01 novembro 2020

AUTORA DO MES DE NOVEMBRO: MARÍA DUEÑAS

A AUTORA DO MES

NOVEMBRO

 

MARÍA DUEÑAS

 

        María Dueñas Vinuesa naceu en Puertollano (Ciudad Real) en 1964. É doutora en Filoloxía Inglesa e profesora de Lingüística Aplicada na Universidade de Murcia, aínda que na actualidade se atopa en excedencia. Está casada cun profesor de Latín.

 

        Ata o momento publicou catro obras: El tiempo entre costuras (2009), Misión Olvido (2012), La templanza (2015) e Las hijas del Capitán (2018). Como se ve, procura deixar un espazo de tres anos entre as obras. Dedica os primeiros meses á documentación e a elaboración do esquema da novela, entre un ano e ano e medio ao deseño de escenarios e personaxes e á redacción. Posteriormente, enfróntase a un período máis breve de corrección, no que colabora o equipo editorial, e outro máis longo, de seis ou sete meses, dedicado á promoción da obra.

 

        A autora ten declarado que busca escenarios e momentos históricos que lle parecen atractivos por si mesmos, procura compoñer argumentos sólidos, respectando o rigor documental, crear personaxes verosímiles e coidar o ton e o estilo narrativos.

        Escolle como protagonistas personaxes que non teñen un carácter superheroico, que se atopan nunha situación complicada ou inagardada, que loitan, caen e se erguen, que crecen coas experiencias sen perder as súas virtudes esenciais. Prefire que sexan mulleres fortes, pois coida que as mulleres foron “as grandes esquecidas da historia, da literatura e de case todo”.

        Non busca deixar unha moralexa nin defender unha tese, aínda que lle teñen comentado que os seus personaxes resultan inspiradores pola súa loita, a súa integridade ou a súa enteireza ante as adversidades. Tamén se pode dicir que manifesta de modo claro nas súas obras trazos ideolóxicos, como, por exemplo, unha postura favorable ás migracións e contraria ás ditaduras. É evidente que desexa fomentar a tolerancia e unha actitude positiva ante a vida.

        Para atraer os lectores, intenta crear obras nas cales teñan importancia o amor, a aventura e a intriga. A xulgar polos exemplares vendidos –máis de seis millóns, cando ao vender doce mil se fala dun best seller-, conseguiuno.

        Agárdase que o próximo ano publique un novo libro en que a autora procurará introducir o humor en maior medida que nos anteriores.

        El tiempo entre costuras e La templanza foron levadas á televisión, o cal aumentou a popularidade da autora. 

 

        El tiempo entre costuras é unha novela que pode clasificarse dentro de varios subxéneros de acordo coa súa temática, pois narra unha historia de amor en que a protagonista, a costureira e modista Sira Quiroga, experimenta un proceso de superación persoal, actuando incluso de espía nun ambiente de conspiracións históricas e políticas, situado parcialmente no mundo colonial.

        María Dueñas inspírase en personaxes históricos como Beigbeder, Serrano Suñer ou Rosalinda Fox no final da Segunda República, a Guerra Civil e a inmediata posguerra. Estes líganse acertadamente a personaxes ficticios como a propia protagonista e o seu namorado, Marcus Logan. Recrea ben o ambiente de Tetuán na época do Protectorado español de Marrocos.

        Tense sinalado o parentesco que garda con obras cinematográficas como Casablanca ou Gilda.

        A aventura é tan variada que pode resultar un tanto inverosímil nalgún momento.

        Tendo en conta que se trata dunha obra dirixida a un público amplo, é de destacar o coidado da lingua, que é elegante sen buscar o preciosismo.

 

        Misión Olvido presenta, así mesmo, unha protagonista feminina, a profesora universitaria Blanca Perea, que debe reconstruír a súa vida despois de ser traizoada polo seu infiel marido. Para fuxir da depresión, acepta un emprego como arquivadora nunha universidade californiana, onde ha de ordenar o legado dun profesor español exiliado, Andrés Fontana, o cal se interesara polas misións fundadas por frades franciscanos, como o Padre Altimira, no século XVIII e incluso a inicios do XIX. Misión Olvido é o nome con que este relixioso bautizou a súa derradeira fundación, de localización incerta.

        Hai varias historias amorosas; para unha delas, a autora lembra o poema de Bécquer de onde Cernuda –un autor exiliado- extraeu o título do seu poemario Donde habite el olvido. Blanca acaba aprendendo que o amor é algo imprevisible, polo que non se pode pretender ter un control absoluto sobre a vida dun mesmo ou dos demais.

        A carón de Blanca, aparecen como protagonistas ocasionalmente o propio Fontana e o seu discípulo Daniel Carter, ambos namorados da mesma muller, Aurora.

        As andanzas de Blanca son narradas por esta en primeira persoa, mentres que un narrador omnisciente en terceira persoa relata as experiencias en que os dous homes adquiren protagonismo.

        En canto ás misións franciscanas en California, nas que Frei Junípero Serra tivo tanta importancia, a autora, sen ocultar as críticas máis frecuentes, ofrece unha visión máis ben positiva.

 

        La templanza é a novela menos relacionada coas súas vivencias persoais ou familiares. Como excepción, presenta, así mesmo, un protagonista masculino, o indiano Mauro Larrea, un home feito a si mesmo, que vive de modo aventureiro. Situada no século XIX, ofrécenos unha visión do México anterior á aventura de Maximiliano, da Cuba colonial e de Jerez de la Frontera, onde rematará Larrea, namorado de Soledad Montalvo, erguendo de novo a antiga bodega da familia desta muller que el gañou de xeito azaroso.

        A obra, amosando unhas relación familiares abondo complexas, ofrece aspectos folletinescos. A autora comprácese en presentar xiros imprevistos para animar a historia narrada. Para ambientala adecuadamente, alude á Guerra de Secesión americana, o tráfico ilegal de escravos, o comercio de viños con Gran Bretaña... En ocasións talvez se poida adiviñar a influencia dalgúns autores que se ocuparon deses temas, como Carpentier ou Blasco Ibáñez.

 

        Las hijas del Capitán está situada en Nova York, onde tres mozas e a súa nai deben refacer as súas vidas tras seren levadas a un mundo descoñecido pola inconsciencia do pai. Nova York era entón o máximo exemplo dos Estados Unidos, onde, segundo o lema propagandístico, “todos os soños se cumpren”. María Dueñas investigou detidamente sobre aquela cidade, na cal vivían, en 1935 e 1936, uns corenta mil españois, que formaban parte dos máis de dous millóns que eran inmigrantes.

        Victoria, Mona e Luz teñen que enfrontarse como poden, unidas, solidarias, a unha situación nova para a cal se atopan escasamente preparadas. A primeira é fermosa e namoradiza; a segunda, enérxica, cerebral, voluntariosa; a terceira, impulsiva e alegre. Con erros e acertos, coñecen o amor e o desengano, a ilusión e a decepción. Atopan individuos que desexan aproveitarse delas e almas xenerosas, non sempre honradas, dispostas a axudalas.

        Como noutras obras da autora, a realidade histórica mestúrase coa ficción: neste caso coinciden os personaxes inventados co fillo maior de Alfonso XIII, chamado tamén Alfonso, Conde de Covadonga, o hemofílico que renunciou á posibilidade de reinar por casar, contra o desexo dos seus pais, cunha señora cubana.

        Narrada de xeito tradicional, en terceira persoa, presenta moitos aspectos de interese: a vida delictiva –a lotería clandestina, o control dos sindicatos, a prostitución, o terrorismo mafioso-, os enfrontamentos ideolóxicos e de clase –republicanos fronte a monárquicos-, a solidariedade entre os humildes, a convivencia de pobos diversos –españois, italianos, hispanos, irlandeses, chineses... Trata a autora algún tema de actualidade, como o abuso sexual no mundo do espectáculo ou a inmigración. Sen maniqueísmo nin simplicidade excesiva, recorda aos seus lectores a difícil loita das mulleres para conseguir os seus dereitos, os soños de xustiza e progreso depositados na República ou a obriga de ser xenerosos cos inmigrantes.

        O título da novela fai referencia ás tres irmás e ao restaurante e club nocturno que absorbe boa cantidade da súa enerxía sen chegar a estrearse.

 

        Estamos, pois, ante unha novelista de enorme éxito que procura crear best sellers sen descoidar a calidade literaria. Narra de xeito bastante tradicional, sen desdeñar incluso certo “folletinismo”, situando as súas obras en lugares ou épocas interesantes, realizando un meritorio esforzo de información e procurando amosar personaxes atractivos mergullados en situacións complexas, das que intentan saír sen perder a súa integridade moral.


29 outubro 2020

DÍA DAS LETRAS LETRAS GALEGAS (17 DE MAIO) -durante o confinamento-

AO TEMPO QUE FLORECEN OS CAMPOS 
E IMOS SAÍNDO POUCO A POUCO DO CONFINAMENTO...
CHEGAN AS LETRAS GALEGAS!

ASOMADO Á VENTÁ DAS BIBLIOTECAS ESCOLARES...
VESE A CARVALHO CALERO,

INESPERADO, MAIS INESQUECIBLE...

ABRÍMOSLLE A PORTA DAS NOSAS CASAS 
PARA COÑECELO MELLOR? 






  • Xa o profesor Laureano falounos deste autor alá por febreiro do ano pasado, lembrades o AUTOR DO MES? 

  • Con respecto á coincidencia desta celebración coa pandemia da COVID-19, a ASOCIACIÓN DE ESCRITORAS E ESCRITORES EN LINGUA GALEGA fai unha interesante petición: estender o ano Carvalho Calero ata o 2021. Que pensades vós neste sentido? 

  • A REAL ACADEMIA GALEGA (RAG) ten material dabondo para adentrarnos na propia celebración do Día das Letras Galegas e tamén na figura de Ricardo Carvalho Calero; pinchade este enlace, que leva o suxerente título de "Primavera das letras", e veredes canto podedes aprender: 
https://primaveradasletras.gal

  • BIBLIOGRAFÍA - CARVALHO CALERO: 
https://carvalhocalero2010.net/bibliografia/

  • SELECCIÓN DE TEXTOS do autor (poesía, teatro, ensaio e narrativa) realizada pola poeta Pilar Pallarés, para una LECTURA PARTICIPATIVA organizada pola Cidade da Cultura de Santiago de Compostela:
https://www.cidadedacultura.gal/es/evento/letras-galegas-2020-ricardo-carvalho-calero-lectura-compartida-en-linea



  • [I]: De Pretérito imperfeito a Auto do prisioneiro
  • [II]: De Aos amores seródios a Escritos sobre Castelao
  • [III]: DeHistória da literatura galega contemporánea a Scórpio
  • [IV]: De Reticências... a Farsa das zocas

    • Outra selección de textos: No PORTAL DAS PALABRAS (unha iniciativa da RAG e a Fundación Barrié) fálasenos da poesía de Carvalho Calero en sete palabras (o "Setestrelo"): 


    1) VIEIRO -> Vieiros (1931)
    2) SILENCIO -> O silenzo axionllado (1934) 

    Unha pequena referencia ao tema eixo deste ano...
    "O silenzo axionllado destaca sobre todo por un erotismo ata o momento case inédito na poesía galega e pola repetida identificación da muller coa natureza, unha constante presente xa en Vieiros que cobra aínda máis forza". 

    3) ANXO -> Anxo de terra (1950)
    4) SALTERIO -> Salterio de Fingoy (1961)
    5) ESCOLMA -> Pretérito imperfeito (1927-1961), Futuro condicional (1961-1980)
    6) CANTIGA -> Cantigas de amigo e outros poemas (1980-1985) (1986)
    7) POETA -> Reticências (1990)


    "O autor ferrolán escribiu poesía ante todo para si mesmo, non á procura da atención da crítica ou do público " 

    • Unha páxina completísima sobre a vida, a obra e algúns recursos sobre o autor, por se quereres afondar, é esta: 

    Nesta páxina, no arquivo de FRASES E CITAS (https://carvalho2020.gal/recursos/frases-e-citas/?lang=gl), atopamos algunhas coma estas; reflexionade sobre elas: 

    "O galego, como dizia Castelao, é um idioma extenso e útil, porque com pequenas variantes se fala em diversos lugares de distintos continentes".

    "A história do idioma galego é a história mesma de Galiza."

    "Entendo por literatura galega a literatura en galego"


    • MEDIATECA - CARVALHO CALERO: Manifestacións sobre o reitegracionismo...
    https://carvalhocalero2010.net/mediateca/


    • "Carvalho Calero, a posibilidade de rectificar a historia": vídeo coproducido por A Nosa Terra e a Asociación Socio-Pedagóxica galega en 1991. Con guión de Francisco Rodríguez e produción de Xan Carballa, toma como unha das súas bases narrativas anacos dunha longa entrevista realizada por Francisco Salinas Portugal ao profesor Ricardo Carvalho Calero (recollida no libro Voz e silencio de Edicións do Cumio, 1991).



    • Unha iniciativa na nosa cidade: O DEPARTAMENTO DE LINGUA DA DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA conmemorará este ano o Día das Letras Galegas baixo o lema 

    "A nosa lingua é a nosa identidade"






    Ata o vindeiro domingo 17 de maio daranse a coñecer 24 vídeos nos que autoras e autores da

    provincia de Pontevedra lerán pequenos fragmentos de obras de todo tipo do creador ferrolán. 


    As e os participantes serán Fina Casalderrey, Carlos Taboada, María Xosé Porteiro, Miguel Anxo Alonso, Eva Mejuto, Rafael Fernández Lourenzo, Miriam Ferradáns, Ramón Caride, Tamara Andrés, X. Rodríguez Álvarez, Montse Fajardo, Xosé Luna, Susana Sánchez Arins, Xosé Daniel Costas, Lucía Novas, Álex Alonso, Iria Misa, Cruz Martínez, Nee Barros, Ramón Nicolás, Macamen Alonso, Marta Dacosta e Elena Gallego.


    Magnífica idea!
    Que mellor que escoltar aos nosos autores e autoras 
    para iniciarnos no coñecemento
     da obra de Carvalho Calero.


    • Por último, una actividade levada a cabo por alumnos e alumnas de 1º de ESO:

    "AFECTOS POLA LINGUA"



    A profesora Lorena propuxo ao seu alumnado de 1º da ESO a seguinte actividade para celebrar o DÍA DAS LETRAS GALEGAS: tratábase de escribir algún dos motivos para quererlle ben ao galego, falaran ou non falaran habitualmente esta lingua. O obxectivo era tecer xuntos una REDE DE AFECTOS e valorar eses VÍNCULOS que temos co idioma. 

    Este foi o resultado:


    AROA TABOADA GODOY  (1° B)


    IKER LOURO ARRIBAS (1º A)

    IRENE BAUTISTA GARCÍA (1º A)

    MARCOS BREA MONTEAGUDO (1º B)

    MARISÉ RANCAÑO FANJUL (1º B)

    RUBIA VILLODRES DAMASCENO (1° AGRUP.)

    SILVIA PÉREZ FUENTES (1º A)
    MARÍA PARADA GARCÍA (1° B)

    TAIDA FERRÓN LOURIDO (1° AGRUP.)

    ZAIRA MARTÍN GARCÍA (1° A)


    FABIÁN GUTIÉRREZ LOUZAO (1° A)


    • Este vídeo vaivos gustar...






    • E este tamén... 





    _____________________

    Agradecementos:

    Agradezo a colaboración da profesora de galego do noso centro, Lorena, que nos axudou, coma tantas outras veces na búsqueda de materiais interesantísimos para a biblioteca e, máis específicamente, para esta entrada sobre o DÍA DAS LETRAS GALEGAS 2020.

    Por suposto, non deixaremos de dar as grazas tamén ao profesor Laureano, que cada mes nos trae á biblioxun un novo "capítulo" dos nosos AUTORES DO MES. 

    23 outubro 2020

    CONTOS DA LITERATURA UNIVERSAL TRADUCIDOS AO GALEGO. ITALO CALVINO: "A camisa do home feliz"

    Hoxe comezamos unha NOVA SECCIÓN MENSUAL no blog da biblioteca:

    Contos da literatura universal TRADUCIDOS AO GALEGO. 

    Na biblioteca estamos moi contentas de que o profesor LEOPOLDO, que imparte clases de Lingua galega e Francés no noso centro, colabore con nós neste curso 2020-21, e esperemos que moitos máis. Para empezar traducíunos do portugués este conto de Italo Calvino que é unha preciosidade. Gozade del e dos seguintes contos que o profe vos achegará con moito gusto... 

    ********************

    Italo Calvino


    A CAMISA DO HOME FELIZ

    Había unha vez un rei que tiña un fillo único, e queríao coma a luz dos seus ollos. Pero o príncipe andaba sempre triste. Pasaba días enteiros debruzado no balcón, a ollar para lonxe.

    -Pero que che fai falta? -preguntáballe o rei. -Que tes, meu fillo?

    -Non sei, mi padre. Nin eu mesmo sei.

    -Estás namorado? A moza que queiras, dimo e será a túa esposa, aínda que fose a filla do rei máis poderoso da terra ou a máis pobre das labregas!

    -Non, papá, namorado non estou.

    E o rei tentaba distraelo de todas as formas! Teatros, bailes, música, cantos; pero nada valía, e cada día desaparecían do rostro do príncipe as cores vermellas.

    O rei publicou un edicto, e de todas as partes do mundo viñeron as persoas máis instruídas: filósofos, doutores e profesores. Mostroulles o príncipe e pediu consellos. Eles retiráronse para pensar e voltaron á presenza do rei.

    -Maxestade, pensamos, lemos as estrelas; velaquí o que debe facer. Procure un home que sexa feliz, pero feliz en todo e por todo, e troque a camisa do seu fillo coa del.

    Aquel mesmo día o rei mandou os embaixadores polo mundo adiante a fin de procurar o home feliz.

    Leváronlle un crego.

    -É vostede feliz? -preguntoulle o rei.

    -Son, Maxestade!

    -Moi ben. E el gustaríalle ser bispo?

    -Quen me dera, Maxestade!

    -Rúa! Fóra de aquí! Procuro un home feliz e contento coa súa condición; e non un que desexa estar mellor do que está.

    E o rei esperou por outro. Había un rei veciño del, dixéronllo, que era era feliz e contento de verdade: tiña unha esposa bonita e boa, unha chea de fillos, vencera todos os inimigos na guerra, e o seu país estaba en paz. Inmediatamente, cheo de esperanza, o rei mandou que os embaixadores lle fosen pedir a camisa.

    O rei veciño recebeu os embaixadores e:

    -Si, si, non me falta nada, porén, é pena que, cando un ten tantas cousas, teña que morrer e deixar todo! Con tal pensamento, sufro tanto que non durmo á noite!

    E aos embaixadores pareceulles mellor marchar de alí.

    Para desafogar a súa desesperación, o rei foi cazar. Tirou nunha lebre e pensaba que lle dera, pero a lebre, coxeando, fuxiu. O rei perseguiuna e apartouse do séquito. No medio dos campos oiu unha voz de home cantando a falulella*. O rei parou: “Quen canta así só pode ser feliz!”, e seguindo o canto entrou nunha viña, vendo, entre as fileiras, un mozo que cantaba podando as videiras.

    -Bo día, Maxestade -saudouno o mozo.- Tan cedo e xa polos campos?

    -Abenzoado sexas. E queres vir comigo para a capital? Has de ser o meu amigo.

    -Ai, ai, ai, Maxestade, non vou, non. Agradézollo pero non lle vou. Non cambiaba eu este meu sitio nin co papa de Roma.

    -Pero ti... un bo mozo como es...

    -E eu dígolle que non lle vou. Estou contento así e chégame.

    “Finalmente un home feliz!”, pensou o rei.

    -Escoite, mozo, ha de facerme un favor.

    -E se podo, de todo corazón, Maxestade.

    -Espere un momento. -E o rei, que non cabía mais en si de alegría, correu en busca do seu séquito: -Vinde todos! O meu fillo está salvado. -E lévaos onda o mozo.- Abenzoado rapaz -dille-, dareiche todo o que queiras! Pero hasme de dar... hasme de dar...

    -O que, Maxestade?

    -O meu fillo está á beira da morte! Soamente ti o podes salvar. Ven aquí, espera! -E cólleo polo brazo, e comeza a desabotoarlle a chaqueta. De repente, o rei queda teso, os brazos cáenlle.

    O home feliz non tiña camisa.


    CALVINO, Italo: Contos populares italianos (Fiabe italiani), 1956.


    *Idioma friulano: “cantarela común dos labregos, sen significado, e coa cal acostuman pechar as estrofas das súas cancións”.


    NOTA: A camisa do home feliz

    (La camicia dell'uomo contento) Extraída de “Cui isel contènt in chist mont?”, Cormons (Udine), contada en 1912 por Orsola Minèn, dona de casa, instrución primaria.

    Narrativa con orixe literaria ilustre. Atribuída a Alexandre Magno, figura no Pseudo-Callisthenes e de alí pasou a lendas latinas medievais e a contos orientais. Foi recontada no Pentamerone e nunha novela de Casti. Tornouse despois un dos famosos “contos populares luqueses” de Nieri.

    CONTO DO MES DE OUTUBRO. FRIEDRIC BROWN: "Vudú".

    "VUDÚ"

    Preme no título do conto de Brown e ponte a ler!! É curtiño!! 



    CÓMIC: NOVENA ARTE.

    Esta nova exposición de obras da biblioteca céntrase no CÓMIC, na BANDA DESEÑADA, tamén nas NOVELAS GRÁFICAS. Todas estas obras adoitan estar no estante 82-C, pero esta semana decidimos seleccionar algunhas e pasalas para outros expositores máis á vista, 

    Fixádevos que hai desde cómic de superheroes, a novelas gráficas en galego, algún manga, obras nos que se ensina a crear banda deseñada, cómics de autores da literatura española, sobre pintores, sobre músicos, sobre identidade de xénero, sobre sentimentos, sobre a mesma arte...

    Collédeos en préstamo e gozade deles!!!