01 decembro 2020

AUTOR DO MES. DECEMBRO. JOËL DICKER


O AUTOR DO MES

DECEMBRO

 


JOËL DICKER

 

        Este autor, que, polos títulos das súas obras, podería parecer estadounidense, é suízo e escribe en francés. Naceu en Xenebra en 1985, fillo dun profesor de lingua e literatura e dunha libreira e bibliotecaria. Dende moi neno amosou interese pola escritura. Para comezar a ser coñecido, houbo de gañar varios premios literarios. Cursou algún ano de arte dramática, mais licenciouse en Dereito, aínda que sempre tivo en mente ser escritor.

 

        Ata o momento, publicou seis obras: O tigre, Os últimos días dos nosos pais, A verdade sobre o caso Harry Quebert, O libro dos Baltimore, A desaparición de Stephanie Mailer e O enigma da habitación 622.

       

        En diferentes entrevistas, o autor ten declarado que a literatura serve para que nos comprendamos e reconciliemos con nós mesmos e para vivir posibilidades rexeitadas ou distantes, e que el procura sempre que o lector goce da lectura. A miúdo introduce reflexións sobre a arte de escribir e mestura humor e suspense. O crime aparece con frecuencia nas súas novelas, pero el di que non é o elemento esencial delas, senón un medio de relacionar diversos personaxes que atraen a atención do lector.

        Entre as súas múltiples influencias, recoñece a súa débeda con outro escritor suízo, Felix Dürrenmatt, e autores tan diferentes como García Márquez, Phillip Roth, Paul Auster ou Roman Gary.

 

        O tigre (Le Tigre), a súa primeira obra, escrita antes dos vinte anos, é un conto ambientado en Siberia no ano 1903. Un mozo inexperto  e ambicioso, Ivan Levovitch, persegue a caza dun tigre asasino. A persecución remata coa identificación de ambos, de xeito que hai un momento en que non se sabe quen é máis feroz, como, en certo modo, sucede en Moby Dick; mais a obra de Dicker é un relato sobre o paso da adolescencia á madurez. O protagonista supera a proba da valentía, pero non a da bondade, que subordina á cobiza inmoral, e por iso fracasa. A narración pode facernos lembrar por distintos aspectos –a aventura, a proba de valor, a traxedia- certos contos de Jack London, aínda que o relato da caza do tigre ten tan variados antecedentes como Kipling ou Eça de Queirós.

       

        Os últimos días dos nosos pais (Les Derniers Jours de Nos Pères) sitúase na época da Segunda Guerra Mundial, de modo que recolle algúns dos seus episodios: o desembarco de Normandía, o atentado contra Hitler, os campos de concentración, os bombardeos de cidades, a loita da Resistencia francesa, a liberación de París... Precisamente xira arredor da creación do S.O.E., un servizo de espionaxe inglés creado entón, no que participaron algúns mozos que tiveron que actuar, sobre todo, en Francia. Entre eles destaca Paul-Émile, que fracasa polo amor ao seu pai e o temor a que sufra ou morra. Ao seu carón, Laura, o gordo Alain, Faron, Claude..., personaxes que teñen individualidade e interese. De feito, algúns, como Alain, que representa o amor platónico e a xenerosidade, van adquirindo protagonismo conforme avanza a obra. Como en certas películas sobre a guerra, destácanse dúas etapas: a instrución e a actividade real. Pódese considerar como novela de aventuras, de espías, de formación, de guerra, de amor... Presenta aspectos un tanto inverosímiles, folletinescos e posmodernos. Mestúrase o humor e a traxedia; incluso hai personaxes traxicómicos, como o pai de Paul-Émile. Por este a outros aspectos, lémbranos obras de autores como Pierre Lemaître, que xa temos comentado; por exemplo, Vémonos alá arriba ou As cores do incendio. Baseándose na guerra, Dicker procura tratar asuntos serios. Sinala que a guerra esperta o odio das persoas e, cando este se desencadea, o home cae na brutalidade e abandona o seu sentido moral, de xeito que, tras o conflito, os combatentes teñen a sensación de que deben facerse perdoar o mal cometido. Algunhas veces prodúcese a alienación antes de que o enfrontamento acabe, tal é o caso de Philippe ou o espía nazi Kunszer. Talvez temas tan profundos non estean totalmente desenvolvidos, senón simplemente esbozados. Tampouco se pretende facer un tratado moral, senón fomentar os sentimentos positivos como a fraternidade, a xenerosidade e a solidariedade. Hai unha reflexión ambigua sobre as relacións paterno-filiais: por unha parte, parece dicirse que os fillos deben independizarse dos proxenitores para madurar, que a morte destes é lei de vida e que é antinatural sacrificarlles o futuro; pero logo os sentimentos opóñense a estas ideas.

 

        A verdade sobre o caso Harry Quebert (La Verité sur l’Affaire Harry Quebert) supón un claro avance na madurez do novelista. Trátase dunha obra complexa e innovadora tanto pola súa estrutura como pola maneira de introducir a novela dentro da novela e as súas reflexións metaliterarias. Prodúcense continuos saltos temporais entre tres épocas básicamente: 1975 –cando son asasinados Nola, Deborah e Luther-, 1998 –cando se coñecen Marcus Goldman e Harry Quebert- e 2008 –cando o descubrimento do cadáver de Nola pon en marcha o escándalo e a investigación. Sitúase en Aurora, unha vila de New Hampshire, estado cuxa divisa é “Vivir libre ou morrer”; isto é, nun ambiente puramente norteamericano, o cal nos fai lembrar novelas de Paul Auster ou John Irving. Fixándose en diversos personaxes, trátanse temas moi variados, como o amor entre un adulto e unha menor, a violencia gratuíta, a arte, a liberdade, a loucura, a fe relixiosa, a fina liña que ás veces separa a mentira da verdade e a dificultade de descubrir esta. O primeiro tema ten como claro precedente a Lolita de Nabokov, aínda que aquí é tratado de xeito distinto.

        Ao longo da obra vanse introducindo consellos para escribir unha novela que, en gran medida, son aproveitados nesta. Harry aconsella a Marcus, nunha relación entre profesor e alumno, un alumno que remata superando e perdoando ao seu mestre. Nun xogo hábil, o mundo novelesco aproxímase á realidade ao introducir a ficción dentro da ficción. Nunha volta máis de torniqueta, o resultado final é presentado como unha corrección dunha obra anterior de Marcus Goldman que, en certo modo, está incluída dentro da corrección.

        Como é característico do autor, mestúranse os aspectos tráxicos e os humorísticos, os narradores, as épocas; sorpréndese ao lector con novos datos que desmontan as súas suposicións ata o inagardado xiro final, e quedan flotando unha serie de ideas: que o amor debe estar por riba de todo, que a vida é unha longa caída na que hai que procurar caer ben, que a literatura ten escaso poder para cambiar o mundo, pero pode ser unha especie de refuxio ante a dolorosa ou fea realidade.

 

        O libro dos Baltimore (Le Livre des Baltimore) atópase, en parte, relacionada co libro anterior, co que comparte protagonista, o escritor Marcus Goldman. Por suposto, sitúase nos Estados Unidos e nótase a influencia de Auster ou Irving; tamén é unha reflexión sobre a literatura, pero en menor medida. Trátase dunha historia familiar narrada de xeito menos innovador, e talvez por iso resulte máis coherente e verosímil, aínda presentando aspectos un tanto difíciles de crer. Seguindo os avatares de diversos personaxes que non carecen de atractivo, mestúrase humor e traxedia para tratar temas como o amor, a amizade e a lealdade. A historia de amor de Marcus e Alexandra queda un tanto eclipsada polas tristes experiencias de Scott, Hillel, Woody, Anita ou Saul, lembradas con ternura, melancolía e compaixón. En fin, trátase dunha obra que non desmerece da anterior.

 

        A desaparición de Stephanie Mailer (La disparition de Stephanie Mailer) paréceme, en cambio, un paso atrás, como se o autor tentase aproveitar, corrixíndoa, unha das cinco novelas que, segundo lembra nalgunha entrevista, escribiu cando se atopaba na universidade, pois semella menos madura que as anteriores e revela certas incoherencias e defectos de construción. Sitúase de novo nos Estados Unidos; en concreto noutra vila de New England, Orphea, onde acontecen unha serie de crimes. Varios personaxes, ás veces caricaturescos, comparten o protagonismo. Outra vez procúrase esclarecer o acontecido tempo atrás e a investigación conduce a novos crimes e a espertar “as pantasmas do pasado”. Homenaxéase dalgún modo a clásicos da novela de serie negra como Chandler ou Highsmith –incluso copiando a historia do acordo de dous individuos para matar a persoas que non teñen relación directa con eles, senón co seu colaborador, como sucede en Estraños nun tren, ou presentando un individuo que comete un crime, que permanece oculto, e saca proveito del, como sucede na serie de novelas dedicada a Ripley. Ademais da habitual visión satírica do mundo editorial, enfócanse aspectos da realidade como a violencia policial, a prostitución, o narcotráfico, a chantaxe, o acoso por motivos de opción sexual...

 

        O enigma da habitación 622 (L´Énigme de la Chambre 622) é, polo momento, a súa última obra e a máis humorística. Abandona a ambientación americana para situarse fundamentalmente na súa cidade natal, Xenebra, á que xa aludira en Os últimos días dos nosos pais. Utilizando a técnica que lle resulta cómoda e, a xulgar polos lectores que o seguen, efectiva, mestura narradores, épocas, lugares; dosifica información para producir unha sorpresa continua; non dubida en ofrecer pistas falsas nunha especie de xogo que pode producir hilaridade nun lector cómplice. A verosimilitude é o de menos para o autor, que crea personaxes simpáticos e un tanto disparatados. O propio Dicker introdúcese no relato –lembrándonos nas entrevistas que non é exactamente el- para escribir unha novela dentro da novela e desfacer ao final a ilusión creada.

        Hai un asasinato, pero non se sabe quen é o morto ata ben entrada a obra. É unha morte, acompañada doutras, á que se lle quita dramatismo, porque os personaxes son claramente de ficción, aínda que se parecen aos do mundo real, pois perseguen o amor, os cartos, o poder... no ambiente da banca suíza, nada menos. Nesta especie de parodia de novela de misterio, hai incluso unha versión degradada de Orgullo e prexuízo, na busca de marido para as súas fillas por parte dunha nai arruinada e pretensiosa, ou unha versión burlesca do mito de Fausto, cando o protagonista, chegando a un acordo con quen cre un ser demoníaco, sacrifica parte da súa fortuna para conseguir casar coa muller que ama.

        Dicker declara na mesma obra que desexa homenaxear ao seu editor, Bernard de Fallois, morto recentemente, a quen lembra con agarimo.

 

        Na nosa biblioteca, pódese atopar O libro dos Baltimore, un bo exemplo da obra deste interesante autor.