Poucas veces se dá que un alumno
de instituto escriba e publique un libro. Máis raro aínda, que este reciba un
premio. Afortunadamente isto sucede no noso centro: Marcus Cabada gañou dous
premios -o Nacional das Xoves Promesas das Letras e o Internacional de Novela
Experimental “Charlotte Sabine” - coa súa
obra Triste escarlata.

Explicou
a estrutura da novela, en cuxos catro capítulos intercala os pensamentos do
enfermo coas vivencias e lembranzas ferintes da súa filla, que tivo que facer
fronte a unha dolorosa decisión. Por ese motivo a noveliña está ateigada de
reflexións que a miúdo non levan a ningunha consecuencia clara a abarcan temas
moi diversos: a eutanasia, o sentida da arte e, en especial, a literatura, a
enfermidade, a necesidade de decidir...
![]() |
Marcus D. Cabada |
Marcus
utiliza unha linguaxe innovadora, rómpelle as costuras por veces á gramática e
ao léxico; entende que a mocidade non debe conformarse cos camiños demasiado
andados. Busca a novidade sen renunciar ao exemplo dalgúns escritores e
tendencias que concordan coa súa sensibilidade, de modo que non dubida en
introducir poemas e contos dos seus autores favoritos, como Borges ou Emily
Brontë, nun exercicio de intertextualidade, deglutíndoos, facéndoos parte da
súa obra.
Como
en toda obra de iniciación, os personaxes e os feitos narrados teñen, dalgún
xeito, moito de persoal; por iso non é estraño que coincidan con el nos seus
gustos literarios, Por medio do vello escritor fai unha louvanza da vangarda e
o poder innovador da arte, mostra a súa admiración por aqueles que desexan
cambiar o mundo, especialmente se son incomprendidos. Confía no poder
revolucionario das palabras, aínda que é consciente do seu carácter idealista,
trazo que lle parece natura nunha persoa da súa idade. A mocidade debe plasmar
os seus soños, necesita dar saída aos seus sentimentos, sabe que hai un
coñecemento intuitivo, non plenamente racional, que é auténtico, a pesar de que
non se explique coherentemente mediante as palabras. Estas iluminan, pero non
aclaran totalmente a realidade. En certo modo, todos padecemos o mal de
Alzheimer.
Triste escarlata é unha noveliña breve
ou un conto longo que se aproxima á poesía e a digresión. En gran medida, ten
moito de diario, de plasmación en primeira persoa das reflexións dun escritor
ferido por unha enfermidade mental dexenerativa. Este diario-monólogo con
reflexións contradictorias, expresións confusas e momentos de lucidez, é
contrapunteado pola narración en terceira persoa dos sentimentos da súa filla
Luna, que sente remorsos pola decisión adoptada, a pesar de crer que obrou da
mellor maneira posible. Ao final, ambos personaxes, identificados mentalmente,
acadan un estado de luminosa liberación.
Agardemos
que este sexa o comezo da liberación creadora do talento de Marcus, quen agora está
pensando en variar, en crear unha nova obra noutro xénero, porque sente que
talvez necesita máis experiencia vital para escribir unha novela máis
ambiciosa. De feito, esta obra presenta escasa acción, comprácese na escritura;
é un exercicio de estilo que se aproxima ao poema e á divagación dun diario.
Por
momentos, pode considerarse como o testemuño dunha época de crise na que, case
cun ton profético, se critica a corrupción, a cobiza dos cartos, a ambición...
e se louva a honradez, a limpeza do espírito, a xustiza... Mais é un ton
profético que remata no optimismo e a visión positiva dun xeito un tanto
incoherente, porque o autor confía no poder da conciencia individual e da
palabra, a pesar de considerar imperfectos tanto á razón como ó ser humano.
No fondo, Marcus é consciente,
como Borges, de que o ser humano, que posúe unha mente e unha razón
insuficientes, cando non defectuosas, nunca poderá atopar un sentido ó mundo. E
o artista, na loita entre razón e soño, realidade e fantasía, ha de inclinarse
pola segunda, porque a imaxinación axuda
a escapar ou corrixir un mundo feo e defectuoso. Nun mundo que se
trasforma en gaiola e cadea, a fantasía ofrece unha luminosa liberación.