02 maio 2019

O AUTOR DO MES DE MAIO: ARTHUR SCHOPENHAUER


O AUTOR DO MES

MAIO


ARTHUR SCHOPENHAUER
(Dantzig, 1788 – Francfurt, 1860)

Como as autoridades académicas parecen menosprezar a Filosofía, imos dedicarlle este mes a Arthur Schopenhauer, autor dunha biografía pouco rechamante: orfo de pai na adolescencia, enfrontado á súa nai, que foi unha célebre escritora, abandonou o mundo mercantil ó que estaba destinado para dedicar a súa vida ó estudo; nunca casou, fracasou como profesor universitario e viviu das rentas da súa herdanza ben administradas.


Publicou poucas obras, das cales só dúas son fundamentais, xa que incorporan o dito nas restantes: O mundo como vontade e representación (publicada en 1818 e, xa aumentada, en 1844 e 1859) e Parerga et paralipomena (que se pode traducir como O accesorio e o omitido, editada en 1851). Sempre considerou a primeira o seu gran libro e a segunda como un conxunto de ensaios divulgativos de temática moi diversa, entre os cales destacan A sabedoría da vida e, no mundo hispánico, un título escollido por un editor hábil: O amor, as mulleres e a morte.


Schopenhauer reaccionou contra os filósofos contemporáneos -en especial, Hegel e Fichte- e inspirouse fundamentalmente en Platón, Kant e os Upanisads, textos de sabedoría india. Gozou dunha gran cultura e dominou varios idiomas, entre eles o español, do que traduciu o Oráculo manual de Baltasar Gracián. Cita con frecuencia a moitos escritores, como Séneca, Montaigne, Shakespeare, Voltaire, Calderón… Non é de estrañar que, á súa vez, influíse en autores tan variados como Nietzsche, Hesse, Mann, Unamuno, Baroja, Azorín, Borges… Entre os filósofos puros non tivo tanto éxito, talvez polo seu ocasional irracionalismo e a importancia que lle deu á intuición como medio de adquirir o coñecemento do mundo.



Partindo dunha intuición persoal, entende que a esencia da vida é a vontade, concibida como un desexo permanentemente insatisfeito. Trátase dunha esencia oculta baixo múltiples aparencias enganosas. Non debe entenderse no sentido habitual da palabra. Afecta incluso a fenómenos físicos.


No ser humano, a vontade produce unha permanente insatisfacción, que supón dor. De xeito pesimista, Schopenhauer entende que o home se move entre a dor e o tedio, cando o desexo é temporalmente satisfeito. Para liberarse desa maldición, só temos a arte e o renunciamento.


A ética do noso autor, a pesar do seu ateísmo, ten moitas semellanzas coas doutrinas cristiás e, sobre todo, coas budistas. Nalgún momento parece crer na metempsicose, o cal non é demasiado estraño se comprendemos que, para el, a nosa individualidade é só aparente. O que importa é a especie e, en derradeira instancia, a vontade; sen decatarnos, servimos a estas; por exemplo, cando nos guiamos polo instinto sexual, que non é máis que un engano da vontade para a pervivencia da especie. Schopenhauer entende a vida humana como unha traxicomedia, vendo ós homes afanarse por ter e posuír ou enganados coa falsa idea da felicidade, en especial na adolescencia.



A lectura das súas obras, a pesar dos prexuízos e ocasionais arbitrariedades que encerran, é frecuentemente amena e instrutiva, porque o autor sempre procurou ter algo interesante que dicir e expresalo da maneira máis clara e brillante posible.


Os seus textos poden atoparse doadamente en internet en varios idiomas. Na nosa biblioteca encóntrase a tradución realizada por Unamuno de A vontade na natureza., un dos seus libros secundarios. A súa gran obra, O mundo como vontade e representación, pode atoparse publicada por Alianza Editorial ou a Editorial Porrúa, de México, a cal tamén editou fragmentos de Parerga et paralipomena, igual que a Editorial Edaf, de Madrid.