05 xaneiro 2019

O AUTOR DO MES. XANEIRO. HERMANN SUDERMANN


O AUTOR DO MES DE XANEIRO

 


HERMANN SUDERMANN


Hermann Sudermann (1857-1928) naceu nun lugar que daquela pertencía a Prusia e hoxe forma parte de Lituania. A súa familia, procedente de Holanda, asentárase alí para practicar libremente as súas crenzas menonitas –contrarias á guerra e a violencia en xeral. Realizou estudos universitarios, que deixou inacabados, e dedicouse ó xornalismo antes de destacar como escritor. Estivo implicado na política do seu tempo, así que foi partidario da unificación alemá e viviu con intensidade os conflitos bélicos que tanto afectaron ó seu país.

 

Hoxe bastante esquecido, no seu día gozou de popularidade. Entre os seus tradutores atópanse Unamuno ou Edith Wharton. Xeralmente relaciónase cos autores naturalistas ou próximos a este movemento –Zola, Maupassant, Ibsen, Hardy-, pero as súas obras poden emparentalo con escritores do estilo de Henry James, Anton Chekhov ou Stefan Zweig, anteriores á renovación dos xéneros experimentada pola literatura nas primeiras décadas do século XX.

https://freeditorial.com/es/books/el-molino-silencioso
Pulsa na imaxe e le a obra.

Cultivou xéneros diferentes; en especial, o conto (O lirio da India...), a novela breve (O muíño silencioso, O desexo, As vodas de Iolanda...), a novela (A dama gris, A ponte dos gatos, O pasado indestrutible, O cantar dos cantares...) e o drama tanto nun acto como en varios (Rosas, Morituri, O honor, O fogar, Lumes de San Xoán, A ledicia de vivir, Magda...).


As primeiras obras do noso autor –entre as cales se atopan A dama gris, A ponte dos gatos ou O pasado indestrutible- procuran reflectir o mundo da súa terra natal, en especial, o dos junkers, os propietarios rurais. Recorre por veces ás ideas do Naturalismo e así vemos como aparecen aspectos do estilo da loita pola vida, a lei da herdanza, a supervivencia dos máis fortes ou a degradación familiar a consecuencia dos vicios paternos. En novelas posteriores, como O cantar dos cantares, que foi levada ó cine, o autor dálles preferencia ós aspectos persoais que aparecen xa nas primeiras obras, de modo que cobran máis importancia, se cabe, os detalles románticos ou a análise psicolóxica dos personaxes. A dona de Steffen Tromholt, publicada pouco antes da súa morte, encerra aspectos autobiográficos.


Máis doadas de ler resultan as súas novelas breves. O muíño silencioso é a historia tráxica de dous irmáns namorados da mesma muller; O desexo presenta a obsesión dunha moza, Olga, namorada do marido da súa irmá, que non se perdoa ter desexado a morte desta; As vodas de Iolanda é unha marabilla de relato humorístico, na cal un vello solteirón acepta de bo grao que a súa dona, coa que vén de casar, o rexeite, e incluso facilita os trámites para que case cun mozo do que é padriño.


Por outra parte, están os seus contos. O lirio da India reúne sete que son extraordinarios por distintos motivos. “Xente feliz” parece un anticipo do realismo máxico de Cortázar; “A canción da morte” é o arrepiante contraste entre a vida e a morte, a inocencia e –tal como se entendía no século XIX- a perversión; “A vítima”, unha traxedia conxugal...


Tamén son dignas de memoria as súas obras dramáticas. En Rosas e Morituri –Os que van morrer- reúne pezas nun só acto que gardan parentesco, pola brevidade e intensidade, cos seus contos. Da segunda obra, é maxistral “Fritzchen”, o drama do mozo consciente de que vai morrer nun duelo e quere despedirse dos seus pais e a súa amada. Rosas tamén encerra unha crítica ó costume dos duelos en “A derradeira visita”, onde, ademais, se presenta, de maneira sarcástica, como en “Raios de luz”, a muller adúltera e egoísta. Polo contrario, en “Margot” aparece a moza seducida e talvez violada que rexeita casar co seu sedutor e en “A princesa distante” encontramos fronte a fronte o poeta idealista e a moza soñadora ós que a vida sitúa en lugares opostos da escala social.

 

Os dramas O honor, O fogar e A ledicia de vivir foron talvez as obras que lle deron máis popularidade. En especial, a segunda, que foi representada polas grandes actrices daquela época. O honor tenta ser unha especie de obra de tese sobre este tema. O autor critica a mentalidade convencional e defende un sentimento do honor totalmente subxectivo que dependa unicamente do orgullo que unha persoa poida sentir ou non a causa dos seus actos. Defende, así mesmo, o matrimonio entre persoas de distinta clase social. O fogar –tamén traducido como Magda ou Patria; en alemán, Heimat- presenta á muller seducida e abandonada que se fai forte, consegue o éxito como cantante de ópera, leva unha existencia que non respecta as convencións sociais burguesas e regresa á súa terra para congraciarse co seu pai, quen un día a rexeitou. Como dixemos, algunhas célebres actrices identíficáronse co personaxe. Xunto con algún drama de Ibsen, representa a aparición das ideas feministas sobre a escena. Lumes de San Xoán amosa o drama dunha moza estraña, de sensibilidade exquisita, que renuncia ó amor acomplexada pola súa orixe. Por último, A ledicia de vivir amosa o drama da muller de grandes cualidades que se suicida, a pesar do seu amor á vida, polo ben dos seus seres queridos.


https://freeditorial.com/es/books/las-bodas-de-yolanda
Pulsa na imaxe e le a obra.






https://freeditorial.com/es/books/las-bodas-de-yolanda
Pulsa na imaxe e le a obra


Así, pois, trátase dun autor de obra variada. Os seus libros foron pouco traducidos ás linguas peninsulares. No Project Gutenberg podedes atopar a versión española de O muíño silencioso, O desexo ou As vodas de Iolanda –que vos poden dar unha medida do seu talento- e traducións ó inglés de varias das súas mellores obras. Incluso un estudo en francés, escrito por Paul Besson, sobre as súas primeiras novelas. Oxalá vos gusten!

O carteis da biblioteca son os seguintes:


03 xaneiro 2019

CARTAS DE PENÉLOPE A ODISEO






No corredor onde se atopan as aulas nas que se imparte Lingua Castelá e Literatura (C1, C2, C3, C4) e onde está o seu Departamento, hai unha pequena exposición dos traballos feitos por 1º C e 1º E de Bacharelato na asignatura de Literatura Universal, que imparte a profesora Julia. 

Enlazando co tema das viaxes, este ano púxose como lectura do primeiro trimestre unha selección de textos da ODISEA de Homero (Ed. Cátedra Base). A súa lectura completouse coa elaboración dunhas supostas cartas que a mesma Penélope escribíu ao protagonista da epopea grega, ao modo das Heroidas de Ovidio. 

O resultado foi moi interesante: deron conta da lectura da obra, puxéronse por primeira vez na pel da muller abnegada que agarda ao seu marido, fixeron un exercicio para clase que nos levou a "aqueles tempos" en que aínda existía a correspondencia epistolar e, por suposto, participaron co seu traballo no conxunto de actividades da BIBLIOTECA en torno ao tema eixo das VIAXES. 

Grazas pola vosa colaboración!

02 xaneiro 2019

TRABALLOS DE MATEMÁTICAS ARREDOR DAS VIAXES












Desde o Departamento de Matemáticas, e guiados pola profesora Mª Luisa Vilanova, alumnos e alumnas de varios cursos da ESO elaboraron itinerarios de VIAXES a diversos lugares (París, Londres, illa de Jeju, Australia, Portugal, Santiago de Compostela, Nova Iorque...), á vez que facían os seus cálculos correspondentes (presupostos, distancias, traxectos, velocidades...), creaban as gráficas axeitadas para amosar os datos do seu estudo, buscaban fotografías e expoñían o seu traballo nos corredores onde se imparte a materia de Matemáticas. 

A colaboración no tema eixo deste ano na Biblioteca por parte de alumnado e profesora é excepcional. Moitas grazas!

20 decembro 2018

ACTIVIDADES NA RADIO DO CENTRO






O alumnado de 1º e 2º da ESO participa este curso nun proxecto na radio escolar. Xa están dispoñibles as primeiras gravacións! 

Este trimestre, os alumnos e alumnas de 1º da ESO fixeron breves programas de radio sobre as linguas da Península Ibérica e sobre os lugares onde estas se falan. Por outra banda, o alumnado de 2º da ESO fálanos na radio escolar sobre as súas mellores viaxes.

Queres descubrir o que nos contan? Entra na radio escolar mediante o enlace da marxe dereita deste blog da biblioteca e escoita aos teus compañeiros!


O alumnado de 3º da ESO tamén colaborou, a través da radio, na celebración do Día da Declaración dos Dereitos Humanos, o 10 de decembro.

Fixeron unha lectura dos artigos que o conforman. Anímate a escoitalos tamén! Xa sabes como: mediante o enlace á marxe dereita deste blog. 

As profesoras María Valcárcel, de Lingua Galega e Literatura, e Rocío Gómez, de Lingua Castelá e Literatura fan posible este proxecto de radio tan interesante! Grazas, compañeiras, por colaborar na biblioteca!

19 decembro 2018

CONTACONTOS EN GALEGO


Hoxe tivemos o CONTACONTOS na biblioteca!

Foi estupendo escoitar a rapaces e rapazas de 2º de Bacharelato, 2º e 3º da ESO interpretando, desde o noso atril da biblioteca, os contos máis coñecidos de autores da literatura galega. 

Fixádevos que obras!






E agora podedes ver as fotos desta magnífica actividade, a última deste trimestre, antes de Nadal:

Helena Casalderrey e Nerea Calvo (2º Bach. C) leron "Na oficina de obxectos perdidos", de Made in Galiza (Sechu Sende)


A biblioteca encheuse de alumnos de 1º de ESO!

Mirade canta xente!



Algún dos lectores e lectoras preparándose antes de saír.
Ao fondo, o profesor Reboredo.

Yago García (3º A) leu "O paracaídas", de Made in Galiza (Sechu Sende).


Nerea Rodríguez (2º ESO, B) leu "No escuro caletre de Martiño", de Cousas (Castelao).

Naiara Redondo (2º ESO, B) leu "Roque das goas", de Os outros feirantes (Álvaro Cunqueiro).

al
Verónica Piñeiro (2º ESO, B) leu "Eu fine ouigha co espirito de Castelao", de Made in Galiza (Sechu Sende).

Sandra Rozadas (2º D, Bach.) leu "Nin en soños vou perder a miña lingua", de Made in Galiza (Sechu Sende).

Marta Rodríguez (2º ESO, A) leu "O vello saramaguiño", de Cousas (Castelao).

Roque Álvarez (2º ESO, B) leu "O inglés", de Retrincos (Castelao). 

Antonella Tourón (3º B) leu "O país que falaba", de Made in Galiza (Sechu Sende).
Miguel Peñas (2º ESO, B) leu "O retrato", de Retrincos (Castelao)

Gabriel Barros (2º ESO, A) leu "Falar" de Made in Galiza (Sechu Sende)

Lucía Hucha (2º B, Bach.) leu "Os apaches de Avelino o matachín", de Capitol, última sesión (Miguel Anxo Fernández)

E logo do traballo ben feito... a celebralo!!!!

Helena Casalderrey, cortando as tartas larpeiras que trouxo o profesor Reboredo!!

Todos celebrando o ben que saíu a actividade de Contacontos!