MAIO
XOSÉ LUÍS MÉNDEZ
FERRÍN
Méndez
Ferrín naceu en 1938 na vila de Ourense no seo dunha familia ilustrada. Pasou a
infancia na súa cidade natal, Vilanova dos Infantes (Celanova) e Pontevedra,
onde estudou o bacharelato. Na adolescencia estableceuse coa súa familia en
Vigo e comezou os estudos universitarios en Santiago, de onde se trasladou a
Madrid a fin de licenciarse en Filoloxía Románica. Polo seu carácter rebelde e
inconformista, tivo unha serie de problemas a consecuencia dos cales residiu durante un tempo en Oxford. Tras licenciarse, traballou un par de anos no colexio Fingoi,
dirixido por Carvalho Calero, e, unha vez aprobadas as oposicións, instalouse
en Vigo como catedrático de Lingua e Literatura Castelás. Polo seu compromiso
político nacionalista e marxista, estivo preso durante varios períodos en
diversos cárceres. Foi un dos fundadores da UPG e vinculouse, entre outros
partidos, organizacións e sindicatos, a Galicia Ceibe, a CIG ou a Fronte
Popular Galega. Casou dúas veces, con María Xosé Queizán e con Moncha Fuentes,
e ten tres fillos: Cristal, Roi e Oriana. Como escritor, recibiu diversos
premios, foi proposto para o Premio Nobel e dirixiu durante un período a Real
Academia Galega.
Aínda
que non é un escritor especialmente fecundo –durante anos esqueceu a creación
literaria para dedicarse á actividade política-, xa ten tras si unha obra
extensa que abrangue os distintos xéneros.
O
máis secundario da súa produción literaria é o teatro, xénero no cal o máis
memorable é a comedia Celtas sen filtro,
creada en colaboración co grupo Artello,
en que imaxina a descuberta dunha gran bulsa de petróleo baixo a catedral de
Santiago.
Máis
importantes, aínda que lamentablemente escasos, son os seus libros de crítica
literaria. O Cancioneiro de Pero Meogo
e De Pondal a Novoneyra son dúas obras admirables. Na primeira edita e estuda a obra do poeta medieval e na
segunda traza a evolución da poesía galega ao longo do século XX ata deterse na
súa propia xeración, á que denomina Xeración das Festas Minervais. De forma
sintética, precisa e ás veces un tanto subxectiva, ofrece o panorama da nosa
lírica, en especial na posguerra.
Moi
abundante é a súa creación periodística, que comezou na adolescencia e continúa
na actualidade, tanto no Faro de Vigo
como en distintas revistas, en especial, A
Trabe de Ouro, que el dirixe. Nos seus artigos revela unha gran cultura que
aplica a temas variadísimos, unha cultura que tamén manifesta nas súas guías de
Celanova ou Vigo.
Mais, ante todo, Ferrín é coñecido como
narrador e poeta. A obra narrativa divídese en coleccións de relatos e novelas.
Dentro do xénero breve ten publicado ata o momento, deixando a unha banda as
antoloxías, seis obras: Percival e outras historias, O crepúsculo e as
formigas, Elipsis e outras sombras, Crónica de nós , Amor de Artur e
Arraianos.
Ferrín foi un dos membros da coñecida
como Nova Narrativa, un fato de autores que aparecen nos anos cincuenta co
desexo de renovar a literatura galega. Débese lembrar que adoitan ser autores de
longa creatividade e só se inclúen dentro desta tendencia as obras que crearon
durante uns vinte anos, entre 1954 e 1975, aproximadamente. Como defendeu no
seu día María Xosé Queizán, as súas características temáticas amosan unha
visión pesimista da existencia, pois nos seus relatos tratan reiteradamente a
morte, a loucura, a soidade, o amor frustrado, a violencia, a marxinación...
Afondan na psicoloxía do personaxe e, influídos pola psicanálise freudiana,
indagan no complexo de Edipo e buscan na infancia e os soños as raíces da
alienación. Con moita frecuencia plasman ambientes fantasmagóricos, situados en
lugares de nomes exóticos, imaxinarios (Tains, por exemplo) ou imprecisos (o
"arrabaldo do Norte" de Ferrín). Normalmente prefiren os escenarios
urbanos relacionados coa súa biografía: Compostela, Vigo, Ourense... Os tempos
tamén poden ser indefinidos e con moita frecuencia estes autores recorren á
retrospección temporal ou, para dicilo á maneira cinematográfica, ao
"flash back". Por veces plasman sinxelamente o que sucede un día
normal (Como calquera outro día),
para amosar a monotonía e o baleiro da vida humana. Gustan da narración en
primeira persoa a modo de diarios, cartas... e, imitando a Faulkner ou Kafka,
presentan con algunha frecuencia o testemuño dunha persoa tola ou que se
enfronta a acontecementos incribles con total naturalidade. A súa linguaxe
adoita ser coloquial e mesmo vulgar, pero inclúe cultismos que revelan a
formación universitaria dos autores. É común afirmar que a Nova Narrativa
supuxo unha tentativa de renovar a narrativa galega adoptando os procedementos
empregados polos renovadores da novela de principios de século (James Joyce,
William Faulkner e Franz Kafka, sobre todo), rexeitando o sentimentalismo e o
costumismo, plasmando un mundo urbano... Aínda que ás veces parecen fuxir da
realidade social do seu tempo, pode observarse nos seus relatos unha visión
crítica da mesma.
O caso é
que Ferrín dende o primeiro libro amosou afección ás mitoloxías céltica e
grecolatina, de modo que, seguindo a Cabanillas ou Cunqueiro, tratou a materia
de Bretaña, que coñece detidamente. Interesouse, como os seus colegas, polos
temas da alucinación e a loucura, reflectindo mundos oníricos ou absurdos, pero
introduciu nas nosas letras, así mesmo, mundos tan diversos como a entomoloxía
e o rock. Cultivou tanto o relato histórico como o de anticipación. Aínda que o
amor, tratado de moi diversas maneiras, aparece a miúdo, quizais a temática
máis frecuente na súa obra narrativa breve sexa a político-social, case sempre
presente como pano de fondo. Prestou atención á historia contemporánea de
Galicia, en especial ao século XX. Reflectiu criticamente a época da Guerra
Civil e a ditadura do xeneral Franco, e fixouse nos asasinatos fascistas, nas
loitas do galeguismo, na endémica emigración, no caciquismo, nas protestas
estudantís, na problemática dos presos políticos... Trátase así, pois, dunha
obra comprometida politicamente, de ideoloxía marxista, aínda que o autor
considera que o principal compromiso do escritor é o que mantén coa propia
literatura.
Probablemente por ese motivo a súa
obra é innovadora en técnica e estilo. Influído polos renovadores da novela do
século XX, ten utilizado gran variedade de puntos de vista. Sitúa os seus
relatos en espazos moi diversos, tanto fantásticos como reais, tanto próximos
como remotos, chegando a crear un espazo propio cargado de ambigüidade: Tagen
Ata, A Nosa Terra, Terra Ancha... Xoga libremente cos tempos: indaga en épocas
históricas e busca anacronías sorprendentes. Algunha vez procura representar a
idea dun tempo circular, do eterno retorno. Nun período de forte censura,
utilizou o relato de anticipación para criticar as sociedades totalitarias e,
en particular, a España franquista. O seu estilo foi evolucionando cara a unha
progresiva complicación; dende un estilo que reflectía incluso a lingua máis
vulgar e coloquial ata unha lingua elaborada e mesmo poética. Nos seus mellores
momentos, convértese nun gran estilista pola musicalidade da prosa, a
brillantez das imaxes e a riqueza de vocabulario.
En Percival e outras historias, escrito cando era case un rapaz, xa
atopamos a mestura de inquietude sociopolítica e fantasía –ligada a miúdo a
antigas lendas- que caracteriza a súa obra. En “O dique de area” fala da
revolución que remata en fracaso da nación de Nijmenk –o país do río Menk-
liderada por Lao Rismy, unha revolución que parece realizada en tempos
diversos; en “Philoctetes”, dun preso político que recorre á fantasía para
evadirse; en “O asasino”, da vinganza exercida sobre un fascista; en “O
verdugo”, do castigo que infrinxe un ditador a un servidor fiel para contentar
aos seus opositores. Por outra banda, en “Percival” crúzase a realidade actual
co vello mito de maneira un tanto absurda; en “Nhadron” atopamos unha metamorfose;
en “Lorelai”, un conto de fadas moderno; en “Grieih”, un canto á amizade nunha
forma próxima á fábula; en “Mantis relixiosa”, en fin, un caso estraño que pode
ser interpretado como un salto ou un retroceso incrible na evolución animal ou,
simplemente, como un exemplo de loucura. Ademais, inclúe relatos ideolóxicos,
como “O templo”, manifestación de ateísmo, ou “Tríafo e o vento”, declaración
de liberdade; e contos que anuncian o seguinte libro, caracterizados pola
alienación, a angustia, o absurdo ou a violencia: “A cancela”, “O crime do
chalet vermello” e “Os ollos de Kelma”.
O crepúsculo e as formigas é un libro máis
realista e sombrío, pois case sempre se atopa unha morte. Algúns contos
aproxímanse á serie negra; tal é o caso de “Os homes e a noite” ou “Ramil,
Ramil, vas morrer, Ramil”; outros ao neorrealismo, como o espléndido, dentro da
súa sinxeleza, “A cabeza fendida”. Os máis significativos presentan casos de
loucura, ás veces narrados de forma dramática polo propio paciente: “Dúas cartas
a Lou” –que anticipa o argumento de Arrabaldo
do norte-, “Diario”, “Unha chinche durme no teito” ou “O cadro asasinado”.
“A casa azul”, escrito en homenaxe a Samuel Beckett, é unha mostra, como o
relato anterior, de literatura do absurdo e unha crítica do machismo. Por
último, “O Suso” é un exemplo paradigmático de conto fantástico, aberto a
varias interpretacións –entre elas, que se trata dun relato de fantasmas.
Elipsis e outras sombras iníciase cun par de
“avisos” mediante os cales o autor afirma que a súa literatura, “nostálxica e
materialista”, apunta a un futuro libre e revolucionario, e os oito relatos que
compoñen o libro responden a esa idea, pois practicamente todos tratan o tema
político. Uns relaciónanse dun xeito un tanto desfigurado coa Guerra Civil,
presentando o proceso de formación dun asasino fascista –“Prólogo”-, a súa
crueldade amoral que atopa por fin castigo –“Elipsis”- ou o intento fracasado
dun acto de sabotaxe –“Explosión”-. Outros, quizais os máis memorables
–“Partisán
Crónica de nós vén sendo o repaso literario dalgúns momentos da historia de Galicia ao
longo dos séculos XIX e XX, tendo en mente o autor, en ocasións, a figura ou a
obra literaria de autores da Xeración Nós como Risco ou Otero Pedraio. Por orde
cronolóxica, o primeiro sería “Xeque-mate”, ambientado no Ourense romántico
para narrar o éxito dun Don Xoán e o suicidio do marido burlado. Logo
atoparíase “Licor-café”, situado entre o final do XIX e o principio do XX, onde
de novo aparece a vitoria dun tenorio, mais nun ambiente rural sórdido e
lúgubre presentado de tres maneiras distintas. “Sibila” e “Morrer en Laura”, os
relatos máis fantásticos do libro, presentan Galicia pouco antes e pouco
despois da Guerra Civil, aínda que, no segundo, Abelardo Cuevas, falanxista,
ten amores con Laura, moza galeguista que vive nos setenta e leva unha dobre
existencia por medio dos seus soños. “Episodio de caza” sitúase na mesma época para
presentar o galeguista que, aceptando o réxime da posguerra, soña con cometer o
atentado que nin en soños é capaz de realizar con éxito. “Animal”, situado en
Oxford, talvez por razón da censura, mostra a alienación dun individuo que
desexa autodestruírse tras sufrir tortura. “Odiado Amado” é unha sátira do
galeguista que acepta a democracia de “Terra Ancha” e traizoa o movemento
nacionalista revolucionario. Por último, “Ditadura das cousas” é o mesmo relato
que no libro anterior se titula “Epílogo”.
Amor de Artur regresa, en gran medida, aos
mundos da fantasía. O relato que dá título ao libro, gabado por Torrente
Ballester, escrito nunha preciosa prosa poética, aínda modificando a orixe de
Galaad, é a súa contribución máis fiel á Materia de Bretaña e unha
interpretación orixinal do adulterio de Xenebra e Lanzarote. “Familia de
agrimensores” é un relato de fantasmas á maneira de Henry James coa
personalidade dos contos de Ferrín. “Calidade e dureza” recupera unha personaxe
doutras obras do autor, Els Bri, para presentar ao xeito borgiano a vida e a
obra de Seida Sokoara, escritor dun país inventado co que a estudosa cre manter
unha relación que supera o tempo e a realidade concreta de cada día. En “Fría
Hortensia” nárranse dúas historias: o triste namoramento adolescente do
protagonista e a guerra mítica mantida entre A Nosa Terra e Tagen Ata relatada
por Fría Hortensia, vella sabia de poderes extraordinarios. “Extinción de
contactos” é o conto máis realista; situado en Nova York, trata sobre a morte
por sobredose dunha estrela do rock e o suicidio da súa amante e asistente.
Arraianos céntrase na vida dunha bisbarra de
forte carácter, o Couto Mixto, situada entre Galicia e Portugal,
que ata o século XIX tivo entidade propia. Uns sitúanse nese século, como “O
exclaustrado de Diabelle”, relato histórico sobre un inimigo do liberalismo
español que desexa que o Couto Mixto manteña certa independencia dentro dunha
monarquía federal portuguesa, “O castelo das poulas”, historia de celos nunha
fortaleza dominada polo exército español, ou “Quinta velha do Arranhâo”,
historia romántica de fantasmas e amores desgrazados. Outros sitúanse no século
XX, na época da Guerra Civil, para presentar de novo a crueldade dos asasinos
falanxistas –“Botas de elástico”, “Eles”-, o mundo dos guerrilleiros, por medio
dun representante demasiado soñador –“O militante Fantasía”-, ou anécdotas
situadas entre a realidade e a fantasía. Neste terreo caen “Medias azuis”,
historia de meigas, “Lobosandaus”, relato epistolar de misteriosos suicidios de
persoas que semellan posuídas polo espírito dun defunto, ou “Adosinda
horrorizada”, mostra de escritura automática onde, ironicamente, cabe incluso a
posesión demoníaca. “Liño” é unha triste e anticonvencional historia de amor.
Ata o
momento publicou seis novelas: Arrabaldo
do norte, Retorno a Tagen Ata, Antón e os inocentes, Arnoia, Arnoia, Bretaña, Esmeraldina e No
ventre do silencio.
Arrabaldo do norte responde fielmente aos principios
da Nova Narrativa. O misterio e o absurdo da falta de acción aproxímana ao simbolismo kafkiano. Un
individuo do cal non se di nunca o nome chega dende o sur buscando algo do que
non é consciente. Establece relación con algúns personaxes –o doutor Kleines,
Natalia Olsen- e acaba enfrontándose con penosas consecuencias a Ponte, un
individuo estraño que convive cunha vella nunha casoupa. A novela posúe unha
estrutura meditada, cun prólogo e un epílogo narrados por Ponte e catro
capítulos intermedios narrados en terceira persoa. Presenta unha atmosfera
onírica e inquietante, ao situarse nunha cidade labiríntica, de rúas estreitas
e múltiples prazas por onde nunca pasa ninguén. Ese mundo sórdido e neboento
reflicte a confusión vital dos personaxes, como noutras obras do autor.
Retorno a Tagen Ata é un relato longo ou novela breve do
cal se ten dito que representa, baixo disfraces
exóticos, o nacemento dun novo nacionalismo politicamente máis radical
có de posguerra, un nacionalismo que rompe co galeguismo culturalista
representado polo grupo Galaxia. Ferrín asegura que tanto pode aludir a Galicia
como a outras nacións subordinadas a un
Estado que, na súa opinión, as ten colonizadas. A protagonista, Rotbaf Luden, de
familia exiliada, chega a Tagen Ata, busca a Ulm Roan, líder do movemento
nacionalista, que a decepciona, e remata dirixíndose á Grande Fraga para unirse
a un grupo revolucionario.
Antón e os inocentes, moito máis extensa, é, en certo
modo, unha novela con estrutura de conto porque intenta sorprender ao final en
vez de ir preparando unha intriga minuciosamente. Como esta case non existe, o
sentido da obra por veces esváese. Pódese relacionar co relato de Cortázar
titulado "Las armas secretas". Baséase en dúas historias paralelas que
se conectan ao final da obra: as vivencias de Antón Carballo como lexionario
francés en Indochina e as relacións amorosas de dous adolescentes, Alberto e
Narda, en Vigo. Amósase a vida sociopolítica do século XX a través da familia
dos personaxes principais. Critícase a guerra de Indochina, a súa picaresca, o
seu horror e o seu caos. Así como se salta dun espazo a outro, o tempo trátase
anarquicamente e o narrador oscila entre unha terceira persoa omnisciente e
unha primeira persoa con monólogos interiores, pasando por case todas as
posibilidades intermedias. Tense dito que é a última obra ferriniana encadrable
dentro da Nova Narrativa.
Arnoia, Arnoia é un libro inspirado en narracións xuvenís. Trátase do relato das aventuras soñadas por un adolescente. O
protagonista, Nmógadah, desexa regresar ao seu lugar de orixe, a Casa Pequena
de Arnoia, coa axuda de elementos máxicos. Como Ulises, enfróntase no camiño a
unha sucesión de inimigos dos que sae vencedor: Hannak Oberzen (especie de
Polifemo), as Damas Mortas (especie de sereas), etc. Ferrín, como nel é habitual,
mestura feitos e espazos irreais con elementos culturais galegos e adopta
elementos históricos transformándoos. Nunha aventura aparentemente fantástica,
como a busca da trabe de ouro dos Grou, por exemplo, fai unha alegoría da sociedade
capitalista. Trátase, pois, dun relato con aspectos fantásticos narrado en primeira persoa
polo protagonista.
Bretaña, Esmeraldina continúa a liña innovadora de Antón e os inocentes. Por medio da
existencia de Amaury no cárcere, reflicte o mundo dos presos políticos, xa
tratado en varias obras de relatos, e o mundo da fantasía como medio de fuga
dunha realidade social e persoal alienante. Trátase da súa obra máis extensa.
No ventre do silencio tamén é innovadora, porque xoga bastante
libremente co narrador, o tempo e o estilo, e presenta un protagonista múltiple,
colectivo, no ambiente estudantil dos anos cincuenta en Santiago de Compostela.
Aparecen múltiples personaxes que cruzan os seus destinos no ventre do silencio
que é Compostela; personaxes que poden ser reais -por exemplo, o propio autor-,
ficticios –como a narradora principal, María Luísa, que oscila entre a
alucinación e a lucidez- ou en clave -como Maître Obscur, que fai lembrar a
Otero Pedraio-. Presenta incluso varios personaxes que aparecen en obras
anteriores: Berto, Narda, Abelardo Cuevas, Kelma... Reitéranse os temas
característicos de Ferrín: a loucura, a violencia, a morte, o amor, a soidade,
a ditadura, as loitas clandestinas. Lémbranse, así mesmo, os feitos terribles
da Guerra Civil, que naquela época aínda se sentían como algo vivo, pois podían
coincidir polas rúas os parentes das vítimas cos seus asasinos. Interésase por
múltiples grupos sociais: os estudantes, os intelectuais, as xentes do pobo, as
prostitutas..., de maneira que lembra dalgún xeito os ambientes urbanos
plasmados por Joyce, Cela ou Blanco-Amor.
Como poeta, é autor de
múltiples obras, entre as cales destacamos seis: Voce na néboa, Poesía
enteira de Heriberto Bens (previamente, Antoloxía popular), Con
pólvora e magnolias, O fin dun canto,
Estirpe e Contra Maquieiro.
Son
obras que varían máis formal que tematicamente, pois dende o primeiro momento
simultaneou a temática social coa intimista. Os seus asuntos fundamentais son: o paso do tempo, do que ofrece unha
visión dominada pola tristeza e ligada á nostalxia; a morte, tema moi típico dos autores dos anos cincuenta e sesenta,
dominados polo existencialismo de posguerra; a sociedade en que vive, da que ofrece, en xeral, unha visión amarga e desolada, unida
bastantes veces á esperanza posta na chegada dunha nova época; aspectos e personaxes da cultura universal,
en especial aqueles nos que pode atopar resonancias persoais ou
xeracionais; o amor, relacionado
coas múltiples facetas do erotismo e co seu oposto, o desamor; e, sobre todo, Galicia, o comunismo e o nacionalismo,
para o cal se inspira a miúdo en sucesos históricos, que non son enxergados
como algo morto, senón como algo vivo e actuante no presente. Nestes poemas,
por veces pode atoparse unha chamada á revolución. En moitos deles expresa o
seu ideal de unión entre os intelectuais e o proletariado de todos os países.
El
mesmo inclúese dentro da Xeración das Festas Minervais, da que reúne todos os
requisitos vitais, aínda que non segue fielmente a evolución poética típica,
pois só presenta algúns trazos da denominada Escola da Tebra (fusión de
existencialismo e surrealismo) e non caeu nas trivialidades do Realismo Social.
El é o principal representante da última tendencia do grupo: a renovación
culturalista que, aproveitando a estética das vangardas, abrangueu tanto a
temática sociopolítica como a intimista.
Voce na néboa é unha breve selección,
composta tan só por sete poemas, de toda a produción xuvenil do autor. Presenta
xa algúns dos trazos que caracterizarán a súa obra posterior: o intimismo
pesimista, a preocupación social, a complexa simboloxía, a tendencia cara á
poesía épica ou narrativa… En “Galicia” ofrece, como nel é habitual, unha
visión triste do seu pobo; en “Camiño de loita”, a súa tendencia ao canto épico;
en “Carta a unha muller futura” a ilusión dunha relación entre persoas de
distintas épocas; en “Oración ao pé do monte” unha preocupación relixiosa que
non terá cabida na súa obra posterior e quizais responda a certo “espírito de
época” típico da Escola da Tebra.
Poesía
enteira de Heriberto Bens, editada anteriormente de modo parcial co título
de Antoloxía popular, iníciase con
“Noticias de Heriberto Bens”, onde explica quen é este heterónimo e aproveita
para criticar actitudes, personaxes e poetas cos cales non concorda. De seguido
aparecen cinco seccións: “Cantos”, “Sonetos”, “Homes”, “Elexías nacionais” e
“Sirventés pola destrucción de Occitania”. Nas tres primeiras partes predominan
os versos e estrofas clásicas e nas dúas últimas, o verso libre, xeralmente
longo –salmodiante, adóitase dicir, polo seu parecido cos versículos das
oracións relixiosas-, ao que engade recursos da poesía narrativa céltica como
unha especie de anadiplose que vai unindo o final dun verso co inicio do
seguinte. En canto ao contido, pódese observar a visión pesimista de Galicia, a
crítica do Estado español, a homenaxe a heroes históricos –Roi Xordo, o líder
do primeiro levantamento irmandiño-, guerrilleiros antifranquistas –Ponte-,
vítimas da Guerra Civil –Alexandre Bóveda, os líderes mariñeiros perdidos no
Atlántico-, presos políticos e oficios populares –o oleiro-, xunto con chamadas
á revolución. O “Sirventés pola destrucción de Occitania”, publicado
previamente por separado, encerra unha crítica ao galeguismo cultural e, ao
tempo que homenaxea a literatura e a cultura occitanas medievais, chama á
rebelión e a liberación nacional rexeitando o papel histórico dos que Ferrín
considera países opresores, como Alemaña, Francia –implicitamente, España- ou
Estados Unidos.
Con pólvora e magnolias é o seu libro
poético máis influente e mellor estudado. Como sinalan Carmen Blanco e Claudio
Rodríguez Fer, o autor recolle múltiples influencias –célticas, medievais,
simbolistas, galegas e, sobre todo, vangardistas- para renovar a poesía galega.
Distinguen nel tres partes: os dezaseis primeiros poemas, os cinco que compoñen
“Triste Stephen” e, por último, “Reclamo a libertade pro meu pobo”, que fora editado
de xeito independente. Ferrín experimenta cos distintos tipos de verso libre –o
baseado na silva, o salmodiante, o beat, o de imaxes-, recorre ao collage, como
no “Sirventés”, ou aos procedementos da poesía épica para abordar tanto temas
intimistas –o amor, o desamor, a soidade, a saudade, a amizade, as relacións
ocasionais, o paso do tempo, a decadencia física, a morte...- como
sociopolíticos –a revolución, a liberación nacionalista de Galicia, o exemplo
de líderes marxistas, como Mao ou Ulrike Meinhof... Cunha linguaxe libérrima,
introduce nomes exóticos, estranxeirismos, alusións culturalistas... ata
identificarse ocasionalmente con personaxes tan variados como Safo, Janis
Joplin ou Stephen Dedalus, o personaxe joyciano co que xa se identificara Risco
no seu día.
O fin dun canto continúa a renovación
do libro anterior. Divídese tamén en tres partes, denominadas “Salutación ás
aigues”, “Sombra de marbre e viño” e “As escuras estancias”. Na primeira
pódense atopar homenaxes a revolucionarios de distintos países, en especial aos
membros da Fronte Revolucionaria Farabundo Martí -“El Salvador”-, a exaltación
do pasado remoto de Galicia –“Mogor”- ou a proclamación da súa ideoloxía
materialista e atea mediante a referencia a un poeta clásico co que sintoniza
–“Tito Lucrecio Caro”-. A segunda dedícase integramente á poesía erótica e
nostálxica, con influencia do surrealismo cunqueiriano. A terceira ofrece a lembranza
de lugares como Ourense -que simboliza o paraíso da infancia- ou Portugal
-visto a través da memoria dun antepasado seu e da literatura de Eça de
Queirós-; a homenaxe a persoas ligadas a el pola amizade ou a ideoloxía
marxista e revolucionaria –Vicente López, Jian Qing-; “Confesións” dirixidas
aos seus amigos e compañeiros nas cales manifesta unha vez máis a súa
ideoloxía, algunha das súas lembranzas e a dor por non ter acadado os seus
soños sociais e políticos; reflexións sobre a vida, como “Camiño sen volta”,
nas que une o tema amoroso co patriótico; poemas culturalistas sobre a morte
–“Adagio no lago”- ou a adquisición da experiencia –“A un meu fillo”, fermosa
paráfrase do poema de Du Bellay dedicado a Telémaco-; e un poema narrativo de
ambiente céltico protagonizado polo bardo Togor Fraa, quen pon fin ao seu canto
antes de dispoñerse a morrer –“Voce na néboa”-.
Estirpe é a súa obra poética máis
extensa. Os vinte e tres poemas que a compoñen, dispostos dende unha
“Adicatoria” ata un “Colofón”, indican polos seus propios títulos a variedade
de temas que abranguen. Entre os antropónimos, destacan: un político e
revolucionario –“Homenaxe a Fidel Castro”-, un músico moderno –“Jerry Lee
Lewis”-, un monarca medieval –“Don García, Rei”-, un heresiarca do mundo
clásico –“Prisciliano”-, un heroe literario –“Perceval”- e incluso un personaxe
popular vigués –“Testamento do Ghebo”-. Non son menos abundantes os topónimos:
“Pontevedra”, “Irlanda”, “O Cambedo”, “Sorga”, “Dume”, “Curro de Morgadáns”,
“Despedida de Crasto Laboreiro”. Posuíndo moitos deles carácter narrativo,
ofrecen a visión ferriniana da realidade actual e da historia, de modo que non
é estraño atopar a crítica do imperialismo, o capitalismo, o poder da Igrexa, a
disolución da URSS e a mocidade non comprometida; a denuncia do desterro de
profesores, a expropiación das terras e as casas duns labregos, a prisión de
militantes nacionalistas, a drogadicción estendida entre a mocidade... A
diferenza doutros libros, o tema amoroso practicamente desaparece. Atopamos a
Ferrín, como antes a Pondal, Cabanillas ou Seoane, convertido nunha especie de
“poeta da raza” -entendida esta como pobo-, dedicado a lembrar o seu pasado. A estirpe supón tradición ligada a nomes,
lugares e costumes. En canto á forma, o dominio do verso libre é case absoluto;
as liñas poéticas, ligadas ás veces por continuos encabalgamentos, aproxímanse
á prosa. A linguaxe é rompedora: como Cunqueiro, Ferrín non respecta a lingua
normativa e aproxímase ao pobo usando palabras vulgares ou dialectais e non
dubida en recorrer a formas novas ou arcaísmos. A intertextualidade con autores
diversos e a súa propia obra –mediante alusións e citas- é constante, ás veces
dun xeito case caótico, nunha especie de escritura automática que obedece á
libre asociación de ideas.
Contra Maquieiro é a máis ambiciosa das
súas últimas publicacións. Divídese en catro partes. A primeira, “Contra
Maquieiro”, é unha colección de trinta poemas narrativos de distinta lonxitude
mediante os cales repasa a historia do século XX lembrando, en especial, os
abusos do Maquieiro (isto é, o Capital, o poderoso) exercidos sobre os humildes
e os pobos “asoballados”. Invocando á Razón como Homero á Musa, alude a un
antepasado seu, Antonio Ferrín, obrigado a participar na Guerra de Cuba, e ao
guerreiro sioux Sitting Bull, testemuña da destrución do seu pobo, como
símbolos dos humildes arrastrados a unha guerra que, como todas, o autor
considera produto da cobiza do Capital. Coa súa mentalidade marxista, gaba os
heroes revolucionarios, exalta a Revolución Rusa, denuncia as guerras coloniais
e, como Celso Emilio Ferreiro, critica a actitude dos poetas non comprometidos.
En ocasións, os poemas adquiren un carácter un tanto caótico que o aproxima ao
dadaísmo ou o surrealismo. A segunda parte titúlase “Cuarteto con Alemaña”.
Componse de catro poemas nos cales se mesturan lembranzas da infancia con
personaxes relacionados con este país evocados case de xeito automático (Marx,
Herder, Goethe...) ou contactados mediante a imaxinación (Madame de Staël). Na
terceira parte, “Senecto corpore”, Ferrín escolle un personaxe de orixe
popular, Chiño, que pode entenderse como símbolo do proletariado galego, a quen
sitúa en diversas situacións: preso político, mariñeiro no Gran Sol, segador en
Castela, albanel e, finalmente, unido á natureza galega á hora de entregarse á
morte, momento en que é recibido polos seus antergos nunha sorte de Santa
Compaña. “Profecía de Taramundi”, escrito en prosa poética, pon o ramo ao
libro. Trátase da chamada á revolta do visionario Señor Lombardía, ferreiro de
Taramundi, quen alude co nome de “Afrikaces” aos pobos invasores, aos cales ve
arrincando os cadáveres dos que sofren inxustiza –xente humilde, republicanos,
xudeus, masóns, Don García...- dos seus “Sepulcros Ideais” para profanar os
seus ósos e eliminar o seu recordo.
Creo
que caín voluntariamente no exceso, tendo en conta a finalidade desta sección
do blog da biblioteca, pero sigo co impulso adquirido e, tendo en conta o tema
eixo do presente curso, vou estenderme un chisco no aspecto fantástico da obra
literaria de Méndez Ferrín.
Dende
o primeiro momento, o noso autor intentou idear un mundo propio. En “O dique de
area”, de Percival e outras historias,
crea o país de Nijmenk, no cal mestura aspectos que poden corresponder a
Galicia con características doutros países, así como trazos de distintas épocas
históricas. Esa vai ser unha práctica común das súas obras a partir de Retorno a Tagen Ata. Este país
imaxinario reunirá trazos galegos e non galegos; o propio autor declarou que
pode corresponder a calquera nación subordinada ou dominada por un Estado que
impide a súa liberdade. A carón de Tagen Ata aparecen A Nosa Terra, que se
identifica máis con Galicia, e Terra Ancha, que corresponde vagamente a Castela
ou España en xeral, así como outros espazos menos importantes. O autor ten
manifestado que desexa crear un macrotexto con todas as súas obras, de modo que
lugares e personaxes aparecen de maneira máis ou menos coherente en múltiples
textos.
En
“Fría Hortensia”, o pasado mítico desas terras creadas polo autor forma parte do
relato inventado pola vella que dá título ao conto. Este é un personaxe que
posúe algunhas das características dun ser típico do folclore galego: a meiga.
Ferrín procura evitar a versión máis popular deste personaxe, tal como a
mostra, por exemplo, Ánxel Fole, pero non renuncia a amosar exemplares deses
seres máxicos en “Medias azuis” ou “Eles”, de Arraianos.
En
“Calidade e dureza”, de Amor de Artur,
presenta outro país, Lam-Ko, no que parece reunir trazos de China e Xapón, pero
non vai máis alá, de modo tampouco aquí chega a crear, por varios motivos, un mundo
autónomo á maneira de Tolkien.
Nalgúns
relatos de Elipsis e outras sombras,
como se dixo, imaxina unha sociedade futura, dominada por un poder dictatorial
que reúne trazos do réxime franquista e doutros réximes reais ou inventados.
Tendo en conta isto, a época en que foron escritos e as circunstancias persoais
do autor, que pasou pola cadea en varias ocasións, ás veces por atoparlle unha
novela dedicada aos guerrilleiros galegos, non é raro pensar que foi un
procedemento para evitar unha intervención maior da censura.
O
mundo fantástico que recrea Ferrín ten ás veces unha longa tradición, como
sucede co consagrado pola Materia de Bretaña. Preséntao, coa súa orixinalidade
característica, en “Amor de Artur”, onde aparecen os antigos deuses celtas,
sabios como Roebek de Tagen Ata que teñen poderes máxicos, un rapaz
transformado en coello, e Artur, como dicta a tradición, preso do sono en
Avallon, que desta vez é o castelo de Liliana de Escalot. En “Perceval”, o
protagonista é un señor actual que se adentra no seu bosque, onde fai fronte a
tres estrañas aventuras.
En
“Amor de Artur”, como se indicou, aparece un recurso típico da literatura
fantástica ou marabillosa como é a metamorfose. A este recorre en “Nhadron”,
onde a protagonista se transforma en corvo; en “Mantis relixiosa” cabe a
posibilidade de que a muller que intenta matar ao seu amante sexa unha mutación
inexplicable do insecto que dá título ao conto. Aínda que o autor recorre
ocasionalmente a insectos como chinches ou formigas con carácter simbólico, non
me consta que, seguindo a Kafka ou de acordo co seu compañeiro da Nova
Narrativa Xoán Casal, presente estes animais como metamorfoses de persoas.
Aludimos
antes ao poder das meigas. Na literatura fantástica é frecuente suxerir nalgún
personaxe un poder demoníaco. Así o fai o autor implícito no sedutor de
“Xeque-mate” e Arlinda Mareque, a personaxe de No ventre do silencio, trastornada polo sufrimento da represión
conseguinte ao levantamento de xullo do 36, en Miras de
Tampouco
podería faltar un elemento clásico do relato de misterio e do folclore galego:
o poder dos defuntos, o poder fantasmal. Con diferentes matices, aparece en
“Familia de agrimensores”, onde a protagonista foxe da casa dos Kleines, na cal
atopara refuxio, cando sente que algún dos seus mortos retorna á vida, en
“Quinta velha do Arranhâo”, onde o narrador se sente atraído polos espíritos
que sobreviven na súa antiga morada, en “Lobosandaus”, onde o espírito dun
amante suicida parece apoderarse dos vivos para repetir, con variacións, o seu
tráxico destino, ou en "O Suso", no cal caben dúas interpretacións fantásticas: que a pantasma do Suso busque a Manolito para que este atope o seu cadáver ou que Manolito teña unha especie de soño premonitorio.
Ás
veces, o ser fantasmal exerce o seu poder mediante un obxecto que se adona da
vontade do personaxe que o atopa, como sucede en “Sibila”, onde o narrador é
consciente de que, ao encontrar un anel máxico, está condenado a repetir a
historia dun amigo xa morto.
Outro
clásico da narrativa fantástica é a viaxe no tempo. Atopámola, por exemplo, en
“Morrer en Laura” e “Calidade e dureza”, nos cales Laura e Els Bri,
respectivamente, se desprazan ao pasado en soños. No tempo anterior son
conscientes da súa existencia posterior, pero non ao revés. Esas viaxes ao
pasado, polo menos no primeiro caso, teñen algunha consecuencia extraordinaria,
pois o amigo de Abelardo Cuevas atopa en 1945 unha revista, Terra e Tempo, editada en 1978 –como o
viaxante no tempo de Wells trae dende o mundo futuro unha flor cuxa semente
aínda non existe- e ve como a moza é asasinada durante unha manifestación que
terá lugar máis de trinta anos despois. No segundo caso, Els Bri, investigando
a vida de Seida Sokoara, chega á conclusión de que a tumba sobre a que este
perece, a da muller amada, é a súa, aínda que o caso é tratado con humor.
Capítulo
á parte merecen as imaxinacións e soños dos personaxes, que se poderían
incluír, como tales, dentro do realismo. Como xa se dixo, Arnoia, Arnoia, onde acontecen tantas cousas extraordinarias, acaba
sendo un soño; en “Diario”, “Dúas cartas a Lou”, “Animal” ou No ventre do silencio, un narrador ou
narradora en primeira persoa relatan anécdotas inverosímiles -como a posibilidade de vivir ao revés, pasando da vellez á mocidade- que parecen
produto da súa mente trastornada; en “Philoctetes” ou Bretaña, Esmeraldina, o protagonista leva unha vida alternativa por
medio da imaxinación, que lle serve para evadirse dunha realidade alienante.
Por
último, cabe aludir a narracións que se atopan entre a realidade e a fantasía,
nas cales aparecen personaxes que se comportan de xeito absurdo nun mundo
fantasmagórico ou inexplicable, como é o caso de Arrabaldo do norte ou “A casa azul”. Neles parece evidente a
influencia de Kafka e a literatura do absurdo, tan frecuente na Nova Narrativa.
Así,
pois, a obra de Ferrín amosa gran parte das variacións da literatura
fantástica, que el reproduce de xeito orixinal.
Para
acabar –xa era hora-, simplemente me queda lembrar que na nosa biblioteca
podedes atopar exemplares de varias das súas obras. Case todas esixen certo
esforzo interpretativo, pero merecen a pena.