É
ben sabido por todos que nas clases de literatura un dos xéneros preferidos era
o teatro. Todo o mundo sentía certo alivio ao ter
unha obra teatral como lectura obrigatoria. Aínda que Shakespeare, Buero
Vallejo, Cunqueiro ou Castelao eran nomes que enchían a boca ao pronuncialos, eran
moitos os atrevidos que os subestimaban,
empregando como argumento principal que as pezas teatrais eran máis
fáciles e levadías á hora de ler. Pero ninguén se atrevía a reflexionar sobre a
ardua tarefa que supón levar a cabo unha representación.
Este ano tiven a
oportunidade de exercer como profesora de prácticas no centro e unha das miñas
tarefas consistía en organizar unha representación de Orgullo e Prexuízo co
grupo de 3º B. Tras dita representación, todos os involucrados chegamos á mesma
conclusión: representar unha das obras máis importantes da literatura universal
implica ganas e moito traballo grupal.
O teatro é unha pequena comunidade, un club
privado no que cada membro é imprescindible, debe coordinarse co resto do
equipo e desempeña un rol específico: técnico do son, apuntador, creadora de
programas de man, escenógrafa ou actriz secundaria, entre outros. Pois, que
sería de Romeo se o balcón de Xulieta non estivese colocado correctamente? Que pasaría
no baile de Bingley se a música non se correspondera coa época? E se Hamlet
entrase en escena ataviado cunha gorra?
Finalmente, un
dos aspectos positivos deste traballo foi lograr desmontar moitos dos mitos vinculados
a este xénero, pois nin o teatro é tan fácil como semella, nin aprendizaxe e
diversión son conceptos opostos. Considero que a miña experiencia no centro foi
inmellorable e gustaríame invitar tanto ao grupo de docentes como ao propio
alumnado a realizar actividades coma esta no futuro.
Beatriz
Couto Fontenla