Se queres buscar unha obra nesta biblioteca, se prefires a lectura dixital, se aceptas unha "bibliosuxestión" lectora ou che apetece ver as fotos das actividades e concursos que se fan aquí... BUSCA NO MENÚ DA ESQUERDA. A Biblioxún pertence á rede de Bibliotecas Escolares de Galicia desde o curso 2018-19. TEMA EIXO deste curso 2024-25: "UN MUNDO DE ÁRBORES"
20 decembro 2021
SCAPE ROOM DE HARRY POTTER E PARTIDO DE QUIDDITCH!!
15 decembro 2021
Conferencia da Fundación Universitaria de A Coruña (FUAC)
Hoxe, na Biblioxún, houbo unha conferencia da Fundación Universitaria de A Coruña (FUAC) sobre contratos laborais, para titulados en prácticas de FP.
¡Por videoconferencia!
¡Moi práctico e interesante!
06 decembro 2021
NADAL NA BIBLIOXÚN!
Os días previos a Nadal fixéronse na Biblioxún un mundo de cousas!
- Tróuxose ao Apalpador con moitas bibliosuxestións lectoras:
- A rapazada da ESO, na asignatura de Plástica, axudou a decorar o espazo da biblioteca principal e o Parnasillo con árbores de Nadal:
- Alumnado da ESO, nas asignaturas de Física e Química e Inglés, fixo un Calendario de Advento que se expuxo no Parnasillo:
- Tamén se expuxo no Parnasillo, esta vez por parte do alumnado de Artes de 2º de Bacharelato, un conxunto de collages coa temática do 25 N, o Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller, que é algo que debemos lembrar durante todo o ano:
03 decembro 2021
CONTO DO MES. DECEMBRO. ALPHONSE DAUDET: "Las tres misas rezadas"
ALPHONSE DAUDET: "Las tres misas rezadas" |
https://drive.google.com/file/d/1mWaBPNBW-PZs7OwD1-8zTeCrwquEUuWc/view?usp=sharing
02 decembro 2021
AUTORA DO MES. DECEMBRO. KATE CHOPIN
A AUTORA DO MES
KATE CHOPIN
Chopin
foi autora de tres novelas –At Fault (A
culpa), The Awakening (O espertar)
e Young Dr. Gosse and Théo (O xove
doutor Gosse e Théo)-, a última das cales, ao parecer, destruíu tras non
atopar editor, e tres coleccións de relatos –Bayou Folk (Xente do bayou), A
Night in Acadie (Unha noite en
Acadie) e A Vocation and a Voice
(Unha vocación e unha voz)-, das que a última non se publicou como libro
mentres ela viviu. Ademais escribiu numerosos contos que se publicaron só en
revistas como Vogue e Atlantic Monthly, ou quedaron inéditos.
A culpa é unha historia de amor entre unha viúva católica de principios moi estritos, Thérèse Lafirme e un divorciado procedente de San Luís, David Hosmer, os cales, en certo modo, representan o mellor do Sur e do Norte estadounidenses. Thérèse obriga a David a volver coa súa muller, de vida informal e adicta ao alcohol. Só cando esta morre acepta casar con el.
Pode
considerarse unha novela de tese, que ofrece unha visión positiva do divorcio
en determinados casos e unha crítica da estreiteza moral da sociedade nalgúns
aspectos. Aparecen diversos tipos de muller relacionados co matrimonio,
quedando malparadas as mulleres excesivamente coquetas, infieis ou vítimas
dalgún vicio como o alcohol. Ambientada en Luisiana e San Luís, presenta os
dous mundos de maneira oposta. En Luisiana aínda son patentes os lembranzas
penosas da Guerra Civil –é un Estado en reconstrución- e a súa historia, coa
violencia exercida sobre a poboación afroamericana. Un dos momentos climáticos da obra é, precisamente, o asasinato dun mozo inadaptado de sangue indio e afroamericano polos disparos dun crioulo cando lle prendía lume ao aserradeiro de Hosmer.
Trátase
dunha narración que mestura trazos de diferentes estilos ou tendencias
literarias. Hai idealismo na caracterización da parella protagonista e
costumismo –rexionalismo ou cor local, como prefire dicir a crítica
estadounidense- na recreación da mentalidade e o modo de vida dos habitantes de
Natchitoches; mais é, ante todo, unha novela realista con aspectos
melodramáticos e naturalistas.
No
aspecto estilístico, chaman a atención os diálogos que intentan reproducir o
dialecto autóctono, e as descricións da paisaxe, nas que a autora introduce
notas líricas e simbólicas.
Os
contos de Xente do bayou presentan
semellanzas coa novela anterior –incluso presentan de novo algúns dos
personaxes. Están situados xeralmente no bayou -o terreo baixo e a miúdo pantanoso
formado polos meandros do río Misisipi e os seus afluentes- a finais do século
XIX. Mestúranse crioulos, acadianos e descendentes de escravos. A
discriminación racial e a lembranza da Guerra Civil conservan moita
importancia. Como é característico da autora, reflexiónase sobre o matrimonio e
o rol da muller na sociedade.
Obsérvanse
as mesmas tendencias literarias mencionadas máis arriba. Predominan as
narracións en terceira persoa, de forma omnisciente, cun final aberto, aínda
que de xeito ocasional aparecen relatos en primeira persoa que teñen un
carácter máis ben lírico ou reflexivo.
O
tema da guerra aparece, por exemplo, en “Alén do bayou”, onde unha
muller queda traumatizada por feitos dos que foi testemuña; “O regreso de Alcibiade”,
no cal una vello aínda agarda o regreso do seu fillo morto; “Un meigo de
Gettysburg”, en que un ferido na terrible batalla, que só é capaz de lembrar
algún detalle da súa vida anterior, aparece na súa facenda en decadencia,
moitos anos despois, para desenterrar o tesouro que agochara; “Unha dama do
bayou Saint John”, onde unha recén casada a piques de cometer adulterio
renuncia ao amor para serlle fiel o resto da súa vida á lembranza do seu marido,
que acaba de morrer en combate; ou “Madame Pelagie”, que nos presenta a ruína
das familias terratenentes e unha muller de carácter, leal ao pasado, a cal
desexa recuperar, a base de sacrificios, o antigo esplendor. (Trátase dunha das múltiples similitudes existentes entre a obra de Chopin e a célebre novela de Margaret Mitchell, Gone with the Wind.)
O
racismo e a escravitude son outro tema fundamental, aínda que a autora tenta
presentar a sociedade sureña de maneira harmónica, sen apenas enfrontamentos.
“A vella tía Peggy” ou “O escravo dos Bénitou” ofrecen case unha visión
patriarcal, en que os vellos escravos, xa libres, son coidados e tratados con
agarimo pola poboación branca; incluso amosan o desexo de servir aos seus
antigos amos dunhas persoas que non conseguen adaptarse á nova sociedade. “En
busca dos pavos” amosa dous modelos de muller afroamericana que tamén aparecen
en Gone with the Wind: a rapaza vaga, torpe, de carácter estraño ou infantil, por
un lado, e, por outro, a muller traballadora, que acepta a dominación do home
branco e incluso colabora con el, sen reprimir en ocasións o seu mal humor, que
pode dirixir contra os seus propios señores. Este servilismo, mesturado a miúdo
de afecto persoal, pode conducir a unha parte da poboación afroamericana a
sentirse orgullosa de pertencer á sociedade sureña e menosprezar aos
“americanos” e, incluso, a sacrificar a súa vida polos seus antigos señores,
como sucede en “Por Marse Chouchoutte”.
Mais
Chopin non oculta a horrible crueldade da escravitude, en historias como “A belle Zoraïde” ou “O bebé de Desirée”,
situadas antes da Guerra de Secesión. Na segunda, unha obra mestra, resalta os
perniciosos efectos dos prexuízos raciais. Lembra ocasionalmente que tamén
houbo afroamericanos que se revoltaron contra os seus amos, en “Madame
Pélagie”, e que, tras a guerra, houbo propietarios arruinados que se negaron a
vender as súas terras aos antigos escravos (“O regreso de Alcibiade”).
Incluso, excepcionalmente, amosa a
discriminación sufrida polos nativos americanos. Isto vese en “Loka”, unha
india choktaw, que vence os seus desexos de buscar a liberdade por amor ao neno
branco que coida. A autora revela como, desposuídos de todo, os indios se ven condenados
a pasar fame, enganar e roubar, cando non son vítimas do alcoholismo.
Con
todo, os temas máis habituais son o amor e o matrimonio. Atopamos amores
truncados pola guerra (“Madame Pélagie”, “Unha dama do bayou Saint John”), o
capricho duns amos despóticos (“A belle
Zoraïde”), as diferenzas sociais (“Un baile acadiano”) ou a aparición dun
terceiro máis atractivo (“Unha visita a Avoyelles”); a historia de amor, da que
ofrece a autora varias versións ao longo do tempo, en que un mozo relativamente
rico rescata a unha rapariga pobre (“Amor no Bon-Dieu”); e a situación das
mulleres casadas que son vítimas dos seus maridos (“O bebé de Desirée”, “O
divorcio de Madame Célestine” e, incluso, “Unha visita a Avoyelles”). É neste
tipo de relatos onde se nota mellor a evolución ideolóxica da autora ao longo
da súa obra, como veremos.
Cabe
lembrar, por último, que varios contos presentan un personaxe infantil ou un
tanto extravagante, normalmente tratado con humor. Trátase de semblanzas
centradas nunha anécdota simpática, como se pode ver, por exemplo, en “Boulôt e
Boulotte” ou “Un cabaleiro do bayou Têche”.
Os
contos de Unha noite en Acadie están
unidos, como os anteriores, por compartir espazo, época, temática, estética e
incluso personaxes. Relatos en terceira persoa, con finais abertos, anécdotas
humorísticas ou sentimentais, realismo costumista con algún trazo naturalista
(a influencia do medio ambiente ou a herdanza, a degradación familiar), estampas
líricas ou simbólicas en que se procura reflectir o contraste entre a vellez e
a xuventude, a vida e a morte (“Figos maduros”). A pesar dos detalles racistas,
os prexuízos excluíntes e o menosprezo do humilde, a sociedade presentada
resulta case idílica dentro da súa pobreza. De aí os relatos de carácter
humorístico como “Unha cuestión de prexuízos” ou “Unha dama de Dresde en
Dixie”.
As
alusións á guerra case desaparecen, aínda que en “Despois do inverno” amosa os
transtornos individuais e familiares que provoca. Tamén diminúe a presenza do
tema das relacións interraciais, que son vistas de xeito positivo e amable.
Así, en “Unha dama de Dresde en Dixie” amosa o afecto entre unha pobre rapaza
acadiana e un vello afroamericano, así como a relixiosidade supersticiosa e a fantasía
da poboación negra; en “Odalie perde a misa”, unha mociña crioula acompaña nos
últimos intres a unha antiga escrava, que a confunde coa súa protectora do
pasado; en “As vacacións de Ozème”, un crioulo orixinal axuda
desinteresadamente a unha familia afroamericana en apuros, e, por último, en
“Tante Cat’rinette” sucede ao revés, de modo que unha vella terca e
supersticiosa, escrava no pasado, serve de anxo da garda aos descendentes do
seu antigo amo.
Por
contra, os asuntos relativos ao amor e o matrimonio son máis abundantes,
aproximándose a autora levemente á postura pola que será máis coñecida. En
“Pesar” aparece a vella solteirona que, tras coidar dos fillos dunha veciña
durante unha tempada, lamenta ter renunciado á posibilidade de telos; en “Unha
cuestión de prexuízos”, trata das dificultades do matrimonio entre crioulos e
“americanas” –mulleres dos estados septentrionais-; en “As lilas”, sobre o
futuro matrimonio dun propietario e unha pobre viúva unidos pola filla desta;
en “Unha noite en Acadie”, sobre a intervención dun home para evitar que unha
moza imprudente, da que se namorou a primeira vista, cometa a loucura de casar
cun home inadecuado; en “Mamouche”, precisamente fala da consecuencia dun
matrimonio equivocado –e do amor non correspondido. Son outros, non obstante,
os relatos máis representativos. Así, “Athenaïse” céntrase nunha moza casada,
insegura dos seus sentimentos, que abandona o lar familiar. A diferenza de Edna
Pontellier, a protagonista de O espertar,
regresa cando se sente embarazada do seu paciente marido, a quen, en realidade,
ama. “Unha muller respectable” anuncia a intención dunha señora de ser infiel
ao seu consorte. “Despois do inverno” alude á fuxida do seu fogar dunha muller a
quen lle morren os fillos mentres o seu marido combate no exército confederado;
“En Chenière Caminada” trata da paixón enfermiza dun mariñeiro por unha moza de
clase social superior, o cal curiosamente sente alivio tras coñecer a morte da
amada, agardando declararlle os seus sentimentos na vida tras a morte en que
confía; “Unha alma sentimental”, en fin, amosa o amor dunha señora beata por un
señor casado a quen a súa esposa non parece querer.
Ambientados
en ocasións en Nova Orleans, presentan personaxes curiosos como algúns dos
aludidos ou Caline, Crioulo Nég e Cavanelle, que dan título a senllos relatos.
A primeira é unha moza acadiana atraída á cidade polo amor que espertou nela un
mozo; o segundo, un individuo enigmático das clases baixas; o terceiro, un home
agradable que sente a necesidade de sacrificarse por alguén. Non faltan os
personaxes extravagantes que gardan certas semellanzas cos de Carson McCullers:
Polydore, Azélie, Mademoiselle Aurélie...
Os
contos de Unha vocación e unha voz
sitúanse maioritariamente fóra de Luisiana, polo que carecen da cor local dos
relatos anteriores. Tamén é máis notoria neles a influencia dos naturalistas
franceses, como Zola e Maupassant, a quen admirou e traduciu, que se revela,
sobre todo, no efecto do medio ambiente e a educación na determinación do
carácter das persoas (“Dous retratos”) ou na degradación moral dalgúns
personaxes (“A madriña” e “Lilas”, que fan lembrar Thérèse Raquin ou Nana,
sen a crueldade destas).
Atopamos
relatos de tese (“Unha vocación e unha voz”), reflexións (“Un tipo ocioso”, “A
noite chegou paseniño”), contos simbólicos (“A aguia branca”); a utilización da
técnica epistolar (“Unha cuestión mental”), o encadre (“Un cigarro exipcio”), a
intervención dun editor e incluso o recurso de enganar ao lector ocultándolle
información esencial (“O cego”).
De
novo, o amor e o matrimonio son os temas fundamentais.
“Suzette”
presenta unha rapariga coqueta que non parece sentir o posible suicidio dun
mozo namorado dela, pero chora porque o home que lle gusta non lle presta
atención. Procúrase amosar dalgún xeito a fatalidade e irracionalidade do amor.
Varios
relatos ofrecen distintos exemplos das clásicas solteironas, vistas con afecto ou compaixón. “A única historia
de Elizabeth Stock” baséase no acto xeneroso e mal pagado que realiza unha
empregada de correos que non desexa comprometerse cun pretendente fiel; “O
namoramento de Fedora” amosa outra moza maior que tardiamente se namora dun
mozo e nun instante estraño bica á irmá deste, como se nese momento desprazase
a esta os seus sentimentos. “A madriña” é un conto máis tráxico: a protagonista, contrariado
polos seus pais o seu namoramento, proxecta no seu afillado e sobriño, vástago
do home que quería, o seu cariño ata o punto de libralo do posible castigo que
recibiría de coñecerse que é culpable dun asasinato. Por desgraza, o afillado é
vítima da súa mala conciencia e ela, do desamor con que el corresponde ao seu
sacrificio. “A aguia branca” é un relato simbólico da vida solitaria e sen
afectos dunha muller.
Outros
relatos céntranse en mulleres de vida libre ata certo punto. “Lilas”, situada
en Francia, presenta á actriz e cortesá que é rexeitada polas monxas do lugar
onde se educou, a onde ela acudía cun agasallo cando florecían as lilas.
Ninguén ousa contrariar a crueldade da madre superiora, aínda que unha monxa en
especial, sor Agathe, chora en silencio, quizais porque a amaba. “Juanita” é
unha moza atractiva que se namora dun eivado que parece carecer de cualidades,
e mantén con el unha relación libre, de amantes, á marxe das convencións
sociais.
Algún
relatos seguen as andanzas dun protagonista masculino. “Unha vocación e unha
voz”, amósanos un rapaz dividido entre a vocación relixiosa e a voz da natureza
en forma da atracción amorosa que sente por unha moza ligada a un individuo de
vida picaresca. Tras acompañalos e efastarse deles, ingresa nun mosteiro, que
abandona para seguir os pasos da muller. Outro protagonista masculino, Ti
Demon, queda marcado pola leve infidelidade da súa noiva, que defende o seu
dereito a flirtear, pois, movido polos celos e baixo o efecto do alcohol, case
mata ao compañeiro que o enganou, de modo que fica dende entón sinalado como un
individuo violento e asocial.
Por
último, o matrimonio serve de inspiración para tres dos contos máis coñecidos
da autora: “O bico”, onde unha moza egoísta non consegue o seu cínico obxectivo
–casar cun home rico e manter unha relación adúltera co mozo que desexa-,
“Historia dunha hora”, no cal unha muller experimenta un sentimento de
liberación cando lle comunican a suposta morte do seu marido nun accidente e
“As súas cartas”, en que se relata o suicidio dun home transtornado polo
convencemento de que a súa amada esposa lle foi infiel con alguén con quen
mantivo relación epistolar. Incluso “Un cigarro exipcio”, pese ao seu carácter
humorístico, é moi significativo da mentalidade da autora, pois, narrado en
primeira persoa como unha ficción autobiográfica, relata a reacción alucinóxena
producida polo cigarro, que lle fai crer que é abandonada nun deserto polo seu
amado, considerado como un deus. Tal ensoñación fai que guinde sen
contemplacións os restantes cigarros. Amor-paixón e abuso masculino parécenlle
estupideces que deben ser evitadas. Esta plasmación do matrimonio ou o amor como
unha unión hipócrita ou o sometemento a unha vontade allea que non permite a
liberdade ou a realización persoal foi analizada detidamente pola crítica
feminista. Posiblemente o tratamento bastante anticonvencional e sincero do
tema amoroso foi o culpable de que o editor que posuía o orixinal do libro non
quixese publicalo, aínda que, sen dúbida, pesou na súa decisión o tratamento
por parte da autora de temas novos como a vida picaresca e o enfrontamento
entre panteísmo e cristianismo no conto que dá título ao libro. De feito, a
idea de que a sabedoría se acada en contacto coa Natureza e non mediante os
coñecementos rexistrados nos libros, a crenza de que a mensaxe de Xesús se
entende mellor observando a vida que escoitando os sermóns de xente que non a
entende, aparece tamén nas reflexións que introduce na obra, “Un tipo
preguiceiro”e “A noite chegou paseniño”.
O espertar é, hoxe en día, a súa obra
máis apreciada, unha novela sobre unha muller adúltera, como Madame Bovary, La Regenta, Ana Karenina
ou O primo Basílio. É
considerablemente máis breve que estas –un tanto esquemática, en realidade.
Edna
Pontellier abandona a súa familia en busca da súa realización persoal, que
envolve aspectos amorosos, sexuais e artísticos. Na sociedade en que vive –a
clase media alta que reside en Nova Orleans e veranea en Grand Isle- atopa
diversos modelos de muller: Adèle Ratignolle –a esposa ideal no seu medio
ambiente-, Mademoiselle Reisz –a muller artista, independente e antipática para
a maioría-, a señora Highcamp –que busca amantes procurando manter as
aparencias-, unha dama de negro –que se refuxia nunha relixión acrítica- e
Mariquita –moza hispana que parece vivir con certa liberdade, á marxe das
convencións. Ningunha se acomoda ao seu anhelo máis profundo.
Por
desgraza, non atopa o que procura: sae da sumisión ao seu marido para caer no
inicio do sometemento ao seu amante –Alcée Arobin-, mentres que o home que
espertou a súa sensualidade –Robert Lebrun-, por amor ou por covardía, renuncia
a ser o seu amante e provocar un escándalo.
Vendo
imposible a realización do seu desexo e temendo a repercusión que os seus actos
poidan ter nos seus fillos, adopta unha decisión fatal. O mar que, dalgún
xeito, a empurrou á vida, é o receptáculo do seu corpo.
A
autora subtitulou esta obra “Unha alma solitaria”, sinalando así tanto o
carácter inadaptado de Edna como a falta de apoio dos homes dos que depende
dalgún xeito e da mesma sociedade. A ruptura das normas fixadas por esta
necesita unha forza de carácter da que Edna carece. Utilizando un símbolo da novela, é una ave cunha á ferida.
A
busca dunha realización persoal fóra do matrimonio, a liberación do sometemento
que este parece esixir, xunto con outras ideas afíns, serviron de base a un
intenso debate feminista.
Un
bo feixe dos seus relatos permaneceu inédito ou publicado só en revistas, como
se dixo; entre eles, un dos máis famosos, “A tormenta”, no cal se conta unha
relación adúltera sen sentimento de culpabilidade entre dous dos personaxes que
apareceran en “Un baile acadiano”. A autora, a pesar do seu final sarcástico,
parece xustificar a relación sexual como un dereito previo e superior a toda
norma social, o cal pode relacionarse con O
espertar.
Trátase
de contos que abarcan un amplo período de creación, nos cales, a pesar de
advertirse unha evidente evolución ideolóxica, tamén se percibe en ocasións, e
dende o principio, unha actitude bastante anticonvencional. Aínda que nas súas
obras pode advertirse influencia de Harriet Beecher Stowe, autora de A cabana do tío Tom, e de Louisa May
Alcott, a creadora de Mulleriñas, a
súa admiración empurrábaa a seguir o exemplo de Flaubert, Zola e, sobre todo,
Maupassant, en quen vía unha busca da orixinalidade, así como unha imaxe fiel e
sen prexuízos da existencia.
Atópase
gran variedade técnica e temática:
a) exemplos de reflexión (“Unha
reflexión” ou “Emancipación: unha fábula sobre a vida”) nos que trata sobre o
carácter das persoas enérxicas que semellan carecer de sentimento de culpa ou
sobre os cambios que se producen na vida humana, coa imposibilidade de regresar
á infancia, representada como unha gaiola;
b) unha comedia nun só acto (“Unha
situación embarazosa”), que garda certa similitude coas pezas humorísticas de
Chekhov ou Wilde;
c) un inxenuo relato histórico romántico
(“A doncela de Saint-Phillippe”), cuxa protagonista, ante a invasión inglesa da
bisbarra de San Luís a mediados do século XVIII, decide conservar a súa independencia
uníndose aos cheroquis;
d) un conto humorístico de sentido
amoroso cun xogo metaliterario en que se burla da literatura romántica (“O erro
da señorita Witherwell”);
e) idilios truncados (“Un asunto
vergoñento” ou “O heraldo”);
f) contos infantís, dos que se calcula
que escribiu máis de vinte e cinco, baseados en anécdotas (“Croque-Mitaine”,
“Unha rapariga do campo”, “Historia dun cabalo”);
f) a crónica dunha viaxe con aspectos
costumistas (“Un día de decembro en Dixie”);
g) narracións con trazos naturalistas e
melodramáticos (“A razón da señora Mobry”);
h) mesmo historias con truco, en que a autora induce ao lector a esperar un desenlace
para ofrecerlle ao final algo inagardado (“O gardapelo”).
Como
noutras obras de Chopin, a temática amorosa é a máis abundante, alternando a
visión tradicional coa anticonvencional dende o primeiro momento, xa que en
“Máis sabia que un deus”, un dos seus primeiros relatos, a protagonista
sacrifica o seu amor a unha vocación musical. En “Un punto en discusión”, polo
contrario, a autora parece burlarse de forma moi ambigua das parellas que
desexan manter a súa independencia.
Historias
de amor tradicionais, nas que incluso un home rico se namora dunha moza pobre e
pretende convertela na súa dona, son “O erro da señora Witherwell”, “A
intromisión da tía Limpy” ou “Os cortadores de leña”. “Un asunto de familia”
ten unha historia de amor tradicional, pero é, máis ben, o relato dunha
vinganza humorística. “Ti Frère” difere das anteriores pola posibilidade dun
final tráxico. Máis orixinal, pese á súa semellanza con Mulleriñas, é “Charlie”, en que algunhas críticas creron ver
–paréceme que sen motivo- un amor lésbico.
Á parte están os asuntos amorosos que carecen dun final feliz, como “A razón da señora Mobry”, en que unha rapaza namorada se volve tola, como temía a súa nai, a causa dunha doenza mental hereditaria, ou “Un asunto vergoñento”, en que o puritanismo da protagonista afoga o que podería ser unha atracción lexítima, ou “O heraldo”, en que un namorado non aproveita a ocasión de declararse e dálle a oportunidade a outro de casar coa súa amada. O puritanismo tamén é esencial en “A señorita McEnders”, no cal a herdeira dunha familia rica provoca o despido dunha costureira que ten un fillo dunha relación extramatrimonial e, en vinganza, esta señora ábrelle os ollos sobre o seu pai e o seu prometido.
Os
máis famosos son, non obstante, “A tormenta”, que trata un caso de adulterio con
certo cinismo e “Un par de medias de seda”, triste visión da vida da ama de
casa habituada a sacrificarse polos seus fillos que, un bo día, decide gastar
os cartos en caprichos que nunca se permitiu dende a voda e remata desexando
non regresar á súa existencia cotiá. Están en relación con “Historia dunha
hora”, “As súas cartas”, O espertar...
Curiosamente, na colección tamén se atopa “A marcha de Liza”, en que unha
muller soñadora, farta do seu matrimonio, decide fuxir do lar para regresar
arrepentida pasado o tempo. De xeito simbólico, o conto remata co seu marido
axeonllado ante ela para quitarlle “os zapatos mollados e esnaquizados”. E, con
certa relación temática, “A mentira do doutor Chevalier” conta como este
recoñece nunha prostituta, que se acaba de suicidar, á filla bonita e soñadora
duns campesiños que o acolleron na súa casa anos atrás, polo que, desafiando as
murmuracións, paga o enterro e lles envía unha piadosa carta de pésame.
Entre
os temas secundarios, destacan a segregación racial, levada a tal extremo que
en “A pequena mulata libre”, esta se atopa marxinada tanto entre os de pel máis
clara como entre os de pel máis escura, e a guerra, da que se ofrece unha
visión sen heroísmo, en “O gardapelo”. Tense relacionado con O vermello emblema ao valor, de Stephen
Crane, aínda que son bastante diferentes. Ambos eran contemporáneos e recibiron
influencia do Naturalismo, moito máis forte no caso de Crane, como testemuña a
súa noveliña Maggie.
En
conclusión, pódese dicir que Kate Chopin é unha autora autodidacta que creou
unha obra relativamente breve en que se mesturan diversas tendencias literarias
do século XIX. Procura ofrecer unha visión sincera e caleidoscópica da
realidade, enfocando a vida desde diferentes puntos de vista. Hoxe en día,
valóranse, con xustiza, sobre todo, aquelas narracións que se afastan dunha
visión da vida convencional, como O
espertar, “Historia dunha hora”, “A tormenta”, “O bebé de Desirée” ou “Un
par de medias de seda”, en que a crítica ve algún dos textos iniciais da
literatura feminista; pero non se deben esquecer as visións complementarias ou
contraditorias que ofrece noutros textos igualmente meritorios. Na variedade
dos seus enfoques reside, en gran medida, o seu mérito literario.
Na
nosa biblioteca non encontrades ningún libro da autora, aínda que si unha
reseña de O espertar realizada para
este blog por Xosé Manuel Ramos. De todos modos, na rede podedes atopar todas
as súas obras en inglés e algunhas en castelán e incluso en galego –é moi
meritoria a tradución de O espertar
realizada por Ana María Valladares que aparece na páxina “bivir.com”.