01 novembro 2018

AUTOR DO MES DE NOVEMBRO: HENRIK IBSEN


 O AUTOR DO MES
NOVEMBRO

Henrik Ibsen


Este autor, nacido en Cristianía e morto en Oslo (que é a mesma cidade), foi un dos dramaturgos fundamentais do século XIX.


Tivo una vida longa, pois naceu en 1828 e morreu en 1906. Comezou a escribir moi novo, tivo cargos importantes relacionados co teatro, viviu fóra da súa Noruega natal. Publicou e fixo representar multitude de obras. A nós parécennos a máis destacables aquelas escritas a partir de 1867 (é dicir, as posteriores a Brand e Peer Gynt: Casa de bonecas, Hedda Gabler, A dama do mar, Xoán Gabriel Borkman, Os pilares da sociedade, Un inimigo do pobo, O mestre Solness, O pequeno Eyolf, Cando resucitemos...).

Pulsa na imaxe e le Casa de bonecas.

Tamén podes ver a versión que RTVE fixo no seu ESTUDIO 1 no seguinte enlace:
https://www.youtube.com/watch?v=y-BzT5QCoSc

Ibsen é coñecido, sobre todo, pola súa obra Casa de bonecas, considerada precursora do feminismo. O certo é que o autor noruegués varias veces critica o machismo da sociedade do seu tempo (por exemplo, en Espectros), pero non idealiza ás mulleres. Entre os seus admirables personaxes femininos, hainos moi diversos. Se non, lede A dama do mar, Hedda Gabler, Xoán Gabriel Borkman... En Os pilares da sociedade dá a entender que os sosténs da sociedade son as mulleres máis que os homes, pero, por riba de todo, a verdade, a liberdade e a xustiza. Con frecuencia indaga nos problemas matrimoniais ou familiares. A súa mensaxe é que os membros da parella deben ser responsables e libres.

Pulsa na imaxe e le O pato salvaxe.



Xunto ás mulleres intelixentes, gusta de presentar homes enérxicos, movidos, á maneira nietzscheana, pola vontade de poder, dispostos a sacrificar todo -incluso os seus sentimentos ou o seu sentido ético- por obter riqueza, soñando ás veces coa mellora da sociedade, pero non sempre. Uns triunfan, como Werle, en O pato salvaxe, e outros fracasan, como Xoán Gabriel Borkman. Algúns, dunha moralidade máis elevada, enfróntanse a eles, como o protagonista de Un inimigo do pobo, obra que na nosa sociedade resulta plenamente actual.

Pulsa na imaxe e le Un inimigo do pobo

No século XIX, Ibsen representou o Naturalismo. Así foi admirado por Zola. Nos seus dramas aparecen aspectos típìcos do movemento: a lei da herdanza, a loita pola vida, a supervivencia dos máis fortes, a presentación dos enfrontamentos de clase... Poucas veces dá cabida a elementos fantásticos -dentro das súas obras realistas, só en O pequeno Eyolf-. O exemplo máis significativo do poder da fantasía na súa obra é a coñecidísima, grazas á obra musical de Grieg, Peer Gynt. Outra cousa é o simbolismo, que, en obras como O pato salvaxe, acada unha gran complexidade.

Pulsa na imaxe e le Peer Gynt.

Ibsen usou unha técnica bastante recorrente e efectiva. Como recomendaba Aristóteles para as traxedias, as súas mellores obras son un desenlace que pode abarcar de tres a cinco actos. Con frecuencia o pasado reaparece, ás veces en forma de “espectros”, que son as pegadas que deixou un personaxe xa desaparecido que condiciona a situación dramática dos protagonistas.

Pulsa na imaxe e le Espectros.

Ocasionalmente, buscando unha impresión forte no espectador, talvez cae na esaxeración, pois nalgunha obra pode asombrar o número de suicidios que se producen. Hai evidentemente unha presentación pesimista do mundo e do individuo que o emparenta con outros autores nórdicos como Strindberg ou mesmo o cineasta Ingmar Bergman, pero os seus personaxes son cribles, humanos e complexos, non seres anxelicais ou demoníacos. Poden ser rebeldes ou convencionais, liberais ou conservadores, incluso poden oscilar entre ambos polos. Aínda que autor critica os seus prexuízos, a súa hipocrisía, incluso a súa febleza, sempre procura amosalos con luces e sombras.

Pulsa na imaxe e le Hedda Gabler.
No seguinte enlace tamén podes acceder a un "Cuaderno Pedagógico" del centro dramático nacional:
http://cdn.mcu.es/wp-content/uploads/2012/08/N-79-Hedda-Gabler.pdf

Por todo o anterior, cremos que Henrik Ibsen merece ser o noso autor do mes de novembro.

Pulsa na imaxe e le La dama del mar.
Na nosa biblioteca podedes atopar un tomo con Casa de bonecas, Espectros e O pato salvaxe, ademais de varias edicións da primeira obra citada, que non é posiblemente o seu mellor drama.

En Internet, podedes buscar páxinas como ProjectGutenberg, onde encontraredes, en distintos idiomas, os seus libros fundamentais.

Os correspondentes carteis da biblioteca son os seguintes: