A AUTORA DO MES
XUÑO
EDITH WHARTON
(Nova York, 1862 – Proximidades
de París, 1937)
Edith
Jones naceu no seo dunha familia da alta burguesía neoiorquina. Recibiu unha
boa educación, da que formaron parte viaxes por diferentes países. En 1885
casou con Edward Wharton, de quen se divorciou en 1913. Establecida definitivamente
en Francia, mantivo unha intensa vida social. Recibiu múltiples honores tanto
neste país como en Estados Unidos.
Deixou
unha obra extensa, da que forman parte libros dedicados á decoración, a arte da
escritura, as viaxes, a autobiografía, a novela, o conto, a poesía... En
especial, é recoñecida como narradora. Nas súas novelas aproveita vivencias
persoais e o seu coñecemento directo de diversos ambientes. Adoita presentar
matrimonios en problemas, mulleres separadas ou divorciadas, o mundo da alta
burguesía neoiorquina ou dos emigrados estadounidenses en Europa.
As
súas novelas máis representativas son A
casa da alegría e A idade da
inocencia. A primeira presenta a decadencia e a morte de Lily Bart, unha
moza do mundo elegante, a causa dunha sobredose de somníferos. A súa beleza e a
súa distinción, ó carecer dunha saneada situación económica, non son
suficientes para conseguir o marido desexado. A súa conduta lixeiramente
heterodoxa para os convencionalismos da clase social á que pertence facilita ou
provoca a calumnia, a perda do seu prestixio e finalmente a súa morte. A autora
amosa con detalle o ambiente, os decorados, as vestimentas –que cobran sentido
simbólico- para ofrecer unha visión satírica e irónica da alta sociedade, onde se
enfrontan individuos de distinta orixe.
A idade da inocencia presenta o mesmo
mundo de maneira máis benévola. Newland Archer é un avogado que se debate entre
o deber, representado pola súa prometida, May Welland, e o seu desexo,
representado pola prima da anterior, Ellen Olenska, unha muller separada. Opta
polo deber, aínda que nunca será capaz de esquecer á muller rexeitada. A autora
ve na súa renuncia e no sometemento a unhas normas un principio moral non
carente de beleza, aínda que tamén insinúa que se pode tratar dunha actitude
honesta pero covarde.
Ethan Frome, a terceira obra sobre a
cal a autora sostén a súa sona, é unha novela breve na que Wharton amosa,
excepcionalmente, gran sensibilidade ante a traxedia duns seres humildes do
mundo rural de Nova Inglaterra. Non remata nunha morte, pero o final é
desolador. Os elementos esenciais do seu contido reaparecen con variantes nas
súas obras: un matrimonio infeliz, un amor idealizado e imposible para uns
seres nobres incapaces de desafiar as normas sociais, a frustración e o anhelo
de poñer fin a unha vida insatisfactoria.
Estas
obras asegúranlle a aparición en calquera historia da literatura
estadounidense, pero non se deben esquecer outras de mérito indiscutible. Por
exemplo, as súas coleccións de contos, entre os cales destacan os relatos de
pantasmas –de tanta tradición na literatura en lingua inglesa-, como “A
campaíña da doncela”, “Despois” ou “Kerfol”.
Dominou
a técnica da novela breve ou non moi extensa, na cal ofrece unha historia con
escasa acción, dedicada a mostrar de xeito ambiguo e complexo a evolución
psicolóxica duns personaxes que viven nunha situación sentimental confusa.
En A pedra de toque, céntrase no conflito
moral dun individuo que dá á luz as cartas íntimas que no pasado lle enviou
unha escritora famosa namorada del, a fin de conseguir os medios económicos que
lle permitan casar coa moza que ama.
En Madame de Treymes, amosa o
enfrontamento mesturado de atracción amorosa entre un home de negocios
americano e unha dama da aristocracia francesa. Como Henry James, a quen
admiraba, Edith Wharton tende a presentar ós seus compatriotas como nobres,
inxenuos e inocentes ante os europeos, máis complexos, expertos e corrompidos.
A solteirona garda claras similitudes
con A idade da inocencia. O
personaxe central é Delia Lovell, quen, como Newland Archer, prefire un
matrimonio estable, conforme ás normas do seu mundo, á aventura cun mozo pobre,
ó que sempre amará. Unha vez viúva, prodúcese un enfrontamento coa súa curmá
Charlotte, unha solteirona de carácter estraño, polo cariño da filla que esta
tivo, en segredo, do mozo amado por ambas.
A renuncia presenta á muller que
abandona ó seu marido e á súa filla aínda nena para liberarse dun modo de vivir
asfixiante. Pasado o tempo, sentíndose vella, solitaria e menosprezada, recibe
a oportunidade de regresar ó seu vello mundo, onde os convencionalismos foron
suavizándose. A readaptación acaba en renuncia ó namorarse a súa filla dun dos
seus antigos amantes.
Os nenos, a última das nosas
recomendacións, é un libro conmovedor. Iníciase como unha novela humorística,
avanza como a sátira esperpéntica duns representantes da alta burguesía
americana e da nobreza europea que xa perderon o sentido do deber, e remata
como unha traxedia. Martin Boyne, o protagonista, vese envolto nos problemas
dun grupo de nenos. Perdido no dilema da atracción por Rose, a
muller-compañeira, ou o namoramento de Judy, a muller-nena, e incapaz de atopar
unha saída aceptable para os nenos, déixase levar polo fado que o conduce á
morte.
Varias
destas obras foron levadas ó cine de modo interesante; en especial, as máis
coñecidas: A idade da inocencia, A casa da alegría e Ethan Frome. Os libros de Edith Wharton
pódense atopar en internet en varios idiomas; na nosa biblioteca podedes pedir Contos de pantasmas.
Por
último, apetéceme lembrar que, entre os seus variados libros de viaxe, Edith
Wharton lembrou nos seus diarios as dúas veces que percorreu o Camiño de
Santiago, lembranzas recollidas en Back
to Compostela