clientes e non dubida ás veces en ocultar os seus delitos. Vive nun mundo en que os poderosos viven á marxe da xustiza coa complicidade da policía e o poder político. A inxustiza esperta nel o afán de descubrir a verdade incluso cando aos seus clientes xa non lles interesa.

 

        Aínda que Marlowe publicou moitos relatos longos ou novelas breves, a súa obra máis digna de memoria comprende as sete novelas longas que teñen como protagonista a Marlowe: The Big Sleep (O gran sono ou O sono eterno), Farewell, My Lovely (Adeus, queridiña ou Adeus, boneca), The High Window (A fiestra alta ou a A fiestra sinistra –non se confunda coa película de Hitchcock), The Lady in the Lake (A dama do lago), The Little Sister (A irmá pequena), The Long Goodbye (O longo adeus) e Playback. Todas elas forman unha especie de ciclo, presentan ó detective en distintos momentos da súa vida, e foron levadas ao cine.

 

        En The Big Sleep, Marlowe procura esclarecer a desaparición de Rusty Regan, un contrabandista casado coa filla dun vello millonario. En certo modo, acaba identificándose co desaparecido. Incide en múltiples aspectos negativos da sociedade de Los Angeles: a influencia dos poderosos sobre a xustiza, a corrupción policial, o servilismo da prensa, as diversas variedades de delincuencia, relacionada co xogo, a chantaxe, os negocios ilícitos, o roubo, o narcotráfico... O carácter amoral dunha moza da alta sociedade desencadea unha serie de crimes. A versión cinematográfica, protagonizada por Humphrey Bogart, que antes xa dera presenza a Sam Spade, o detective de Dashiell Hammett, en The Maltese Falcon (O Falcón Maltés) popularizou a obra.

 

          Farewell, My Lovely é, para algúns, a súa mellor novela. Persoalmente, creo que é un tanto desigual, pero é certo que presenta escenas moi logradas, ateigadas de humor, unha linguaxe brillantísima e certas novidades técnicas, que son estrañas no xénero. Chaman a atención as súas descricións, tremendamente subxectivas, simbólicas, irónicas, incluso sarcásticas ata o desprezo. Marlowe proponse axudarlle a un individuo extravagante, acabado de saír do cárcere, Malloy, a atopar o seu antigo amor, Velma Valento. Presenta as súas andanzas nun mundo onde encontra prostitución, drogadicción e fraude con humor –en ocasións, próximo ó de Groucho Marx-, ocultando baixo o cinismo a compaixón que espertan nel algúns individuos como o vello señor Grayle ou o mesmo Malloy. Non oculta o racismo da sociedade estadounidense cando se manifesta que para a policía e a prensa é menos importante o asasinato dun afroamericano que o dun branco de orixe europea.

 

        En The High Window, situada no ano 1941, procura desentrañar, como é habitual, o acontecido anos antes, en 1933, cando unha muller empurra ao seu marido dende unha fiestra. A novela comeza co encargo feito por tal señora para que atope una valiosa moeda antiga –como Spade tivo que buscar a estatuíña do Falcón Maltés. O asunto máis importante é, non obstante, o abuso sexual e psicolóxico sufrido pola súa secretaria, a quen Marlowe procura protexer. Pórtase como un “Galahad de ocasión” que se burla de si mesmo, parodiando un anuncio na prensa, considerándose “investigador privado, chapuceiro, manazas, disoluto”. Manifesta algunha das ideas políticas do autor cando, criticando a sociedade capitalista, desconfía das alternativas. Como noutras obras, concorda coa opinión verquida por outros personaxes; neste caso, un garda de seguridade farto de servir aos ricos, o cal opina desenganadamente que “o malo das revolucións é que caen en mans da peor xente”. Nun final cínico, Marlowe protexe tamén aos seus clientes, nai e fillo, culpables de senllos asasinatos. A escusa é que as vítimas non merecían compaixón.

 

        The Lady in the Lake, situada no mesmo ano, ten, como o título indica, resonancias artúricas. Marlowe recibe o encargo de atopar unha esposa infiel, Crystal Kingsley. Unha muller malvada, que chega a ter catro nomes diferentes, move os fíos e engana a todos case ata o final. A intriga é un tanto forzada, como se pode supoñer, e algúns comportamentos parecen pouco motivados. Está ambientada fundamentalmente en Bay City, lugar case sinónimo de corrupción na obra de Chandler –algúns críticos identifícana con Santa Monica. Como noutras obras, existe unha relación entre corrupción policial, tráfico de drogas, xogo clandestino... O axente Dobbs recoñece cinicamente que non queren limpar demasiado a cidade para que non fuxan os cartos sucios. A parte luminosa da obra reside no carácter simpático dos habitantes de Puma’s Point.

 

        The Little Sister (A irmá pequena) presenta a Marlowe ao servizo de Orfamay Quest, unha moza aparentemente inxenua e inocente, educada nunha familia puritana, que ao final resulta ser egoísta, traizoeira, materialista e amoral. Esta mociña encárgalle a busca do seu irmán. O noso detective indagará no ambiente de Hollywood e descubrirá a relación existente entre o mundo do cine e a delincuencia. Como xa é un tópico, Hollywood amosarase, ante todo, como unha fábrica de soños rotos. Sinálase que o crecemento e a prosperidade atraen a delincuencia, e desta derívanse a corrupción e incluso a dexeneración. Porén, non se quere dicir que o mundo do cine está totalmente corrompido e, moito menos, que o atrasado mundo rural americano é un exemplo de sociedade idílica. Precisamente son algúns personaxes do mundo do cine os únicos moralmente salvables, xunto con Marlowe, desta novela.

 

        The Long Goodbye (O longo adeus) é considerada xeralmente a obra mestra do autor e unha das máis sobranceiras do xénero. O tratamento dos personaxes e da trama é máis complexo que nas outras novelas; a linguaxe máis directa; a técnica, máis innovadora; a crítica social -que acada, incluso, o mundo literario- aínda máis notoria. Marlowe, por lealdade a un amigo que o engana –a quen el coñece como Terry Lennox, pero chegará a ter tres personalidades distintas-, atura os malos tratos da policía e procura descubrir quen é a persoa responsable do crime que se lle atribúe: o asasinato da súa esposa, a rica e promiscua Sylvia Potter Lennox, filla dun vello millonario. Contra vento e marea, introducíndose no ambiente da alta sociedade anxelina, acaba por descubrir a verdade e deixando que se suicide a culpable, por quen el se sentira fortemente atraído. Amósase máis quixotesco e romántico ca nunca, de modo que, ao final, déixase a porta aberta a unha historia de amor.

 

        Playback, escrita cando xa as súas facultades mermaban, é, como se ten dito, un pequeno agasallo de despedida do autor. Marlowe ten que seguir a unha moza fermosa e rica que procede do Este do país. Como case sempre, implícase máis do esixible e convértese no seu cabaleiro andante. Nesta ocasión, todo lle sae rodado: ninguén o maltrata, descobre con rapidez o cerne do asunto e consegue ser amado. Ao final, Linda Potter, que xa aparecera na novela anterior, parece decidida a formar con el un matrimonio. Na obra aparecen escenas simpáticas, incluso Marlowe se solta utilizando un español macarrónico. Entre as observacións críticas, paréceme memorable, polo que nos fai lembrar, o que di o vello Fred Pope: “Se queres xente desalmada, agora temos unha manchea de tipos que che arrincarían ata o derradeiro centavo e enriba cargarían algo máis na conta polos servizos prestados. Sacaríanche o derradeiro dólar de entre os dentes e miraríante como se ti lles tiveses roubado a eles”. En que nos fai pensar?

         Chandler desexaba escribir outra novela, Poodle Springs Story, da que só concluíu catro capítulos, na que aparece Marlowe casado e aburrido. Un solitario coma el non parecía a persoa máis axeitada para o matrimonio.

         Obras menores

 

        Como se comentou, Chandler publicou moitas historias en revistas que logo recolleu en libros. Moitas delas servíronlle para escribir as grandes novelas. El dicía que as “canibalizaba”. Case todas pertencen ao xénero detectivesco. Sinálanse xeralmente unhas poucas excepcións que pertencen á literatura fantástica ou de terror. Paréceme que, entre todas elas, merece unha mención especial o derradeiro relato de Chandler, que ademais ten como protagonista a Marlowe: The Pencil (O lapis). Nel, o célebre detective ten que enfrontarse á Mafia.

        Postumamente foron publicadas as súas cartas e notas, que, a xulgar por algúns fragmentos seleccionados, encerran agudas observacións, xeralmente humorísticas e un tanto esaxeradas, sobre a vida, a literatura e o cine.

         Chandler en Hollywood

 

        Como xa se dixo, Chandler escoitou os cantos de serea da industria cinematográfica, que lle permitiu vivir con certo luxo. Foi guionista de obras como Double Indemnity –coñecida aquí como Perdición-, de James M. Cain, o autor da célebre O carteiro sempre chama dúas veces, e de Estraños nun tren, o clásico de Patricia Highsmith. Tamén colaborou no guion de novelas súas como O longo adeus, A fiestra sinistra e A dama do lago.

        Escribiu directamente para o cine o guión de A Dalia Azul, que lle quedara atrancada como novela. Trátase dun traballo non demasiado brillante, en parte porque se viu obrigado a modificar o final previsto para non ofender ao exército estadounidense, en plena Segunda Guerra Mundial, ao presentar como asasino a un heroe de guerra que sofre unha enfermidade mental a consecuencia das feridas recibidas. O protagonista chega do Sur do Pacífico para atopar á súa esposa relacionada cun mafioso propietario do local A Dalia Azul. O asasinato da súa muller pon en marcha a intriga.

        En xeral, a súa experiencia hollywoodense, a xulgar polos seus escritos, non foi positiva: tivo roces con algúns célebres directores, quedou descontento con algúns actores e incluso coa innovadora técnica da cámara subxectiva utilizada por Robert Montgomery para a súa adaptación de A dama do lago. Curiosamente, el cría que o actor ideal para representar a Marlowe era Cary Grant, pero quedou moi satisfeito coa actuación de Bogart.


        Na nosa biblioteca podedes atopar unha edición de El sueño eterno, quer pode considerarse unha boa introdución á lectura das novelas deste respectable autor.