O AUTOR DO MES
FEBREIRO
J.
D. SALINGER
(New
York, 1919 – Cornish, New Hampshire, 2010)
Jerome
David Salinger pertenceu a unha familia da clase media con orixes
xudías e irlandesas; estudou nunha academia militar e en varias
universidades, sen acabar ningunha carreira. Dise que influíu moito
nel Whit Barnett, editor da revista Story, de quen foi alumno
nun curso de escritura de relatos curtos. Participou na II Guerra
Mundial, nada menos que no desembarco de Normandía e en labores de
contraespionaxe. Estivo casado con Sylvia Welter, Claire Douglas –
de quen tivo dous fillos, Margaret e Mathew- e Colleen O'Neill. A
partir de 1965, procurando afastarse do mundo literario, buscou a
soidade na pequena localidade de Cornish. Aínda que seguiu
escribindo, non volveu publicar.
Para
darse a coñecer, Salinger publicou contos en revistas como Story,
Saturday Evening Post, Squire e, sobre todo, The New
Yorker. De todas esas
narracións, só desexou recoller unhas poucas no libro Nine Stories (Nove
contos), de 1953, aínda que,
contra a súa vontade, apareceron bastantes de forma pirata nos anos
setenta; por exemplo, en The Complete Uncollected Stories
of J. D. Salinger. Todo cambiou
para el cando, en 1951, publicou The Catcher in the Rye (traducido normalmente como El guardián entre el centeno e
O vixía no centeo).
Posteriormente apareceron Franny and Zooey (Franny e
Zooey), Raise High
the Roof Beam, Carpenters
(Erguede ben alto a viga do tellado, carpinteiros)
e Seymour: An Introduction (Seymour: unha introdución),
“Hapworth, 16, 1924”, as
historias referidas á familia Glass, que xa aparecera nalgúns
relatos de Nove contos.




O
vixía no centeo
Poucos
personaxes da literatura universal se identifican tan ben coas
inquedanzas e contradiccións da adolescencia. Trátase, como se ten
dito moitas veces, dun adolescente rebelde, xeneroso e confundido
ante o mundo dos adultos. É un mal estudante por desgana, que vive
inmerso nunha crise da que os adultos próximos a el non parecen
decatarse. Busca a autenticidade nunha sociedade na que triunfa o
falso. Sente inquietudes relixiosas, simpatía por Xesús e unhas
monxas que procuran levar dignamente a súa pobreza. Ama a súa
familia; de modo especial á súa irmá pequena, Phoebe, e ao seu
irmán morto, Allie, de quen garda un guante de béisbol, o cal é un
indicio de que non asimilou o seu pasamento. Tense sinalado que ten
un aspecto quixotesco: é un idealista que é golpeado reiteradamente
pola realidade. Incluso o seu ideal é cabaleiresco: o seu desexo é
ser, simbolicamente, un "catcher" que atrapa e protexe aos
nenos que xogan nun campo de centeo sen decatarse do precipicio
próximo no que poden caer. O título procede dun verso do poeta
escocés Robert Burns que un neno interpreta cantando de forma
defectuosa.
Como
todo adolescente, outorga gran importancia ás relacións amorosas.
Inocente e incluso puritanamente, rexeita as relacións sexuais nas
que non hai amor. Por iso sente rabia ante compañeiros como
Stradlater ou Luce, que presumen de conquistadores e se comportan de
xeito egoísta, en especial cando o primeiro desexa aproveitarse
dunha moza que a Holden lle resulta simpática, como Jane Gallaher,
que procuraba fuxir da excesiva solicitude do seu padrasto. Ansioso
de saír cunha rapaza, compórtase de modo incoherente con Sally
Hayes, quen lle gusta fisicamente, pero con quen apenas coincide
noutros aspectos. A súa cita cunha xove prostituta, Sunny, é un
completo fracaso. Finalmente, pouco antes de derrubarse na crise que
o conduce a un sanatorio psiquiátrico, rexeita os avances dun
profesor ao que admiraba, o señor Antolini, que no seu dia procurara
protexer a un adolescente morto en estrañas circunstancias, acosado
polos seus compañeiros, James Castle.
No
psiquiátrico escribe a súa historia e semella descubrir a súa
vocación na vida.
Trátase,
pois, dunha obra en que se novela un momento de crise en primeira
persoa. O narrador confesa que non é totalmente fiable, pois tende a
esaxerar e mentir. Refire o acontecido durante pouco máis dun día
no colexio Pencey e na cidade de Nova York, que é presentada como
unha especie de labirinto. Por un momento, Holden manifesta o vello
soño de migrar cara ao Oeste en busca dun mundo máis puro e
auténtico, pero é unha mera ilusión infantil.
Narra
de xeito moroso, introducindo divagacións e lembranzas; renuncia a
contar á maneira de Dickens en David Copperfield, aínda que,
dalgún xeito, esta é tamén unha novela de formación, na que o
protagonista abandona a infancia e a adolescencia para chegar á
idade adulta; neste caso, por medio dunha madurez precoz, pois, cando
relata, Holden só ten dezasete anos.
Precisamente
un dos grandes acertos de Salinger, á parte de referir fermosamente
a psicoloxía dun rapaz de dezaseis anos, é a súa capacidade para
recrear con autenticidade a súa maneira de expresarse. A linguaxe
está de acordo coa personalidade do narrador.
Tense
sinalado o seu parentesco con Huckelberry Finn, de Mark Twain,
e resulta evidente a súa influencia en obras de John Irving, Paul
Auster e Richard Ford.
Adolfo
José de Souza Frota, nun artigo que se pode atopar en Internet, ten
sinalado a relación das obras máis significativas de Salinger coas
novelas de formación, destacando que, en certo modo, parodian este
subxénero, dado que os protagonistas non acaban adaptándose á
sociedade, senón entrando en crise, enfrontándose a ela e, incluso,
sendo internados en psiquiátricos ou suicidándose. No caso dos
Glass, tratados nas próximas obras, caracterizados pola súa
fraxilidade -simbolismo do apelido-, resulta evidente a afinidade cos
movementos beat, hippie ou rock pola busca de relixións
alternativas, o desdén cara ao coñecemento lóxico ou a
indiferencia ante a acumulación de riqueza e poder.

Nove
contos
Trátase
dunha selección realizada polo autor das historias que fora
publicando en revistas: "A Perfect Day for Bananafish" ("Un
día perfecto para o peixe plátano"), "Uncle Wiggily in
Connecticut" ("O tío Wiggily en Connecticut"), "The
Laughing Man" ("O home que ri"), "Just Before the
War with the Eskimos" ("Xusto antes da guerra cos
esquimós"), "Down at the Dinghy" ("No bote"),
"For Esmé -with Love and Squalor" ("Para Esmé, con
amor e sordidez"), "Teddy", "Pretty Mouth and
Green My Eyes" ("Bonita boca e verdes os meus ollos")
e "The Daumier-Smith's Blue Period" ("O período azul
de Daumier-Smith").
Están
narrados sobre todo en terceira persoa, pero nalgúns atópase o
narrador protagonista en primeira. Normalmente presentan un espazo e
un tempo reducidos. Teñen tons bastante diversos: uns, máis cómico;
outros, máis tráxico e outros, en fin, resultan melancólicos en
distinto grao.
"Un
día perfecto para o peixe plátano" usa unha técnica que logo
popularizaría Raymond Carver, a do iceberg,
na que só se manifesta a superficie dunha realidade inquietante.
Pode considerarse a presentación da familia Glass ao referir a
traxedia do irmán maior, Seymour, desequilibrado psicoloxicamente
pola vida militar e a dificultade de manter unha relación plena con
Muriel, a súa muller.
"O tío Wiggily en
Connecticut" amosa de forma máis evidente a súa semellanza
temática e formal coa obra de Carver. Aparecen os temas do
alcoholismo, a falta de sintonía matrimonial, o sufrimento dos
nenos, por unha banda, e o minimalismo, o feísmo ou a coloquialidade
por outro. Dúas amigas pasan unhas horas xuntas e lembran o pasado.
Unha delas, Eloise, manifesta a súa saudade do home a quen amaba, o
único capaz de facela rir, morto de xeito absurdo durante a guerra,
Walt Glass.
"Xusto antes da guerra dos
esquimós" presenta personaxes xuvenís para tratar un asunto
aparentemente pouco profundo, unido parcialmente aos anteriores polo
rexeitamento da guerra.
"O home que ri" ofrece
unha lembranza infantil na que se mestura unha realidade triste cunha
fantasía case deprimente. Trátase dunha historia de amor infeliz
observada por un neno que non a entende, mesturada coas aventuras
imaxinadas dun ser deformado pola crueldade dos seus semellantes que
pon fin á súa vida abruptamente. Talvez é o primeiro contacto
consciente dun rapaz coa tristeza da existencia e o comportamento
absurdo dos adultos.
"No bote"
presenta unha tenra escena entre Boo Boo Glass e o seu fillo de catro
anos, Lionel, ferido por escoitar á criada falar despectivamente do
seu pai.
En "Para Esmé, con amor e
sordidez", un narrador con trazos autobiográficos lembra unha
anécdota acontecida durante o seu período de instrución en Devon
(Reino Unido), preparándose para participar na II Guerra Mundial. É
unha homenaxe a Esmé, unha adolescente faladora, inxenua, coqueta e
simpática que lle fixo ver nun momento sórdido a beleza do mundo.
"Bonita boca e verdes os
meus ollos" trata sobre a infidelidade conxugal, amosando un
trío formado por dous compañeiros de traballo, Lee e Arthur, e a
dona deste último, Joanie. Contrasta a indiferencia desta cos
remorsos calados do primeiro e a perda de dignidade do segundo.
"Teddy" é unha mostra
do amor de Salinger polos nenos. Teddy ten oito anos, posúe un
cerebro prodixioso, é consciente do descoido en que teñen os seus
pais a el a á súa irmá menor, Booper, e manifesta a un profesor
curioso ideas de carácter relixioso e educativo inesperadas na voz
dun neno: cre na reencarnación, semella coñecer o futuro e penetrar
as mentes dos seus semellantes, distingue entre a esencia e as falsas
aparencias, controla as súas emocións, nunca perde a lucidez, non
teme á morte, convencido de que morre o corpo, pero non a alma... Ao
final, intúese un desenlace tráxico.
"O período azul de
Daumier-Smith" é o relato máis ledo e humorístico, no cal o
narrador lembra unha experiencia dos seus dezanove anos, cando,
levemente desequilibrado emocional e psiquicamente, traballou como
profesor de debuxo nunha academia ilegal, que atendía aos seus
variopintos alumnos por correspondencia.
Franny
e Zooey
Consta
de dúas narracións de distinta extensión relacionadas entre si.
Relatadas en terceira persoa, ocupan un tempo e un espazo reducidos.
Franny
amosa un momento de crise de Franny (Frances) Glass, que se atopa en
Nova York co seu noivo, Lane, cando parece despedirse da adolescencia
aos seus vinte anos. Hipercrítica coa hipocrisía e a
inautenticidade, desexa abandonar os estudos universitarios e o grupo
teatral no que destaca. Ademais, experimenta dúbidas sobre os seus
sentimentos. No fondo, aínda non superou o suicidio do seu irmán
maior, Seymour,
producido sete anos antes. De feito, segue os consellos duns libros
que pertenceran a este nos que se trata sobre a busca da iluminación
interior mediante a oración. A súa espiritualidade condúcea a
reaccionar contra a sociedade en que vive: non desexa riquezas nin
fama, renuncia a competir cos demais e rexeita o egoísmo. O seu
noivo, de carácter superficial e vaidoso, non parece comprendela.
Zooey
presenta como personaxe fundamental a Zooey (Zachary Martin) Glass,
quen, por insistencia de Bessy, a súa nai, procura axudar á súa
irmá a superar a súa crise, aínda que el mesmo se atopa tan
decepcionado coa vida e consigo mesmo, que confesa que non lle
importaría morrer neses momentos.
A
historia, ambientada nun luns de novembro de 1955, é narrada por
Buddy, o seu irmán, que se presenta como autor implícito e
personaxe ao mesmo tempo. Neurótico e admirador declarado de
Seymour, sinala que a obra que escribe non é unha novela relixiosa,
a pesar das reflexións arredor deste tema que encerra, senón un
relato de amor diferente.
En
catro escenas básicas, fai un retrato de Bessy -antiga actriz de
variedades, de carácter informal e cariñoso-, Franny e Zooey. Este,
convertido en actor profesional, amósase hipercrítico, como a maior
parte da familia. Opina que el e Franny, como irmáns menores, foron
educados por Seymour e Buddy, obsesionados coas súas ideas
relixiosas e filosóficas, que os converteron nuns bichos raros, uns
inadaptados. Isto fai que nalgún intre manifeste odio e resentimento
cara a eles, se ben, en realidade, os quere e admira. Por ese motivo
aínda non asimilou o suicidio de Seymour, a quen Bessy consideraba o
máis intelixente e bondadoso dos seus fillos.
Seymour
e Buddy estaban moi influídos pola mentalidade oriental; en
especial, polos Vedas e o Budismo, dos que aceptaban doutrinas como
a falsidade das aparencias, a esencial identidade de todos os seres
ou a reencarnación. Entre os seus ideais estaba traballar sen
preguiza, serenamente, renunciando ao premio; e Zooey, a pesar do seu
resentimento, semella aceptar as súas ideas básicas, que non lle
valen para adaptarse ao mundo en que se move. Porén, non cre que
mediante a oración continua e maquinal se poida chegar á
iluminación, como tenta convencerse Franny; maniféstase inseguro e
inestable, mais procura transmitirlle algunhas reflexións que poidan
servirlle de axuda: acumular coñecementos pode ser como acumular
cartos, non implica sabedoría; débese analizar criticamente o
mundo, sen renunciar a buscar a súa beleza, que se manifesta incluso
en pequenos detalles; hai que renunciar ao egoísmo e ter paciencia
cos torpes; cómpre manifestar consideración ou, polo menos,
compaixón por quen te ama; Xesús pode ser un modelo, pero non en
todos os seus aspectos, pois non lle parece admirable cando se amosa
violento no templo -idea de Franny- ou cando sitúa aos homes por
riba dos demais animais.
Finalmente
anímaa a ser actriz, xa que posúe verdadeiro talento, sempre que
busque a perfección. Coida que en toda profesión existe algo
relixioso, pois trátase de facer algo para os demais con amor, como
o caldo preparado pola súa nai. Aconséllalle que pense na típica
señora humilde que se atopa sempre entre o público, a cal pode
considerarse un símbolo da Humanidade.
Como
de pode ver, trátase, no fondo, dunha obra con sentido didáctico,
considerada o mellor da produción do autor por John Updike e Matt
Salinger.
Erguede
ben alto a viga do tellado, carpinteiros
Está
narrada tamén por Buddy, mais esta vez en primeira persoa. Escribe
en 1955 os seus recordos do día da voda frustrada de Seymour e
Muriel en 1940. A cerimonia non chegou a realizarse pola
incomparecencia de Seymour e a fuxida posterior da parella.
O
título débese a uns versos de Safo que Boo Boo, a irmá de ambos,
deixa escritos para Seymour, acompañando aos seus mellores desexos,
no espello do cuarto de baño do apartamento que Buddy e el teñen
alugado.
A
técnica utilizada é moi típica dos autores estadounidenses
actuais: a narración demorada dunha anécdota en que se introducen
continuas desviacións nas que se mesturan aspectos significativos e
humorísticos.
Buddy
séntese na obriga de defender ao seu admirado irmán e de criticar,
dalgún xeito, a certos personaxes que lle fixeron dano, como a súa
sogra, Rhea Fedder, ou o seu psicanalista, o doutor Sims -como
noutras obras, o autor búrlase da psicanálise. Estes consideran a
Seymour un ser anormal, de personalidade esquizoide, cunha
"homosexualidade latente", e interpretan erroneamente as
súas palabras e accións. Segundo Buddy, Seymour simplemente
rexeitaba as convencións sociais e decatábase das oscilacións dos
sentimentos de Muriel.
Reprodúcense
páxinas do seu diario, no cal se amosa
hipersensible, deprimido pola guerra e infeliz a causa do seu rol no
exército. Procura enganarse a si mesmo procurando buscar o lado
positivo das persoas e, fiel á súa vocación didáctica, reflexiona
sobre como deben ser as relacións dos esposos ou
como han de ser tratados os nenos: "Un neno é un convidado na
casa e debe ser amado e respectado, nunca posuído, xa que pertence a
Deus".
Seymour,
unha introdución
Coa escusa de facer unha introdución á obra de Seymour, cento
oitenta e catro poemas do estilo das composicións breves xaponesas, Buddy crea
unha especie de semidiario -algo así como un monólogo, ou "o
soliloquio dun tolo" nas súas propias palabras, once anos
despois da súa morte.
Como
Buddy en varios aspectos é un alter
ego
de Salinger, este aproveita para declarar a súa "poética"
e as ideas relixiosas e filosóficas coas que comungou dende os anos
cincuenta ata o final dos seus días.
O texto ofrécese como escrito
en distintos momentos, xa que Buddy confesa as súas dificultades
para tratar sinceramente un tema que aínda lle produce dor así como
o seu temor ocasional ao folio en branco.
Sumando as súas reflexións ás
de Seymour, atópanse moitos dos principios de Salinger. Así,
Seymour recoméndalle nunha nota extensa buscar a autenticidade,
escribir sen adornos innecesarios, de xeito persoal, indiferente ao
que opinen os mestres e os críticos, fuxindo do excesivo
sentimentalismo -mais sen renunciar totalmente a el-, poñendo todo o
corazón, narrando as historias que a el lle gustaría ler,
entreverando as descricións de anécdotas que lles dean vida,
fixándose sobre todo na creación de personaxes,
pero sen descoidar o estilo. E Buddy di de si mesmo, con ironía ou
raptos de sinceridade esaxerados, que é un "escritor feliz"
que, como tal, tende á amplificación, a falta de obxectividade e a
desviación do asunto principal, e que sente certo odio cara ao
"simple", referíndose "ao excesivamente breve, ao que
aforra tempo en xeral, ao trivial, ao espido e ao abreviado".
Buddy detesta aos críticos,
rexeita o gusto da xente polo escandaloso, que a impulsa a
interesarse pola vida dos escritores en lugar de ler e interpretar a
súa obra. Por iso teme que o suicidio de Seymour escureza a súa
poesía, que, en realidade, non desexaba publicar. Na súa opinión,
apaixonada e subxectiva, Seymour foi un "iluminado fervente que
coñece a Deus", un artista enfermo e vidente, angustiado,
dolorido e calado, que, a pesar de procurar manterse ledo e reflectir
a cara fermosa do mundo, era consciente tamén da súa fealdade, que
o deprimía. Nos seus poemas parecía fuxir dos temas íntimos, aínda
que o seu irmán Waker, o xemelgo de Walt que escolleu o camiño
relixioso, opinaba que estaban inspirados en experiencias das súas
vidas anteriores, pois cría na reencarnación.
Ante
todo, Buddy intenta contar como era Seymour física e
psicoloxicamente: o rostro pouco agraciado, a sensibilidade
extraordinaria, o amor polos nenos, a paciencia infinita, a carencia
de espírito competitivo, a relixiosidade... Fronte aos ataques da
súa sogra, afirma a súa heterosexualidade, aínda que, como
escritor auténtico, tiña algo de andróxino. Con todo, tampouco el
é quen de reprimir unha crítica, pois, levado pola dor, acúsao de
portarse de maneira egoísta ao darse morte e deixar así a súa
familia desfeita.
"Hapworth, 16, 1924"
Está narrado en forma de carta
por Seymour Glass cando ten sete anos e se atopa nun campamento de
verán. Escríbelles aos seus pais para solicitar que lle envíen
libros e dar consellos á familia. Ofrécese, así, un retrato da súa
precocidade.
Dise que o mal recibimento que
sufriu este conto ao ser publicado en The New Yorker ocasionou
o silencio posterior do autor, silencio editorial que, como se
mencionou, non supuxo abandono da escritura.
Na actualidade, o seu fillo Matt
está comprometido na transcrición dos seus manucritos para futuras
publicacións. Algúns autores teñen declarado que, entre os textos
inéditos, se atopan obras referidas a Holden Caufield, a familia
Glass, a II Guerra Mundial -sobre a cal versan algúns dos seus
primeiros contos- e a filosofía oriental que adoptou como propia na
segunda parte da súa vida.

Na
nosa biblioteca podedes atopar versións en inglés,
castelán e galego da súa obra máis famosa, The
Catcher in the Rye.