30 setembro 2019

AUTOR DO MES DE OUTUBRO: CARLOS RUIZ ZAFÓN

O AUTOR DO MES DE OUTUBRO: 
CARLOS RUIZ ZAFÓN

Cartel da biblioteca


O AUTOR, CARLOS RUIZ ZAFÓN



Este autor, nado en Barcelona en 1964, é un dos poucos novelistas profesionais da literatura española. No pasado dedicouse tamén ao xornalismo e a publicidade, mais, sobre todo a partir do éxito internacional de La sombra del viento, puido vivir comodamente da literatura. Tras obter un premio pola súa primeira novela, El Príncipe de la Niebla, estableceuse en Estados Unidos, onde mesturou as actividades de guionista -o cine foi sempre unha das súas grandes afeccións- e narrador.


Ata o momento publicou oito novelas e unha colección de relatos. Os títulos das primeiras son: El Príncipe de la Niebla, El Palacio de la Medianoche, Las luces de septiembre, Marina, La sombra del viento, El juego del ángel, El prisionero del cielo e El laberinto de los espíritus. As tres primeiras forman unha triloxía, a denominada Trilogía de la niebla; Marina é unha especie de engarce coa tetraloxía dedicada ao Cementerio de los Libros Olvidados, formada polas catro últimas.


Aínda que o autor manifesta certos trazos constantes ao longo da súa obra (aparición de elementos sobrenaturais e incluso demoníacos, presenza de espazos misteriosos -mansións abandonadas ou estrañas-, unha ou varias historias de amor -con frecuencia infelices-, xogo de persoas e tempos narrativos, intertextualidade -referencias constantes a obras literarias e cinematográficas-, símbolos -anxos, dragóns, autómatas, maniquís...-, argumentos folletinescos ou un tanto inverosímiles, temas como a existencia dun dobre malvado ou doppelgänger...), as tres primeiras novelas teñen algún aspecto diferente, pois poden incluírse dentro da narrativa xuvenil, introducen algún personaxe protagonista adolescente, están situadas en épocas históricas, fóra de España -o Reino Unido, Francia ou a India-, buscan un efecto terrorífico, no ronsel de Stephen King...


El Príncipe de la Niebla presenta un ser maligno, cun nome de resonancias bíblicas, Caín, que ofrece a satisfacción dos desexos dunha persoa a cambio de que esta lle entregue, en certo modo, a súa alma e incluso lle sacrifique un ser querido. O mito de Fausto e a historia de Abraham e Isaac veñen á mente, pero a obra é bastante truculenta. A pesar disto, ten gran aceptación dentro do público infantil e xuvenil como novela de terror.


El Palacio de la Medianoche é a máis exótica das súas novelas, pois está ambientada en Calcuta. Alí, un grupo de rapaces terá que enfrontarse a outro ser malvado, o lado escuro dun enxeñeiro que loitou pola independencia da India e tivo que chegar a un acordo coas forzas de ocupación británicas. Trátase do tema do dobre, ao estilo do doutor Jeckyll e mister Hyde, de Stevenson, pero con máis aspectos sobrenaturais.

 

Las luces de septiembre sitúase nun contexto europeo, ainda que algún topónimo francés non corresponde ao que existe na realidade. Unha mansión misteriosa, un ser próximo á loucura, o tema da sombra ou doppelgänger... remítennos a Jane Eyre ou Rebeca, con incendio final incluído. Aparece un personaxe que terá, con leves modificacións, en obras posteriores, Andreas Corelli, unha especie de Lucifer, que ofrece os seus dons a cambio de algo terrible.


Marina, novela pola que o autor sente un especial afecto, recollendo algún dos tópicos dos libros anteriores, introduce por primeira vez a cidade de Barcelona como espazo máxico e misterioso. Unha historia de amor desgraciado protagonizada por unha parella de adolescentes serve para presentar unha sociedade desaparecida onde un ser enlouquecido comete unha serie de crimes á que só poden poñer fin os seres que o aman.


La sombra del viento foi unha revelación no seu día. Supuxo a consagración de Barcelona como gran espazo narrativo do autor, na liña de Eduardo Mendoza (La ciudad de los prodigios) e Manuel Vázquez Montalbán (El pianista ou as novelas da serie dedicada ao detective Pepe Carvalho). A partir desta obra, pódese dicir que pasa da narrativa de terror á de misterio, detense máis na ambientación histórica -o rico século XX barcelonés, de modo especial os períodos republicano e franquista-, incrementa os aspectos humorísticos, outorga máis importancia á caracterización dos personaxes, prescinde de elementos abertamente fantásticos para dar cabida a un maior realismo ou, en todo caso, a unha maior ambigüidade...
A obra xira arredor da busca dun autor esquecido e maldito, Julián Carax, cuxo libro La sombra del viento é atopado polo protagonista, Daniel Sempere, no Cementerio de los Libros Olvidados. A indagación saca á luz unha serie de historias infortunadas. Como é característico de Ruiz Zafón, aparece un individuo malvado, o policía Fumero, que semella saído dun folletín, e un protector un tanto atípico, o simpático Fermín Romero de Torres. Como é normal nunha novela de formación ou aprendizaxe, Daniel descobre o amor e a vida.


El juego del ángel supuxo un reto para o autor, xa que non era fácil superar o nivel acadado no libro precedente. Pódese dicir, se ben as opinións son diversas, que o libro non decepciona, sobre todo nunha segunda lectura. De novo a historia xira arredor dun escritor, amigo de Julián Carax: David Martín, aínda que as súas peripecias nos sitúan nunha época previa. Outra vez hai dúas historias de amor, a que o relaciona con Cristina Segnier e a que o relaciona con Isabella Gispert. Os diálogos que mantén con esta, cheos de enxeño e humor, son posiblemente o máis conseguido da obra, que ten un argumento complicado e ambiguo. Nunca se sabe canto hai de realidade e canto de fantasía no relato de Martín, quen se relaciona cun personaxe aparecido en Las luces de septiembre, Andreas Corelli, un suposto editor francés que lle esixe que escriba un libro capaz de inspirar unha relixión da maldade. O escritor cre que se trata do mesmo Lucifer.


El prisionero del cielo une a Fermín Romero de Torres e David Martín no penal de Montjuic. Ademais de Fumero, aparece un novo malvado, o director da prisión, Mauricio Valls. O prisionero del cielo é Martín, a quen Valls quere obrigar a escribir ou reescribir unha obra súa. No novela atópase unha severa crítica do réxime franquista e un argumento máis simple e verosímil. Con ela, Ruiz Zafón pretendía poñer o ramo á serie dedicada ao Cementerio de los Libros Olvidados, pero axiña comprendeu que a historia quedaba mal rematada e podía dar máis de si. Por iso, deixando á parte a motivación económica, creou a súa obra máis recente.


El laberinto de los espíritus, pese ás súas desigualdades, supón un esforzo comparable ao das dúas primeiras novelas da serie. Introduce novos personaxes, en especial a axente secreta Alicia Gris. A obra, situada na posguerra, ofrece a vinganza realizada sobre Mauricio Valls, culpable de múltiples torturas e asasinatos, de modo singular os de Isabella, nai de Daniel Sempere, e Víctor Mataix, outro escritor maldito amigo de Carax e Martín. Ruiz Zafón procura cohesionar as historias precedentes, ás veces modificando levemente o relatado nelas, e incrementa as referencias históricas para denunciar as barbaridades realizadas a raíz da Guerra Civil. Aínda que o bando vencedor é o peor parado, a visión do bando vencido non resulta moito máis amable: na obra chégase a dicir que en España os auténticos perdedores son aqueles que procuran non seguir ningún bando, os que procuran fuxir do rabaño.


Ademais destas novelas, o autor escribiu relatos. En "Rosa de fuego" –un dos nomes recibido por Barcelona- narra as orixes fantásticas do Cementerio de los Libros Olvidados; noutros lembra o acontecido durante o atentado contra as Torres Xemelgas de Nova York, imaxina unha viaxe do seu admirado Gaudí á mesma cidade ou conta anécdotas que nos fan lembrar as historias de Marina -unha rapaza nunha mansión en ruínas- ou David Martín -un prisioneiro que confunde realidade e ficción-.


De todo o anterior, podemos concluír que o noso autor sente inclinación pola literatura imaxinativa, na liña do folletín ou o relato de aventuras, misterio e terror. Como Agustín Fernández Paz e outros escritores que son ou foron, ademais, grandes lectores, nos seus libros dedica unha homenaxe á literatura e recoñece as súas múltiples débedas con Dickens, Balzac, Alexandre Dumas, Víctor Hugo, Wilkie Collins, Mary Shelley, Bram Stoker, Poe, Stevenson, Wilde, Charlotte Brontë, Dafne du Maurier, Eduardo Mendoza e mesmo Ibáñez, o creador de Mortadelo e Filemón e outros personaxes de banda deseñada. Curiosamente, aínda que recoñece así mesmo a influencia do cine nos seus textos, rexeitou ofertas cuantiosas para levar as súas ficcións á pantalla.
Quizais se podería considerar un narrador posmoderno, que foxe da pesadez e a profundidade a cambio de atraer coas peripecias dos personaxes e a intriga, mesturando o misterio co humor e a reflexión desenganada sobre a vida e a sociedade. Aínda que defende a literatura comercial, persegue a calidade literaria. Ao seu xuízo, o escritor debe ter unhas cualidades innatas, pero, ao mesmo tempo, ha de ser consciente de que só pode transmitir algo ao lector se domina a súa técnica, o seu oficio. Resulta evidente a súa vontade de coidar a lingua utilizada e conseguir elegancia e amenidade nas descricións e os diálogos.
Finalmente, cabe destacar que está convencido de que todo libro ten unha alma: a que lle imprimen o autor e os seus lectores. Por iso todos deberían ter un lugar, polo menos, no Cementerio de los Libros Olvidados.

 


Na nosa biblioteca pódense atopar exemplares das primeiras obras e en Internet, ademais dalgún estudo sobre o autor, son accesibles de modo gratuíto os seus relatos.