27 outubro 2018

POÉTICAS DIVERSAS

Ilustración de Nuria Díaz


"POÉTICAS DIVERSAS NA BIBLIOTECA ESCOLAR é o lema que a Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional propón ás bibliotecas escolares para o curso 2018/2019, como chiscadela para descubrir a poesía que nos rodea, apoiádonos nos recursos e nas posibilidades da biblioteca escolar. Nuria Díaz foi a ilustradora convidada a interpretar este lema e a compoñer este fermoso cartel que, en breve, estará xa en todos os centros educativos galegos. 

Longa vida á poesía, "memoria do mundo", en palabras do poeta Juan Marqués, quen tamén afirma que a poesía, aínda que ninguén a lea, penetra nas conciencias e nas nacións e dá enérxicos empurróns á Historia, inventa e derruba deuses, funda e destrúe reximes políticos, declara guerras, move montañas... 

Poéticas diversas convida a asolagar as aulas de poesía, a tratar con poetas, a perderlle o medo á metáfora, a xogar coa palabra e coa imaxe até obter todo o seu zume, a coñecer a excelente e variada creación poética galega destinada a todas as idades, a permitir que o alumnado galego poña voz e dea vida á tradición lírica galega, á poesía de Rosalía e de todas e todos os poetas que foron e son."

Isto é o que vén recollido no blog de Bibliotecas Escolares (http://www.edu.xunta.es/biblioteca/blog/?q=node/1145. A que é moi tentador??? 

Da a casualidade de que no IES A Xunqueira I hai moitos profes que gustamos da poesía; tamén temos auténticos profesionais da imaxe e do debuxo... Polo tanto, temos o mellor material para traballar neste proxecto que propón a Consellería. De feito, xa demos o noso primeiro paso o Día das escritoras, lembras? Volve ler a entrada que fixemos: http://biblioxun.blogspot.com/2018/10/dia-das-escritoras.html

CLARO QUE SI! PROMETEMOS ASOLAGAR AS AULAS DE POESÍA!!