01 abril 2021

AUTOR DO MES. ABRIL. STENDHAL


O AUTOR DO MES

ABRIL

 

STENDHAL

         Henri-Marie Beyle naceu en Grenoble en 1783 e morreu en París en 1842. De formación en gran medida autodidacta, estivo ligado durante a súa mocidade ao réxime napoleónico, dentro do cal foi militar e administrador, acompañando ao exército en Italia, Austria, Prusia e Rusia, onde foi testemuña do desastre. Intentou ser escritor profesional, mais, por necesidades económicas, tivo que exercer funcións diplomáticas durante moitos anos, sobre todo en Italia, que desexou converter no seu país de adopción. Aínda que mantivo relación con moitas mulleres, nunca chegou a casar nin deixou descendencia coñecida. As súas grandes afeccións foron as artes –en especial, a música, a literatura e a pintura-, as viaxes e a vida social. Pola súa extrema sensibilidade ante as obras artísticas deu nome ao “síndrome de Stendhal” e polo seu afán de gozar da vida en todos os aspectos creouse o termo “beylismo”.

 

        Publicou poucos libros, pero deixou moitos textos inéditos, que apareceron postumamente en distinto grao de elaboración. Como adoitaba crear sen axustarse a un esquema ríxido, abandonou a redacción de varias obras, das cales coñecemos o final previsto grazas a algunhas anotacións. Arredor dos vinte anos, nun período de desengano, realizou algún intento dramático que resultou frustrado, en especial, pola súa escasa habelencia á hora de versificar. Logo, durante o seu exilio voluntario en Italia tras a derrota de Napoleón, aproveitando obras doutros autores, escribiu ensaios referidos ás súas grandes afeccións como Histoire de la peinture en Italie (Historia da pintura en Italia) ou Lettres sur Haydn, Mozart et Métastase (Cartas sobre Haydn, Mozart e Metastasio). Neste período tamén intentou ocuparse da Guerra de Sucesión española ou da biografía do seu admirado xeneral corso, a quen, non obstante, lle reprochaba ter acabado coa república para instaurar unha monarquía hereditaria. A este tema volvería anos máis tarde.

 

        Beyle adoptou o pseudónimo, inspirándose nun topónimo prusiano –Stendal, sen hache-, a raíz da publicación do seu primeiro libro de viaxes, Rome, Naples et Florence (Roma, Nápoles e Florencia). A este engadiría, pasados os anos, talvez os seus maiores éxitos editoriais, Promenades dans Rome (Paseos por Roma), onde inclúe historias como a de Francesca Polo, e Mémoires d’un touriste (Memorias dun turista), baseado, en especial, nas súas xornadas por Francia adiante.

 

        A comezo dos anos vinte, segue publicando ensaios como Vie de Rossini (Vida de Rossini) ou Racine et Shakespeare (Racine e Shakespeare), onde claramente toma partido a favor do movemento romántico fronte ao clasicismo, e dá a coñecer a primeira obra autenticamente persoal, De l’amour (Do amor). Trátase dun libro un tanto heteroxéneo, no cal manifesta a súa teoría do amor –Ortega, acertadamente, sinala que máis ben se trata do namoramento e, con certa arbitrariedade, opina que é a teoría dun home que nunca se sentiu amado e, por tanto, cre que o amor, en realidade, non é máis que unha ilusión. Stendhal define o sentimento -“Amor é sentir pracer en ver, tocar, sentir con todos os sentidos e o máis cerca posible un obxecto amado e que nos ama”-; coida que o amante atribúe á persoa amada cualidades que esta non posúe; distingue catro tipos de amor –amor paixón, amor pracer, amor físico e amor vaidade- e sinala sete pasos que sempre se dan: fundamentalmente pártese da admiración, nace logo a esperanza, prodúcese a primeira cristalización ou namoramento e logo hai un momento de dúbida que xeralmente conduce a unha segunda cristalización ou namoramento definitivo. Para exemplificar esta teoría escribe Ernestine ou la naissance de l’amour (Ernestine ou o nacemento do amor), pero as súas grandes novelas son a mellor mostra da súa visión do tema. A pesar da orixinalidade do libro, non se debe esquecer que nesta materia tiña á súa disposición as simpáticas obras ovidianas, Ars amatoria (Arte de amar) e Remedia amoris (Remedio de amor).

 

        Sería en 1827 cando publicase de xeito anónimo a súa primeira novela, Armance (Armancia). Inspírase na obra doutro escritor, que á súa vez plaxiara á autora orixinal, porque nunca tivo facilidade para crear argumentos propios. É a historia dun amor que remata de modo tráxico a causa da impotencia do mozo, Octave de Malivert, quen se considera un monstro e se ve obrigado a casar coa súa amada platónica, Armance, para que a honra desta non padeza. Stendhal trata o asunto con tanto secretismo e “delicadeza”, que a situación dos protagonistas é confusa. Revela algunha das súas características fundamentais: o interese pola psicoloxía dos personaxes e a presentación dun ambiente social, o dos salóns da nobreza no París da Restauración borbónica.

 

        Tres anos máis tarde dá á luz unha das súas obras mestras, Le rouge et le noir (Vermello e negro). Trátase dunha desas novelas decimonónicas que talvez caian das túas mans cando as empezas a ler e, unha vez que te enganchan, poden cambiar incluso a túa maneira de ver o mundo. É a historia dun mozo de orixe humilde, Julien Sorel, dotado de virtudes excepcionais e obsesionado por ascender socialmente seguindo o exemplo do seu admirado Napoleón. Lamentablemente para el, na Francia da Restauración xa non era posible unha carreira tan fulgurante pois o poder do exército fora substituído polo da Igrexa e a nobreza, só ameazado polo ascenso da burguesía. Dividida en dúas partes, situadas basicamente en Verrières (Franco Condado) e París, a novela presenta aspectos psicolóxicos, sociais e políticos arredor da evolución sentimental do protagonista, que mantén dúas relacións amorosas, primeiro con Madame de Rênal e logo con Mathilde de La Mole, dúas mulleres de caracteres opostos profundamente atractivas. Oscilando entre a razón e o amor, a ambición e o desinterese, Julien, procurando vencer certa tendencia ao sentimentalismo, usa toda a súa forza de vontade para triunfar. O fracaso final non é para el, no fondo, unha derrota, pois viviu plenamente, coñeceu o amor auténtico e comprende por último a vaidade de todo. Curiosamente, a novela inspírase nun célebre caso criminal que Stendhal modifica a pracer.

 

        Poucos anos máis tarde comezou a súa novela máis extensa, que abandonou cando, en aparencia, lle faltaba pouco para rematala, Lucien Leuwen –que tamén recibiu os títulos de Le rouge et le blanc (Vermello e branco), Le Chasseur Vert (O Cazador Verde) e outros. O plan orixinal da obra constaba de catro partes, pero fusionou as dúas primeiras, que tratan da historia de amor entre o protagonista e Madame de Chasteller estando destinado como militar en Nancy; converteu a terceira en segunda, na cal se presenta a sociedade do reinado de Luís Filipe de Orleans, iniciada coa revolución de xullo de 1830, e reduciu a cuarta a un esquemático desenlace, no cal o protagonista, nomeado para un cargo diplomático tras a morte do seu pai, marcha de Francia. Lucien, menos ambicioso que Julien Sorel, pertence a unha familia da alta burguesía, que acadara o poder finalmente –o seu proxenitor, personaxe moi orixinal, é un representante da banca, considerada a aristocracia da burguesía. En Lucien Leuwen, como noutras obras, Stendhal critica a sociedade do seu tempo, sinalando o temor da aristocracia a unha nova revolución, a relación carente de ética entre a política e os negocios ou a utilización do exército para reprimir o movemento obreiro. Posiblemente isto foi un dos motivos de que el, como funcionario do Estado, non acabase a redacción da novela, a cal, desproporcionada como quedou, encerra moitos momentos brillantes.

 

        La Chartreuse de Parme (A Cartuxa de Parma) é a segunda das súas obras máis memorables. Escrita durante unhas semanas de inspiración, foi gabada por Balzac. O seu protagonista, Fabricio Del Dongo, é un nobre italiano de ideas liberais, admirador de Bonaparte, que participa na batalla de Waterloo sendo un adolescente. Máis tarde, vese implicado, sen querer, nas loitas políticas de diversos estados italianos, en especial, Parma -onde goza da protección da súa tía, a Sanseverina, e do amante e logo marido desta, o conde Mosca della Rovere-, e coñece a paixón amorosa, inspirada por Clelia Conti, de quen chega a ser amante cando ela está casada e el xa tomou os hábitos relixiosos. Como outras obras do autor, os protagonistas rematan dun xeito triste tras unha época de plenitude vital. O argumento da novela tamén carece de orixinalidade, pois baséase nun episodio da historia da familia Farnesio, da que descenden os reis de España a partir de Carlos III.

 

        Lamiel foi o seu derradeiro intento narrativo. Desta vez a protagonista é unha moza de orixe humilde acollida baixo a protección dunha dama da aristocracia. Seducida por un médico cínico e ambicioso, adopta unha actitude desenganada e escéptica ante a vida e a sociedade. Ansiosa de descubrir o amor, entrégase a varios amantes sen éxito. Só está preto de atopalo, tras casar co fillo da súa protectora, ao coñecer un bandido no que observa a actitude enérxica e rebelde que admira. Encontrará a súa morte ao vingarse da Xustiza que fixo executar ao seu amante queimando o edificio que a alberga. Mais isto xa forma parte do final previsto que nunca chegou a redactar. Así, pois, presenta de novo un personaxe rebelde que menospreza as convencións sociais; Lamiel emparéntase por este trazo con Mathilde de La Mole e outros personaxes femininos. Esta novela caracterízase, dentro da obra do autor, polo seu ton de farsa e revela paradoxicamente, unha vez máis, o seu feminismo.

 

        Anterior a ela é Vie de Henry Brulard (Vida de Henry Brulard), que se atopa a medio camiño entre a novela e a autobiografía. Aquí Stendhal lembra con detalle os primeiros anos da súa vida recargando as tintas á hora de sinalar simpatías e antipatías con tanta sinceridade  como, en ocasións, ánimo de escandalizar. Os amantes da crítica psicanalítica destacan o amor que o pequeno Henry sentía pola súa nai así como o odio que lle inspiraba o seu pai.

 

        É claramente autobiográfica outra obra inacabada, Souvenirs d’égotisme (Recordos de egotismo), na que Beyle lembra os seus anos parisienses comprendidos entre 1821 e 1830. Usando nomes reais ou ficticios, lembra anécdotas con humor irónico. O egotismo é o defecto de falar en exceso dun mesmo, ao cal el, conscientemente, se entregaba. Afectado polo triste final da súa relación con Matilde Viscontini, morta en 1825, anos despois do afastamento de ambos, revela episodios ás veces ridículos ou pouco honrosos da vida galante do seu tempo e critica a miúdo persoeiros da vida social e literaria parisiense.

 

        Textos antigos da historia de Italia servíronlle de inspiración para as coñecidas como Chroniques italiennes (Crónicas italianas) e outras narracións breves. As máis célebres son as situadas no século XVI: “L’Abbesse de Castro“ (“A abadesa de Castro”), “Vittoria Accoramboni”, “La Duchesse de Pagliano” (“A duquesa de Pagliano”) e “ Les Cenci” (“Os Cenci”). Nelas, o autor preséntase, á maneira cervantina, como un mero editor, aínda que resultan evidentes as súas manipulacións narrativas. Stendhal admiraba os trazos enérxicos que posuía a existencia naqueles tempos en que os papas, pertencentes a poderosas familias que dependían do apoio dos reinos máis influentes da época, gozaban dun amplo dominio territorial. Trátase de historias onde abundan amores, adulterios, asasinatos ou mortes enigmáticas, loitas entre bandos, batallas, vinganzas, sacrilexios, execucións...

        En “A abadesa de Castro” relátase o amor infausto dunha parella cuxos membros pertencen a familias rivais; en “Vittoria Accoramboni”, o destino tráxico dunha muller fermosa; en “A duquesa de Pagliano”, un asunto de adulterio e honra familiar co fondo da corrupción nos dominios papais; en “Os Cenci” –historia tamén abordada por Alexandre Dumas pai ou Percy B. Shelley-, un caso de incesto e asasinato en que aparece un tenorio amoral e perverso, o cal lle serve a Stendhal para reflexionar por primeira vez sobre o mito de Don Xoán creado por Tirso de Molina.

 

        Antes destas narracións, o autor publicara “Vanina Vanini”, situada tamén en Italia, mais no século XIX, no contexto das loitas políticas entre carbonarios e absolutistas. Vanina é unha moza enérxica, carente de escrúpulos, que non admite que lle poñan límites ao seu amor.

        Tamén presentan ambientación italiana dúas narracións inacabadas, “Trop de faveur tue” (“Favores que matan”) e “Suora Scolastica” (“Sor Escolástica”), as cales ofrecen unha visión da vida nos conventos onde ingresaban, sen vocación relixiosa, as xoves da nobreza. Aínda que nalgún intre fan lembrar Il Deccamerone (O Decamerón), atopamos nelas os habituais amores infelices, crimes, suicidios e execucións.

         Cabe lembrar, así mesmo, un par de relatos con personaxes españois –talvez por influencia do seu amigo Mérimée-: “Le coffre et le revenant” (“A arca e o aparecido”) e “Le philtre” (“O filtro amoroso”). O primeiro sitúase en Granada, onde un dirixente absolutista abusa do seu poder para conseguir a muller que desexa e finalmente para vingarse. O segundo aborda un asunto de adulterio e sedución entre unha muller irreflexiva e un conquistador vulgar.

        Por último, “Mina de Vanghel” xira arredor doutra moza enérxica que desexa experimentar o amor, persegue a un home casado e, ao ser abandonada por este, adopta unha solución límite.

 

        Atopámonos, pois, ante un escritor liberal, bonapartista, incluso republicano, que, non obstante, se sentiu atraído pola aristocracia e a alta burguesía, ás que satirizou. Non aforrou críticas aos países máis avanzados e burgueses, como Francia ou o Reino Unido, mentres gababa países pobres e pintorescos como Italia e España. Mesturou nas súas narracións trazos románticos e realistas –sendo así un dos iniciadores deste movemento-. Adoitaba escribir sen adaptarse a un esquema elaborado, o cal talvez foi a causa principal de que deixase tantas obras inacabadas. Para evitar ese problema, inspirouse en historias antigas ou contemporáneas ás que aportou a súa peculiar maneira de interpretar a vida, as relacións sociais e a psicoloxía dos personaxes. Recorreu normalmente á narración omnisciente polo seu gusto de xulgar e opinar. Escolleu a miúdo protagonistas que eran unha proxección idealizada de si mesmo, enfrontados ás convencións morais e relixiosas da súa época. Utilizou unha linguaxe pouco elocuente -declarou que buscaba a precisión e a concisión do Código Civil-, rexeitou as descricións demoradas –trazos contrarios ao estilo predominante na súa época, que, en xeral, non o comprendeu. Só décadas despois autores como Zola, Taine, Bourget, Gide ou Nietzsche recoñeceron o seu maxisterio.

         Na nosa biblioteca e na rede podedes atopar edicións das súas obras fundamentais, incluso en lingua galega.