15 maio 2015


Con motivo da semana cultural e científica, o pasado 17 de abril alumnos de primeiro curso da ESO participaron nunha interesante actividade na biblioteca do centro relacionada co mundo animal. A idea xurde do departamento de inglés para reforzar os contidos da unidade didáctica que nese momento estaban a traballar e levala un paso máis alá, facer unha exposición oral sobre varios animais nesta lingua estranxeira.

Previa a exposición oral, un grupo de alumnos de 1º C levaron a cabo unha pequena investigación en parellas ou grupos sobre un animal e prepararon unha presentación cos datos máis relevantes sobre o mesmo. O día da exposición os compañeiros de 1ºB aprenderon algo máis sobre estes animais e despois todos xuntos colaboraron para realizar unha tarefa sobre o que se acaba de expoñer.

Con esta actividade no só se traballaron contidos específicos da materia de inglés senón tamén de ciencias da natureza e ademais aprenderon a buscar e aproveitar a información da rede, colaborar para facer un proxecto común e practicaron as destrezas orais.

Aquí tendes algunhas imaxes e mesmo un pequeno vídeo deste día. E para os que queirades acceder a información dende o blog de inglés premede na seguinte imaxe.

http://xunqueira1english.blogspot.com.es/

 

06 maio 2015

"25 anos de longametraxe en galego" con Miguel Anxo Fernández


Miguel Anxo Fernández é mestre, licenciado en Xeografía e Historia, na rama Historia da Arte, Xeografía e Historia de Galicia. Diploma de Estudos Avanzados en Historia da Arte e da Música, Comunicación e Xornalismo pola Universidade de Santiago de Compostela. Actualmente é profesor de Comunicación Audiovisual na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación de Pontevedra, da Universidade de Vigo.
Ademais de dedicarse á docencia é autor de numerosas obras de historia do cine galego e de obras de ficción, así como ensaios e colaboracións en numerosas publicacións, exercendo de crítico de cine e televisión diariamente en La Voz de Galicia. Colaborador do espazo Diario cultural da Radio Galega.
É membro da Sección de Lingua, Literatura e Comunicación do Consello da Cultura Galega e do Consello Galego de Ensinanzas Artísticas Superiores da Consellería de Educación. Coordinador do programa Audiovisual nas Aulas para o Consorcio Audiovisual de Galicia e a Consellería de Educación.
Director do curso de extensión universitaria que anualmente promoven a Fundación Carlos Casares e a Universidade de Vigo desde 2005.
Coordina con Anna Amorós o master class AUGAL (Audiovisual Galego) en Ciencias Sociais e da Comunicación desde 2010.
Pertence á Academia de las Ciencias y las Artes de Televisión, á Academia Audiovisual Galega, a Asociación de Escritores en Lingua Galega, ó Padroado do Museo do Pobo Galego e ó PEN Clube de Galicia.

25 anos de longametraxe en galego.

En 1989, entre o 23 e 26 de novembro, estreábanse en Vigo as películas Sempre Xonxa de Chano Piñeiro, Continental de Xavier Villaverde e Urxa de Carlos A.L. Piñeiro e Alfredo García Pinal.