TAMÉN HAI MOITA MAXIA NO ENTROIDO!

 

Madamas e galáns de Cobres

  • O Entroido (do latín INTROITUS, 'introducción') é a festa ritual máis importante de Galicia

Boteiros de Viana do Bolo.
  • Hai dúas grandes teorías para explicar a orixe do Entroido: a primeira xorde do cristianismo, como periodo de licenza antes dos rigores da Coresma; a segunda relaciona esta festa coas antigas mascaradas da invernía que tiñan lugar en Europa antes da chegada do cristianismo, que supoñían levar a cabo unha serie de ritos que permitía expulsar o inverno para que o sol voltara a coller forza e a terra botara os seus froitos. Por iso é unha festa esencialmente rural, e como o proceso de desruralización foi máis tarde en Ourense e en Lugo que nas zonas costeiras, por iso o Entroido tradicional ten alí aínda tanta forza. 

Mázcara de Manzaneda

  • Os ritos propiciatorios da primavera, da rexeneración da terra, da fertilidade, vense no uso das fitas de cores de sombreiros, de traxes, o uso dos espellos, os traxes brancos... Son prendas que evocan a natureza, lembran as cores da primavera, o sol vivificador, a luz... Pensemos nas cores e os colares das madamas e os galáns de Cobres, dos Boteiros de Viana do Bolo, nos Vellaróns de Riós, dos volantes do entroido ribeirao; pensemos no branco dos troteiros de Sande ou dos vergalleiros de Sarreaus... Son tamén símbolos rexeneradores o mesmo feito de transformarse, a mestura de sexos, a animalidade: os peliqueiros de Laza, os cigarróns de Verín, as bonitas de Sande (que non son homes nin mulleres, son seres do Alén!), o oso de Salcedo, os galos de San Pedro da Mezquita, as pitas de Ourense... 
Cigarróns de Verín

  • Os ritos esconxuradores do mal, das tebras da invernía, vense na presencia dos sons (de chocas, de bombos, de cornos, de campás... que anuncian o inicio do Entroido e expulsan o mal, aquelo que mantén a terra morta) e na presenza do lume, que tamén limpa, purifica, bota fóra o mal. Os fachós de Castro Caldelas, as rodas de lume, dos Ancares, o feito de botar a cinza sobre as terras... son exemplos de ritos ígneos que tamén teñen lugar no Entroido. 

Bonitas de Sande
  • O Entroido constitúe, en definitiva, un RITO DE CATARSE: antes de empezar o novo ciclo da primavera ten que existir o CAOS, A TORMENTA, A TRANSGRESIÓN DA ORDE para dar paso á renovación. 
Vergalleiros de Sarreaus.
  • O Entroido é, pois, algo máis que o meramente lúdico ou un momento no que fas o que che da a gana: nestas zonas ten un valor cultural, simbólico, serio e sagrado que nos retrotrae aos nosos ancestros e que é preciso COÑECER PARA CONSERVAR.
Galos de San Pedro da Mezquita

A fonte de toda esta información e moitísimos máis datos e simbolismos desta festa tan nosa é o antropólogo Rafael Quintía, do que aprendín un mundo nun curso que acabo de rematar hai uns días. 

E como o coñecemento hai que transmitilo, velaí o que extraín para que vós vexades que TAMÉN HAI MAXIA NO ENTROIDO!! E vaia se a hai!!! 

Comentarios