AUTOR DO MES. FEBREIRO. RAYMOND CARVER.


 

RAYMOND CARVER

         Naceu en Clatskanie (Oregon) en 1938 e morreu en Port Angeles (Washington) en 1988. Aos 19 anos casou con Maryann Burk, de 16, con quen tivo dous fillos. Viviron en distintos lugares, realizaron diferentes traballos e atravesaron por múltiples dificultades de todo tipo. En 1977, Carver viuse ás portas da morte polos seus problemas co alcohol. Separouse da súa muller e relacionouse coa poeta Tess Gallagher, con quen atopou estabilidade e casou pouco antes de morrer.

        Aínda que na súa mocidade escribiu, só ou en colaboración, algunha breve obra dramática, e na madurez, coa súa segunda parella, o guión dun documental sobre Dostoievski, é coñecido, sobre todo, polas súas coleccións de relatos e, secundariamente, polos seus libros de poemas.

 

       Os seus contos, que ás veces pasaron dun libro a outro, modificados ou non, foron recollidos basicamente en seis libros: Will You Please Be Quiet, Please? (Queres facer o favor de calar, por favor?), Furious Seasons and Other Stories (Tempos revoltos e outras historias), What We Talk About When We Talk About Love (De que falamos cando falamos de amor),  que contén case todos os relatos do libro anterior, Cathedral (Catedral), Where I’m Calling From (Dende onde chamo, tamén publicado cos títulos Tres rosas amarelas ou Elefante e outras historias) e Call If You Need Me (Chama se me necesitas), que xa é póstumo. Aínda máis tarde publicouse Beginners (Principiantes), coas versións orixinais e as retocadas polo editor Gordon Lish das narracións incluídas en De que falamos cando falamos de amor. Tamén se poden atopar en obras misceláneas, que reúnen contos, poemas e ensaios.

 

        Algunhas das súas ideas sobre a narración aparecen no seu breve ensaio “Escribir un conto”. Nel manifesta o seu desexo de utilizar unha linguaxe clara e precisa para referirse a aspectos correntes da existencia sen quedar na superficie das cousas. Menciona a técnica do iceberg, que esixe a colaboración do lector: baixo a aparencia cotiá, déixanse entrever de maneira tácita, alusiva ou simbólica, os dramas profundos da xente común. Rexeita o experimentalismo, a linguaxe rebuscada, as descricións minuciosas, que, na súa opinión, con frecuencia pretenden ocultar a vacuidade. Procura que nos seus contos se atope sempre unha tensión semioculta, o presentimento de que algo grave pode ocorrer, incluso nos diálogos en aparencia intranscendentes. A miúdo deixa un final aberto e misterioso, que se presta a varias interpretacións. Coida, en fin, que o verdadeiro estilo dun narrador non consiste tanto no uso da linguaxe como no xeito de presentar a realidade.

       Considerado o principal impulsor do retorno da narrativa estadounidense ao realismo, ten sido incluído dentro de tendencias como o rexionalismo, o minimalismo ou o realismo sucio. No primeiro caso, repárase en que a maioría dos seus contos se sitúa no Noroeste dos Estados Unidos; no segundo, en que escribe narracións breves, con poucos personaxes, posta en escena mínima, trama sinxela, oracións pouco ornamentadas...; no terceiro, en que parece entender a vida como algo feo, pois presenta aspectos sórdidos que conducen a finais infelices a persoas que a miúdo pertencen ás capas máis baixas da poboación, rexeitadas polo denominado “soño americano”.

        Raymond Carver é, ante todo, o narrador do mundo das parellas. A súa experiencia matrimonial con Maryann Burk, unida á observación das parellas dos ambientes tan variados que coñeceu e á imaxinación, sérvelle para reflectir múltiples facetas da existencia en común dun home e unha muller. Os seus contos producen a sensación de ser, con frecuencia, variacións sobre o mesmo tema. Baixo a súa monotonía, non obstante, advírtense matices distintos, incluso cando fai versións diferentes do mesmo relato –como pode ser o caso de “O baño” e “Parece unha parvada” ou “Chama se me necesitas” e “Cabalos na néboa”-. Dá a impresión de que Carver foi un romántico teimudo e, a pesar da súa primeira experiencia infeliz, sempre soñou cun matrimonio que durase toda a vida, como dá a entender en contos como “Febre” ou “Belvedere”; pero o habitual é que presente parellas que rompen por diversos motivos: a infidelidade, sobre todo do marido (“Bolsas”), o alcoholismo (“A casa de Chef”), a homosexualidade (“Calma”), os malos tratos e a loucura (“De que falamos cando falamos de amor”), o paro, a vagancia e a violencia (“Unha cousa máis”), a morte dun dos membros a causa da enfermidade (“Vía ata as cousas máis minúsculas”)...

        O drama do alcoholismo aparece reiteradamente. Un conto representativo, “Desde onde chamo”, ambientado nunha clínica de rehabilitación, ofrece distintos aspectos da vida dos alcohólicos: uns son conducidos á violencia, a infidelidade e a ruptura familiar; outros caen na loucura; outros padecen enfermidades como a epilepsia; outros sofren accidentes que os deixan alienados; outros, por último, morren pola súa causa, como é o caso do lembrado Jack London.  

        En varios contos aparecen temas secundarios que resultan interesantes, referidos á familia en sentido amplo ou á sociedade en xeral: a dor dun rapaz que observa como os seus pais van separarse (“Ninguén dicía nada”), a relación un tanto edípica dun fillo cunha nai absorbente (“Caixas”), o desencontro dun pai e un fillo (“O compartimento”), a visión admirada ou compasiva do proxenitor (“Bicicletas, músculos, cigarros”, “A vida do meu pai”), a desgraza imprevista en forma da morte dun ou varios fillos (“O baño”, “Soños”), os problemas dos indios confinados nas reservas (“Sesenta acres”), o drama do paro (“Conservación”), a alienación producida pola sociedade capitalista (“Parece unha parvada”), a desmoralización e a confusión ética producida pola crise económica (“Vitaminas”), algúns efectos perversos da Guerra do Vietnam (no mesmo relato), a violencia inxustificada que pode xurdir no aparentemente tranquilo mundo burgués (“Dilles ás mulleres que marchamos”)...

        En fin, Carver ofrece múltiples aspectos da súa sociedade dun xeito aparentemente impasible, como Hemingway ou Faulkner; outras veces con certo humor, como o seu admirado Chekhov, de quen lembra os últimos momentos en “Tres rosas amarelas”; e outras, en fin, como unha especie de soño ou pesadelo un tanto kafkiano (“O tren”).

         

        En canto á poesía, publicou Near Klamath (Cerca de Klamath), Winter Insomnia (Insomnio de inverno), All Night the Salmon Moves (O salmón móvese toda a noite), Where Water Comes Together with Other Water (Onde a auga se une a outra auga), Ultramarine (Ultramariño, traducido como Baixo unha luz mariña), A New Path to the Waterfall (Un camiño novo cara á fervenza). Todos os seus poemas están recollidos en All of Us (Todos nós) e parcialmente en Fires (Lumes).

 

        A poesía de Raymond Carver é moito menos valorada que a súa prosa; algúns críticos considérana, incluso, prosa dividida en liñas de diferente extensión. Isto débese, en parte, a que non utiliza os versos e as estrofas tradicionais; o seu é un verso libre aparentemente pouco elaborado. Por suposto, atópanse nos seus poemas recursos de sempre, como a aliteración, a anáfora, o paralelismo ou a enumeración, pero apenas recorre á metáfora, o símil, a linguaxe elaborada e outros aspectos considerados esenciais na poesía. O propio autor ten declarado que prestaba máis atención á disposición tipográfica que á sonoridade das palabras. Iso nótase en que a miúdo evita a puntuación, só usa minúsculas, sitúa os versos a distintas alturas e coloca as palabras clave nos lugares máis destacados, xeralmente ao principio ou ao final dos versos. Habitualmente exprésase de xeito coloquial para referirse a anécdotas ou lembranzas, o cal contribúe a producir unha sensación de prosaísmo. Pode utilizar a primeira, a segunda ou a terceira persoas indistintamente; adoita introducir algunha referencia paisaxística de connotacións simbólicas e trata os grandes temas, como o amor e a morte, aludindo a circunstancias persoais, como o alcoholismo, e botando man ás veces dun humor amargo.

        Un aspecto moderno dos seus poemas é a intertextualidade, pois alude a diversos autores, entre os cales se atopan Antonio Machado ou Federico García Lorca.

        Máis incluso que nos seus contos, as experiencias persoais son reelaboradas nos seus poemas, sen rexeitar momentos que poidan resultar “sucios” ou desagradables, nun afán de sinceridade permanente. As dúas mulleres da súa vida son homenaxeadas; en especial, Tess Gallagher, a quen dedica “O don da tenrura”, “O mellor momento do día” ou “Para Tess”, onde aparece como figura oposta á morte que o axexa. A Maryann fai referencia, por exemplo, en “Dous mundos”, “Unha tarde” ou “Onde teñan vivido”; é talvez desculpable que tamén faga pensar nela ao aludir a unha muller que manifesta o odio acumulado tras vinte anos de matrimonio.

        Sentirse amado é unha necesidade que expresa en máis dunha ocasión, e manter o amor a través do tempo é un ideal, como expresa en “Os espidos de Bonnard”. O amor fai referencia, así mesmo, a outros membros da familia, como os seus fillos, a quen semella pedirlles desculpas (“Sementes”, “Ante unha vella foto do meu fillo”), e o seu pai, con quen se sente identificado en múltiples aspectos (“Foto do meu pai no seu vixésimo segundo aniversario”).

        O tema da morte, tratado desde as primeiras obras, como lembra Fletcher W. H. Schmidt, aparece sobre todo no derradeiro libro, Un camiño novo cara á fervenza, escrito baixo o dominio do cancro de pulmón que o conduciu á fin. No poema “A tea de araña” manifesta o presentimento de que axiña estará morto e en “A miña morte” expresa o desexo de despedirse antes do pasamento dos seres queridos: os amigos, os fillos e, en especial, Tess, a quen aconsella que non garde loito moito tempo. Para tratar o tema, bota man de símbolos consagrados pola tradición: o río, o camiño ou as vías do tren son símbolos da existencia humana, e a fervenza, do momento final. Aínda que procura aceptar o pasamento como algo natural e amosarse agradecido aos anos de propina vividos a carón de Tess, ás veces amosa a angustia e o medo que se apoderan del en poemas como “Estúpido” ou “Circulación”.

        Adóitase lembrar que o autor dividía a súa existencia en dúas épocas: a anterior á súa crise dos anos 76 e 77, en que, como dixemos, se sentiu morrer a causa do alcoholismo, e os anos posteriores, moito máis serenos e felices. Non en balde o autor alude á irresponsabilidade producida polo alcohol en poemas como “Bebendo e conducindo” ou presenta en ocasións un fogar disfuncional e violento.

        Como nos seus contos, atópase ocasionalmente nos seus poemas a visión crítica da sociedade americana, coa súa idealización do traballo, tantas veces alienante (“Desocupado”, “Buscando traballo”), e o mundo dos soños, dunha maneira próxima ao surrealismo (“O contacto”). Estes manifestan ás veces a angustia ante a proximidade da morte (“A corrente”) ou simplemente os seus medos (“O home de afora”), tan ben expresados no poema do mesmo título (“Medos”).

        Por último, cabe lembrar que Raymond Carver confesa que utiliza a poesía para superar dalgún modo a dor que lle produce a realidade (“O teu can morre”) ou para reforzar o estado de ilusión e esperanza que procurou manter ata o último momento.

 

        Podedes atopar poemas e relatos deste autor, así como artigos e estudos sobre a súa obra, na rede; en especial, na páxina “Literatura.us”.

 

Comentarios