05 outubro 2021

AUTOR DO MES. OUTUBRO. DASHIELL HAMMETT

 

O AUTOR DO MES

 OUTUBRO

 

DASHIELL HAMMETT

 

          Samuel Dashiell Hammett naceu no estado de Maryland en 1894 e faleceu no de Nova York en 1961. Criouse nas rúas de Filadelfia e Baltimore; abandonou cedo os estudos, aos trece anos; traballou en múltiples oficios ata que se enrolou na célebre axencia de detectives Pinkerton, onde adquiriu unha experiencia que resultou útil para a súa obra literaria. Participou nas dúas guerras mundiais, aínda que lonxe da fronte bélica. En 1937 ingresou no Partido Comunista Americano; durante a Guerra Civil Española contribuíu a recadar fondos para o exército da República; nos anos corenta e cincuenta sufriu persecución polas súas ideas, ata o punto de pasar seis meses no cárcere por negarse a ofrecer información nun caso relacionado cuns individuos acusados de ser axentes comunistas. Curiosamente iso aconteceu cando se atopaba no cume da súa popularidade tras levarse á pantalla con gran éxito algunha das súas novelas. Como outros autores, foi contratado polos estudos de Hollywood, como guionista, cando a súa carreira literaria entrara en plena decadencia, por culpa, en gran medida, dos seus problemas de saúde debidos ao alcoholismo e a tuberculose. Estivo casado con Josephine Dolan, de quen tivo dúas fillas, Mary Jane e Josephine; unha vez separado dela, mantivo unha relación máis ben breve coa escritora Nell Martin e outra moito máis longa, que abrangueu os seus últimos trinta anos, coa dramaturga Lillian Hellman.

 


     A súa carreira literaria concéntrase, especialmente, entre 1922, cando principia a colaborar nas revistas The Smart Set e, sobre todo, Black Mask, e 1934, ano da publicación da súa derradeira novela, The Thin Man (O home delgado). Logo, á parte dos guións –en xeral, correccións de guións doutros autores-, escribiu algúns relatos, textos para programas radiofónicos, historias –polo menos, a primeira- para a banda deseñada Secret Agent X-9...

 

   

 

 

          Dashiell Hammett foi o autor que popularizou e elevou a consideración literaria da narrativa de serie negra, que normalmente era denominada “hard-boiled” (dura) e se publicaba en revistas editadas en papel de baixa calidade (de aí os termos “pulp” e “pulp fiction”). Foi apreciado por escritores como Malraux, Gide e, no mundo hispánico, Cernuda, quen sorprendentemente estimaba que nos seus bos momentos era superior a Hemingway ou Steinbeck. Como sinalou no seu día Raymond Chandler, Hammett afastouse do relato detectivesco tradicional en busca dunha renovación tanto formal como temática. Introduciu a linguaxe da rúa, a que falaban os delincuentes de verdade; indagou no mundo social da súa época, marcado polos efectos do desastre financeiro de 1929, a lei seca e as loitas entre bandas de gángsters. Denunciou a corrupción a todos os niveis e as múltiples relacións entre o poder e o crime organizado. Conseguiu crear novelas que resultaban máis cribles e realistas, cunha acción incesante, escenas frescas, personaxes atractivos, brillantes diálogos, descricións sintéticas e certeiras... Os seus detectives, ademais de ter a capacidade de observación e a habelencia deductiva habituais, son homes de acción, desenganados e escépticos, que non vacilan en utilizar medios ilegais e incluso pouco honestos se, mediante eles, poden acadar o esclarecemento da verdade e o que entenden como xustiza. Afeitos a mergullarse nos diversos ambientes dunha sociedade complexa, adoptan unha actitude cínica e burlona, que oculta un recóndito idealismo.

 

    

 

          Aínda que as novelas son minoritarias dentro da súa produción literaria, hoxe en día son o máis valorado polos seus lectores. A iso contribuíu no seu día a popularidade das versións cinematográficas. The Maltese Falcon e The Thin Man foron auténticos éxitos. Da última incluso se fixeron continuacións das cales Hammett non foi o guionista. The Glass Key e outras non tiveron tanta fortuna, a pesar de que os estudos hollywoodenses procuraron involucrar a algúns dos actores e actrices máis famosos da época na encarnación dos protagonistas.

 

 

   

 

 

          A súa primeira novela é unha obra mestra do xénero, Red Harvest (Colleita vermella). Está protagonizada polo axente da Continental -the Continental Op(erative)-, un detective de aparencia pouco atractiva –mide 1’67 e pesa 90 quilos-, pero extraordinariamente efectivo, quen relata en primeira persoa, sen vaidade nin complexos, como logrou facer limpeza nunha cidade mineira, Personville –nome que moitos pronuncian, de xeito esclarecedor, Poisonville, a cidade do veleno-.

          Contratado por un home a quen a mesma noite da súa chegada asasinan, serve aos intereses de Elihu Wilsson, dono de case todo na cidade, quen, para facer fronte ás continuas folgas dos mineiros, contratou no seu día a uns matóns que, pouco a pouco, foron acaparando zonas de poder: Max Thaler controla o xogo e as apostas; Pete o Finlandés, o tráfico ilegal de alcohol; Lew Yard e logo Reno, os atracos e a extorsión; Noonan, unha policía totalmente corrupta... A iso súmanse outros pequenos delincuentes.

          O axente só contará coa colaboración dos compañeiros da axencia que aparecen a miúdo noutros casos –Dick Foley, Mickey Linehan- e unha moza atractiva e orixinal, excesivamente interesada nos cartos, Dinah Brand, que pagará moi cara a súa debilidade polo axente.

          A obra recibe claramente a influencia das novelas naturalistas estadounidenses. No mundo dos pícaros, a supervivencia do máis forte, a loita pola vida e a selección natural están á orde do día. O axente non pode ocultar, ás veces, a súa simpatía por algún deles, que non é máis inmoral que a xente supostamente respectable e afronta con valor temerario os perigos da súa vida levada ao límite.

 

 

 

          A maldición dos Dain (The Dain Curse), protagonizada, así mesmo, polo axente da Continental, revela demasiado que está escrita a partir de tres relatos que poderían ter independencia e o autor tenta unir. A primeira parte, “Os Dain”, presenta, ante todo, a morte do matrimonio Leggett (nome falso) e a historia dalgúns compoñentes da familia Dain; a segunda, “O Templo”, a estancia de Gabrielle Leggett no domicilio dunha seita, o Templo do Santo Grial; a terceira, “Quesada”, o secuestro e liberación de Gabrielle xunto coa detención do malvado que moveu ata ese momento os fíos ocultos dos crimes. Neste sentido, creou escola, ao presentar un individuo que parece amigo e colaborador do detective e resulta ser, ao final, un desequilibrado que comete os crimes como se fosen un xeito de amosar a súa intelixencia e desafiar ao protagonista. O argumento resulta un tanto forzado; a segunda parte amosa, ademais, elementos góticos bastante inverosímiles. O propio título semella dirixir ao lector nun sentido fantástico, aínda que os Dain, en realidade, non sofren máis maldición que a loucura ou a maldade dalgúns dos seus membros, o cal non é óbice para que Gabreielle Leggett, a muller fatal -e, non obstante, inocente- da obra, crea sinceramente na súa existencia. Na novela, aparecen, ademais, personaxes que se comportan de xeito pouco convincente, que cambian de nome, que son asasinados case por capricho.

          Como aspecto curioso, Hammett ofrece unha visión do racismo, da inmigración –familias mexicanas que viven na miseria- e do egoísmo das clases altas, que parecen crer que todo se pode conseguir mediante os cartos. Con moitos anos de antelación, advirte dos perigos das seitas que enfocan a relixión como un negocio e non dubidan á hora de utilizar narcóticos e estupefacientes para enganchar ás súas vítimas.

 

 

   

 

          O Falcón Maltés (The Maltese Falcon) ten como protagonista a Sam Spade, que se ve envolto nas intrigas e na rede amorosa de Brigid O’Shaughnessy, a quen rematará entregando á policía ao verse acosado e ser consciente de que a súa amada carece de escrúpulos e matou sen compaixón a Archer, o seu socio. Á parte deste elemento romántico, que apenas ten sitio nunha pugna sen cuartel para apoderarse da prezada estatuíña dun falcón, que os cabaleiros de Malta lle regalaran no seu día a Carlos V, atopamos tamén o misterio do achádego deste tesouro, moi ligado na ficción á historia de España.

          Spade vai ser o modelo para moitas obras posteriores. Philip Marlowe, o protagonista das novelas de Chandler, débelle moito. Dotado de atractivo sexual, amósase normalmente de xeito frío e desconfiado coas mulleres. Pese a que, no fondo, é bastante honesto, non sempre se comporta con elegancia ou escrúpulos morais. Non ten remorsos en deitarse coa muller do seu socio, Iva, a quen detesta, por exemplo. En cambio, sente afecto por Effie Perine, a súa fiel secretaria, de quen se burla con cariño e a quen teme decepcionar. Por defender os intereses de quen o contrata, arrisca a súa vida e exponse á violencia policial; está incluso disposto a non respectar a lei, porque ten o seu propio sistema de valores.

          Ironicamente, a pugna polo falso tesouro vai acarrexar dolorosas decepcións e  unha serie de mortes carentes de sentido.

   

 

 

   

 

          A chave de cristal (The Glass Key) é seguramente a súa obra máis admirada. Trátase dunha novela moi ben construída, influída polo cine. Considérase a plasmación literaria do behaviorismo ou condutismo. Relatada en terceira persoa, nunca se menciona o que pensan ou senten os personaxes: só se nos ofrecen as súas palabras e reaccións físicas. Non acada, con todo, a obxectividade dunha cámara cinematográfica, pois utilízanse unhas imaxes e unha adxectivación que revelan a subxectividade do narrador-autor.

          O protagonista non é un detective, senón un delincuente de misterioso pasado, Ned Beaumont, que traballa para o seu amigo Paul Madvig, o cal move os fíos dunha cidade controlando políticos, xuíces, fiscais, policías...

          O título enigmático corresponde a un soño de Janet Henry, a muller amada ou desexada por ambos. É unha chave que rompe e por ese motivo impide a Beaumont e a ela poñerse a salvo dunha ameaza. Pode simbolizar as circunstancias sociais ou a amizade de Madvig e a súa familia. Cando, Madvig, ao final, marcha tras coñecer que Janet partirá con Beaumont a Nova York, ela queda ollando, preocupada, para este, que non pode apartar a mirada do amigo que se vai doído, porque, no fondo, trátase da relación de dous amigos, que se remonta a un ano antes, cando Beaumont se converteu en man dereita e conselleiro de Madvig. Lévanse ben a pesar dos seus caracteres opostos: o primeiro é lúcido, escéptico, culto, cerebral, astuto, reservado; o segundo, inconsciente, iluso, inculto, instintivo, forte, confiado. Pero Beaumont é un home que, baixo a súa máscara de cinismo e dureza, oculta unha intensa sensibilidade.   

          Todo comeza co asasinato de Taylor Henry, fillo dun senador cuxa campaña eleitoral apoia Madvig porque está namorado da súa filla. Fronte a Madvig érguese O’Rory, un líder mafioso rival, que aspira a arrebatarlle o poder. Beaumont defenderá os intereses de Madvig con total lealdade, pero acabará facéndolle dano.

          Poden atoparse moitas similitudes entre esta obra e películas famosas como O golpe ou O padriño –obra esta inspirada nunha boa novela de Mario Puzo, que tamén foi guionista do filme-.

 

 

          O home delgado (The Thin Man) foi o seu maior éxito comercial e, así mesmo, obxecto de censura porque os protagonistas, o matrimonio formado por Nick e Nora Charles, daban a entender que estaban alcoholizados e mantiñan unha relación aberta –algúns consideraron que gardaban certa similitude coa parella formada na vida real por Hammett e Hellman.

          Foi tamén a súa obra máis humorística. Nick e Nora intercambian frases ferintes, irónicas e burlonas, por puro deporte.

          Nick Charles, detective retirado que vive administrando o capital herdado pola súa muller, é forzado a investigar a desaparición dun científico con sona de tolo, Clyde Miller Wynant, e servir de axuda á súa extravagante familia, á que se incorporou o segundo marido da súa esposa. Nora vaille servir de colaboradora e crítica do seu labor, entusiasmada coa posibilidade de achegarse ao mundo do crime. Alternan así, en espazos pechados, os ambientes dos baixos fondos cos da alta burguesía, da que se ofrece unha visión satírica.

          Como é típico destas obras, un crime conduce a outro e acábase aclarando todo o sucedido tras varias hipóteses erróneas, en especial, a cargo da policía, que, como tamén é un tópico, resulta bastante torpe.

 

   

 

          A obra anterior foi publicada en 1934. Catro anos antes, escribira uns capítulos co mesmo título sen chegar a darlles un final. Nesta versión, o protagonista é un detective solitario, John Guild, presentado ao principio como “o home escuro”. Este chega ao lugar onde o home que debe buscar, Wynant, escritor relativamente famoso, supostamente asasinou á súa secretaria, Columbia Forrest. Esta, que tamén é coñecida con outro nome, achábase comprometida cun axente de boxeadores que vive coa súa irmá, Elsa Fremont, muller sedutora, con quen ten unha relación moi íntima. Arredor do pasado e o presente do desaparecido existe un misterio que non se dá a coñecer.

          Estes aspectos gardan certa similitude cos da obra definitiva e intúese que terían un final parecido: o home delgado só podía aparecer nos papeis.

 

 

          Os contos e novelas breves de Hammett poden clasificarse dentro de tres grupos: os protagonizados polo axente da Continental, os protagonizados por Spade e aqueles que presentan un personaxe principal distinto. Con frecuencia trátase de casos “comprimidos”, dos que se eliminan escenas secundarias en beneficio da síntese. Están concibidos para unha lectura rápida que non esixa demasiado esforzo do lector. Co obxecto de ofrecer unha imaxe somera do seu contido, exporei o sentido dalgúns textos representativos.

 

          O axente protagoniza trinta narracións, entre as que se atopan as dúas primeiras novelas, como vimos.

          “A morte de Main” (“The Main Death”) é un relato moi representativo da actitude do axente cara á xustiza e cara á vida. Un individuo antipático encárgalle que recupere os cartos que lle roubaron a un empregado seu que é amante da súa muller, a quen desexa implicar no delito. O axente resolverá o caso roubándolles aos ladróns todo o que conservan e deixándoos escapar, a fin de que a esposa infiel non sexa acusada, e permitindo que o suicidio de Main sexa considerado un asasinato para que a viúva poida cobrar o seguro de vida do seu infiel marido. Deste xeito négase a que o seu cliente o utilice e fai xustiza ao seu xeito, sen demasiado respecto polas leis.

          “A décima pista” (“The Tenth Clew”) é un caso de chantaxe, intereses económicos, machismo e asasinato no cal o autor do crime dispón unha multitude de pistas coa intención de confundir á policía.

          “A casa da rúa Turk” (“The House on Turk Street”) amosa ao axente buscando un mozo fugado do seu lar e dando por casualidade coa gorida dunha banda de ladróns e chantaxistas moi heteroxénea, da cal só sae ben librada unha muller “tan fermosa como Lucifer e dúas veces máis perigosa”, disposta a traizoar aos seus compinches, que se enfrontan entre si.

 

 

          “A Ferradura Dourada” (“The Golden Horseshoe”), de título pouco significativo, ofrece unha visión moi negativa de Tijuana, a cidade fronteiriza mexicana, refuxio de xentes de mala vida. Como noutras obras, prodúcese a suplantación da personalidade dun defunto, o uso de nomes falsos e a comisión de crimes especialmente violentos cando o detective comeza a descubrir a verdade.

          “O gran golpe” (“The Big Knockover”), tamén dado a coñecer como “Diñeiro sanguento” (“Blood Money”), é un relato de extraordinaria violencia, que fai lembrar Red Harvest porque bandas de gángsters, que neste caso participan nun roubo espectacular, se enfrontan entre si. Curiosamente, o cerebro do golpe, Papadopoulos, é un vello de aspecto insignificante que consegue enganar ao axente. Ao seu carón, sitúase unha de tantas mulleres de personalidade poderosa como aparecen na obra de Hammett: Big Flora.

          “O rapto” ou “A travesura dos Gatewood” (“The Gatewood Caper”) presenta a típica moza mimada e inconsciente que desexa timar e abandonar a un pai rico e tiránico. Probablemente serviu, en parte, de inspiración a Chandler como punto de partida dalgunha das súas obras.

          En “Zigzags de traizón” (“Zigzags on Treachery”), o axente debe descubrir con urxencia a verdade sobre o presunto asasinato dun cirurxián, de cuxa autoría acusan á súa dona, que se atopa gravemente enferma. Ao final, atopado o culpable, o axente rompe a palabra dada e entrega á policía ao delincuente porque este intenta enganalo.


   

 

          Sam Spade aparece, entre outros relatos, en “Un home chamado Spade (“A Man Named Spade”), que presenta moitas similitudes cunha narración detectivesca tradicional. O detective vai desenredando o misterio da morte de Max Bliss, crendo que o contratou pouco antes de morrer. Nun tempo reducido, van aparecendo no lugar do crime, como nunha obra de teatro, unha serie de personaxes sobre os cales recaen as sospeitas. Cunha actitude irónica e mesmo, por instantes, burlona, acaba descubrindo que se trata dunha vinganza.

          En “Só poden colgarte unha vez” (“They Can Only Hang You Once”), Spade introdúcese nun domicilio da alta burguesía de xeito que, sen querer, provoca dous asasinatos porque un pícaro sen escrúpulos que se fai pasar por millonario, ao sentirse ameazado, procura por todos os medios evitar que o descubran.

          “Demasiados viviron” (“Too Many Have Lived”) ofrece unha visión desencantada da existencia. O título procede dun verso escrito por un poeta transformado en delincuente que atopa a morte ao desafiar a xente demasiado poderosa para el.

 

     

 

          Exemplo de relato protagonizado por outros personaxes é “O camiño de regreso” (“The Road Home”), un dos primeiros escritos polo autor, situado nun lugar tan exótico como o Sureste asiático –motivo polo que fai lembrar relatos de Kipling, Wells, Conrad, Zweig, Maugham... Nel, un detective, Hagerdorn, que vén de capturar ao delincuente que perseguiu durante dous longos anos e pode por fin regresar ao seu domicilio neoiorquino, ve como ten que resignarse a continuar lonxe deste cando o prisioneiro se fuga e el renuncia a matalo.

          Outro, “Sombra na noite” (“Night Shots”), presenta un mozo de familia afroamericana, pero aparencia caucásica, que rescata dun mal paso á filla aloucada dun xuíz racista, a cal se sente atraída por el. A anécdota puido servir de semente para unha das mellores novelas negras europeas: Cuspirei sobre as vosas tumbas (J’irai cracher sur vos tombes), de Boris Vian.



          “O gardián do seu irmán” (“His Brother’s Keeper”), un dos seus últimos contos, ambientado no mundo do boxeo, amosa os remorsos dun púxil sensible e inxenuo (estilo Rocky) que non soubo ou non puido evitar o asasinato do seu irmán e axente, quen se comprometera a amañar un combate en que el interviña. Ao final, ofrece tres hipóteses sobre a autoría do crime, das cales dúas son improbables.

          “O axudante da asasina” (“The Assistant Murderer”) é practicamente unha novela breve protagonizada por un detective moi feo e maduro, expulsado da policía de Baltimore por corrupción, o cal debe evitar que asasinen a unha muller que está convencida de ter matado ao seu tío. Vírase tan acosada e perseguida, que perdera totalmente os nervios. Dous homes, un dos cales é o auténtico criminal, namorados dela, axudaranlle a saír con ben da experiencia.


 

          Se vos interesa este autor, na biblioteca do centro podedes atopar un relato seu na antoloxía de relatos de serie negra escritos por especialistas desta temática titulada Negras sombras e talvez a versión cinematográfica dalgunha das súas novelas. Na rede podedes atopar varios libros seus.