22 xuño 2021

ACTIVIDADES ANUAIS DO CLUB DE LECTURA "A ESMORGA"

 

Ilustradora: Lorena Spurio

Déixovos o enlace ao BLOG DO CLUB DE LECTURA "A ESMORGA" para que miredes cantas cousas se fixeron este ano e cantas obras se leron, se traballaron, se viviron... grazas ao inxente traballo do equipo do club de lectura, coordinado pola profesora Lorena, de Galego, e sempre coa colaboración da @biblioxun! 

http://aesmorgaxunqueira1.blogspot.com/

"Biblioactividades" nas clases de francés!!

Ilustradora: Claire Fletcher

 

A profesora Carlota, de Francés, parte integrante do grupo de biblioteca, veu de realizar durante todo este ano as seguintes actividades:

  • 1º ESO: Creación colectiva, dentro da temática da mitoloxía dun "lutin/ lutine" (trasno, elfo) entre a primeira e a segunda avaliación. Na terceira avaliación, creación do seu propio trasno. O mellor recibe un premio.
  • 2º ESO: Bookface: o alumnado foi un día a biblioteca e escolleu un libro pola súa portada. A tarefa consiste en mimetizarse coa portada, facer unha descripción e gravarse. Os mellores reciben un premio.

 




  •  3º ESO: Co lema "chaque jour c´est 8 mars" o alumnado creou lemas e frases que foron gravadas para logo ser escoitadas, a través de códigos QR, polos corredores do centro.

14 xuño 2021

LAND ART nos xardíns do noso centro!!

Alumnado de 1º de Bacharelato de Artes fixo esta última intervención artística, esta vez nos xardíns do noso centro, e por suposto dentro da temática eixo da biblioteca, xa sabedes: "O mundo máxico, mítico, irreal, utopías e distopías". 

Mirade que cousa máis bonita fixeron  aproveitando o bo tempo destes días previos ás vacacións!!!

A profesora Blanca foi a encargada de dirixir esta actividade de land art.









01 xuño 2021

AUTOR DO MES. XUÑO. HERBERT GEORGE WELLS


 

HERBERT GEORGE WELLS

(Bromley, 1866- Londres, 1946)


 

         Pertencente a unha familia da clase media empobrecida, foi un autor que sempre amosou preocupacións sociolóxicas e políticas. Exerceu como profesor, xornalista e escritor. Casou con Isabel Mary Wells e Amy Catherine Robbins e mantivo relacións amorosas con escritoras como Rebecca West ou Amber Reeves. Tivo catro fillos. Foi nominado varias veces para o Premio Nobel e presidiu o PEN Club Internacional. As súas ideas socialistas aproximárono á Sociedade Fabiana, á que tamén pertenceron George Bernard Shaw ou Bertrand Russell, pero a independencia do seu pensamento conduciuno a apartarse dela.

 

         É autor dunha obra inmensa, consistente en máis de cen libros, algúns dos cales son realmente extensos. Intentando facer unha clasificación, podemos falar de novelas de distintos subxéneros, coleccións de narracións breves, ensaios históricos ou sociolóxicos, seleccións de artigos xornalísticos...

Wells foi un apaixonado da ciencia e un convencido socialista. Procedente da clase media arruinada, en contacto durante anos co estrato máis baixo da sociedade, foi testemuña da terrible inxustiza social da aparentemente próspera Inglaterra victoriana. Non foi marxista, pero sentiu que era necesario un cambio. En múltiples obras proclamou que, se este non se producía, a humanidade estaba abocada ao desastre. Defendeu o internacionalismo e o pacifismo, aínda que, en ocasións, foi incoherente coas súas ideas. Interesouse polo sufraxismo e o feminismo, que defendeu de forma que hoxe nos pode parecer un tanto morna. Estivo dotado de humor, gran fantasía e capacidade de improvisación. Non é estraño que escribise tantas obras, redactadas ás veces con certo despreocupado descoido. Utilizou unha técnica tradicional para tratar temas novos, se ben algunhas veces ensaiou a mestura de xéneros, o protagonismo colectivo, a historia encadrada que presenta un narrador ambiguo e outros procedementos innovadores.

 

         As obras que lle proporcionaron maior popularidade foron as novelas de ciencia-ficción escritas na súa primeira época, a finais do século XIX e principios do XX: A máquina do tempo, A illa do doutor Moreau, O home invisible, A guerra dos mundos, Os primeiros homes na Lúa...

 

         A máquina do tempo é, ante todo, unha novela de aventuras que contén unha intranscendente historia de amor e unha profecía do futuro. O autor envía ao protagonista a un ano inalcanzable, 802701. Para ese tempo, a humanidade estará dividida en dúas subespecies: os morlocks, descendentes da clase obreira, que viven baixo terra e son caníbales, e os eloi, descendentes da clase ociosa, que viven sobre a terra, nun lugar idílico, pero cheo das ruínas da civilización perdida, e que serven de alimento aos morlocks. O darwinismo de Wells resulta evidente: as dúas especies adáptanse ao medio e as circunstancias en que viven. A pesar do seu interese innegable polas ciencias, resulta moito máis fantasioso que científico; de aí que non se moleste en explicar como funciona a máquina que pode levar ao protagonista a tempos tan diversos que pode ver como se degrada a Terra e o Sistema Solar ao cabo de moitos séculos e pode perderse sen deixar rastro ao desprazarse ao pasado. Tras ler esta obra, é imposible non lembrar tantos libros e producións cinematográficas que, como O planeta dos simios, presentan un mundo distópico, xeralmente producido por desastres bélicos ou ecolóxicos que conducen a un retroceso da civilización. Tense comentado que Wells desexaba suxerir a responsabilidade que temos ante a historia: todos debemos contribuír a crear un mundo máis xusto e harmonioso e a evitar os desastres que ameazan a humanidade.

 

         Cando o durminte esperta, reformado co título O durminte esperta, preséntanos ao protagonista no ano 2100 nun mundo distópico, controlado por uns poucos, onde a división crecente entre Capital e Traballo conduce á loita entre o pobo e os detentadores do poder.

 

         A illa do doutor Moreau segue o ronsel de Frankenstein ou o moderno Prometeo, de Mary Shelley, pois atopamos un científico que desexa rivalizar con Deus creando un novo tipo de home. O doutor Moreau e o seu axudante Montgomery crean, mediante a vivisección, a partir doutros animais, seres case humanos aos cales lles impoñen unha dura disciplina mediante unha especie de relixión de mandamentos simples. A rebelión final acaba coa vida e a obra dos científicos irresponsables, e os seres modificados recuperan as tendencias innatas que lles intentaron anular. Como se pode entrever, trátase dun tema ético ou moral de gran actualidade: ata que punto poden os científicos experimentar con seres humanos e animais?

 

         O home invisible amosa maior coidado da forma que as novelas anteriores, como o revela o inicio in media res, a atención aos detalles realistas nunha situación inverosímil ou os cambios de perspectiva –ás veces un tanto incoherentes-. De novo atopamos un científico absorbido polas súas investigacións que, ao tempo que desenvolve a súa intelixencia, vai perdendo sensibilidade e empatía. Cae así no egoísmo e na sensación de que todo lle está permitido, ata cometer un asasinato e desexar acadar o poder mediante o terror. A persecución da que é obxecto, producida máis pola incomprensión que pola maldade dos seus semellantes, exacerba o seu resentimento. No momento final é difícil non sentir por el un ápice de compaixón.

 

         Os primeiros homes na Lúa é outra novela de aventuras en que se mesturan os coñecementos científicos coa fantasía, de xeito que esta predomina claramente. Ilustra sobre os perigos das invencións científicas e do imperialismo. Presenta dous protagonistas moi representativos: Cavor, científico imaxinativo, ansioso de saber e un tanto inconsciente, e Bedford, home práctico, ambicioso, de comportamento ocasionalmente irreflexivo e pillo. O primeiro inventa un novo material, a cavorita, que logra vencer a forza da gravidade; o segundo procura tirarlle o proveito. Viaxan á Lúa, onde descobren unha civilización creada por insectos xigantescos, os cales viven normalmente baixo a superficie e están especializados segundo a función que desempeñan dentro da sociedade. Os que gobernan posúen un cerebro hiperdesenvolvido. Axiña se decatan do perigo que supón a cobiza e a ansia de dominación de individuos como Bedford, quen consegue regresar á Terra. A obra encerra reflexións sociolóxicas e históricas.

 

         A guerra dos mundos é talvez a obra súa que máis influíu, sobre todo no mundo audiovisual. É célebre a adaptación radiofónica realizada por Orson Welles. O tema da invasión da Terra por uns extraterrestres tivo desde entón un profuso tratamento. Neste caso, os invasores non son humanoides, senón unha especie dotada dun gran cerebro e hábiles tentáculos. Abandonan Marte en busca de mellores condicións de vida, non son pacíficos, consideran aos seres humanos como estes ás especies das que se serven para sobrevivir. Carecen, en aparencia, de sentimentos, de modo que son presentados como monstros ata o final, en que, vítimas das bacterias e os virus terrestres, falecen.

         O autor procura reflexionar sobre temas moi diversos: a posibilidade de que un día a especie humana teña que procurar un lugar de subsistencia noutro planeta, como Venus; o imperialismo; a relación do ser humano cos animais que comparten con el a Terra; as diferentes actitudes humanas ante unha catástrofe; o papel da relixión; a posible chegada de especies vexetais invasoras; a utilización de máquinas e autómatas; os desastres da guerra; a falsa seguridade da sociedade do seu tempo –e do noso-.

 

         A guerra no aire presenta os horrores dun enfrontamento bélico, entendido como unha desgraza de toda a Humanidade. O mundo liberado céntrase no período posterior: a reconstrución. Wells insiste, por unha parte, na necesidade de liberar as nosas mentes de prexuízos e dogmatismos, e, por outra, na conveniencia de observar a vida de xeito imparcial a fin de descubrir os fallos da sociedade e buscar o mellor modo de corrixilos ou atenualos.

 

         O alimento dos deuses ofrece de novo unha situación improbable: o descubrimento dun alimento que permitiría medrar a todos os organismos vivos de xeito extraordinario. O que parece unha bendición convértese nun pesadelo, como noutras ocasións.

 

         A superabundancia de fantasía de Wells levouno a imaxinar a aparición dunha serea ou un anxo na sociedade do seu tempo en A dama do mar ou A visita marabillosa. Ante unha mente sen prexuízos, os defectos do seu mundo resultan máis evidentes.

 

         Outra serie de novelas, denominadas por Constantino Bértolo “novelas da vida”, de carácter realista, emparéntano coa tradición británica, representada especialmente por Dickens. Adoitan ter trazos autobiográficos e presentar de xeito humorístico personaxes saídos da clase media baixa que el tan ben coñecía. A primeira é As rodas da Fortuna, onde aparece Hoopdriver, un inexperto empregado de comercio que combate con ilusións a mediocridade da súa vida. Mellor feitura ten O amor e Mr. Lewisham, que presenta a evolución do protagonista, un mozo ambicioso que desexa realizar unha carreira científica, dende o momento en que coñece a Ethel Henderson. Reflicte as dificultades dun xove talentoso, pero pobre, na Inglaterra victoriana. A ilusión do amor e o instinto sexual interpóñense no seu camiño ata facelo abandonar os seus soños. Un personaxe secundario, dickensiano e picaresco, Chaffery, manifesta ideas orixinais que, pese á súa esaxeración, coinciden en boa medida coas profesadas polo autor.

 

         Kipps (subtitulada significativamente “A historia dunha alma simple”) e o protagonista de A historia de Mr. Polly  teñen aspectos comúns na súa orixe, pois ambos comezan, como o propio Wells, sendo empregados dun comercio. Kipps mantense sempre como unha alma simple, a pesar de coñecer altos e baixos na súa fortuna; por sorte para el, acerta á hora de elixir a súa esposa. Mr. Polly é máis complexo, un produto do seu medio ambiente, que o empurra a certa indiferencia moral, de modo que a súa existencia resulta máis informal e aventureira.

 

         Tono-Bungay céntrase nas experiencias de George Ponderevo e o seu tío Edward, quen coñece o éxito patentando o medicamento que lle dá título á novela. Pola presentación das vivencias de George pode considerarse unha novela de formación, mentres que a evolución do seu tío serve para facer unha crítica da sociedade inglesa dos inicios do século XX.

 

         Unha serie de novelas tratan sobre a cuestión feminina. Pódense destacar dúas, Ann Veronica e A esposa de Sir Isaac Harman. A primeira, subtitulada “Unha moderna historia de amor” –ou, de xeito irónico, “Unha historia de amor moderno”-, presenta unha moza de mentalidade aberta, Ann Veronica Stanley, que rompe os vínculos que a unen á súa familia para decidir o seu futuro por si mesma. Ante ela preséntanse tres posibilidades relacionadas co amor e o matrimonio: Mr. Manning, quen lle fai unha proposición matrimonial ao gusto dos seus pais; Mr. Ramage, que intenta seducila e incluso abusar dela tras propoñerlle que sexa a súa amante; e Mr. Capes, home casado, pero separado da súa muller, envolto nun caso de adulterio, que é o elixido. Tamén pode escoller o exemplo dunha sufraxista, Miss Miniver, cuxo feminismo está moi condicionado polos seus prexuízos sexuais. Na novela reflexiónase sobre o significado do amor e conceptos como a submisión ao home e a independencia económica. Aínda que a mensaxe na actualidade poida parecer bastante convencional e conservadora, a novela, ao parecer, causou no seu tempo certo escándalo polas ideas que defendía.

 

         A esposa de sir Isaac Harman tamén nos presenta unha moza inexperta e inxenua. Esta acepta casar cun home rico. O paso da pobreza á riqueza prodúcelle nos primeiros anos certa satisfacción, ata que o coñecemento doutro home lle fai desexar unha existencia distinta. Comprende entón a súa situación. O seu paso pola prisión tras participar nunha manifestación sufraxista é experimentado por ela como unha liberación, pero acaba regresando ás súas obrigas matrimoniais e ás convencións impostas pola sociedade, das que só se verá libre tras a morte do seu marido.

Tamén se ocupan deste tema Matrimonio e Amigos apaixonados. Na primeira, o marido sacrifica a súa vocación para satisfacer as necesidades dunha esposa que non atopa unha ocupación en que envorcar as súas enerxías; na segunda, o amor é estragado polas convencións e os prexuízos sociais. A muller, indecisa entre o amor sen benestar económico e o benestar económico sen amor, escolle isto último e métese nunha rúa sen saída.

Beresford, no seu estudo sobre Wells, opina que o autor sostén nestas obras un pensamento básico: as mulleres necesitan máis liberdade e deben dedicarse a algo máis ambicioso que a satisfacción persoal, o cal é válido para todo ser humano.

       

Outra obra, incluída por Constantino Bértolo dentro das denominadas “novelas ideolóxicas”, merece certa atención por enfocar outro aspecto da sociedade: O novo Maquiavelo, sátira feroz do mundo político.

 

         Wells foi, así mesmo, un bo escritor de relatos breves que van desde o misterioso ata o humorístico, pasando polo fantástico. Deixounos libros de contos como O bacilo roubado e outros incidentes, O caso Plattner e outros, Doce historias e un soño, Contos do espazo e do tempo, e narracións breves memorables como “Unha historia do mundo futuro”, “O país dos cegos”, “A porta no muro” ou, en menor medida, “Os piratas do mar”. Para el, escribir contos era “a agradable arte de facer algo moi brillante e conmovedor; pode ser horrible ou patético ou divertido ou fermoso ou profundamente iluminador, tendo só isto como esencial: que debe ocupar entre quince e vinte minutos de lectura en voz alta”.

 

         O bacilo roubado e outros incidentes presenta, ante todo, contos baseados en anécdotas, ás veces situadas en espazos exóticos, non en balde o Imperio Británico abarcaba daquela países de todos os continentes. Así, “A floración da estraña orquídea”, baseado na posibilidade de que unha planta se alimente do sangue humano; “No observatorio astronómico de Avu”, onde un astrónomo ten que loitar cun morcego xigantesco; “Pola fiestra”, que amosa un caso de “amok” ou loucura repentina e violenta en Malasia; “O home que voaba”, no cal, a pesar do seu antiimperialismo, Wells ofrece a visión duns heroicos soldados ingleses ameazados por uns nativos violentos e supersticiosos. Este, á maneira de Kipling, pode entenderse como un relato de aventuras, ao igual que “O tesouro no bosque”, onde a cobiza que conduce a uns europeos á busca dun tesouro remata traxicamente. Máis fortuna ten o protagonista de “A illa de Aepiornis”, que consegue devolver a vida a unha ave  desaparecida, aínda que sen proveito. Sorprendente é “O extraordinario caso dos ollos de Davidson”, no cal se ofrece unha versión do “burato de verme”, teoría que se aproveitou recentemente na película Interestelar, mediante a cal un individuo consegue vivir ao mesmo tempo en dous lugares situados nas antípodas. “O deus das dinamos” e “A bolboreta” son dous contos que inspiraron a Borges, recoñecido admirador do autor inglés. No primeiro, un indio supersticioso venera unha xigantesca dinamo, á cal sacrifica ao seu racista capataz; no segundo, dous entomólogos profésanse unha íntima rivalidade que continúa tras a morte dun deles. “O fabricante de diamantes” e “A tentación de Harringay” teñen máis interese pola técnica narrativa –a ambigüidade do narrador secundario- que polo contido. “O bacilo roubado” presenta unha posibilidade tremenda: que un tolo ou un malvado poida facerse cun bacilo capaz de  envelenar unha cidade.


 

         En O caso Plattner e outros,  destacan o conto que serve de título á obra, no cal un home regresa da outra vida cos seus órganos desprazados; “A historia do defunto doutor Elvesham”, que xoga coa posibilidade de que un individuo acade unha especie de eternidade apoderándose do corpo doutras persoas; “No abismo”, que presenta, no fondo do mar, unha civilización de humanoides que adora un batiscafo como se fose un deus; ou “O cono”, relato de terror e vinganza nun lugar infernal degradado pola industria, no cal é visible a influencia de Edgar Allan Poe.

 

         Doce historias e un soño encerra narracións moi variadas que nos fan lembrar obras doutros autores. “Mr. Skelmersdale no País das Fadas” lembra o clásico de Washington Irving “Rip Van Winkle”, ao presentar un soñador namorado dunha fada; “A pantasma inexperta”, co seu humor, A pantasma de Canterville, de Oscar Wilde; “O corpo roubado”, O curioso caso do doutor Jeckyll and Mr. Hyde, de Stevenson; “A tenda máxica”, en que a maxia parece ser real, as aventuras de Harry Potter imaxinadas por J. K. Rowling; “O corazón de Miss Winchelsea”, a loita entre o amor, os desexos de casar e os prexuízos que enche tantas páxinas de Henry James; “O soño de Armaggedon”, as relacións mediante o soño de persoas que viven en distintas épocas, como lemos en relatos de Cortázar ou Ferrín. Inclúe, así mesmo, relatos de aventuras que fan lembrar os de Conrad ou Stevenson no Índico ou o Pacífico, ou historias do oeste, como “Jimmy Googles, o deus” ou “O val das arañas”, e relatos humorísticos como “As vacacións de Mr. Ledbetter”, “A verdade sobre Pyecraft”, “O tesouro de Mr. Brisher” ou, con certa compaixón polo protagonista, “Filmer”. 

 

         En Contos do espazo e o tempo aparece “O ovo de cristal”, que inspirou a Borges “El aleph” e “El zahir”, a pesar das súas múltiples diferenzas. Neste caso, o ovo de cristal é unha especie de espía que permite a visión de dous mundos: Marte e a Terra. Inclúe, así mesmo, “A estrela”, no cal a entrada dun astro estraño no Sistema Solar produce alteracións catastróficas na Terra, o cal serve para demostrarlle ao home a súa pequenez e a relatividade das cousas. “O home que podía facer milagres”, como outras historias de Wells, inspírase, de xeito humorístico, nunha paradoxa científica para transmitir a idea da imprudencia do home cando está convencido de poder alterar as leis da natureza. 

 

O país dos cegos é unha narración orixinal, situada en Sudamérica. Pódese relacionar coa obra de Conan Doyle O mundo perdido, aínda que aquí se trata máis ben das montañas dos Andes que das ribeiras do Amazonas. Un home, Núñez, cae por un cavorco e vai parar ao país dos cegos, sobre o cal corren lendas. El cre que nese país pode ser o rei, pero axiña lle fan perder tal ilusión. Namórase e están a piques de quitarlle os ollos para que poida ser parecido a eles e casar coa rapaza. Os cegos crense superiores, toman a Núñez por un fantasioso e un inútil; teñen elaborada unha concepción do mundo que consideran a correcta e non aceptan o que el lles di. Acaba fuxindo, pero posiblemente morrerá naquelas montañas xeadas ao caer a noite. Pasa dunha actitude materialista a outra máis espiritual, quizais por descubrir o amor. Non quere perder os seus ollos, que en certo xeito representan a súa liberdade.

 

En A porta no muro, un individuo narra o que lle contou un amigo e antigo compañeiro de estudos que acadou un alto cargo na política inglesa. Este amigo ocupa coas súas palabras a maior parte da narración, case con “técnica telefónica”. Conta que, sendo neno, abriu unha porta verde situada nun muro branco e entrou nunha especie de paraíso, onde podía acariñar unhas panteras, xogar cuns nenos, ver unha dama fermosa e maternal e outra que lle ensinou un libro. Nese libro puido ver toda a súa vida anterior –tiña daquela uns cinco anos-. Cando regresa á súa vida anterior, ninguén cre o que conta. O seu pai enfádase porque pensa que mente. Máis tarde volve atopar a porta, pero sempre hai algún motivo para non entrar: ou ten que chegar cedo ao colexio para conservar a sona de alumno exemplar, ou asistir ao seu pai nos últimos intres, ou presentarse a un exame ou unha entrevista para entrar na universidade e acadar un posto importante. Cando é neno, cóntallo a un compañeiro, este divúlgao e el é obxecto das burlas e incluso os golpes doutro. Está disposto, cando xa acadou o cume da súa carreira, a non deixar pasar unha nova oportunidade. Tempo despois o narrador le no xornal a nova de que morreu ao pasar por unha porta que conducía ás obras do metro e caer nun pozo. O narrador lanza a posibilidade de que o que os demais vexan como unha traxedia ridícula fose para o seu amigo o acceso final ao mundo que esperaba reencontrar.

 

Unha historia dos tempos vindeiros presenta unha sociedade futura a propósito moi distante de nós –unha ironía do autor-. Relata unha historia de amor de final feliz tras momentos de penuria e tristeza. Dous mozos namóranse nunha sociedade dividida en tres clases, a cal vive en cidades estratificadas: no lugar máis elevado, a clase máis alta, que exerce o poder político e económico; nos lugares medios, as clases medias, formadas por xente de mediana fortuna, médicos, avogados...; nos lugares máis profundos e insáns, a clase baixa -os servos-, formada, en gran medida, por individuos que non teñen posibilidades de saír dela e se ven condenados a facer os traballos máis penosos case tan só polo necesario para a subsistencia. Entre eles, os nenos son entregados a institucións que os coidan –segundo parece, malamente-; as relixións compiten entre si para ofrecer os seus servizos como unha especie de negocio; existe a eutanasia para os enfermos terminais e aínda os médicos opinan que algúns individuos non deberían nacer.

       Os membros da parella casan en contra dos desexos do pai da moza, quen desexa que esta se una a un individuo maior e poderoso. Casan por amor, pero pouco a pouco gastan os cartos que teñen. Vense obrigados a traballar para comer e entregar a súa filla a unha institución, onde morre. El, Denton, ten que aprender a pelexar para poder moverse nun submundo violento. Finalmente, Bidon, o antigo pretendente da moza, enfermo de morte, quere deixar un recordo de xenerosidade e dóalles a súa fortuna. Así conseguen saír da miseria e volver á vida de antes, dentro do grupo dos privilexiados.

Os piratas do mar narra a aparición nas costas de Inglaterra dun estraño cefalópodo, o Haploteuthisferox, que parece afeccionado á carne humana. Relátase como produce algunhas mortes e logo desaparece. O narrador expón a teoría de que eses cefalópodos xigantescos, que devoran baleas ou cachalotes normalmente, talvez devoraron os corpos humanos dun naufraxio e se afeccionaron á carne humana, de modo que seguiron o ronsel dalgunha embarcación e chegaron ás costas de Europa. Logo marcharon e talvez regresen máis adiante, movidos pola fame. En todo caso, son presentados como hábiles, traballando en conxunción de esforzos para apoderarse das presas.

 

         Wells foi admirado como divulgador e ensaísta. Dentro do campo da historia, foron famosos e moi populares Breve historia do mundo e Resumo de historia universal.

 

         A medio camiño entre o ensaio e a ficción atópase Unha Utopía moderna, onde expón as súas ideas sobre a sociedade ideal. Tras reflexionar sobre as sociedades utópicas defendidas por outros autores, imaxina un planeta idéntico ao noso situado en distinta galaxia. Alí, os samurais, membros dunha minoría intelectual –non personaxes como Napoleón ou Rockefeller, que representan a ambición insolidaria- dirixen unha sociedade ordenada e xusta, na que se combinan aspectos do capitalismo e o socialismo, na que os cidadáns teñen claros os seus dereitos e obrigas, entre os cales se atopa o traballo. As persoas vense libres das tarefas penosas, encomendadas ás máquinas, e aspiran a unha vida satisfactoria de acordo coas súas inclinacións. Con todo, as ideas darwinianas e maltusianas que aparecen noutras obras do autor reaparecen aquí para defender, por exemplo, a euxenesia. Aparecen, así mesmo, os prexuízos da súa época arredor do papel da muller e das razas distintas da branca, de modo que, como era de esperar, empobrecen a súa visión do futuro.   

 

         O interese de Wells polo socialismo e os sucesos históricos do seu tempo levouno a visitar por dúas veces Rusia, onde se entrevistou con Lenin e Stalin. A pesar do seu antimarxismo, sentiu polo primeiro certa admiración que rematou en desencanto. Peor foi a impresión que lle causou o seu sucesor. Wells era consciente de que o capitalismo necesitaba un cambio radical, pero o seu concepto da liberdade distanciouno do réxime soviético.

 

         Tras o desastre das dúas guerras mundiais, Wells criticou acerbamente ás minorías que dirixían todos os países e defendeu con paixón a creación dun Estado universal, baseado nos dereitos do home, contrario aos nacionalismos belixerantes, que debía comezar polo respecto a unha organización supraestatal como a Sociedade das Nacións. Presentou unha e outra vez as súas ideas sobre o que debía ser a nova orde mundial, mais non chegou a ver a creación da Organización das Nacións Unidas, que respondería, en parte, aos seus ideais.

 

         Unha mostra das súas múltiples inquietudes é a redacción de obras dedicadas aos nenos. Curiosamente, a pesar do seu pacifismo, imaxinou xogos baseados na guerra, como Pequenas guerras, unha proba de que as persoas máis intelixentes poden caer nas incongruencias máis flagrantes. Isto non é un obstáculo insalvable para que admiremos os numerosos aspectos da súa obra que son dignos de memoria.

 

         Na nosa biblioteca pódense atopar edicións das súas obras máis populares, ás veces acompañadas dun interesante estudo. Na internet, son accesibles moitas máis; en especial no Project Gutenberg, que inclúe o estudo de Beresford, un dos primeiros realizados sobre a inmensa obra do noso autor.