23 abril 2020

DÍA DO LIBRO (23 de abril): ABRIMOS A VENTÁ Á LECTURA!! -durante o confinamento-




  • Información da actividade no Instagram: 
Xa sabedes que o Día do Libro é o xoves 23, pero durante toda esta semana 📚🌹ABRIREMOS A VENTÁ Á LECTURA🌹📚, á imaxinación, á reflexión, ao entretemento, á evasión en tempos de confinamento... Abre a túa propia ventá e ¡recoméndanos un libro! Manda un vídeo de menos de 1 min. a 📚biblioteca@iesxunqueira1.com📚e subirémolo a esta canle. #díadolibro Anímate! ❤️
https://www.instagram.com/p/B_MsNplKnAy/

  • Recomendación da profesora Carlota, de Francés: 
https://www.instagram.com/p/B_Msd17CAeN/
  • Recomendación da profesora Loli, de Grego : 
https://www.instagram.com/p/B_Ms3xdC6rH/

  • Recomendación da profesora Carmina, de Inglés:
https://www.instagram.com/p/B_MtbY0CvAg/

  • Recomendación da profesora Marilí, de Física e Química:
https://www.instagram.com/p/B_MvwUFCRhl/

  • Recomendación da profesora Blanca, de Debuxo:
https://www.instagram.com/p/B_Pekg0iCuf/

  • Recomendación da profesora Carla, de Lingua Castelá:
https://www.instagram.com/p/B_Pe3nWC9p3/

  • Recomendación da profesora María, de Matemáticas:
https://www.instagram.com/p/B_PfG6lCyRv/

  • Recomendación do profesor Marcos, de Historia:
https://www.instagram.com/p/B_PfW_jCDN8/

  • Recomendación de Pastora, alumna de 2º de Bacharelato:
https://www.instagram.com/p/B_PfumZi7Da/

  • Recomendación de Sara, alumna de 2º de Bacharelato:
https://www.instagram.com/p/B_PgDSuCUjk/

  • Recomendación de Evelyn, alumna de 2º de Bacharelato:
https://www.instagram.com/p/B_PgRJeiVp6/

  • Recomendación de Mónica, de 2º de Bacharelato:
https://www.instagram.com/p/B_Pi19ECBKW/

  • Recomendación da profesora Beatriz, de Inglés:
https://www.instagram.com/p/B_SCBeXikpA/

  • Recomendación de Gabriel, alumno de 2º de ESO:
https://www.instagram.com/p/B_ScKIpCi2B/

  • Recomendación da profesora Lorena, de Galego:
https://www.instagram.com/p/B_SiqU7i8XQ/

  • Recomendación de Clara, a neta de Carmina:
https://www.instagram.com/p/B_Sj1S9CFUs/

  • Recomendación do profesor Inicio, de Inglés:
https://www.instagram.com/p/B_Skd_nC1UR/

  • Recomendación de María, alumna de 1º de Bacharelato:
https://www.instagram.com/p/B_Slt_OCtZp/

  • Recomendación do profesor Arturo, de Inglés:
https://www.instagram.com/p/B_SuHxviClb/

  • Recomendación da profesora Julia, de Lingua Castelá:
https://www.instagram.com/p/B_ULQhciEJ2/

  • Recomendación de Clara, antiga alumna do noso centro:
https://www.instagram.com/p/B_UboHeCfbC/

  • Recomendación de Itzíar, antiga alumna do noso centro:
https://www.instagram.com/p/B_UboHeCfbC/
  • Recomendación do profesor de Educación Física (ágora no Brasil):
https://www.instagram.com/p/B_jgZSmiKsO/

15 abril 2020

"ÁRBORES FANTÁSTICAS"




Este proxecto foi elaborado por alumnado de 1º de ESO e dirixido pola profesora Blanca, de Debuxo.  

Organizados en grupos de dous e partindo dunha imaxe de tamaño DinA3, aportada pola profesora, os alumnos e alumnas utilizaron diferentes técnicas para que cada unha das árbores fora diferente. O traballo completouse co nome e unha historia máxica ou realista de cada árbore.







01 abril 2020

CONTO DO MES DE ABRIL. AGATHA CHRISTIE: "El crimen de la cinta métrica".

AGATHA CHRISTIE: "El crimen de la cinta métrica"

PREME NA IMAXE E LE O CONTO!

O AUTOR DO MES DE ABRIL: WILLIAM SHAKESPEARE



O AUTOR DO MES

ABRIL


WILLIAM SHAKESPEARE

         Dedicarémoslle este mes a un autor que non precisa presentación, pois é talvez o máis universal dos escritores. Como é ben sabido, naceu en Stratford-on-Avon en 1564 e morreu na mesma localidade en 1616, aínda que viviu moitos anos en Londres. Foi actor, autor, empresario teatral de éxito, o cal lle permitiu certo benestar económico. Casou con Anne Hathaway, de quen tivo tres fillos, a pesar de viviren moito tempo distanciados.
         Como hai bastantes aspectos da súa biografía en penumbra, teñen aparecido curiosas teorías: unha delas, bastante simpática e disparatada, é que el non foi autor das súas obras, senón que se limitou a pasar por unha especie de “testaferro” de Christopher Marlowe, Francis Bacon ou mesmo un conxunto de autores.


   
      Escribiu obras poéticas e dramáticas. Estas últimas adoitan dividirse, seguindo ós autores do Primeiro Infolio –unha recompilación de obras teatrais súas-, Heminges e Condell, amigos e membros da mesma compañía de teatro, en traxedias, comedias e “romances”. Trátase dunha división moi elemental porque moitas obras poden incluírse en dous apartados e incluso noutros distintos dos citados.


         As traxedias foron as creacións que lle proporcionaron maior prestixio. Nelas amosou a súa capacidade xenial para imaxinar personaxes: Hamlet, Macbeth, Otelo, o rei Lear, Xulieta... son seres atemporais, máis lembrados que moitos persoeiros históricos. Hai desacordo á hora de escoller a obra mellor. Xeralmente cítase Hamlet, basicamente polo protagonista, quizais o máis rico e profundo de Shakespeare. Arredor del existe unha longa tradición que nos remonta por varios motivos ás sagas nórdicas ou a traxedia grega –emparentándoo con personaxes como Orestes e Edipo- e que nos conduce, por exemplo, ao Don Hamlet de Cunqueiro.


Otelo conmóvenos polos personaxes centrais: os celos e o complexo de inferioridade derivado da cor da súa pel no caso do protagonista; a inocencia de Desdémona; a maldade, o resentimento e a envexa de Iago –un dos mellores retratos da súa espléndida galería de malvados-.


Macbeth, como sabemos, é a ambición que conduce ao crime, a autodestrucción e, mesmo, ao desexo da propia morte.


O rei Lear representa a imprudencia, a vaidade e a inxustiza, que deixan o camiño libre á ambición e a falta de escrúpulos. A carencia de madurez –que non é sinónimo de vellez- do monarca ou dalgún nobre conduce á desorde e o infortunio. Na desgraza, achégase á loucura e a sabedoría, mais é demasiado tarde.


Romeo e Xulieta, como ninguén ignora, mostran na súa fin a traxedia á que dous amantes son conducidos pola inimizade das súas familias.


         Menos coñecidas son as traxedias baseadas na historia romana. Tito Andrónico é unha sucesión de actos terribles desencadeados por desexos de vinganza. Responde ao gusto da época e remóntase ao teatro de Séneca. Habendo a miúdo multitude de mortes nos dramas shakespearianos, este destaca por ser o máis cruel e cruento.

 

Xulio César e Antonio e Cleopatra están unidas. Na primeira, que presenta a morte de César, este non é o protagonista, senón Bruto, que representa o cidadán romano que, a pesar de querer e admirar ao célebre militar, escritor e político, cre que o seu deber é asasinalo, con outros cómplices, para defender a liberdade da república romana. Outros personaxes, como Marco Antonio e Casio, cobran gran importancia. O primeiro, tras vencer os asasinos de César, acabará enfrontándose ao seu aliado e cuñado, Octavio Augusto, polo poder do imperio. O seu drama é que, ademais de estar movido pola ambición, é levado a combater e morrer a causa do seu amor tardío por Cleopatra, a raíña de Exipto, que xa dera a luz un fillo de César.


Coriolano é a tráxica historia dun patricio romano, heroico na guerra, que non acepta de bo grao ser controlado pola plebe e os seus tribunos. Desterrado, rebélase contra Roma dirixindo as tropas dun pobo inimigo, pero, por amor aos seus, non se atreve a invadir a cidade dos seus antergos, polo que é asasinado.

 

         Teñen, ademais, aspectos tráxicos dúas obras situadas no mundo antigo: Troilo e Crésida e Timón de Atenas. A primeira podemos relacionala coa Ilíada e, sobre todo, a Materia Troiana medieval. Non morren os personaxes do título, o fiel Troilo, fillo menor de Príamo, e a infiel Crésida, filla de Chalcas, un sacerdote traidor; mais si presenta o asasinato do cabaleiresco Héctor a mans do fachendoso Aquiles e os seus guerreiros mirmidóns. Resulta interesante, entre outros motivos, porque ofrece unha versión dos feitos distinta da tradicional. Timón de Atenas, cuxo argumento básico sae, como outros, das Vidas paralelas de Plutarco –practicamente ningún argumento de Shakespeare é totalmente orixinal-, preséntanos o desengano e a morte dun señor ateniense da época da Guerra do Peloponeso, o cal pasou da xenerosidade extrema á misantropía máis profunda a causa da ingratitude dos seus concidadáns. Por este tema garda certas similitudes con O rei Lear.

         Preto das traxedias están moitos dos seus dramas históricos, que son O rei Xoán, Ricardo II, Henrique IV -composto de dúas partes-, Henrique V, Henrique VI -formado de tres-, Ricardo III e Henrique VIII -esta última non escrita totalmente por el-.

 

A primeira sitúase no século XIII, tras a morte de Ricardo Corazón de León. O seu irmán, Xoán Sen Terra, apodérase do reino, desprazando a un sobriño con máis dereitos, mais non goberna acertadamente. Os ingleses están orgullosos de que, apremiado polos seus súbditos, concedese a Magna Carta, recoñecéndolles unha serie de dereitos. A última trata sobre o célebre Henrique VIII, o das seis mulleres, pai de Eduardo VI, María Tudor –que casou con Felipe II- e Isabel I.

No medio están dúas series que abranguen boa parte dos séculos XIV e XV, coa Guerra dos Cen Anos –contra Francia- e a Guerra das Dúas Rosas –entre as casas de York e Lancaster-, período turbulento no que só os reis Henrique IV, Henrique V e Eduardo IV non morreron de forma violenta.


Ricardo II é o prototipo de rei lexítimo pero mal gobernante, o cal perde o poder a mans do seu primo, o futuro Henrique IV. Nos derradeiros intres da súa existencia amósase magnánimo e admirable –el case se identifica co propio Xesucristo-.


Henrique IV ten que facer fronte a múltiples revoltas para asegurar un poder que, en parte, coidaba ilexítimo. O seu fillo, Henrique V, é o modelo de monarca heroico e guerreiro, en quen se reúnen lexitimidade e capacidade de goberno, pero morre demasiado cedo, deixando como rei o seu fillo, aínda neno, Henrique VI, quen ve como Francia, liderada por Xoana de Arco –que aparece de modo pouco favorecedor-, lle arrebata a maior parte das  posesións inglesas en territorio francés. Remata asasinado polos representantes da casa de York: Eduardo IV -que goberna poucos anos e deixa como herdeiro un rapaz que non chega a gobernar, Eduardo V- e Ricardo III, irmán e tío dos anteriores, quen usurpa o poder matando os seus sobriños e morre na batalla de Bosworth, na cal é derrotado por Henrique VII, o fundador da casa Tudor, o cal pon fin á guerra civil unindo os Lancaster –dos que era descendente- cos York ao casar con Isabel, a filla de Eduardo IV.


Shakespeare aproveita as crónicas de Holinshed e Hall para recrear un período histórico no cal destacan personalidades tan interesantes como Ricardo II, Henrique V e, sobre todo, Ricardo III, ademais de secundarios memorables creados por el, como o pícaro Falstaff. Dalgún xeito, presenta unha visión bastante conservadora da sociedade –non esquezamos que a súa compañía teatral dependía do patrocinio de grandes nobres ou do mesmo rei-, mais poden atoparse nos seus dramas detalles que incluso pode considerarse que incitaban á rebelión –por exemplo, en Ricardo II-.  A súa  intención evidente é crear un sentimento patriótico e, posiblemente, a identificación do pobo coa casa real (viviu durante os reinados de Isabel I Tudor e Xacobe I Estuardo, membros de distintas ramas da mesma familia, dos que obtivo protección).

As comedias de Shakespeare son moi desiguais; a carón de obras mestras deixou obras de aprendizaxe, un tanto descoidadas, que abusan dos gustos do público daquel tempo e lugar. Nelas aparece unha serie de elementos comúns: personaxes arquetípicos –entre os cales non falta o “fool”, que ten parecido co “gracioso” do teatro clásico español-, namoramentos súbitos, cambios de identidade, poemas, cantos, danzas, xogos de palabras ás veces abertamente obscenos...


Entre as máis gabadas están, sen dúbida, O soño dunha noite de verán, Como vos guste, Noite de Reis e  O mercader de Venecia, que, dentro das súas similitudes, presentan bastantes diferenzas. A primeira é un canto á fantasía, con varias relacións de parella que rematan de xeito feliz grazas ao acontecido nun bosque próximo a Atenas onde todo é posible. É a máis poética e leda das comedias shakespearianas; inclúe unha mostra de teatro dentro do teatro –ao cal era moi afeccionado- que consiste nunha simpática parodia dunha representación popular da fábula de Píramo e Tisbe.
 


Como vos guste sitúase de novo nun bosque, onde é posible para as protagonistas a liberdade que é inalcanzable no mundo urbano, onde reinan a mentalidade tradicional, a ambición, a deslealdade e o abuso de poder. Nesta obra, como en Noite de Reis, o autor xoga de modo brillante cunha característica das representacións da época, que consistía en que os papeis femininos tiñan que ser representados por rapaces. Baseándose nisto, crea situacións ambiguas nas que os espectadores debían ver incluso unha burla dirixida aos propios actores.


O mercader de Venecia é unha peza de intriga, con escenas simpáticas e dramáticas, que remata co escarmento do usureiro xudeu Shylock tras o seu intento de vingarse de Antonio, o mercader de Venecia.

Consideradas dignas de memoria por diversos motivos, mais situadas talvez nun banzo inferior, están outras.

As alegres casadas de Windsor ten como personaxe principal a Falstaff, cabaleiro pícaro que aparecera con gran éxito en Henrique IV como acompañante nos malos pasos do príncipe Hal, o futuro Henrique V. Aquí é obxecto da burla de dúas señoras casadas ás que intenta seducir.

Medida por medida, baseada nunha frase do evanxeo de San Mateo, case non é unha comedia, senón un drama serio, polos seus temas: o poder e o sexo. Trátase dunha obra de contido ético que encerra unha reflexión sobre o puritanismo e amosa como o abuso do poder pode levar ao acoso sexual.


Moito ruído e poucas noces e Os dous fidalgos de Verona presentan bastantes semellanzas. Situadas en Italia, ofrecen unha intriga amorosa que afecta a dous mozos e dúas mozas na que interveñen uns personaxes malvados que non teñen éxito. No segundo dos casos, un dos namorados é o malvado, aínda que ao final se arrepinte.

A bo final non hai mal principio, de tradición boccacciana, fainos lembrar aquelas comedias do século de ouro en que unha muller vai buscar polo mundo adiante o seu amado, por quen foi rexeitada, ata conseguir o seu amor usando o enxeño. Como é frecuente, o lector ou espectador dubida que nese caso pagase a pena tal esforzo, pero a verosimilitude é o de menos e todo remata de xeito feliz.


A doma da muller brava, como é coñecido, ten grandes similitudes cun conto de El Conde Lucanor, de don Juan Manuel, que talvez foi a fonte orixinal da comedia. Pódese dicir que encerra unha visión machista do matrimonio. Traballos de amor perdidos presenta, polo contrario, un grupo de señoras moito máis intelixentes que os señores cos que acabarán por casar. A comedia das confusións inspírase nos xogos aos que dá lugar a presenza de dous pares de xemelgos, ao gusto de Plauto.

Por último, os denominados “romances” son obras creadas normalmente ao final da súa vida de escritor, tras as grandes traxedias.


 Pericles, príncipe de Tiro, historia de naufraxios, perdas e reencontros, é basicamente unha versión da historia do Libro de Apolonio: o señor que tras moitas aventuras atopa a muller e a filla que cría mortas. A anagnórise tan querida dos gregos aparece en todo o seu esplendor.

 


Cimbelino presenta unha trama complexa na cal o personaxe que dá nome á obra non é o protagonista. Atópase a proba da fidelidade da esposa –ao estilo de “El curioso impertinente” de Cervantes-, o reencontro co seu pai duns príncipes que foran secuestrados na infancia, e a loita dos bretóns, opostos ao dominio dos romanos. O final, como é típico destas obras, consiste na reconciliación e o perdón da maioría dos protagonistas. Como outras obras de Shakespeare, parece basearse por momentos en contos populares, entre os cales non falta a bruxa mala, que neste caso é a raíña.


Conto de inverno, polo seu propio título, xa nos remite ao folklore. Aparecen os celos dun rei, os cales, non sendo tan terribles como os dos dramas calderonianos, causan infelicidade e desgrazas. Ao final hai anagnórise e reconciliación.


A tempestade é unha das últimas e mellores obras de Shakespeare. Rica en simbolismo, aberta a diversas interpretacións –ultimamente como plasmación do colonialismo-, presenta o tema da usurpación do poder e o desterro do gobernante lexítimo. Como as obras anteriores, acaba coa reconciliación dos personaxes enfrontados grazas á intervención dos familiares máis novos; pero aquí atopamos que Shakespeare lle dá máis importancia á fantasía, xa que Próspero, o protagonista, recorre á maxia para impoñer a súa vontade sobre o mundo que o rodea.

En canto á poesía, deixando a un lado varios poemas menores, Shakespeare é autor de tres obras destacadas: Venus e Adonis, A violación de Lucrecia e, sobre todo, os Sonetos.


Venus e Adonis é un longo poema narrativo no cal recorre a toda a súa pericia poética para presentar a deusa Venus seducindo a un indiferente Adonis, quen, máis afeccionado á caza que ao amor, atopa a morte.


A violación de Lucrecia tamén trata unha historia coñecida, dos primeiros tempos de Roma, a violación de Lucrecia polo rei Tarquino e o suicidio da muller, considerada un modelo de beleza e castidade, tras pedir vinganza. Polo seu tema –o poder e a agresión sexual- pode relacionarse con Medida por medida.

 

Os sonetos son 154 poemas que se dividen en tres serventesios e un pareado de versos decasílabos –na nosa tradición serían hendecasílabos- de rima consonante e ritmo moi estudado. Vese unha división entre os 127 primeiros e os restantes. Nos primeiros trata sobre todo dun amor platónico –con certas exspresións ambiguas- por un mozo e nos últimos sobre un amor claramente sexual por unha dama “escura”, aínda que nas dúas series alude á relación entre o mozo e a dama. Isto é entendido como unha decepción para o suxeito lírico, que se sente vello e traizoado, e ocasionalmente como un motivo de satisfacción ao entender a relación de ambos como unha manifestación ou consecuencia do afecto de ambos cara a el -como o trata Méndez Ferrín en “Amor de Artur”.
Nos poemas dedicados ao mozo fálalle do paso do tempo que conduce velozmente á morte, polo que o anima a buscar a pervivencia da súa beleza xuvenil nun herdeiro. Tamén manifesta que os seus poemas, a pesar da súa modestia e o seu escepticismo ocasionais, poden contribuír a darlle inmortalidade.
O tratamento do amor nos primeiros sonetos é platónico, aínda que renuncia ás hipérboles; como algún trobador medieval considera o amor como un motivo de alegría. Nos últimos, o amor é tratado de xeito oposto: fálase abertamente da luxuria, a seducción, a mentira, a infidelidade; a amada non corresponde, en absoluto, ao ideal petrarquista, pois é “escura” física e moralmente. O suxeito lírico diríxese á súa alma para pedirlle que se afaste do corpo se quere aspirar á eternidade, nun amago de poema relixioso que non é típico de Shakespeare.
O resultado final é un feixe de poemas que xiran arredor de tópicos, para os cales o autor busca imaxes, conceptos e procedementos métricos novos. Neles poden rastrearse ideas e símbolos que aparecen en autores posteriores ou contemporáneos. Fan lembrar a Rosalía cando fala da “sombra” dos celos, a Baudelaire cando louva unha amada que se distancia da imaxe “ideal”, a Calderón cando trata a vida como un soño, a Quevedo cando presenta como un soño unha escena de amor...


En fin, pode dicirse que Shakespeare é toda unha literatura. A súa obra pode atoparse en diversas linguas na rede. Na nosa biblioteca, podedes atopar exemplares das súas obras máis coñecidas, incluso a súa versión teatral ou cinematográfica en DVD. Merecen a pena.