30 outubro 2018

MOSTRA DE FOTOGRAFÍA: "VOLTAR A ÍTACA"


O alumnado de 1º de Bacharelato de Artes visitou recentemente esta exposición fotográfica no Pazo da Cultura de Pontevedra. 

Resultan moi interesantes actividades coma esta, pois se sitúan no contexto do noso tema eixo da biblioteca: AS VIAXES. 

A viaxe a ÍTACA coma símbolo da volta ao fogar, aos lugares da infancia, ao entorno da familia, localízase esta vez no MAR, algo esperable tendo en conta a orixe da fotógrafa neste caso: BUEU. Unha exposición de fondas reminiscencias persoais. 

O grupo de arte que ademais ten Literatura Universal vai ler este trimestre La Odisea, de Homero. O feito de ter visto esta exposición, vai ser una maravillosa razón para que comparen diversas manifestacións artísticas relativas a este tema da volta ao fogar. Mesmo descubrirán cal é a súa    Ítaca particular. 

Xa vos contaremos...

UN OUTONO DE MEDO





Non vos vaiades de ponte sen antes coller algún dos libros que propón a biblioteca coa temática da MORTE. Enlaza esta exposición coa celebración de TODOS OS SANTOS ou coa do SAMAÍN, pero  ímola deixar algúns días máis do mes de NOVEMBRO, para que sigades collendo libros se así o queredes. 

Fixádevos cantas posibilidades tendes para o voso tempo de lecer estes días!









27 outubro 2018

POÉTICAS DIVERSAS

Ilustración de Nuria Díaz


"POÉTICAS DIVERSAS NA BIBLIOTECA ESCOLAR é o lema que a Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional propón ás bibliotecas escolares para o curso 2018/2019, como chiscadela para descubrir a poesía que nos rodea, apoiádonos nos recursos e nas posibilidades da biblioteca escolar. Nuria Díaz foi a ilustradora convidada a interpretar este lema e a compoñer este fermoso cartel que, en breve, estará xa en todos os centros educativos galegos. 

Longa vida á poesía, "memoria do mundo", en palabras do poeta Juan Marqués, quen tamén afirma que a poesía, aínda que ninguén a lea, penetra nas conciencias e nas nacións e dá enérxicos empurróns á Historia, inventa e derruba deuses, funda e destrúe reximes políticos, declara guerras, move montañas... 

Poéticas diversas convida a asolagar as aulas de poesía, a tratar con poetas, a perderlle o medo á metáfora, a xogar coa palabra e coa imaxe até obter todo o seu zume, a coñecer a excelente e variada creación poética galega destinada a todas as idades, a permitir que o alumnado galego poña voz e dea vida á tradición lírica galega, á poesía de Rosalía e de todas e todos os poetas que foron e son."

Isto é o que vén recollido no blog de Bibliotecas Escolares (http://www.edu.xunta.es/biblioteca/blog/?q=node/1145. A que é moi tentador??? 

Da a casualidade de que no IES A Xunqueira I hai moitos profes que gustamos da poesía; tamén temos auténticos profesionais da imaxe e do debuxo... Polo tanto, temos o mellor material para traballar neste proxecto que propón a Consellería. De feito, xa demos o noso primeiro paso o Día das escritoras, lembras? Volve ler a entrada que fixemos: http://biblioxun.blogspot.com/2018/10/dia-das-escritoras.html

CLARO QUE SI! PROMETEMOS ASOLAGAR AS AULAS DE POESÍA!!

25 outubro 2018

LECTURA DRAMATIZADA: ROMEO Y JULIETA



Hoxe tivemos a nosa primeira lectura dramatizada! Quedamos todos encantados con ela!

Trátase dunha actividade ligada ao CLUB DE LECTURA, organizada pola profesora Rocío, de Lingua Castelá e Literatura. O protagonista desta pequena representación foi Roque, alumno de 2º de ESO, que fixo maravillosamente de William Shakespeare. Por outra banda, Naiara, de 3º de ESO, foi a encargada de aportarlle unha ambientación musical cos acordes da súa guitarra. 

Mirade como escribe o mestre William!! Anda a pensar como vai desenvolver a obra de Romeo e Julieta. Está concentradísimo!





E mirade o atentos que estabamos todos na biblioteca...



Oxalá sexa este o principio dunha boa ristra de lecturas dramatizadas este ano na biblioteca! Animádevos a participar!!


24 outubro 2018

DÍA DA BIBLIOTECA



Hoxe día 24 de outubro... é o noso día!!! O DÍA DA BIBLIOTECA!!!

Sabiades que é un día especialmente dedicado ao público infantil e xuvenil? Pois si! 

Desde o ano 1997 a Asociación Española de Amigos del Libro infantil y Juvenil promove esta celebración. Está apoiada polo Ministerio de Cultura, en lembranza da destrución da Biblioteca de Saraxevo, incendiada  en 1992 durante o conflicto balcánico. 

A iniciativa nace para trasladar á opinión pública a importancia da biblioteca como lugar de encontro dos lectores de tódalas idades coa cultura e como un instrumento de mellora da formación e a convivencia humana. A verdade é que é un bo motivo de celebración, non si?

Os alumnado está moi ledo e déuselle por celebralo, sabedes como? POIS LENDOOOO!!!!








Por último, INVÍTOVOS A QUE ESCRIBADES UN COMENTARIO respondendo a preguntas como as seguintes:

QUE LLE AGRADECES Á BIBLIOTECA? QUE CHE APORTA? QUE SIGNIFICA PARA TI? 

Por certo, no seguinte enlace a ASOCIACIÓN GALEGA DO LIBRO INFANTIL E XUVENIL (http://www.galix.org) ten unha entrada moi interesante e moi inspiradora para escribir o voso comentario... 

Bueno, eu xa fixen o meu comentario, anímate ti tamén!!

19 outubro 2018

DÍA DAS ESCRITORAS


Hoxe, VENRES DE LECTURA, celebramos o DÍA DAS ESCRITORAS

Pensouse que era unha boa idea facer unha lectura colectiva de obras de escritoras que houbera na nosa biblioteca. Pedíuse a colaboración de catro alumnas de 2º de Bacharelato e aceptaron seleccionar textos e lelos no recreo do vernes 19 de outubro. Así se fixo!

Antes de nada, introducíuse a lectura cunha pequena explicación de por que se celebraba este día:

"Este é xa o terceiro ano consecutivo no que a Biblioteca Nacional (BNE) organiza o Día das escritoras, en colaboración coa Federación Española de Mujeres Directivas e a Asociación Clásicas y Modernas. Celébrase o primeiro luns de outubro despois do día asociado a Santa Teresa de Jesús. Este ano coincidíu co día 15 e celébrase baixo o lema “rebeldes e transgresoras”.

É un día no que se recorda ás mulleres escritoras, lense os seus textos e mesmo se fai unha creación ou unha mellora de diversos artigos da Wikipedia desde unha perspectiva de xénero.

Isto último non, pero o de lembralas e ler os seus textos sí o faremos hoxe.

Antes de nada, por que se celebra este día? -preguntarédesvos-. He aquí unha serie de razóns:

Resultan rechamantes as palabras da feminista Virginia Woolf, que dicía: “Para a maior parte da Historia, Anónimo era unha muller”. Critica con esta frase a invisibilización que tivo a muller na literatura. Relegadas a un segundo plano na vida política, laboral e social, as mulleres tiveron que loitar historicamente co lugar que se lles asignara no mundo: o fogar e a familia.

En xeral, ás mulleres se lles recoñece pouco a súa valía literaria. Pode comprobarse facilmente vendo os galardóns, como o Nobel de Literatura, que desde a súa creación, en 1901, premiou a 14 mulleres frente a 100 homes; o Premio Cervantes, que desde 1976 tan só galardoou a 4 mulleres frente a 38 homes (María Zambrano, Dulce María Loynaz, Ana María Matute i Elena Poniatowska); ou o Premio Planeta, que distinguíu a 17 mulleres frente a 50 homes, desde 1952.

Na RAE, desde que se fundou en 1714, só acolleu a 11 mulleres. A primeira elixida en ocupar un asento foi Carmen Conde en 1979, unha muller case olvidada entre os grandes nomes do Grupo do 27. En 1984, entrou a segunda muller, Elena Quiroga, unha das autoras máis relevantes dos anos 50 e 60. Despois dela entrarían Ana María Matute, en 1998, a historiadora Carmen Iglesias, en 2002, e a bioquímica Margarita Salas, en 2003. Desde o 2010, o movemento feminista e as mulleres colleron carreira e víuse reflexado coa entrada da escritora Soledad Puértolas (2010), a filóloga Inés Fernández-Ordóñez (2011), a escritora Carme Riera (2013), a filóloga Aurora Egido (2014), a poeta e traductora Clara Janés, e en 2017 a lexicógrafa e catedrática emérita de Filoloxía Española, Paz Battaner.

E logo está o problema dos seudónimos. “As mulleres viviron todos estes séculos como esposas, co poder máxico e delicioso de reflexar a figura do home, o doble do seu tamaño natural”, dicía tamén Virginia Woolf en Unha habitación con vistas. Historicamente unha muller non podía superar intelectualmente a un home. Esta sería outra dificultade engadida á hora de que moitos editores se decidiran a publicar os seus libros e mesmo a que lectores quixeran mercalos. De ahí o uso de tantos seudónimos masculinos para ocultar a súa identidade. Entre elas, por exemplo, as irmáns Brönte -Charlotte, Emily e Anne- ; A. M. Barnard, que era Luisa May Alcott, autora de Mujercitas; George Eliot -que ocultaba Mary Ann Evan-; George Sand -que era Amantine Aurore Lucine Dupin-; J. K. Rowling, a que escribíu Harry Potter -que ocultaba o nome de Joanne-, e tantas outras.

Tamén hai sospeitas de que algúns homes se apropiaran dos contidos creativos das súas mulleres en distintas disciplinas artísticas. Mesmo as sombras alongadas de grandes escritores -penso, por exemplo en Juan Ramón Jiménez- ocultaron a igual valía ou o labor inestimable das súas mulleres -penso, por exemplo, en Cenobia Camprubrí-.

Finalmente, outra reflexión de Woolf: As mulleres non podía acadar o que lles pertencía se non tiñan unha independencia e solvencia económica (“un non pode pensar ben, amar ben, durmir ben, se non comeu ben”) e se non teñen tempo e espazo propio que lles permitira escribir (“unha muller debe ter diñeiro e unha habitación propia se desexa escribir”). Aquí lembramos a Jane Austen, que escribía na sala de estar común da súa casa, exposta a constantes interrupcións, mesmo se coidaba de que ninguén sospeitara de cal era a súa ocupación: a de escribir novelas como Orgullo e prexuizo ou Os Watson.

En fin, para evitar e superar problemas como os que acabamos de expoñer están días como estes, o DÍA DAS MULLERES ESCRITORAS. E claro, pensamos sempre o mesmo: oxalá non tiveramos que celebralo!
"

Os textos seleccionados pertencían a Emily Dickinson, Wislawa Szymborska, Gioconda Belli, Elvira Sastre, Irene X e Gloria Fuertes. Ademáis se mencionou a obra de Virginia Woolf, Emily Brönte, Jane Austen e outras escritoras... 

Con todas elas fíxose o ITINERARIO LECTOR Nº 1, que podedes consultar na biblioteca:






Aquí vos deixamos algunhas fotos significativas:

Claudia Domínguez (2º D) leu a Emily Dickinson.

Sandra Rozadas (2º D) leu a Wislawa Szymborska

Lucía Pereira (2º D) leu a Gioconda Belli

Iria Ramos (2º D) leu a Elvira Sastre e Irene X

As seguintes fotografías corresponden a distintos estantes con ESCRITORAS INTERESANTES PARA COLLER NA BIBLIOTECA , anímate!












11 outubro 2018

CARTEIS NA BIBLIOTECA

Ademáis dos nosos carteis anunciadores no corredor (o caballete á entrada da biblioteca, o proxector e o corcho só para as actividades da biblioteca)...



... tamén queremos ensinarvos o que nestes momentos hai pegado nas paredes da nosa biblioteca: cartéis que vos recordan que é o que podedes encontrar neste blog:

O MURAL SOBRE O LECTOR DO MES

ESTANTES COS LIBROS DE STEFAN ZWEIG



Carta de una desconocida,
Veinticuatro horas en la vida de una mujer,
Miedo,
Mendel el de los libros

La embriaguez de la metamorfosis,
Viaje al pasado,
Novela de xadrez


CARTEL DE COMO BUSCAR UN LIBRO E
CARTEL QUE ANIMA A BUSCAR NOVIDADES NA BIBLIO
CARTEIS QUE RECORDAN ALGUNHAS NORMAS DA BIBLIOTECA:
FALAR BAIXIÑO, COLOCAR OS LIBROS ONDE OS ATOPAS,
COLOCAR A CADEIRA ANTES DE MARCHAR E
MANTER LIMPO O ESPAZO
O CARTEL MAIS IMPORTANTE:
O QUE TE AXUDA A BUSCAR UNHA OBRA NA BIBLIOTECA

CARTEIS ONDE SE VOS INFORMA
DE QUE PODEDES ATOPAR NESTE BLOG





UN TEXTO DE ELVIRA LINDO SOBRE A LECTURA (moi recomendable!),
AS NORMAS DA BIBLIO e A GUÍA DE USO DA BIBLIOTECA (a que repartimos aos rapaces novos no insti).

ADEMÁIS DO ANTERIOR, O PÓSTER SOBRE O TEMA DA BIBLIO, AS VIAXES!


Ás veces hai que facer estas cousiñas de recordo para que non deixedes de lernos. GRAZAS!!!!

3º DÍA DE FORMACIÓN DE NOVOS USUARIOS

Novos alumnos e alumnas de 1º de ESO coñecendo a nosa biblioteca. Estes, en concreto, superparticipativos! Encantáronme, porque non quedaron con dúbidas dentro... ¡Así debe ser sempre!



Vémonos pola biblioteca!

10 outubro 2018

2º DÍA DE PRESENTACIÓN DA BIBLIOTECA

Hoxe tivemos outros dos grupos de alumnos e alumnas de 1º de ESO, que como sempre estiveron moi atentos ás indicacións que lles demos e moi participativos. Estupendo todo!

Por suposto, hai que dar as grazas de novo á nosa alumna colaboradora, Ainhoa (4º ESO). Merece un regalo pola sua disposición! Claro que sí!

Estas son algunhas das fotos que fixemos. A ver se vos atopades!




08 outubro 2018

1º DÍA DE PRESENTACIÓN DA BIBLIOTECA

Aínda que un pouquiño tarde, por fin demos comezado a FORMACIÓN DE NOVOS USUARIOS DA BIBLIOTECA.

Hoxe pasou por aquí un grupo de alumnos e alumnas de 1º de ESO, como podedes comprobar:





A actividade saíu estupendamente, sobre todo porque nos axudou Ainhoa, de 4º da ESO, que xa ten experiencia como colaboradora da biblioteca.

Mostrámoslles aos rapaces e rapazas cales eran os espazos que formaban a Biblioteca (Central, Parnasillo, Despensa do saber...), como era unha etiqueta dun libro, como podían buscar entre os estantes, as normas que debían cumprir, os espazos dixitais existentes, como se busca no catálogo  Meiga e moitas cousas máis.

Tamén xogamos a adivinar que se escondía detrás dun parágrafo borrado na folla dun libro e a buscar este nos estantes coas indicacións dadas. 

A verdade é que todos traballamos bastante. 

Esperamos volver a vervos pola biblioteca!