01 novembro 2019

O AUTOR DO MES DE NOVEMBRO: PIERRE LEMAÎTRE


O AUTOR DO MES DE NOVEMBRO

PIERRE LEMAÎTRE

Cartel da biblioteca
O AUTOR, PIERRE LEMAITRE

          Pierre Lemaître é un novelista e guionista de cine ou televisión que naceu en París en 1951. Estudou Psicoloxía e foi profesor de Literatura. Comezou a publicar tardiamente. Ten recibido moitos premios, entre os cales destaca o máis prestixioso da narrativa francesa, o Goncourt.

          É coñecido fundamentalmente polas súas novelas: Irene, Alex, Camille, Rosy & John, Vestido de noiva, Recursos inhumanos, Tres días e unha vida, Vémonos alá arriba e As cores do incendio. As sete primeiras corresponden á denominada “Serie Negra” contemporánea mentres que as dúas últimas teñen carácter histórico.


          Irene, Alex, Camille, Rosy & John teñen como protagonista ao Comandante Camille Verhoeven, un policía de aspecto pouco atemorizador xa que mide menos de metro e medio, é calvo e usa gafas. As deficiencias físicas súpleas con intelixencia, capacidade de penetración na mente allea e unha intuición que linda coa sensibilidade artística. O seu escaso tamaño débese á irresponsabilidade da súa nai, pintora famosa xa defunta, por quen el parece sentir unha mestura de amor e resentimento. Ao seu carón están os seus subordinados –en especial, Armand e Louis, xa que Maleval será unha decepción- e o seu superior inmediato, a quen o unen vínculos de amizade e camaradería –o comisario Le Guen-, e, de diferente maneira, os seus dous amores, Irene e Anne. Non consideramos ao mesmo nivel á súa mimada gatiña e o seu inútil pai.


          Irene (orixinalmente, Travail soigné, é dicir, Traballo coidadoso) é unha novela de aspectos innovadores e lúdicos, a pesar do seu sentido tráxico. Pode considerarse unha homenaxe ás novelas de serie negra e a películas como Seven ou O silencio dos cordeiros. O criminal, un novelista fracasado, imita o exemplo de asasinos literarios para cometer os seus crimes. Extraordinariamente intelixente, narcisista, egocéntrico, carente de empatía, cruel, Philippe Buisson, o Novelista, basearase nunha novela propia para facer todo o dano posible ao seu rival, o comandante Verhoeven, quen ten que solucionar o caso loitando contra o reloxe. O final é terrible.

 

          Rosy & John (título sacado dunha canción de Gilbert Becaud) é a última novela da serie dedicada a Verhoeven, pero a súa acción sitúase en segundo lugar. Foi publicada por entregas para unha especie de folletín co título de Les grands moyens (Os grandes medios). Camille regresa ao traballo despois dun longo período de recuperación tras o acontecido con Irene. Xa ten unha relación con Anne. Atópase cunha estraña parella formada por John e a súa nai, Rosie, quen, coa súa sensibilidade enfermiza, non se resigna a que o seu fillo se afaste dela e non se detén ante o crime para evitalo. John fai todo o posible para que liberen á súa nai só para poñer un final tráxico ás súas vidas. De novo Lemaître procura presentar personaxes intrigantes e unha acción sen pausa, botando man en ocasións do humor e de técnicas narrativas innovadoras, con continuas mudanzas de narrador, personaxe, modo de discurso... Ao estilo de Simenon, interésase polo aspecto humano do criminal, que intriga ao sensible e receptivo comandante Verhoeven.

 

          Alex é unha obra cun inicio fulgurante, como lle gusta ao autor. Divídese en partes moi marcadas, de acordo co seu costume, que supoñen un cambio brusco, tan inagardado que pode semellar inverosímil. Na primeira, Alex, unha moza cun talento para a supervivencia admirable, unha vez secuestrada, supera situacións tremendas; na segunda, vémola cometer crimes aparentemente caprichosos; na terceira, atopamos a explicación de todo o anterior na terrible infancia sufrida baixo a tutela da súa nai e o seu sádico medio irmán, que rematará sendo obxecto da vinganza da protagonista coa colaboración de Verhoeven e o xuíz do caso. Este episodio sérvelle ao comandante para superar o acontecido con Irene e afirmar a súa relación con Anne.

 

          Camille (cuxo título orixinal é Sacrifices, ou sexa, Sacrificios) é a culminación de todo o anterior. Reaparecen Buisson, o Novelista, quen, dende o cárcere, parapléxico, controla boa parte do mundo do lumpen, e Maleval, o policía corrupto que, unha vez expulsado do corpo, se converte en criminal e ten contas pendentes con Verhoeven. Este, ante o perigo que corre Anne, salta todas as normas, temeroso de que lle suceda o mesmo que a Irene. Morto Armand, só conta coa colaboración de Louis e Le Guen, os cales contemplan, impotentes, como o seu amigo arruína voluntariamente a súa carreira para descubrir, ao final, que foi traizoado pola muller que ama. A escena final, coas bágoas de Camille lembrando á súa nai, tras resolver o caso, resulta patética. O título “Sacrificios” é moi significativo e acertado; non se refire unicamente ao comandante, pois a propia Anne se sacrifica por un irmán irresponsable e incluso o criminal Hafner se sacrifica pola súa xove esposa e o seu fillo recén nado. Curiosamente, nun mundo onde a vinganza é o móbil de moitos personaxes, Verhoeven renuncia a ela, amosando así a súa elevación moral.


          Vestido de noiva (Robe de marié) foi a súa segunda novela. Dividida en catro partes, ten un inicio sorprendente, pois parece que a protagonista, Sophie Duguet, comete asasinatos sen ser consciente e ten que cambiar de identidade e ocultarse para non ser capturada pola policía. A segunda parte supón un cambio drástico: o lector descobre que todo é tramado por Frantz Berg, un individuo con graves problemas psicolóxicos, motivados inicialmente polo complexo de Edipo. A súa nai suicidárase co seu vestido de noiva tras ser atendida pola nai de Sophie, que era psiquiatra. Como esta morreu, Frantz, o asasino múltiple, intelixente, cruel e egocéntrico, quere vingarse na filla, por quen se sente atraído. A omnipotencia do home e a capacidade de enganarse da muller chegan a resultar un tanto inverosímiles, pero a acción non ten descanso. Frantz, conscientemente, acaba casando con Sophie, quen conseguiu unha documentación falsa e ignora a influencia que o seu novo marido está a ter na súa vida. As partes terceira e cuarta amosan como Sophie descobre a verdade e, coa axuda do seu pai e da súa amiga Valérie, consegue reverter a situación e impulsar a Frantz ao suicidio. Trátase, pois, da historia de dúas vinganzas cruzadas, narrada de modo innovador ao principio e tradicional ao final.

 

        Recursos inhumanos (Cadres noirs -Cadros negros- orixinalmente) é a obra en que Lemaître , quen pasou ideoloxicamente do comunismo ao anarquismo, fai unha crítica máis consciente á sociedade capitalista actual. Presenta a desesperación do parado que sente o rexeitamento da sociedade, condenado a realizar tarefas mal pagas, a ter contratos por horas e a sufrir humillacións, mentres as empresas incrementan as súas ganancias e os seus propietarios están en contacto cos políticos  para conseguir suculentos beneficios bursátiles. Incídese na deshumanización dos directivos seleccionados ás veces para levar a cabo sen miramentos dolorosas “reconversións” industriais. O autor inspírase nun caso real en que os aspirantes a un posto directivo foron sometidos a un xogo de rol para saíren elixidos. Alain, o protagonista, é un individuo moi intelixente que, sentíndose estafado, obra sen escrúpulos. Secuestra, rouba, pasa por prisión, chantaxea, loita contra vento e marea para aferrarse á fortuna conseguida de xeito ilícito. No camiño, prodúcense varias mortes –entre elas, a do que resulta ser o seu mellor amigo, Charles- e pon en perigo a vida da súa muller, a quen ama sinceramente. Consegue o seu obxectivo, mais perde o afecto incondicional dos seres máis nobres –xunto a Charles- da historia: a súa muller, Nicole, e a súa filla Lucie.



Tres días e unha vida (Trois jours et une vie) preséntanos un rapaz de doce anos, Antoine Courtin, que se converte en asasino nun intre de ira e arrastra as consecuencias o resto da súa vida. O autor, ao parecer, enfocou o tema como un reto que lle serviu para superar un período de sequía creativa sufrida tras o éxito da seguinte novela.



          Vémonos alá arriba (Au revoir là-haut) foi a obra que o consagrou definitivamente, xa que por ela obtivo, como dixemos, o premio Goncourt. Lemaître ambiéntaa durante a Primeira Guerra Mundial e o período de entreguerras. Aproveita para criticar algúns representantes significativos do exército, o goberno e o empresariado daquel tempo. Tense dito que a novela ten aspectos picarescos ou antiheroicos, porque os seus tres protagonistas, sendo moi diferentes, nalgún momento posúen eses trazos. Henry d’Aulnoy Pradelle, de familia nobre empobrecida, é un individuo sen escrúpulos, un donxoán con ínfulas de superhome que non dubida en enganar e asasinar para conseguir os seus propósitos. Casado cunha rica herdeira, Madeleine Péricourt, caerá na deshonra e a prisión para rematar de forma mediocre. Édouard Péricourt é un mozo pertencente á alta burguesía que, por salvar a vida dun compañeiro, queda horriblemente mutilado. O beneficiado co seu heroísmo, Albert Maillard, un mozo pobre e tímido, coidará del, protexéndoo de D’Aulnay Pradelle, quen desexa asasinalos para que non o delaten. Así como este fará fortuna de xeito inmoral cos caídos en combate, eles organizarán unha gran estafa. Édouard terá un final tráxico, atropelado polo vehículo que transporta ao seu pai, quen o cría morto, mentres o seu amigo fuxirá coa súa amada Pauline e unha gran fortuna. Ambos tiñan unha pequena cómplice, Louise, quen, segundo o autor, será a protagonista da terceira novela da triloxía, que se titulará Espello das nosas penas (Miroir de nos peines). Lemaître comenta que neste libro tentou unir o popular e o culto e facer, á súa maneira, o mesmo que Hugo en Os miserables ou Tolstoi en Guerra e paz: unha boa historia, cunha trama sedutora, personaxes atractivos e emoción.        

 

          As cores do incendio (Couleurs de l'incendie) é, polo momento, a súa última novela. Trátase dunha continuación da obra anterior. Adopta como protagonistas a Madeleine Péricourt (irmá de Édouard e esposa de Henry) e o seu fillo Paul. Un dos modelos do autor é O Conde de Montecristo, de Alexandre Dumas pai. Como outras narracións súas, trátase da historia dunha vinganza. Céntrase na época do crack de 1929, co acceso ao poder do fascismo e o nazismo, período de crise política, económica e social. A obra ten un sentido feminista. Madeleine é levada á ruína, tras a morte do seu pai e o accidente ou intento de suicidio do seu fillo, pola trama urdida por dous homes resentidos con ela –Gustave Joubert e o seu tío Charles Péricourt- en complicidade con outras persoas. Para vingarse e recuperar parte da súa fortuna contará co apoio dunha criada polaca, Vladi, unha cantante de ópera, Solange Gallinato, e un cómplice do seu exmarido, chamado Dupré, que se converte no seu protector e amante. A obra ten unha complicada intriga e abundantes aspectos humorísticos. Algúns personaxes son caricaturescos. Remata deixando entrever o sucedido durante a Segunda Guerra Mundial -Paul será un heroe da Resistencia- e a posguerra –co novo mundo publicitario que modificará o modo de vivir occidental.


          Ata aquí chegou o repaso superficial da obra novelística de Pierre Lemaître. Lembrámosvos que na nosa biblioteca podedes atopar varios exemplares das súas obras e no noso blog unha ilustradora reseña de Vémonos alá arriba escrita por José Manuel Ramos.