Amosando publicacións coa etiqueta LIBROS DIXITAIS. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta LIBROS DIXITAIS. Amosar todas as publicacións

27 febreiro 2019

AS AUTORAS DO MES DE MARZO: AS IRMÁS BRONTË


AS AUTORAS DO MES
MARZO

AS IRMÁS BRONTË



Dediquémoslles este mes ás tres irmás, que tan unidas estiveron en vida e que, en certo modo, escribiron obras complementarias. Incluso publicaron os seus poemas nunha edición conxunta cos seus nomes ficticios: Currer (Charlotte), Ellis (Emily) e Acton (Anne) Bell.



Naceron en datas próximas e, por desgraza, morreron tamén nunha marxe estreita de tempo, cando aínda lles quedaba moito por escribir.


Charlotte foi a máis prolífica, coas súas novelas Jane Eyre, Villette, Shirley e O profesor. A primeira deulle popularidade e serviu para que os lectores reparasen nas obras das súas irmás menores. Novela de carácter romántico que non prescinde do detallismo realista, presenta unha institutriz e profesora de orixe humilde que debe loitar por ser recoñecida a súa dignidade persoal superando as restricións impostas pola sociedade. En Villette e O profesor, aproveita aspectos autobiográficos; en especial, da súa estancia en Bélxica. Causaron certo escándalo na súa época por presentar uns personaxes femininos de carácter independente. Shirley, a súa última novela completada, amosa máis preocupación social, pois remóntase á aparición do movemento ludita -que reclamaba a destrución das máquinas por considerar que supoñían a perda de man de obra nas industrias- de principios do século XIX.

Pulsa na imaxe para ler a obra (español)


Pulsa na imaxe para ler a obra (español)
                       


Pulsa na imaxe para ler a obra (inglés)
Pulsa na imaxe para ler a obra (inglés)
                                                        


Emily, que foi a mellor poeta das tres, só deixou unha novela, Wuthering Heights, traducida xeralmente co titulo de Cumes borrascosos. Trátase dunha obra extraordinariamente orixinal, sombría e complexa. É tamén a máis romántica e fantasmal. Presenta un amor que continúa máis alá da morte e uns personaxes cheos de contrastes, movidos polas súas paixóns, que os conducen á infelicidade e o resentimento.

Pulsa na imaxe para ler a obra (español)

Anne, a máis nova, é talvez a mellor estilista e a máis realista das tres. En Agnes Grey trata, antes que Charlotte, sobre as penalidades das institutrices saídas das familias de clase media. A inquilina de Wildfell Hall é unha novela que merece máis recoñecemento pola valentía con que enfoca un tema case tabú na época: os malos tratos que sofre unha muller casada cun individuo adicto ó consumo de alcol. Para indignación da sociedade vitoriana, defende a separación da parella e o abandono do lar conxugal por parte da esposa.

Pulsa na imaxe para ler a obra (inglés)
Pulsa na imaxe para ler a obra (inglés)
  



Na nosa biblioteca pódense atopar edicións de Jane Eyre e Cumes borrascosos, as novelas máis famosas das irmás. Na rede é doado encontrar estas e outras obras, en especial na súa versión inglesa. No Project Gutenberg rexístranse incluso algúns estudos ou biografías dedicados ás Brontë; por exemplo, os escritos por Elizabeth Gaskell e May Sinclair.


Pulsa na imaxe para ler a obra (inglés)


05 xaneiro 2019

O AUTOR DO MES. XANEIRO. HERMANN SUDERMANN


O AUTOR DO MES DE XANEIRO

 


HERMANN SUDERMANN


Hermann Sudermann (1857-1928) naceu nun lugar que daquela pertencía a Prusia e hoxe forma parte de Lituania. A súa familia, procedente de Holanda, asentárase alí para practicar libremente as súas crenzas menonitas –contrarias á guerra e a violencia en xeral. Realizou estudos universitarios, que deixou inacabados, e dedicouse ó xornalismo antes de destacar como escritor. Estivo implicado na política do seu tempo, así que foi partidario da unificación alemá e viviu con intensidade os conflitos bélicos que tanto afectaron ó seu país.

 

Hoxe bastante esquecido, no seu día gozou de popularidade. Entre os seus tradutores atópanse Unamuno ou Edith Wharton. Xeralmente relaciónase cos autores naturalistas ou próximos a este movemento –Zola, Maupassant, Ibsen, Hardy-, pero as súas obras poden emparentalo con escritores do estilo de Henry James, Anton Chekhov ou Stefan Zweig, anteriores á renovación dos xéneros experimentada pola literatura nas primeiras décadas do século XX.

https://freeditorial.com/es/books/el-molino-silencioso
Pulsa na imaxe e le a obra.

Cultivou xéneros diferentes; en especial, o conto (O lirio da India...), a novela breve (O muíño silencioso, O desexo, As vodas de Iolanda...), a novela (A dama gris, A ponte dos gatos, O pasado indestrutible, O cantar dos cantares...) e o drama tanto nun acto como en varios (Rosas, Morituri, O honor, O fogar, Lumes de San Xoán, A ledicia de vivir, Magda...).


As primeiras obras do noso autor –entre as cales se atopan A dama gris, A ponte dos gatos ou O pasado indestrutible- procuran reflectir o mundo da súa terra natal, en especial, o dos junkers, os propietarios rurais. Recorre por veces ás ideas do Naturalismo e así vemos como aparecen aspectos do estilo da loita pola vida, a lei da herdanza, a supervivencia dos máis fortes ou a degradación familiar a consecuencia dos vicios paternos. En novelas posteriores, como O cantar dos cantares, que foi levada ó cine, o autor dálles preferencia ós aspectos persoais que aparecen xa nas primeiras obras, de modo que cobran máis importancia, se cabe, os detalles románticos ou a análise psicolóxica dos personaxes. A dona de Steffen Tromholt, publicada pouco antes da súa morte, encerra aspectos autobiográficos.


Máis doadas de ler resultan as súas novelas breves. O muíño silencioso é a historia tráxica de dous irmáns namorados da mesma muller; O desexo presenta a obsesión dunha moza, Olga, namorada do marido da súa irmá, que non se perdoa ter desexado a morte desta; As vodas de Iolanda é unha marabilla de relato humorístico, na cal un vello solteirón acepta de bo grao que a súa dona, coa que vén de casar, o rexeite, e incluso facilita os trámites para que case cun mozo do que é padriño.


Por outra parte, están os seus contos. O lirio da India reúne sete que son extraordinarios por distintos motivos. “Xente feliz” parece un anticipo do realismo máxico de Cortázar; “A canción da morte” é o arrepiante contraste entre a vida e a morte, a inocencia e –tal como se entendía no século XIX- a perversión; “A vítima”, unha traxedia conxugal...


Tamén son dignas de memoria as súas obras dramáticas. En Rosas e Morituri –Os que van morrer- reúne pezas nun só acto que gardan parentesco, pola brevidade e intensidade, cos seus contos. Da segunda obra, é maxistral “Fritzchen”, o drama do mozo consciente de que vai morrer nun duelo e quere despedirse dos seus pais e a súa amada. Rosas tamén encerra unha crítica ó costume dos duelos en “A derradeira visita”, onde, ademais, se presenta, de maneira sarcástica, como en “Raios de luz”, a muller adúltera e egoísta. Polo contrario, en “Margot” aparece a moza seducida e talvez violada que rexeita casar co seu sedutor e en “A princesa distante” encontramos fronte a fronte o poeta idealista e a moza soñadora ós que a vida sitúa en lugares opostos da escala social.

 

Os dramas O honor, O fogar e A ledicia de vivir foron talvez as obras que lle deron máis popularidade. En especial, a segunda, que foi representada polas grandes actrices daquela época. O honor tenta ser unha especie de obra de tese sobre este tema. O autor critica a mentalidade convencional e defende un sentimento do honor totalmente subxectivo que dependa unicamente do orgullo que unha persoa poida sentir ou non a causa dos seus actos. Defende, así mesmo, o matrimonio entre persoas de distinta clase social. O fogar –tamén traducido como Magda ou Patria; en alemán, Heimat- presenta á muller seducida e abandonada que se fai forte, consegue o éxito como cantante de ópera, leva unha existencia que non respecta as convencións sociais burguesas e regresa á súa terra para congraciarse co seu pai, quen un día a rexeitou. Como dixemos, algunhas célebres actrices identíficáronse co personaxe. Xunto con algún drama de Ibsen, representa a aparición das ideas feministas sobre a escena. Lumes de San Xoán amosa o drama dunha moza estraña, de sensibilidade exquisita, que renuncia ó amor acomplexada pola súa orixe. Por último, A ledicia de vivir amosa o drama da muller de grandes cualidades que se suicida, a pesar do seu amor á vida, polo ben dos seus seres queridos.


https://freeditorial.com/es/books/las-bodas-de-yolanda
Pulsa na imaxe e le a obra.






https://freeditorial.com/es/books/las-bodas-de-yolanda
Pulsa na imaxe e le a obra


Así, pois, trátase dun autor de obra variada. Os seus libros foron pouco traducidos ás linguas peninsulares. No Project Gutenberg podedes atopar a versión española de O muíño silencioso, O desexo ou As vodas de Iolanda –que vos poden dar unha medida do seu talento- e traducións ó inglés de varias das súas mellores obras. Incluso un estudo en francés, escrito por Paul Besson, sobre as súas primeiras novelas. Oxalá vos gusten!

O carteis da biblioteca son os seguintes:


01 decembro 2018

A ESCRITORA DO MES DE DECEMBRO: JANE AUSTEN


A ESCRITORA DO MES


JANE AUSTEN

            Esta escritora inglesa, que morreu antes de cumprir os corenta e dous anos, pois viviu entre 1775 e 1817, deixou unha obra breve, pero importante. Sabemos que comezou a escribir sendo moi nova e que as súas primeiras obras foron rexeitadas polos editores ou mercadas sen intención clara de imprimilas. A raíz da publicación de Sense and Sensibility (Sentido e sensibilidade), que tivo un éxito moderado, en 1811, apareceron Pride and Prejudice (Orgullo e prexuízo), en 1813, Mansfield Park, en 1814, e Emma, en 1815, todas sen o nome da autora. Xa despois da súa morte, en 1817 e 1818 respectivamente, viron a luz Northanger Abbey e Persuasion. Bastante despois déronse a coñecer obras menores da autora, como, por exemplo, Lady Susan, Love and Friendship (Amor e amizade) e The Watsons (Os Watson).



Pulsa a imaxe
e mira un vídeo de RTVE
sobre Jane Austen.


Pusa na imaxe e le Lady Susan.

Pulsa na imaxe e le Amor e amizade.

            Trátase dunha autora que foi gañando lectores e prestixio conforme foron pasando os anos e as modas. Na actualidade, considérase un fito orixinal na literatura inglesa: amosa influencia da narrativa do século XVIII, que ás veces parodia ou satiriza, afástase bastante do romanticismo do seu tempo –pénsese, por contraste, noutra gran autora como é Mary Shelley, co seu Frankenstein- e anuncia o realismo posterior. Na súa obra teñen moitísima importancia os sentimentos, pero busca sempre un xusto medio entre estes e a razón, entre a sensibilidade e o sentido.
                                                      
  
Pulsa na imaxe e le Orgullo e prexuízo

     
            

           Os lectores divídense á hora de elixir unha das súas obras como a mellor –o cal é, dito sexa de paso, unha parvada-, mais parece que na actualidade a preferida é Orgullo e prexuízo. Posiblemente é a máis dinámica e simpática, pero iso depende dos gustos de cadaquén. O certo é que as vivencias das cinco irmás Bennett en busca do amor e dun marido apropiado poden espertar máis dun sorriso. A autora, por medio dun dos seus personaxes preferidos, Elizabeth Bennett, capta moi ben a mentalidade daquela época.

                                                         
Pulsa na imaxe e le Emma.
                                                    

            Outra das obras predilectas dos lectores é Emma, que presenta outro personaxe feminino inesquecible: a moza mimada, orgullosa de si mesma, bondadosa, sociable, que só ve o que desexa ver ata que cae no desengano. Afortunadamente para ela, a Jane Austen non lle debían agradar demasiado as traxedias, de modo que todo remata felizmente.

Pulsa na imaxe e le Sentido e sensibilidade.
                                                 

            Sentido e sensibilidade, ou Sensatez e sentimento, como se queira traducir, é quizais unha obra máis morosa, que revela bastante ben a mentalidade da autora, partidaria, como dixemos, do xusto medio, e contraria ó exceso sentimental –o cal, polo visto, non lle agradou a Charlotte Brontë. Marianne e Elinor, irmás amantísimas, a pesar das súas similitudes, son, ó principio, modelos opostos de actitude ante a vida -a paixón e o sentido común, o ímpetu e a contención- nun ambiente en que contrastan, así mesmo, a xenerosidade e a tacañería, a sinceridade a a hipocrisía.

Pulsa na imaxe e le Mansfield Park.
Pulsa na imaxe e le Persuasión.
                                                         

            Mansfield Park e Persuasión, con distintos ambientes, presentan unhas protagonistas bastante similares, namoradas caladamente duns mozos que só ó final comprenden que non poden prescindir do seu amor. Viven rodeadas de xentes egoístas ás que, non obstante, procuran axudar. Son tan discretas, que só un trato frecuente fai descubrir a beleza e as virtudes que atesouran.

Pulsa na imaxe e le A abadía de Northanger.
                                                     

            Northanger Abbey é, en certo modo, o Quijote de Jane Austen. Como Cervantes parodia os libros de cabalería, ela búrlase, por medio da súa protagonista, das novelas góticas do século XVIII, como O monxe, de Lewis, ou O castelo de Otranto, de Walpole. Quizais resulta menos lograda que as novelas citadas con anterioridade.

                                                   


            En canto ás demais obras coñecidas, todas teñen algo da súa alma, aínda que ás veces son ensaios para as obras posteriores. Lémbrese que Sentido e sensibilidade ou Orgullo e prexuízo, con outros títulos, xa recibiran unha primeira versión cando a autora andaba polos vinte anos ou pouco máis. Talvez a mellor desas primeiras narracións é Lady Susan, que, a diferenza das súas novelas maiores, presenta unha protagonista nada modélica, caracterizada pola mentira e a ambición.



            En fin, velaquí unha gran autora, desaparecida hai douscentos anos, que aínda é capaz de seducir ós lectores na actualidade. Na nosa biblioteca, pódense atopar versións dalgunha das súas obras, ademais da súa versión cinematográfica. Na rede é doado atopar unha versión dixitalizada dos textos.


                                                

Os correspondentes carteis da biblioteca son os seguintes:


01 novembro 2018

AUTOR DO MES DE NOVEMBRO: HENRIK IBSEN


 O AUTOR DO MES
NOVEMBRO

Henrik Ibsen


Este autor, nacido en Cristianía e morto en Oslo (que é a mesma cidade), foi un dos dramaturgos fundamentais do século XIX.


Tivo una vida longa, pois naceu en 1828 e morreu en 1906. Comezou a escribir moi novo, tivo cargos importantes relacionados co teatro, viviu fóra da súa Noruega natal. Publicou e fixo representar multitude de obras. A nós parécennos a máis destacables aquelas escritas a partir de 1867 (é dicir, as posteriores a Brand e Peer Gynt: Casa de bonecas, Hedda Gabler, A dama do mar, Xoán Gabriel Borkman, Os pilares da sociedade, Un inimigo do pobo, O mestre Solness, O pequeno Eyolf, Cando resucitemos...).

Pulsa na imaxe e le Casa de bonecas.

Tamén podes ver a versión que RTVE fixo no seu ESTUDIO 1 no seguinte enlace:
https://www.youtube.com/watch?v=y-BzT5QCoSc

Ibsen é coñecido, sobre todo, pola súa obra Casa de bonecas, considerada precursora do feminismo. O certo é que o autor noruegués varias veces critica o machismo da sociedade do seu tempo (por exemplo, en Espectros), pero non idealiza ás mulleres. Entre os seus admirables personaxes femininos, hainos moi diversos. Se non, lede A dama do mar, Hedda Gabler, Xoán Gabriel Borkman... En Os pilares da sociedade dá a entender que os sosténs da sociedade son as mulleres máis que os homes, pero, por riba de todo, a verdade, a liberdade e a xustiza. Con frecuencia indaga nos problemas matrimoniais ou familiares. A súa mensaxe é que os membros da parella deben ser responsables e libres.

Pulsa na imaxe e le O pato salvaxe.



Xunto ás mulleres intelixentes, gusta de presentar homes enérxicos, movidos, á maneira nietzscheana, pola vontade de poder, dispostos a sacrificar todo -incluso os seus sentimentos ou o seu sentido ético- por obter riqueza, soñando ás veces coa mellora da sociedade, pero non sempre. Uns triunfan, como Werle, en O pato salvaxe, e outros fracasan, como Xoán Gabriel Borkman. Algúns, dunha moralidade máis elevada, enfróntanse a eles, como o protagonista de Un inimigo do pobo, obra que na nosa sociedade resulta plenamente actual.

Pulsa na imaxe e le Un inimigo do pobo. 

No século XIX, Ibsen representou o Naturalismo. Así foi admirado por Zola. Nos seus dramas aparecen aspectos típìcos do movemento: a lei da herdanza, a loita pola vida, a supervivencia dos máis fortes, a presentación dos enfrontamentos de clase... Poucas veces dá cabida a elementos fantásticos -dentro das súas obras realistas, só en O pequeno Eyolf-. O exemplo máis significativo do poder da fantasía na súa obra é a coñecidísima, grazas á obra musical de Grieg, Peer Gynt. Outra cousa é o simbolismo, que, en obras como O pato salvaxe, acada unha gran complexidade.

Pulsa na imaxe e le Peer Gynt.

Ibsen usou unha técnica bastante recorrente e efectiva. Como recomendaba Aristóteles para as traxedias, as súas mellores obras son un desenlace que pode abarcar de tres a cinco actos. Con frecuencia o pasado reaparece, ás veces en forma de “espectros”, que son as pegadas que deixou un personaxe xa desaparecido que condiciona a situación dramática dos protagonistas.

Pulsa na imaxe e le Espectros.

Ocasionalmente, buscando unha impresión forte no espectador, talvez cae na esaxeración, pois nalgunha obra pode asombrar o número de suicidios que se producen. Hai evidentemente unha presentación pesimista do mundo e do individuo que o emparenta con outros autores nórdicos como Strindberg ou mesmo o cineasta Ingmar Bergman, pero os seus personaxes son cribles, humanos e complexos, non seres anxelicais ou demoníacos. Poden ser rebeldes ou convencionais, liberais ou conservadores, incluso poden oscilar entre ambos polos. Aínda que autor critica os seus prexuízos, a súa hipocrisía, incluso a súa febleza, sempre procura amosalos con luces e sombras.

Pulsa na imaxe e le Hedda Gabler.
No seguinte enlace tamén podes acceder a un "Cuaderno Pedagógico" del centro dramático nacional:
http://cdn.mcu.es/wp-content/uploads/2012/08/N-79-Hedda-Gabler.pdf

Por todo o anterior, cremos que Henrik Ibsen merece ser o noso autor do mes de novembro.

Pulsa na imaxe e le La dama del mar.
Na nosa biblioteca podedes atopar un tomo con Casa de bonecas, Espectros e O pato salvaxe, ademais de varias edicións da primeira obra citada, que non é posiblemente o seu mellor drama.

En Internet, podedes buscar páxinas como ProjectGutenberg, onde encontraredes, en distintos idiomas, os seus libros fundamentais.

Os correspondentes carteis da biblioteca son os seguintes: