O AUTOR DO MES
MARZO
Nacido
en París no ano 1803, de pais artistas, recibiu unha excelente educación que
foi puíndo ano tras ano. Aprendeu moitos idiomas e cultivou como afeccionado as
súas cualidades de músico e pintor. Estudou Dereito, o cal lle valeu, entre
outras cousas, para desempeñar algúns cargos burocráticos durante o reinado de
Luís Filipe. De mozo, relacionouse co movemento romántico e liberal. Co tempo, iríase
volvendo máis moderado. Apoiou a Luís Napoleón Bonaparte cando este se
proclamou emperador. Amigo persoal deste e da súa dona, a española Eugenia de
Montijo, a quen coñecía desde nena, foi nomeado senador e tratado como un
conselleiro privado, motivo polo cal a Comuna queimou a súa vivenda parisina un
ano despois da súa morte, que se produciu en Cannes en 1870. Non casou, aínda
que foron coñecidas as súas relacións amorosas con varias señoras. Cunha delas
tivo un fillo, Louis Edmond Duranty, que tamén foi escritor.
Mérimée
gozou dunha cultura moi ampla. Durante cerca de trinta anos foi o principal responsable
dos monumentos históricos franceses, polo que mantivo relación con anticuarios,
arqueólogos e artistas de todo tipo. Entre os seus amigos estaba Violet-Le-Duc,
a quen lle encomendou a célebre restauración de Nôtre Dame.
Levado
pola curiosidade, viaxou por diversos países, entre eles España, terra pola que
sentiu unha forte atracción desde a súa mocidade, como revela a súa obra: as
biografías do rei Pedro I de Castela e de Cervantes, relatos como “Carmen”, “As
ánimas do Purgatorio”, “A Perla de Toledo”, obras dramáticas como as que
compoñen o Teatro de Clara Gazul,
cartas nas que trata sobre as corridas de touros, as execucións, as bruxas...
El foi un dos primeiros hispanistas, así como tamén un eslavista convencido –con
estudos sobre a historia de Rusia e escritores como Pushkin, Gogol ou
Turgueniev, aos que traduciu- e un estudoso da historia romana.
Destacou,
así mesmo, no xénero epistolar. Cartas a
Panizzi ou Cartas a unha descoñecida
poden ser boa mostra disto. Aínda que non son de todo espontáneas, porque dá a
impresión de que o autor pensaba en publicalas algún día, presentan aspectos
curiosos da súa maneira de ser e da súa biografía.
Aquí
centrarémonos na súa obra de creación puramente literaria.
Mérimée
é considerado un romántico heterodoxo pola súa clara tendencia ao realismo e a
desdramatización.
Cando
iniciou a súa carreira, arredor dos vinte anos, amosou inclinación por crear
textos apócrifos. De feito, traduciu os poemas atribuídos a Ossian e creados por
MacPherson, e así as súas primeiras obras, o Teatro de Clara Gazul e A
Guzla, son mostra do seu gusto polos xogos literarios. A primeira é a
suposta creación dunha actriz e dramaturga española, nada menos que descendente
do mouro Gazul dos romances mouriscos, traducida por un tal Joseph L’Estrange.
A segunda é supostamente unha colección de poemas tradicionais dos países da
antiga Iugoeslavia recollidos por un tal Hyacinhthe Maglanovitch.
O
Teatro de Clara Gazul, mostra de
atrevemento romántico, está finalmente formada por oito obras de variada
extensión. “Os españois en Dinamarca” é unha comedia en tres actos onde se
presentan moi positivamente, sen nada de chauvinismo, dous heroes da Guerra da
Independencia, o Marqués de la Romana e Porlier. “Unha muller é un demo”, “Ceo
e inferno”, “A ocasión” e “A carroza do Santo Sacramento” están unidas, pese a
seren escritas en distintos anos, pola súa crítica á Igrexa. Como liberal,
Mérimée amosa os membros da Inquisición de forma moi crítica e negativa nas
dúas primeiras; nas dúas últimas, situadas na América española, presenta,
respectivamente, un sacerdote que seduce unha moza educada nun convento e causa
tanto a súa morte como a dunha compañeira, e un bispo mundano que acepta o
agasallo dunha carroza realizado pola amante do virrei coa escusa de que sirva
para transportar o sacramento da extremaunción. A primeira é talvez a máis acertada
desde un punto de vista psicolóxico e a segunda baséase nunha lenda ou anécdota
histórica. “O amor africano” semella baseada nun romance mourisco que trata
sobre o amor e a amizade, mais destacando os costumes crueis e apaixonados
atribuídos aos árabes. “Inés Mendo e o prexuízo vencido” e “Inés Mendo e o
triunfo do prexuízo” son, como se ve, dramas complementarios, moi influídos polo
teatro español do Século de Ouro. Cabe destacar que Inés Mendo é unha moza
galega, filla dun labrego, condenado pola lei a ser verdugo, que é pretendida por un mozo da máis alta nobreza, con quen casa. Tras
o matrimonio, é obxecto da burla dos vasalos do seu marido, quen nalgún momento
se arrepinte de ter casado con ela e acompaña unha antiga amante na loita pola
independencia de Portugal en 1640.
A obra remata de maneira tráxica, pero o autor rompe o
patetismo cunha breve intervención humorística final.
Ademais
destas pezas, Mérimée escribiu baixo o seu nome dramas breves como “Os
descontentos” ou “A familia Carvajal”. A primeira trátase dunha sátira dos
nobres franceses contrarios a Napoleón I mentres non reciben os seus favores e
a segunda, como “A carroza do Santo Sacramento”, inspírase nunha anécdota
histórica acontecida en América.
Ao
tempo que escribía estas obras, Mérimée, ao igual que outros membros do seu
grupo, entre os cales se contaba Victor Hugo, intentou imitar a Walter Scott na
creación de novelas históricas. A máis memorable é Crónica do reinado de Carlos IX –tamén coñecida co título de O hugonote-, baseada na matanza de San
Bartolomé, do ano 1572, en que pereceron uns 60000 protestantes franceses. A
carón do rei, a súa nai Catalina de Médicis, Coligny e outros personaxes
históricos, aparecen dous irmáns que combaten en exércitos opostos. Un deles –o
máis nobre e representante das ideas do autor, contrario ao uso da relixión
para fomentar unha guerra civil- é ferido de morte a causa dunha orde dada polo
outro. Mérimée procura ofrecer a súa visión do acontecemento histórico
envolvéndoa nunha novela de aventuras. Outra obra significativa é A Jacquerie, novela dramática en que
reflicte un célebre levantamento popular da época medieval.
Todas estas creacións son obras de
mocidade. Sendo meritorias e enxeñosas, están lonxe do mérito artístico dos
contos e novelas breves do noso autor. Neles practicamente todo o que di ten
interese, nunca aburre. Mestura trazos humorísticos de gran modernidade –o seu
sentido do humor non acusa o paso do tempo, nin se perde na tradución- con
aspectos realistas ou misteriosos. Dá a impresión de que pode dominar todas as
variantes do relato, desde a realista ata a marabillosa, pasando pola fantástica.
Nótase que, como Bécquer, se atopa nun período posromántico: interésanlle as
lendas populares, as baladas ou romances, os lugares exóticos, de xeito que
moitos dos seus relatos están ambientados fóra da Francia continental -en
España, Córsega, Lituania, Alxeria, Senegal… A narración resulta áxil, a
descrición é selectiva, o diálogo parece crible e representativo e incluso as
divagacións teñen simpatía e interese.
As narracións máis famosas poderían
dividirse en tres grupos: as que presentan o mundo parisino de xeito realista;
as que, sendo realistas, procuran un ambiente exótico e, en terceiro lugar, as
que amosan aspectos fantásticos e caen ao final dentro do realismo ou dentro do
marabilloso.
Ao primeiro grupo pertencen “O dobre
erro”, “O xerrón etrusco”, “Arsenie Guillot”, “O abate Aubain”, “A partida de
trictrac” ou “O cuarto azul”. Na primeira narración –que ten incluído un conto
de ambiente exótico-, a protagonista morre a consecuencia de manter unha breve
relación adúltera cun home co que, no seu día, puido casar e, deste modo,
resáltase a cruel diferenza que a alta sociedade parisina establece entre o
adulterio masculino e o feminino; en “O xerrón etrusco”, unha relación amorosa
remata de xeito tráxico para os amantes a consecuencia dos celos, a
desconfianza e os prexuízos do home, Auguste Saint-Clair, en quen varios
críticos, comezando por Taine, ven trazos do autor. “Arsenie Guillot” amosa a
relación de dúas mulleres de condición social e mentalidade opostas namoradas
do mesmo home.
“O abate Aubain” é unha clara mostra do humor de Mérimée, quen
trata sobre o engano dun solerte sacerdote, quen se fai pasar por namorado para
conseguir dunha nobre parisina arruinada pero influínte unha boa parroquia. “A
partida de trictrac” presenta, ademais do mundo das “cortesás”, o dos
militares, destacando a figura dun deles, que, amargado por cometer un acto que
considera deshonroso, busca a morte. “O cuarto azul” é simplemente unha
anécdota humorística acontecida a dous amantes.
Ao segundo grupo pertencen, por
exemplo, “A Perla de Toledo”, “Carmen”, “Mateo Falcone”, “Colomba”, “Djoumane”,
“A toma do reduto” ou “Tamango”. “A Perla de Toledo”, que tamén parece
inspirarse nos romances mouriscos e presenta o mundo cabaleiresco de modo
semellante ao de Washington Irving, conta o castigo sufrido por unha muller
fermosa cobizada por un nobre granadino. “Carmen”, popularizada pola ópera de
Bizet que esaxera os seus trazos, é talvez a súa obra máis lembrada. Criticada
como exemplo de “españolada”, louvada como mostra dun carácter feminino
independente e anticonvencional, é o enfrontamento de dúas mentalidades
representadas por Carmen e o seu amante, José Lizarrabengoa, que remata de
xeito tráxico. Curiosamente, a última parte do relato é unha divagación sobre a
vida e costumes dos xitanos.
“Mateo Falcone” introdúcenos no apaixonado mundo
corso por medio dun personaxe que mata o seu propio fillo, de doce anos, por
ter delatado a un perseguido pola xustiza. “Colomba”, a súa narración máis
extensa, profundiza nese ambiente por medio dunha historia de vinganzas
familiares. A protagonista encarna ao xeito romántico o carácter duro, leal e
cruel das xentes da illa. “A toma do reduto”, situada en Rusia durante a
invasión napoleónica, lembra unha de tantas escenas heroicas e cruentas da
guerra. “Djoumane” é outra historia de soldados, esta vez localizados en
Alxeria ou Marrocos nun período posterior. Por último, “Tamango” é un alegato
contra o escravismo; o protagonista, de carácter salvaxe e impetuoso, remata en
Xamaica despois dunha aventura terrible na súa viaxe polo Océano Atlántico.
Ao terceiro grupo, pese ás súas
diferenzas, poden pertencer “Visión de Carlos XI”, “A Venus de Ille”, “As
ánimas do Purgatorio”, “Lokis”, “A rúa da señora Lucrecia” e “Federigo”. O
primeiro conto, ao parecer recollido pola historia, baséase na visión que o rei
Carlos XI de Suecia tivo dun feito que acontecería varias xeracións máis tarde. “A Venus
de Ille”, considerado polo autor o seu mellor relato, sitúase no Rosellón, a
provincia catalá pertencente a Francia, onde o descubrimento dunha estatua
romana da deusa Venus conduce a unha desgraza familiar. “As ánimas do
Purgatorio” é a súa contribución persoal ao mito de Don Juan; converte a Diego
de Mañara, o nobre sevillano que, tras levar unha vida inmoral, se transformou
nun santo e fixo gravar na súa tumba o epitafio “o peor home do mundo”, en don
Juan de Mañara, o conquistador sen escrúpulos que, tras ver en vida a visión do
seu enterro, decide cambiar radicalmente de vida.
“Lokis”, ambientado en Lituania,
é a historia dun home-oso, con trazos semellantes aos dos lobishomes ou os
vampiros. “A rúa da señora Lucrecia”, que ten un final plenamente realista e
supón unha sátira da influencia negativa da Igrexa, fai pensar ao lector
durante a lectura que está ante a reencarnación da fermosa, cruel e desgraciada
Lucrecia Borgia. “Federigo” inspírase seguramente nun conto popular italiano no
cal o protagonista, fiel representante da astucia, engana a Plutón, a morte e o
mesmo San Pedro para disfrutar da vida e acadar o Paraíso.
Tras ler estas obras, pódese considerar
unha mágoa que Mérimée fose abandonando progresivamente a súa actividade
creadora polos labores do erudito e o investigador. Garda similitudes con
moitos autores por distintos motivos e talvez a súa influencia foi maior do que
se cre. Na súa plasmación de España, pode relacionarse con Washington Irving,
George Borrow, Alexandre Dumas, Théophile Gautier...; os seus relatos
fantásticos posiblemente inspiraron a Henry James; no tratamento do home-oso e
o vampirismo –presente en A Guzla-
pode relacionarse con Polidori, Byron, Dumas, Le Fanu, Stoker...; no tema do
Don Juan, con Tirso, Zamora, Molière, Mozart, Byron, Espronceda –El estudiante de Salamanca-,
Zorrilla...; na presentación de anécdotas crueis nun ambiente exótico incluso
pode relacionarse con Borges. Dentro da literatura galega, quizais o autor con
quen garda máis afinidade é Ánxel Fole.
Na nosa biblioteca podedes atopar
traducións dalgunha das súas obras máis coñecidas. Como case sempre, na rede encóntranse
desde versións dos seus libros en varios idiomas ata breves reseñas da súa vida
e obra.