01 maio 2022

AUTOR DO MES DE MAIO: JOHN KENNEDY TOOLE

 

O AUTOR DO MES

MAIO

JOHN KENNEDY TOOLE

(Nova Orleans, Luisiana, 1937 – Biloxi, Mississippi, 1969)

 

         Este autor, coñecido sobre todo por unha das novelas que máis ten feito rir aos seus lectores, é un dos casos máis patéticos da historia da literatura. Foi militar e profesor. Non casou. Suicidouse aos trinta e un anos sen ter a satisfacción de ver publicada a súa obra. A obstinación da súa nai conseguiu once anos despois o que os editores lle negaran.

         A súa creación literaria redúcese a dúas novelas bastante diferentes: The Neon Bible (A Biblia de neón) e A Confederacy of Dunces (Unha conxura de parvos).

   

      The Neon Bible foi escrita, segundo os seus biógrafos, cando o autor tiña dezaseis anos, cousa difícil de crer vendo a súa madurez. De ser certo, atopámonos ante un caso de notable precocidade.

         Trátase dunha novela de formación ambientada nun lugar innominado do sur estadounidense entre os anos trinta e corenta, polo que ten de fondo o panorama da crise posterior a 1929 e da II Guerra Mundial. Está narrada como unha retrospección do narrador protagonista, David, cando foxe da súa casa tras enterrar a súa nai e asasinar, nun acto que se podería considerar de loucura transitoria, ao pastor protestante da súa localidade. A súa memoria evoca personaxes, anécdotas e circunstancias variadas, deixando patente que pertence a un rapaz sensible con quen a vida non é demasiado xenerosa.

         Entre os personaxes que máis inflúen nel atópanse a tía Mae, os seus pais e unha moza, Jo Lynne. A primeira, antiga cantante de clubs nocturnos, transtorna o vivir provinciano, caracterizado, en gran medida, polo fanatismo, a intransixencia e a hipocrisía, cando vai vivir coa súa familia. A crise provoca o paro do pai, as dificultades económicas conseguintes e o deterioro das relacións familiares, o cal conduce a un episodio de violencia machista que altera para sempre a convivencia matrimonial; de feito, o pai alistarase voluntariamente para participar na II Guerra Mundial e atopará a morte en Italia mentres que a nai, vítima de sentimentos contradictorios que van da culpabilidade ao abandono, perde a razón. A relación amorosa con Jo Lynne, unha fermosa forasteira, queda truncada cando ela ten que marchar e non desexa saber máis nada del, que soñaba, de xeito pouco realista, con convertela na súa dona. Cando a situación é máis delicada, a tía Mae decide abandonar o fogar e seguir os pasos do seu amante, Clyde, quen a engaiola coa posibilidade de triunfar de novo no mundo da canción.

         Kennedy Toole amósase como un moralista que critica os prexuízos e a hipocrisía da sociedade en que vive o protagonista, así como a esaxerada influencia da relixión na vida da xente. Os representantes do mundo relixioso enténdeno en gran medida como un negocio e non dubidan á hora de intervir na vida social e familiar dos seus veciños. Tamén se deixa patente o racismo da sociedade provinciana do Sur, que critica os matrimonios interraciais -de soldados que regresan en compaña das súas parellas orientais- ou a xenerosidade dalgunhas mulleres brancas cos afroamericanos.

         Na obra son abundantes os símbolos. O propio título fai alusión a un deles, que representa a vontade de omnipresencia social das institucións relixiosas, así como o seu carácter "empresarial". Tamén son notorios o tren de xoguete cada vez máis enferruxado, a plantación de piñeiros do pai nunha terra case estéril, a casa deteriorada...

         Por último, cabe sinalar a relación que é posible atopar entre esta obra e L'étranger, a obra existencialista de Albert Camus, pola reacción irracional do protagonista, aínda que se trata de creacións moi diferentes. De feito, David acaba viaxando cara ao Oeste en busca dunha nova existencia.

   

      A Confederacy of Dunces é unha novela, en varios aspectos, oposta á anterior. Máis ampla, está narrada en terceira persoa, aínda que se inclúen fragmentos en que o protagonista, Ignatius Reilly, relata ou reflexiona; sitúase nun lugar concreto, Nova Orleans, nos anos sesenta; abrangue unha temporalidade menor, seguindo a orde cronolóxica dos acontecementos; posúe un ton humorístico, aínda que no fondo talvez é razoable ver unha profunda amargura.

         Nela relátanse as aventuras de Ignatius, un mozo de trinta anos extraordinariamente peculiar. Pode recibir moitos cualificativos, case todos negativos e, a pesar diso, ser visto con simpatía ou conmiseración. Egoísta, caradura, aproveitado, irresponsable, caprichoso, sucio, despectivo, hipercrítico, contradictorio, culto, intelixente, iluso, incapaz de someterse a unha norma, crea o caos nos lugares por onde pasa.

         Menosprezado por case todos polo seu aspecto e a súa conduta, é un rebelde ante a típica sociedade americana, a cuxa mentalidade burguesa e materialista opón unha vaga ideoloxía medieval (o seu libro de cabeceira é a A consolación pola filosofía, de Boecio, autor de fins do Imperio Romano moi influínte nos séculos posteriores). Resulta evidente que moitas das súas opinións son palabrería pura, porque a súa conduta demostra todo o contrario. De feito, na súa maneira de comportarse amosa que as súas aldraxes e frases homófobas ou xenófobas, ateigadas de prexuízos, son basicamente desafogos dun individuo aloucado, disconforme coa sociedade en que vive e talvez, no fondo, consigo mesmo, a pesar de que procura verse con todos os méritos posibles.

         Ten algo de "quijotesco" e algo de personaxe de banda deseñada, como Rompetechos ou alguén similar: empéñase en ver e facer o que desexa contra vento e marea, de xeito que sempre sae malparado, pero nunca perde a moral.

         O autor rodéao dunha serie de personaxes pouco menos disparatados e caprichosos ca el, nunha especie de técnica diseminativo-recolectiva. A súa nai, Irene Reilly, que o converteu nun neno grande e mimado, é un deles. Aconsellada e dirixida pola súa amiga, a casamenteira e entremetida Santa Battaglia, parece disposta a enviar ao seu fillo a un manicomio e casar co señor Robichaux, vello bondadoso, pero obsesionado con ver unha ameaza comunista en todas partes. O sobriño da Battaglia, o policía Mancuso, sería ideal para ser representado polo desaparecido e añorado Peter Sellers. Os membros da empresa de pantalóns Levy non lle van á zaga: o dono totalmente desinteresado do negocio, agás ao final, cando lle ve as orellas ao lobo; a súa dona, resentida, que tenta aplicar os coñecementos adquiridos nun cursiño de psicanálise sobre a infeliz señorita Trixie, a quen condena a seguir en activo cando a pobre, perdida a cabeza, tan só desexa a xubilación e un agasallo de Nadal; o señor González, modelo de fidelidade, que non se decata da bomba de reloxería que introduce no seu despacho cando contrata a Ignatius. Igualmente asombrosos e delirantes son os personaxes relacionados co local de Roberta E. (Lana) Lee -repárese no nome-, entre os cales destacan Jones -un aframericano que iguala en vagancia e sentido crítico ao protagonista, sen caer nas súas ilusións-, a inxenua Darlene -que soña con facer un número erótico co seu loro... A estes poden sumarse varios máis que representan distintos aspectos da sociedade de Nova Orleans, coas súas peculiares maneiras de manifestarse, sempre amosados cun expresionismo non demasiado cruel. Por medio deles critícanse múltiples aspectos da sociedade estadounidense contemporánea: o racismo, a mentalidade burguesa, os procedementos empresariais, os hábitos alimentarios, a actitude da policía, o mcCarthysmo, a liberación sexual de todo tipo...

         A diferenza de The Neon Bible, trátase dunha comedia, cun final feliz para case todos. A fuxida de Ignatius en compaña da súa antiga noiva, a extravagante e xenerosa Myrna Minkoff, antes de que vaian na súa busca para ingresalo nunha institución psiquiátrica, parecería anunciar unha continuación das súas aventuras en Nova York, que a morte do autor fixo imposible.

         Esta orixinal novela pode incluírse dentro de distintos subxéneros pois é á vez humorística, satírica, rexionalista e "de espazo". O seu título está extraído dun texto, tomado con humor, de Jonathan Swift -o creador de As aventuras de Gulliver-, no cal se di: "Cando no mundo aparece un xenio auténtico, pode ser identificado por este sinal: todos os parvos se conxuran contra el". O propio Kennedy Toole introduce frases brillantes no diálogo dos seus personaxes; por exemplo, este, cargado de ambigüidade, que talvez no fondo revele o pensamento esencial do preguiceiro Ignatius como prolongación, neste caso, de si mesmo: "Esforzarse é loitar contra o absurdo".

         Estamos, pois, ante un autor incomprendido a quen lle concederon o Premio Pulitzer postumamente. Retomou a tradición humorística que se adoita remontar a autores como Petronio, Cervantes, Rabelais ou Fielding. Na nosa terra, Castelao, Cunqueiro ou Eduardo Mendoza poden representar, de formas moi disímiles, esa tradición. Ao mesmo tempo, pode relacionarse co movemento posmodernista, que, con frecuencia, fuxiu da seriedade e, entre os recursos humorísticos, utilizou as relacións intertextuais; como fai o noso autor, en especial no episodio referido ao número de Darlene, no cal resoan situacións, frases e nomes de dous clásicos estadounidenses, Gone With the Wind e A Streetcar Named Desire. Por outra parte, no enfrontamento habitual entre Ignatius e a súa nai, paréceme ver unha versión distorsionada e caricaturesca da discusión entre Zooey e a súa nai na obra de Salinger.

         Como despedida, quédame lembrar aos interesados neste autor brillante e malogrado que na nosa biblioteca se poden atopar exemplares das traducións ao castelán das obras comentadas.