20 decembro 2021

SCAPE ROOM DE HARRY POTTER E PARTIDO DE QUIDDITCH!!

A seguinte actividade foi realizada polos departamentos de INGLÉS e FRANCÉS, coa colaboración do departamento de PLÁSTICA

No salón de usos múltiples e en grupos de 5 ou 6 alumnos/as tiveron que resolver unha serie de enigmas relacionados coa saga de Harry Potter

A actividade finalizou cun partido real de quidditch, o deporte practicado nos libros, organizado por dous membros do equipo de quidditch de Pontevedra. 





15 decembro 2021

Conferencia da Fundación Universitaria de A Coruña (FUAC)

Hoxe, na Biblioxún, houbo unha conferencia da Fundación Universitaria de A Coruña (FUAC) sobre contratos laborais, para titulados en prácticas de FP

¡Por videoconferencia!

¡Moi práctico e interesante!






06 decembro 2021

NADAL NA BIBLIOXÚN!

Os días previos a Nadal fixéronse na Biblioxún un mundo de cousas!


  • Tróuxose ao Apalpador con moitas bibliosuxestións lectoras: 









  • A rapazada da ESO, na asignatura de Plástica, axudou a decorar o espazo da biblioteca principal e o Parnasillo con árbores de Nadal: 



  • Alumnado da ESO, nas asignaturas de Física e Química e Inglés, fixo un Calendario de Advento que se expuxo no Parnasillo: 



  • Tamén se expuxo no Parnasillo, esta vez por parte do alumnado de Artes de 2º de Bacharelato, un conxunto de collages coa temática do 25 N, o Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller, que é algo que debemos lembrar durante todo o ano:

















02 decembro 2021

AUTORA DO MES. DECEMBRO. KATE CHOPIN

 

A AUTORA DO MES

DECEMBRO

 

KATE CHOPIN

          Katherine O’Flaherty Faris naceu en San Luís en 1850 e morreu na mesma cidade en 1904. O seu pai era un rico home de negocios nacido en Irlanda e a súa nai pertencía a unha familia de orixe francesa; de aí que ela fose bilingüe. Recibiu unha educación conservadora nun colexio católico; na puberdade viviu a Guerra de Secesión, na cal un irmán seu morreu loitando no exército do Sur. Aos vinte anos casou con Oscar Chopin, tamén de familia francesa, con quen se domiciliou primeiro en Nova Orleans e logo no condado de Natchitoches, ao Noroeste de Luisiana. Alí entrou en contacto coa poboación crioula –descendente dos franceses e españois asentados nese territorio-, acadiana –colonos de fala francesa, procedentes do Canadá, de onde os expulsaran os ingleses, e creadores a cultura “cajun”-, os antigos escravos ou descendentes de escravos afroamericanos, e incluso os nativos, en especial da tribo choktaw. En 1882, cando xa dera á luz seis fillos, quedou viúva. Procurou seguir cos negocios do seu marido ata que dous anos despois volveu a San Luís para residir coa súa nai. Comezou entón a súa carreira literaria, concentrada especialmente entre 1888 e 1900. Morreu a consecuencia dun derrame cerebral.

 

         Chopin foi autora de tres novelas –At Fault (A culpa), The Awakening (O espertar) e Young Dr. Gosse and Théo (O xove doutor Gosse e Théo)-, a última das cales, ao parecer, destruíu tras non atopar editor, e tres coleccións de relatos –Bayou Folk (Xente do bayou), A Night in Acadie (Unha noite en Acadie) e A Vocation and a Voice (Unha vocación e unha voz)-, das que a última non se publicou como libro mentres ela viviu. Ademais escribiu numerosos contos que se publicaron só en revistas como Vogue e Atlantic Monthly, ou quedaron inéditos.

          Coméntase que o escándalo producido por O espertar causou o seu afastamento da literatura e que os autores non lle publicasen Unha vocación e unha voz, aínda que posiblemente tiveron unha gran importancia os seus problemas de saúde.

 

         A culpa é unha historia de amor entre unha viúva católica de principios moi estritos, Thérèse Lafirme e un divorciado procedente de San Luís, David Hosmer, os cales, en certo modo, representan o mellor do Sur e do Norte estadounidenses. Thérèse obriga a David a volver coa súa muller, de vida informal e adicta ao alcohol. Só cando esta morre acepta casar con el.

        Pode considerarse unha novela de tese, que ofrece unha visión positiva do divorcio en determinados casos e unha crítica da estreiteza moral da sociedade nalgúns aspectos. Aparecen diversos tipos de muller relacionados co matrimonio, quedando malparadas as mulleres excesivamente coquetas, infieis ou vítimas dalgún vicio como o alcohol. Ambientada en Luisiana e San Luís, presenta os dous mundos de maneira oposta. En Luisiana aínda son patentes os lembranzas penosas da Guerra Civil –é un Estado en reconstrución- e a súa historia, coa violencia exercida sobre a poboación afroamericana. Un dos momentos climáticos da obra é, precisamente, o asasinato dun mozo inadaptado de sangue indio e afroamericano polos disparos dun crioulo cando lle prendía lume ao aserradeiro de Hosmer.

         Trátase dunha narración que mestura trazos de diferentes estilos ou tendencias literarias. Hai idealismo na caracterización da parella protagonista e costumismo –rexionalismo ou cor local, como prefire dicir a crítica estadounidense- na recreación da mentalidade e o modo de vida dos habitantes de Natchitoches; mais é, ante todo, unha novela realista con aspectos melodramáticos e naturalistas.

         No aspecto estilístico, chaman a atención os diálogos que intentan reproducir o dialecto autóctono, e as descricións da paisaxe, nas que a autora introduce notas líricas e simbólicas.

 

         Os contos de Xente do bayou presentan semellanzas coa novela anterior –incluso presentan de novo algúns dos personaxes. Están situados xeralmente no bayou -o terreo baixo e a miúdo pantanoso formado polos meandros do río Misisipi e os seus afluentes- a finais do século XIX. Mestúranse crioulos, acadianos e descendentes de escravos. A discriminación racial e a lembranza da Guerra Civil conservan moita importancia. Como é característico da autora, reflexiónase sobre o matrimonio e o rol da muller na sociedade.

         Obsérvanse as mesmas tendencias literarias mencionadas máis arriba. Predominan as narracións en terceira persoa, de forma omnisciente, cun final aberto, aínda que de xeito ocasional aparecen relatos en primeira persoa que teñen un carácter máis ben lírico ou reflexivo.

         O tema da guerra aparece, por exemplo, en “Alén do bayou”, onde unha muller queda traumatizada por feitos dos que foi testemuña; “O regreso de Alcibiade”, no cal una vello aínda agarda o regreso do seu fillo morto; “Un meigo de Gettysburg”, en que un ferido na terrible batalla, que só é capaz de lembrar algún detalle da súa vida anterior, aparece na súa facenda en decadencia, moitos anos despois, para desenterrar o tesouro que agochara; “Unha dama do bayou Saint John”, onde unha recén casada a piques de cometer adulterio renuncia ao amor para serlle fiel o resto da súa vida á lembranza do seu marido, que acaba de morrer en combate; ou “Madame Pelagie”, que nos presenta a ruína das familias terratenentes e unha muller de carácter, leal ao pasado, a cal desexa recuperar, a base de sacrificios, o antigo esplendor. (Trátase dunha das múltiples similitudes existentes entre a obra de Chopin e a célebre novela de Margaret Mitchell, Gone with the Wind.)

         O racismo e a escravitude son outro tema fundamental, aínda que a autora tenta presentar a sociedade sureña de maneira harmónica, sen apenas enfrontamentos. “A vella tía Peggy” ou “O escravo dos Bénitou” ofrecen case unha visión patriarcal, en que os vellos escravos, xa libres, son coidados e tratados con agarimo pola poboación branca; incluso amosan o desexo de servir aos seus antigos amos dunhas persoas que non conseguen adaptarse á nova sociedade. “En busca dos pavos” amosa dous modelos de muller afroamericana que tamén aparecen en Gone with the Wind: a rapaza vaga, torpe, de carácter estraño ou infantil, por un lado, e, por outro, a muller traballadora, que acepta a dominación do home branco e incluso colabora con el, sen reprimir en ocasións o seu mal humor, que pode dirixir contra os seus propios señores. Este servilismo, mesturado a miúdo de afecto persoal, pode conducir a unha parte da poboación afroamericana a sentirse orgullosa de pertencer á sociedade sureña e menosprezar aos “americanos” e, incluso, a sacrificar a súa vida polos seus antigos señores, como sucede en “Por Marse Chouchoutte”.

         Mais Chopin non oculta a horrible crueldade da escravitude, en historias como “A belle Zoraïde” ou “O bebé de Desirée”, situadas antes da Guerra de Secesión. Na segunda, unha obra mestra, resalta os perniciosos efectos dos prexuízos raciais. Lembra ocasionalmente que tamén houbo afroamericanos que se revoltaron contra os seus amos, en “Madame Pélagie”, e que, tras a guerra, houbo propietarios arruinados que se negaron a vender as súas terras aos antigos escravos (“O regreso de Alcibiade”).

         Incluso, excepcionalmente, amosa a discriminación sufrida polos nativos americanos. Isto vese en “Loka”, unha india choktaw, que vence os seus desexos de buscar a liberdade por amor ao neno branco que coida. A autora revela como, desposuídos de todo, os indios se ven condenados a pasar fame, enganar e roubar, cando non son vítimas do alcoholismo.

         Con todo, os temas máis habituais son o amor e o matrimonio. Atopamos amores truncados pola guerra (“Madame Pélagie”, “Unha dama do bayou Saint John”), o capricho duns amos despóticos (“A belle Zoraïde”), as diferenzas sociais (“Un baile acadiano”) ou a aparición dun terceiro máis atractivo (“Unha visita a Avoyelles”); a historia de amor, da que ofrece a autora varias versións ao longo do tempo, en que un mozo relativamente rico rescata a unha rapariga pobre (“Amor no Bon-Dieu”); e a situación das mulleres casadas que son vítimas dos seus maridos (“O bebé de Desirée”, “O divorcio de Madame Célestine” e, incluso, “Unha visita a Avoyelles”). É neste tipo de relatos onde se nota mellor a evolución ideolóxica da autora ao longo da súa obra, como veremos.

         Cabe lembrar, por último, que varios contos presentan un personaxe infantil ou un tanto extravagante, normalmente tratado con humor. Trátase de semblanzas centradas nunha anécdota simpática, como se pode ver, por exemplo, en “Boulôt e Boulotte” ou “Un cabaleiro do bayou Têche”.

 

         Os contos de Unha noite en Acadie están unidos, como os anteriores, por compartir espazo, época, temática, estética e incluso personaxes. Relatos en terceira persoa, con finais abertos, anécdotas humorísticas ou sentimentais, realismo costumista con algún trazo naturalista (a influencia do medio ambiente ou a herdanza, a degradación familiar), estampas líricas ou simbólicas en que se procura reflectir o contraste entre a vellez e a xuventude, a vida e a morte (“Figos maduros”). A pesar dos detalles racistas, os prexuízos excluíntes e o menosprezo do humilde, a sociedade presentada resulta case idílica dentro da súa pobreza. De aí os relatos de carácter humorístico como “Unha cuestión de prexuízos” ou “Unha dama de Dresde en Dixie”.

         As alusións á guerra case desaparecen, aínda que en “Despois do inverno” amosa os transtornos individuais e familiares que provoca. Tamén diminúe a presenza do tema das relacións interraciais, que son vistas de xeito positivo e amable. Así, en “Unha dama de Dresde en Dixie” amosa o afecto entre unha pobre rapaza acadiana e un vello afroamericano, así como a relixiosidade supersticiosa e a fantasía da poboación negra; en “Odalie perde a misa”, unha mociña crioula acompaña nos últimos intres a unha antiga escrava, que a confunde coa súa protectora do pasado; en “As vacacións de Ozème”, un crioulo orixinal axuda desinteresadamente a unha familia afroamericana en apuros, e, por último, en “Tante Cat’rinette” sucede ao revés, de modo que unha vella terca e supersticiosa, escrava no pasado, serve de anxo da garda aos descendentes do seu antigo amo.

         Por contra, os asuntos relativos ao amor e o matrimonio son máis abundantes, aproximándose a autora levemente á postura pola que será máis coñecida. En “Pesar” aparece a vella solteirona que, tras coidar dos fillos dunha veciña durante unha tempada, lamenta ter renunciado á posibilidade de telos; en “Unha cuestión de prexuízos”, trata das dificultades do matrimonio entre crioulos e “americanas” –mulleres dos estados septentrionais-; en “As lilas”, sobre o futuro matrimonio dun propietario e unha pobre viúva unidos pola filla desta; en “Unha noite en Acadie”, sobre a intervención dun home para evitar que unha moza imprudente, da que se namorou a primeira vista, cometa a loucura de casar cun home inadecuado; en “Mamouche”, precisamente fala da consecuencia dun matrimonio equivocado –e do amor non correspondido. Son outros, non obstante, os relatos máis representativos. Así, “Athenaïse” céntrase nunha moza casada, insegura dos seus sentimentos, que abandona o lar familiar. A diferenza de Edna Pontellier, a protagonista de O espertar, regresa cando se sente embarazada do seu paciente marido, a quen, en realidade, ama. “Unha muller respectable” anuncia a intención dunha señora de ser infiel ao seu consorte. “Despois do inverno” alude á fuxida do seu fogar dunha muller a quen lle morren os fillos mentres o seu marido combate no exército confederado; “En Chenière Caminada” trata da paixón enfermiza dun mariñeiro por unha moza de clase social superior, o cal curiosamente sente alivio tras coñecer a morte da amada, agardando declararlle os seus sentimentos na vida tras a morte en que confía; “Unha alma sentimental”, en fin, amosa o amor dunha señora beata por un señor casado a quen a súa esposa non parece querer.

         Ambientados en ocasións en Nova Orleans, presentan personaxes curiosos como algúns dos aludidos ou Caline, Crioulo Nég e Cavanelle, que dan título a senllos relatos. A primeira é unha moza acadiana atraída á cidade polo amor que espertou nela un mozo; o segundo, un individuo enigmático das clases baixas; o terceiro, un home agradable que sente a necesidade de sacrificarse por alguén. Non faltan os personaxes extravagantes que gardan certas semellanzas cos de Carson McCullers: Polydore, Azélie, Mademoiselle Aurélie...

 

         Os contos de Unha vocación e unha voz sitúanse maioritariamente fóra de Luisiana, polo que carecen da cor local dos relatos anteriores. Tamén é máis notoria neles a influencia dos naturalistas franceses, como Zola e Maupassant, a quen admirou e traduciu, que se revela, sobre todo, no efecto do medio ambiente e a educación na determinación do carácter das persoas (“Dous retratos”) ou na degradación moral dalgúns personaxes (“A madriña” e “Lilas”, que fan lembrar Thérèse Raquin ou Nana, sen a crueldade destas).

         Atopamos relatos de tese (“Unha vocación e unha voz”), reflexións (“Un tipo ocioso”, “A noite chegou paseniño”), contos simbólicos (“A aguia branca”); a utilización da técnica epistolar (“Unha cuestión mental”), o encadre (“Un cigarro exipcio”), a intervención dun editor e incluso o recurso de enganar ao lector ocultándolle información esencial (“O cego”).

         De novo, o amor e o matrimonio son os temas fundamentais.

         “Suzette” presenta unha rapariga coqueta que non parece sentir o posible suicidio dun mozo namorado dela, pero chora porque o home que lle gusta non lle presta atención. Procúrase amosar dalgún xeito a fatalidade e irracionalidade do amor.

         Varios relatos ofrecen distintos exemplos das clásicas solteironas, vistas con afecto ou compaixón. “A única historia de Elizabeth Stock” baséase no acto xeneroso e mal pagado que realiza unha empregada de correos que non desexa comprometerse cun pretendente fiel; “O namoramento de Fedora” amosa outra moza maior que tardiamente se namora dun mozo e nun instante estraño bica á irmá deste, como se nese momento desprazase a esta os seus sentimentos. “A madriña” é un conto máis tráxico: a protagonista, contrariado polos seus pais o seu namoramento, proxecta no seu afillado e sobriño, vástago do home que quería, o seu cariño ata o punto de libralo do posible castigo que recibiría de coñecerse que é culpable dun asasinato. Por desgraza, o afillado é vítima da súa mala conciencia e ela, do desamor con que el corresponde ao seu sacrificio. “A aguia branca” é un relato simbólico da vida solitaria e sen afectos dunha muller.

         Outros relatos céntranse en mulleres de vida libre ata certo punto. “Lilas”, situada en Francia, presenta á actriz e cortesá que é rexeitada polas monxas do lugar onde se educou, a onde ela acudía cun agasallo cando florecían as lilas. Ninguén ousa contrariar a crueldade da madre superiora, aínda que unha monxa en especial, sor Agathe, chora en silencio, quizais porque a amaba. “Juanita” é unha moza atractiva que se namora dun eivado que parece carecer de cualidades, e mantén con el unha relación libre, de amantes, á marxe das convencións sociais.

         Algún relatos seguen as andanzas dun protagonista masculino. “Unha vocación e unha voz”, amósanos un rapaz dividido entre a vocación relixiosa e a voz da natureza en forma da atracción amorosa que sente por unha moza ligada a un individuo de vida picaresca. Tras acompañalos e efastarse deles, ingresa nun mosteiro, que abandona para seguir os pasos da muller. Outro protagonista masculino, Ti Demon, queda marcado pola leve infidelidade da súa noiva, que defende o seu dereito a flirtear, pois, movido polos celos e baixo o efecto do alcohol, case mata ao compañeiro que o enganou, de modo que fica dende entón sinalado como un individuo violento e asocial.


         As complexas relacións de noivado da época son tratadas en máis textos. “Unha cuestión mental” pode considerarse unha burla das mentes "modernas" que ocultan a súa falta de paixón baixo unha aparencia de racionalidade. “Dous veráns e dúas almas” denuncia, pola contra, as falsas ideas que o romanticismo introduciu nalgunhas mentes femininas, que non comprenden que tamén no amor hai que aproveitar a ocasión e non ten por que provocar reaccións íntimas extraordinarias; amosa tamén a fidelidade a un compromiso por parte dun home formal que é consciente de que xa non experimenta os sentimentos do pasado. “O inesperado” representa a aparición da desgraza en forma de
enfermidade mortal do noivo, que ten como consecuencia dous egoísmos: a do home por desexar casar a pesar do seu estado e a da muller por fuxir da voda. “A recuperación” supón a infelicidade por motivos opostos: cando unha muller recupera a vista tras quince anos cega, o seu namorado aínda desexa contraer matrimonio mentres que ela, decepcionada co seu propio aspecto, é incapaz de aceptar a nova realidade.

         Por último, o matrimonio serve de inspiración para tres dos contos máis coñecidos da autora: “O bico”, onde unha moza egoísta non consegue o seu cínico obxectivo –casar cun home rico e manter unha relación adúltera co mozo que desexa-, “Historia dunha hora”, no cal unha muller experimenta un sentimento de liberación cando lle comunican a suposta morte do seu marido nun accidente e “As súas cartas”, en que se relata o suicidio dun home transtornado polo convencemento de que a súa amada esposa lle foi infiel con alguén con quen mantivo relación epistolar. Incluso “Un cigarro exipcio”, pese ao seu carácter humorístico, é moi significativo da mentalidade da autora, pois, narrado en primeira persoa como unha ficción autobiográfica, relata a reacción alucinóxena producida polo cigarro, que lle fai crer que é abandonada nun deserto polo seu amado, considerado como un deus. Tal ensoñación fai que guinde sen contemplacións os restantes cigarros. Amor-paixón e abuso masculino parécenlle estupideces que deben ser evitadas. Esta plasmación do matrimonio ou o amor como unha unión hipócrita ou o sometemento a unha vontade allea que non permite a liberdade ou a realización persoal foi analizada detidamente pola crítica feminista. Posiblemente o tratamento bastante anticonvencional e sincero do tema amoroso foi o culpable de que o editor que posuía o orixinal do libro non quixese publicalo, aínda que, sen dúbida, pesou na súa decisión o tratamento por parte da autora de temas novos como a vida picaresca e o enfrontamento entre panteísmo e cristianismo no conto que dá título ao libro. De feito, a idea de que a sabedoría se acada en contacto coa Natureza e non mediante os coñecementos rexistrados nos libros, a crenza de que a mensaxe de Xesús se entende mellor observando a vida que escoitando os sermóns de xente que non a entende, aparece tamén nas reflexións que introduce na obra, “Un tipo preguiceiro”e “A noite chegou paseniño”.


 

         O espertar é, hoxe en día, a súa obra máis apreciada, unha novela sobre unha muller adúltera, como Madame Bovary, La Regenta, Ana Karenina ou O primo Basílio. É considerablemente máis breve que estas –un tanto esquemática, en realidade.

         Edna Pontellier abandona a súa familia en busca da súa realización persoal, que envolve aspectos amorosos, sexuais e artísticos. Na sociedade en que vive –a clase media alta que reside en Nova Orleans e veranea en Grand Isle- atopa diversos modelos de muller: Adèle Ratignolle –a esposa ideal no seu medio ambiente-, Mademoiselle Reisz –a muller artista, independente e antipática para a maioría-, a señora Highcamp –que busca amantes procurando manter as aparencias-, unha dama de negro –que se refuxia nunha relixión acrítica- e Mariquita –moza hispana que parece vivir con certa liberdade, á marxe das convencións. Ningunha se acomoda ao seu anhelo máis profundo.

         Por desgraza, non atopa o que procura: sae da sumisión ao seu marido para caer no inicio do sometemento ao seu amante –Alcée Arobin-, mentres que o home que espertou a súa sensualidade –Robert Lebrun-, por amor ou por covardía, renuncia a ser o seu amante e provocar un escándalo.

         Vendo imposible a realización do seu desexo e temendo a repercusión que os seus actos poidan ter nos seus fillos, adopta unha decisión fatal. O mar que, dalgún xeito, a empurrou á vida, é o receptáculo do seu corpo.

         A autora subtitulou esta obra “Unha alma solitaria”, sinalando así tanto o carácter inadaptado de Edna como a falta de apoio dos homes dos que depende dalgún xeito e da mesma sociedade. A ruptura das normas fixadas por esta necesita unha forza de carácter da que Edna carece. Utilizando un símbolo da novela, é una ave cunha á ferida.

         A busca dunha realización persoal fóra do matrimonio, a liberación do sometemento que este parece esixir, xunto con outras ideas afíns, serviron de base a un intenso debate feminista.

 

         Un bo feixe dos seus relatos permaneceu inédito ou publicado só en revistas, como se dixo; entre eles, un dos máis famosos, “A tormenta”, no cal se conta unha relación adúltera sen sentimento de culpabilidade entre dous dos personaxes que apareceran en “Un baile acadiano”. A autora, a pesar do seu final sarcástico, parece xustificar a relación sexual como un dereito previo e superior a toda norma social, o cal pode relacionarse con O espertar.

         Trátase de contos que abarcan un amplo período de creación, nos cales, a pesar de advertirse unha evidente evolución ideolóxica, tamén se percibe en ocasións, e dende o principio, unha actitude bastante anticonvencional. Aínda que nas súas obras pode advertirse influencia de Harriet Beecher Stowe, autora de A cabana do tío Tom, e de Louisa May Alcott, a creadora de Mulleriñas, a súa admiración empurrábaa a seguir o exemplo de Flaubert, Zola e, sobre todo, Maupassant, en quen vía unha busca da orixinalidade, así como unha imaxe fiel e sen prexuízos da existencia.

         Atópase gran variedade técnica e temática:

a) exemplos de reflexión (“Unha reflexión” ou “Emancipación: unha fábula sobre a vida”) nos que trata sobre o carácter das persoas enérxicas que semellan carecer de sentimento de culpa ou sobre os cambios que se producen na vida humana, coa imposibilidade de regresar á infancia, representada como unha gaiola;

b) unha comedia nun só acto (“Unha situación embarazosa”), que garda certa similitude coas pezas humorísticas de Chekhov ou Wilde;

c) un inxenuo relato histórico romántico (“A doncela de Saint-Phillippe”), cuxa protagonista, ante a invasión inglesa da bisbarra de San Luís a mediados do século XVIII, decide conservar a súa independencia uníndose aos cheroquis;

d) un conto humorístico de sentido amoroso cun xogo metaliterario en que se burla da literatura romántica (“O erro da señorita Witherwell”);

e) idilios truncados (“Un asunto vergoñento” ou “O heraldo”);

f) contos infantís, dos que se calcula que escribiu máis de vinte e cinco, baseados en anécdotas (“Croque-Mitaine”, “Unha rapariga do campo”, “Historia dun cabalo”);

f) a crónica dunha viaxe con aspectos costumistas (“Un día de decembro en Dixie”);

g) narracións con trazos naturalistas e melodramáticos (“A razón da señora Mobry”);

h) mesmo historias con truco, en que a autora induce ao lector a esperar un desenlace para ofrecerlle ao final algo inagardado (“O gardapelo”).

         Como noutras obras de Chopin, a temática amorosa é a máis abundante, alternando a visión tradicional coa anticonvencional dende o primeiro momento, xa que en “Máis sabia que un deus”, un dos seus primeiros relatos, a protagonista sacrifica o seu amor a unha vocación musical. En “Un punto en discusión”, polo contrario, a autora parece burlarse de forma moi ambigua das parellas que desexan manter a súa independencia.

         Historias de amor tradicionais, nas que incluso un home rico se namora dunha moza pobre e pretende convertela na súa dona, son “O erro da señora Witherwell”, “A intromisión da tía Limpy” ou “Os cortadores de leña”. “Un asunto de familia” ten unha historia de amor tradicional, pero é, máis ben, o relato dunha vinganza humorística. “Ti Frère” difere das anteriores pola posibilidade dun final tráxico. Máis orixinal, pese á súa semellanza con Mulleriñas, é “Charlie”, en que algunhas críticas creron ver –paréceme que sen motivo- un amor lésbico.

         Á parte están os asuntos amorosos que carecen dun final feliz, como “A razón da señora Mobry”, en que unha rapaza namorada se volve tola, como temía a súa nai, a causa dunha doenza mental hereditaria, ou “Un asunto vergoñento”, en que o puritanismo da protagonista afoga o que podería ser unha atracción lexítima, ou “O heraldo”, en que un namorado non aproveita a ocasión de declararse e dálle a oportunidade a outro de casar coa súa amada. O puritanismo tamén é esencial en “A señorita McEnders”, no cal a herdeira dunha familia rica provoca o despido dunha costureira que ten un fillo dunha relación extramatrimonial e, en vinganza, esta señora ábrelle os ollos sobre o seu pai e o seu prometido.

         Os máis famosos son, non obstante, “A tormenta”, que trata un caso de adulterio con certo cinismo e “Un par de medias de seda”, triste visión da vida da ama de casa habituada a sacrificarse polos seus fillos que, un bo día, decide gastar os cartos en caprichos que nunca se permitiu dende a voda e remata desexando non regresar á súa existencia cotiá. Están en relación con “Historia dunha hora”, “As súas cartas”, O espertar... Curiosamente, na colección tamén se atopa “A marcha de Liza”, en que unha muller soñadora, farta do seu matrimonio, decide fuxir do lar para regresar arrepentida pasado o tempo. De xeito simbólico, o conto remata co seu marido axeonllado ante ela para quitarlle “os zapatos mollados e esnaquizados”. E, con certa relación temática, “A mentira do doutor Chevalier” conta como este recoñece nunha prostituta, que se acaba de suicidar, á filla bonita e soñadora duns campesiños que o acolleron na súa casa anos atrás, polo que, desafiando as murmuracións, paga o enterro e lles envía unha piadosa carta de pésame.

         Entre os temas secundarios, destacan a segregación racial, levada a tal extremo que en “A pequena mulata libre”, esta se atopa marxinada tanto entre os de pel máis clara como entre os de pel máis escura, e a guerra, da que se ofrece unha visión sen heroísmo, en “O gardapelo”. Tense relacionado con O vermello emblema ao valor, de Stephen Crane, aínda que son bastante diferentes. Ambos eran contemporáneos e recibiron influencia do Naturalismo, moito máis forte no caso de Crane, como testemuña a súa noveliña Maggie.

 

         En conclusión, pódese dicir que Kate Chopin é unha autora autodidacta que creou unha obra relativamente breve en que se mesturan diversas tendencias literarias do século XIX. Procura ofrecer unha visión sincera e caleidoscópica da realidade, enfocando a vida desde diferentes puntos de vista. Hoxe en día, valóranse, con xustiza, sobre todo, aquelas narracións que se afastan dunha visión da vida convencional, como O espertar, “Historia dunha hora”, “A tormenta”, “O bebé de Desirée” ou “Un par de medias de seda”, en que a crítica ve algún dos textos iniciais da literatura feminista; pero non se deben esquecer as visións complementarias ou contraditorias que ofrece noutros textos igualmente meritorios. Na variedade dos seus enfoques reside, en gran medida, o seu mérito literario.

 

         Na nosa biblioteca non encontrades ningún libro da autora, aínda que si unha reseña de O espertar realizada para este blog por Xosé Manuel Ramos. De todos modos, na rede podedes atopar todas as súas obras en inglés e algunhas en castelán e incluso en galego –é moi meritoria a tradución de O espertar realizada por Ana María Valladares que aparece na páxina “bivir.com”.